Saltar ao contido

Oniscídeos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Oniscídeos
Rango fósil: 113 Ma-0 Ma

(CretáceoActual. Suxeriuse que teñen unha orixe máis antiga, no Paleozoico, baseándose no reloxo molecular)


No sentido das agullas do reloxo desde arriba á esquerda: Schizidium tiberianum, Ligia oceanica, Hemilepistus reaumuri e Platyarthrus hoffmannseggii
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda

Clado: Pancrustacea

Clase: Malacostraca
Orde: Isopoda
Suborde: Oniscidea
Latreille, 1802[1]
Seccións

Os oniscídeos (Oniscidea) son unha suborde de crustáceos isópodos terrestres.

Pénsase que colonizaron a terra durante o Paleozoico baseándose nunha análise de reloxo molecular, aínda que os fósiles máis antigos coñecidos datan do Cretáceo medio, hai uns 100 millóns de anos.[2] Isto fai que sexan peculiares entre os crustáceos, ao seren unha das poucas liñaxes que fixeron a transición da auga a un ambiente completamente terrestre.

Aínda que con frecuencia se lles chama isópodos terrestres, algunhas especies levan unha vida semiterestre ou colonizaron ambientes acuáticos, como os do xénero Ligia. Os das familias Armadillidae, Armadillidiidae, Eubelidae, Tylidae e algúns outros xéneros poden enrolarse tomando unha forma case esférica como unha bóla como mecanismo defensivo ou para conservaren a humidade; outros teñen unha capacidade parcial de enrolarse, mais a maioría non o poden facer en absoluto.

Son principalmente detritívoros e son importantes contribuíntes ao proceso de formación do humus do solo ao degradaren restos vexetais por inxestión.

Teñen un corpo segmentado e aplanado dorsoventralmente con sete pares de patas articuladas e teñen algúns ou todos os pares de pleópodos (patas nadadoras) adaptados para a respiración. Igual que outros peracáridos, as femias portan os ovos fertilizados nun marsupio, no cal os embrións en desenvolvemento reciben auga, oxíxeno e nutrientes. Os individuos novos inmaturos fan eclosión como larvas chamadas mancas e reciben ulteriores coidados maternais nalgunhas especies. Os xoves pasan por unha serie de mudas antes de chegaren á madureza. As mancas nacen con seis segmentos no pereion (torácicos) e adquiren un segmento máis despois da súa primeira muda.[3]

Oniscídeo

As adaptacións clave á vida terrestre orixinaron un conxunto moi diverso de oniscídeos, desde especies mariñas da zona litoral ou de lagos subterráneos ata especies do deserto e ladeiras desérticas a 4725 m de altura, de maneira que os oniscídeos se estableceron na maioría dos biomas terrestres e representan a gama completa de formas transicionais e comportamentos para vivir en terra.

Son moi estudados en bioloxía evolutiva, ecoloxía do comportamento e no ciclo dos nutrientes. Son populares como mascotas de terrario, a miúdo valorados polas súas variadas cores e texturas, facilidade para coidalos ou porque serven para limpar o terrario.

Os isópodos son crustáceos, o que quere dicir que os oniscídeos están máis emparentados cos cangrexos, lagostas e pulgas de auga que con outros artrópodos terrestres como os insectos, arañas ou cempés.[4]

Poden atoparse oniscídeos en todos os continentes menos a Antártida.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Aínda que a filoxenia completa dos oniscídeos non está ben establecida, acéptanse once infraordes/seccións con 3937 especies validadas na literatura científica en 2004[5] e 3710 en 2014 dun total de especies estimadas existentes de 5000 a 7000 en todo o mundo.[6] O oniscídeo fósil máis antigo atopado data do Cretáceo medio.

