Oomicetos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Oomycota»)

Os oomicetos (Oomycetes) ou Oomycota son un grupo de organismos que forman unha liña filoxenética de microorganismos eucarióticos que se parecen a fungos, pero que se clasifican á parte. Son organismos filamentosos, microscópicos, que se alimentan por absorción e que se reproducen sexual e asexualmente. Os oomicetos poden ter formas de vida saprófitas ou patóxenas e inclúen algúns dos máis notables patóxenos de plantas, que causan devastadoras pragas como a praga da pataca, a tinta dos castiñeiros ou o mildio da vide. Algúns son acuáticos, pero hai moitos terrestres.

O nome Oomycota significa en grego "fungos ovo", facendo referencia aos oogonios arredondados, estruturas que conteñen os gametos femininos, que son característicos do grupo.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Os oomicetos rara vez teñen septos (ver hifas), e cando os teñen, son escasos,[3] e aparecen nas bases dos esporanxios, e ás veces nas partes vellas dos filamentos.[4] Algúns son unicelulares, pero outros son filamentosos e ramificados.[4]

Relacións filoxenéticas[editar | editar a fonte]

Este grupo fora orixinalmente clasificado entre os fungos e despois tratado como protista baseándose na súa morfoloxía xeral e modo de vida.[5] Unha clasificación cladista baseada nas visións modernas do grupo apoia a súa relación relativamente próxima con organismos fotosintéticos como as algas pardas e diatomeas, dentro do grupo das heterocontas.

Esta relación está apoiada nas varias diferenzas observadas entre as características dos oomicetos e dos fungos. Por exemplo, as paredes celulares dos oomicetos están compostas de celulosa e non de quitina [6] e xeralmente non teñen septos. Ademais, no estado vexetativo teñen núcleos diploides, e nos fungos estes son haploides. A maioría dos oomicetos producen zoósporas móbiles con dous flaxelos. Un flaxelo ten unha morfoloxía de látego, e o outro unha forma de grinaldo ou escobilla ramificada. As esporas dos poucos grupos de fungos que conservan os flaxelos (como os Chytridiomycetes) teñen só un flaxelo con forma de látego.[6] Os Oomycota e os fungos teñen diferentes vías metabólicas para a síntese da lisina e varios encimas son diferentes.[6] A ultraestrutura é tamén diferente, porque os Oomycota teñen mitocondrias con cristas tubulares e os fungos téñenas aplanadas.[6] A pesar disto, moitas especies de oomicetos aínda poden aparecer descritas ou listadas como tipos de fungos e ás veces se lles aplica o nome de pseudofungos ou fungos inferiores.

Clasificación[editar | editar a fonte]

O grupo está dividido en seis ordes seguindo esta referencia[4]:

  • Os Lagenidiales son os máis primitivos; algúns son filamentosos, outrros unicelulares; son xeralmente parasitos.
  • Os Leptomitales teñen engrosamentos na parede que lles dan aos seus corpos celulares a aparencia de septación (pero son continuos). Teñen quitina e reprodúcense asexualmente.
  • Os Rhipidiales utilizan rizoides para adherir os seus talos ao fondo de masas de auga estancadas ou contaminadas.
  • Os Saprolegniales son os máis difundidos. Moitos degradan materia en descomposición; outros son parasitos.
  • Os Peronosporales son principalmente saprófitos ou parasitos de plantas, e teñen forma ramificada non septada. Moitos dos parasitos máis nocivos para a agricultura pertencen a esta orde.
  • Os Albuginales son tratados por moitos autores como unha familia (Albuginaceae) dentro de Peronosporales, aínda que se viu que son filoxeneticamente distintos a eles.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Oomiceto acuático.
Folla de vide afectada por Plasmopara viticola (mildio).