A filoxenia máis recente dos isópodos baseada no estudo de 11 xenes en 148 isópodos e 12 grupos de Genbank apoian a monofilia do clado Oniscidea e un só evento de colonización da terra.[2] Isto está en desacordo con investigacións previas que suxeriron que a súa agrupación como se definía tradicionalmente podía non ser monofilética, e algúns taxons como Ligia e posiblemente Tylidae estaban máis relacionados con outros grupos de isópodos mariños, aínda que a maioría dos oniscídeos probablemente constitían un clado.[7][8] O movemento máis terra dentro dos devanceiros similares a Ligia ou Tylos probalemente ocorreu múltiples veces independentemente.[2]

Hai un acordo xeral en que hai cinco grandes liñaxes na suborde Oniscidea, aínda que as relacións filoxenéticas entre elas non están establecidas.[9][10][5][11][6] Hai dous esquemas principais de clasificación que se diferencian no grupo que se considera irmán aos restantes oniscídeos. Un sitúa Ligiidae na sección Diplocheta, coas familias restantes divididas en catro seccións na infrorde Holoverticata.[9][5] O outro sitúa Tylidae na infraorde Tylomorpha, co resto das familias situadas en tres seccións na infraorde Ligiamorpha.[10] Este último esquema é o que se presenta aquí:

Sección: Crinocheta

Ademais destes, algúns xéneros teñen unha asignación de familia insegura, como:

etc.

Descrición e ciclo de vida

[editar | editar a fonte]
Rexións do corpo básicas dun oniscídeo.

Teñen un exoesqueleto duro, que debe ser mudado varias veces a medida que crece. A écdise ten lugar en dúas fases;[12] a metade traseira do exoesqueleto despréndese primeiro, seguida dous ou tres días despois pola metade anterior. Este método de muda é diferente do da maioría dos artrópodos, que se desprenden da cutícula nun só proceso. Teorízase que isto fai que poidan manter unha mobilidade parcial mentres mudan.

As femias conservan os ovos fecundados nunha bolsa de incubación ou marsupio situada na parte ventral do seu corpo, que cobre a superficie inferior do tórax e está formada por placas solapadas unidas ás bases dos cinco primeiros pares de patas. Fan eclosión orixinando unha descendencia que é semellante a un oniscídeo pequeno branco enrolado formando unha bóla, se ben inicialmente carece do último par de patas.[12] Entón, a nai parece "parir" os fillos. Unhas poucas especies poden tamén reproducirse asexualmente.[13]

Aos oniscídeos atráenlles os sitios pequenos e estreitos como as gretas ou as partes inferiores das rochas para minimizar a perda de auga, e de igual xeito repélenlles os sitios con moita luz para evitar o desecamento ao sol.[14][15]

Oniscídeo baixo un bloque de formigón.

Xeralmente son nocturnos e detritívoros, alimentándose principalmente de materia vexetal en descomposición, preferindo os materiais parcialmente podres ou degradados como as follas secas caídas. Degradan o material vexetal ao inxerilo, despois segrégano e volven a comer o que segregaron, unha vez que as bacterias e fungos o acabaron de degradar.[4][16]

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]
Extremos ambientais
Hemilepistus reaumuri vive nos "hábitats máis secos conquistados por unha especie de crustáceo".[17]
Ligia oceanica vive na zona litoral.

As especies ancestrais de Oniscidea son animais da zona litoral da área intermareal, como Ligia oceanica. Dependen das súas branquias (endópodos pleopodiais) para a respiración e están ligados a ambientes húmidos[2][18]. Outros exemplos son algunhas especies de Haloniscus de Australia (familia Scyphacidae), e no hemisferio norte varias especies de Trichoniscidae e Thailandoniscus annae (familia Styloniscidae). Especies ás que se supón unha vida acuática son Typhlotricholigoides aquaticus (México) e Cantabroniscus primitivus (España).[19]

Moitos oniscídeos viven en ambientes terrestres non acuáticos, respirando por pulmóns pleopodiais[20][21](apéndices posteriores con forma de paleta) con pseudotraqueas (túbulos aéreos ramificados).[22]. A estrutura das pseudotraqueas descríbese ben en Porcellio scaber [3][23] Nalgúns Crinocheta evolucionaron espiráculos que controlan o fluxo de aire aos seus pulmóns pleopodiais.[24][21]. Moitos oniscídeos aínda conservan estruturas de endópodos similares a branquias que teñen funcións osmorreguladoras.[22][25] Os oniscídeos necesitan humidade porque perden rapidamente auga por excreción e a través da súa cutícula, e por iso adoitan atoparse en sitios escuros e húmidos ou baixo rochas e troncos, aínda que algunhas especies, como a que vive no deserto Hemilepistus reaumuri, habitan nos "hábitats máis secos conquistados por unha especie de crustáceo".[17] Pericyphis é outro isópodo xerófilo con estrutura pseudotraqueal única, que se estende desde os pleópodos á cavidade corporal.[26][27][22]

Os oniscídeos son importantes contribuíntes ao proceso de formación do humus porque axudan a converter a materia vexetal en parte do solo.[4][28]

Os oniscídeos son a presa máis común das arañas Dysdera crocata.

Os crustáceos oniscídeos son alimento de diversos insectívoros, como as arañas do xénero Dysdera, como Dysdera crocata,[29] e as planarias terrestres do xénero Luteostriata, como Luteostriata abundans.[30]

Platyarthrus hoffmannseggii é unha especie de oniscídeo que se encontran con frecuencia en formigueiros, alimentándose das súas excrecións. Outras especies de oniscídeos poden atoparse tamén nos formigueiros, como Porcellio scaber.[4]

Os oniscídeos son sensibles aos pesticidas agrícolas, pero poden tolerar algúns metais pesados tóxicos, que pden acumular no hepatopáncreas. Deste xeito, poden utilizarse como bioindicadores da contaminación por metais pesados.[31]

Historia evolutiva

[editar | editar a fonte]

Os fósiles máis antigos de oniscídeos datan do Cretáceo medio, hai uns 100 millóns de anos[2], atopados en depósitos de ámbar de España, Francia e Myanmar. Entre estes está un espécime do xénero vivo Ligia do ámbar de Charente de Francia, o xénero Myanmariscus do ámbar birmano de Myanmar, que pertence aos Synocheta e probablemente os Styloniscidae,[32] Eoligiiscus tarraconensis que pertence á familia Ligiidae, Autrigoniscus resinicola que pertence á familia Trichoniscidae, e Heraclitus helenae que posiblemente pertence aos Detonidae todos do ámbar español,[33] e espécimes indeterminados de ámbar de Charente.[34][32] A ampla distribución e diversificación aparentes dos oniscídeos no Cretáceo medio implica que a orixe do grupo é anterior á división de Panxea, probablemente durante o Carbonífero.[34]

Pénsase que os oniscídeos evolucionaron de antepasados que vivían no leito do mar, por medio de formas que vivían na zona intermareal que desenvolveron a capacidade de supervivencia fóra da auga por períodos cada vez máis longos. Os tipos máis primitivos de oniscídeos, como por exemplo Ligia, evlucionaron moi pouco a partir desta condición intermareal.[4]

Confusión con milpés

[editar | editar a fonte]
Comparaión do oniscídeo Armadillidium vulgare (esquerda) e o milpés Glomeris marginata (dereita)

Os oniscídeos das familias Armadillidiidae e Armadillidae) poden confundirse con milpés da orde Glomerida.[35] Ambos os grupos son artrópodos segmentados terrestres de aproximadamente do mesmo tamaño. Vven en hábitats similares, teñen unha dieta similar e teñen ambos o mecanismo de defensa de enrolarse formando unha bóla. En consecuencia, ambos parecen similares a simple vista, o cal é un exemplo de evolución converxente.

Non obstsante, estes dous grupos poden distinguirse de varios xeitos. Os milpés Glomeris teñen 19 pares de patas (nos machos) ou 17 (nas femias) nos adultos, mentres que estes oniscídeos adultos só teñen 7 pares de patas. Ademais, estes oniscídeos teñen un tórax que consta de 7 segmentos corporais, seguido de 5 segmentos abdominais e un pleotelson, mentres que os milpés Glomeris carecen dun tórax que se poida definir visualmente e teñen 12 segmentos corporais en total. Aínda que os urópodos dos oniscídeos son bastante pequenos relativamente, se poñemos patas arriba un oniscídeo mostran que o pequeno urópodo solapa o pleotelson.[36] Algunhas especies de oniscídeos, como Armadillidium maculatum, parecen presentar mimetismo batesiano con certos milpés como Glomeris marginata.