Reprodución[editar | editar a fonte]

A maioría dos oomicetos producen dous tipos distintos de esporas. As principais esporas dispersivas son asexuais, móbiles, denominadas zoósporas, con capacidade de quimiotaxe (movemento cara a ou afastándose dun sinal químico, como os deixados polas fontes de alimento) sobre a superficie da auga (incluíndo as augas das precipitacións que molla a superficie das plantas). Uns poucos oomicetos producen esporas aéreas asexuais que se dispersan polo vento. Tamén producen un segundo tipo de esporas, que son sexuais e se denominan oósporas, as cales son estruturas translúcidas, con dobre parede, e esféricas utilizadas para sobrevivir ás condicións adversas do medio.

Patoxenicidade[editar | editar a fonte]

Os oomicetos son moi importantes economicamente porque son uns patóxenos moi agresivos contra as plantas de cultivo. Algunhas especies poden causar tamén enfermidades en peixes. A maioría das especies patóxenas de plantas poden clasificarse nos catro grupos seguintes, aínda que hai máis:

  • O grupo de Phytophthora é un xénero parafilético que causa enfermidades que afectan ás raíces das plantas, como a causada por Phytophthora cinnamomi, ou a peste das patacas causada por Phytophthora infestans (que causou a Gran Fame irlandesa en 1840 e noutras partes de Europa),[7] ou a morte súpeta dos carballos, a enfermidade das raíces do rododendro, e a enfermidade da tinta dos catiñeiros causada por Phytophthora cambivora.
  • O grupo parafilético de Pythium é aínda máis abundante ca o anterior e algunhas especies teñen unha variedade maior de plantas ás que poden afectar, pero adoitan causar menos danos. Pythium causa problemas frecuentemente en invernadoiros, onde mata todas as plántulas emerxentes. Membros micoparásitos deste grupo, como Pythium oligandrum parasitan outros oomicetos e fungos, e foron empregados como axentes de biocontrol. O Pythium insidiosum tamén infecta a mamíferos.
  • O terceiro grupo son os mildios causados por Plasmopara viticola na vide, e por Peronospora sp. e outras especies noutras plantas, que orixina unhas manchas brancas, castañas ou oliváceas nas follas das plantas (non debe confundirse con Uncinula necator, tamén chamado Erysiphe necator ou oídio, que é un fungo ascomiceto que provoca danos algo parecidos).
  • O cuarto grupo é o das Albuginales, que orixinan ampolas cheas de esporas nos talos, follas e inflorescencias de moitas plantas. O grupo está xeralmente dividido en tres xéneros: Albugo (que parasita predominantemente ás Brassicales), Pustula, (predominantemente parasito das Asterales), e Wilsoniana (que parasita preferentemente ás Caryophyllales). Estes parasitos son incapaces de vivir en ausencia dun hóspede vivo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Winter, G. Rabenhorst’s Kryptogamen-Flora, 2nd ed., vol. 1, part 1, p. 32 Arquivado 13 de decembro de 2014 en Wayback Machine., 1880 [1879].
  2. Dick, M. W. (2001). Straminipilous fungus. Dordrecht, the Netherlands: Kluwer Academic Publishers, p. 289.
  3. Kortekamp, A. (2005). "Growth, occurrence and development of septa in Plasmopara viticola and other members of the Peronosporaceae using light- and epifluorescence-microscopy". Mycological research 109 (Pt 5): 640–648. DOI:10.1017/S0953756205002418. PMID 16018320.
  4. 4,0 4,1 4,2 Sumbali, Geeta; Johri, B. M (2005-01). The fungi. ISBN 978-1-84265-153-7. 
  5. "Introduction to the Oomycota". Consultado o 2009-05-26. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Van der Auwera G, De Baere R, Van de Peer Y, De Rijk P, Van den Broeck I, De Wachter R (1995). "The phylogeny of the Hyphochytriomycota as deduced from ribosomal RNA sequences of Hyphochytrium catenoides". Mol. Biol. Evol. 12 (4): 671–8. PMID 7659021. 
  7. Haas, BJ; Kamoun, S; Zody, MC; Jiang, RH; Handsaker, RE; Cano, LM; Grabherr, M; Kodira, CD; Raffaele, S (2009). "Genome sequence and analysis of the Irish potato famine pathogen Phytophthora infestans". Nature 461 (7262): 393–8. PMID 19741609. doi:10.1038/nature08358. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]