Relacións cos humanos

[editar | editar a fonte]

Como pragas

[editar | editar a fonte]

Aínda que o oniscídeos, igual que as miñocas, son considerados xeralmente beneficiosos nos xardíns polo seu papel no control de certas pragas,[37] produción compost e removeren o solo, algunhas especies como as do xénero Armadillidium sábese que se alimentan de plantas cultivadas, como os amorodos en maduración e os brotes tenros.[38]

Os oniscídeos poden tamén invadir as casas en grupos buscando humidade, e a súa presenza pode indicar problemas de humidades.[39] Xeralmente non se consideran unha praga grave nas casas, non espallan enfermidades e non danan as estruturas de madeira sa. Poden ser eliminados con facilidade con aspiradoras, sprays químicos, repelentes de insectos e insecticidas,[40] ou eliminando as humidades.

Como alimento

[editar | editar a fonte]

O sabor dos oniscídeos describiuse como similar ao doutros crustáceos.[41][42] Porén, poden tamén ter un sabor a "urina forte" seguramente debido ás altas concentracións de ácido úrico nalgunhas especies.[13][43]

Como bioindicadores

[editar | editar a fonte]

Os oniscídeos utilizáronse como bioindicadores debido á súa capacidade de acumular metais pesados en vesículas dentro do seu corpo,[44] o que os fai útiles na detección da contaminación por metais pesados.

Como mascotas

[editar | editar a fonte]

Os oniscídeos fixéronse populares como mascotas domésticas para nenos ou como unha afección ou hobby para entusiastas e coleccionistas de invertebrados e insectos.[45] Os Porcellionidae e os Armadillidiidae son os máis habituais porque son os isópodos terrestres máis comúns en Europa e América do Norte.[46]

Aínda que agunhas especies de isópodos se teñen simplemente como mascotas, algunhas poden tamén usarse como un elemento engadido en terrarios bioactivos, debido á súa capacidade de degradar materiais orgánicos, funcionando como unha brigada de limpeza.[16]

Morfos e especies no hobby

[editar | editar a fonte]

Como os isópodos poden criarse en catividade, algúns afeccionados descobren novas mutacións ou fan cruzamentos selectivos para conseguiren unha determinada cor/padrón de debuxo. Estas poboacións con aparencias únicas denomínanse morfos, aos cales se lles dan nomes, xeralmente polo criador que descubriu ou creou o morfo.[16] A aparencia estándar dunha especie de isópodo denomínase tipo silvestre ou salvaxe.

Algúns morfos de isópodos caracterízanse por depender de trazos polixénicos, como 'Orange Vigor' (Armadillidium vulgare) e 'Pink Rubber Ducky' (Cubaris sp. "Rubber Ducky"), que son o resultado de cruzar selectivamente isópodos que se corresponden mellor co aspecto desexado. A expresión destes xenes pode variar moito, xa que neste caso non son o resultado dunha mutación xenética específica.[47]

Outros morfos son o resultado de mutacións dominantes ou recesivas, como no caso 'T+/T− Albino' e 'Whiteout' (varias spp.). Como exemplo, os isópodos T+ albino danse en isópodos que naceron sen a capacidade de producir melanina e carecen de pigmentación negra. Porén, crese que son tirosinase positivos (por tanto, T+), e aínda poden xerar algúns pigmentos escuros como o marrón e o púrpura. Os isópodos T− albino pénsase que carecen de melanina e de tirosinase, razón pola que só poden expresar cores amarelas claras, laranxas ou brancas.[48][49][50]

A miúdo pode orixinarse confusión debido á rapidez coa que se introducen neste hobby especies de isópodos non descritas ou non identificadas. Isto contribuíu significativamente a que o xénero Cubaris sexa considerado un taxon bolsa do lixo,[51] xa que moitas das especies de isópodos non identificadas ou non descritas son incorrectamene denominadas "Cubaris sp.", incluso cando non se corresponden coas características da descrición formal do xénero.

  1. WORMS
  2. 1 2 3 4 5 Thomas Thorpe, Jessica A. (outubro de 2024). "Phylogenomics supports a single origin of terrestriality in isopods". Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences (en inglés) 291 (2033 (número de artigo: 20241042)). ISSN 0962-8452. PMC 11521608. PMID 39471855 |pmid= incorrecto (Axuda). doi:10.1098/rspb.2024.1042.
  3. 1 2 Wolff, Carsten (2009-12-01). "The embryonic development of the malacostracan crustacean Porcellio scaber (Isopoda, Oniscidea)". Development Genes and Evolution (en inglés) 219 (11–12): 545–564. Bibcode:2009DGEvo.219..545W. ISSN 0949-944X. PMID 20111872. doi:10.1007/s00427-010-0316-6.
  4. 1 2 3 4 5 Sutton, Stephen (1972). Woodlice (1980 ed.). Ginn & Company, Pergamon Press. ISBN 0080259421.
  5. 1 2 3 Helmut Schmalfuss (2003). "World catalog of terrestrial isopods (Isopoda: Oniscidea)—revised and updated version" (PDF). Stuttgarter Beiträge zur Naturkunde, Serie A 654: 341 pp.
  6. 1 2 Sfendourakis, Spyros; Taiti, Stefano (2015-07-30). "Patterns of taxonomic diversity among terrestrial isopods". ZooKeys (en inglés) (515): 13–25. Bibcode:2015ZooK..515...13S. ISSN 1313-2970. PMC 4525032. PMID 26261437. doi:10.3897/zookeys.515.9332.
  7. Dimitriou, Andreas C.; Taiti, Stefano; Sfenthourakis, Spyros (6 de decembro de 2019). "Genetic evidence against monophyly of Oniscidea implies a need to revise scenarios for the origin of terrestrial isopods". Scientific Reports (Nature) 9 (1): 18508. Bibcode:2019NatSR...918508D. PMC 6898597. PMID 31811226. doi:10.1038/s41598-019-55071-4.
  8. Lins, Luana S. F.; Ho, Simon Y. W.; Lo, Nathan (15 de outubro de 2017). "An evolutionary timescale for terrestrial isopods and a lack of molecular support for the monophyly of Oniscidea (Crustacea: Isopoda)". Organisms Diversity & Evolution (Springer) 17 (4): 813–820. Bibcode:2017ODivE..17..813L. doi:10.1007/s13127-017-0346-2.
  9. 1 2 Erhard, Friedhelm (1998). "Phylogenetic relationships within the Oniscidea (Crustacea, Isopoda)". Israel Journal of Zoology 44 (3–4): 303–309.
  10. 1 2 Martin, Joel W.; Davis, George E. (2001). An Updated Classification of the Recent Crustacea (PDF). County Contributions in Science 39. Natural History Museum of Los Angeles. pp. 1–124.
  11. Schmidt, C. (2008). "Phylogeny of the terrestrial Isopoda (Oniscidea): a review." (PDF). Arthropod Systematics & Phylogeny 66: 191–226. doi:10.3897/asp.66.e31684.
  12. 1 2 Calman, William Thomas (1911). "Wood-louse". En Chisholm, Hugh. Encyclopædia Britannica 28 (11ª ed.). Cambridge University Press (en inglés). p. 802.
  13. 1 2 "How Now, Sow Bug?," Discover, agosto de 1999, 68.
  14. Friedlander, C. P. (1964-01-01). "Thigmokinesis in woodlice". Animal Behaviour 12 (1): 164–174. Bibcode:1964AnBeh..12..164F. ISSN 0003-3472. doi:10.1016/0003-3472(64)90118-6.
  15. Morris, Michael C. (1999-09-01). "Using woodlice (Isopoda, Oniscoidea) to demonstrate orientation behaviour". Journal of Biological Education (en inglés) 33 (4): 215–216. ISSN 0021-9266. doi:10.1080/00219266.1999.9655669.
  16. 1 2 3 McMonigle, Orin (2019). Isopod Zoology. Coachwhip. ISBN 978-1616464882.
  17. 1 2 Rod Preston-Mafham & Ken Preston-Mafham (1993). "Crustacea. Woodlice, crabs". The Encyclopedia of Land Invertebrate Behavior. MIT Press. p. 161. ISBN 978-0-262-16137-4.
  18. Broly, Pierre; Deville, Pascal; Maillet, Sébastien (maio de 2013). "The origin of terrestrial isopods (Crustacea: Isopoda: Oniscidea)". Evolutionary Ecology (en inglés) 27 (3): 461–476. Bibcode:2013EvEco..27..461B. ISSN 0269-7653. doi:10.1007/s10682-012-9625-8.
  19. Ivo Karaman (2003). "Macedonethes stankoi n. sp., a rhithral oniscidean isopod (Isopoda: Oniscidea: Trichoniscidae) from Macedonia". Organisms Diversity & Evolution 3 (8): 1–15. Bibcode:2003ODivE...3..239K. doi:10.1078/1439-6092-00080.
  20. Inui, Naoto; Miura, Toru (2024-07-18). "Comparisons of developmental processes of air-breathing organs among terrestrial isopods (Crustacea, Oniscidea): implications for their evolutionary origins". EvoDevo (en inglés) 15 (1): 9. ISSN 2041-9139. PMC 11264735. PMID 39026371 |pmid= incorrecto (Axuda). doi:10.1186/s13227-024-00229-z.
  21. 1 2 Hornung, Elisabeth (2024-02-13). "Terrestrial Adaptations of Crustaceans: The Challenges of Land Adaptations and Their Solutions in Terrestrial Isopods". Taylor & Francis (en inglés): 327–387. ISBN 978-1-003-40501-6. doi:10.1201/9781003405016-8. Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2024. Consultado o 22 de xuño de 2026.
  22. 1 2 3 Tan, Kian Long; Monteiro, Antónia (2025-09-01). "An evo-devo perspective on terrestrial isopod respiratory organs". Arthropod Structure & Development (en inglés). 88 (número de artigo: 101470). Bibcode:2025ArtSD..8801470T. doi:10.1016/j.asd.2025.101470.
  23. Inui, Naoto; Kimbara, Ryosuke; Yamaguchi, Haruka; Miura, Toru (2022-11-01). "Pleopodal lung development in a terrestrial isopod, Porcellio scaber (Oniscidea)". Arthropod Structure & Development (en inglés). 71 (atigo número: 101210). Bibcode:2022ArtSD..7101210I. doi:10.1016/j.asd.2022.101210.
  24. Schmidt, Christian; Wägele, Johann Wolfgang (2001-09-01). "Morphology and evolution of respiratory structures in the pleopod exopodites of terrestrial Isopoda (Crustacea, Isopoda, Oniscidea)". Acta Zoologica (en inglés) 82 (4): 315–330. Bibcode:2001AcZoo..82..315S. ISSN 0001-7272. doi:10.1046/j.1463-6395.2001.00092.x.
  25. Inui, Naoto; Yao, Akifumi; Udagawa, Sumio; Oguchi, Kohei; Hayashi, Yoshinobu; Miura, Toru (decembro de 2025). "Gene Expression Analysis Provides Insights Into the Functional and Developmental Differentiations of Pleopodal Lungs in a Terrestrial Isopod Crustacean, Porcellio scaber". Evolution & Development (en inglés) 27 (4 (número de artigo: e70026)). ISSN 1520-541X. PMC 12664292. PMID 41317025 |pmid= incorrecto (Axuda). doi:10.1111/ede.70026.
  26. Ferrara, Franco; Paoli, Pasquino; Taiti, Stefano (1997). "An Original Respiratory Structure in the Xeric Genus Periscyphis Gerstaecker, 1873". Zoologischer Anzeiger.
  27. Paoli, Pasquino; Ferrara, Franco; Taiti, Stefano (2002-09-01). "Morphology and evolution of the respiratory apparatus in the family Eubelidae (Crustacea, Isopoda, Oniscidea)". Journal of Morphology (en inglés) 253 (3): 272–289. Bibcode:2002JMorp.253..272P. ISSN 0362-2525. PMID 12125066. doi:10.1002/jmor.10008.
  28. Zimmer, Martin (2002-11-01). "Nutrition in terrestrial isopods (Isopoda: Oniscidea): an evolutionary-ecological approach". Biological Reviews (en inglés) 77 (4): 455–493. ISSN 1464-7931. PMID 12475050. doi:10.1017/S1464793102005912.
  29. Bruce Marlin. "Common Woodlouse, Sow Bug, Pillbug". North American Insects and Spiders. Arquivado dende o orixinal o 7 de marzo de 2016. Consultado o 10 de febreiro de 2009.
  30. Prasniski, M. E. T.; Leal-Zanchet, A. M. (2009). "Predatory behavior of the land flatworm Notogynaphallia abundans (Platyhelminthes: Tricladida)". Zoologia (Curitiba) 26 (4): 606. doi:10.1590/S1984-46702009005000011.
  31. Paoletti, Maurizio G.; Hassall, Mark (1999). "Woodlice (Isopoda: Oniscidea): their potential for assessing sustainability and use as bioindicators". Agriculture, Ecosystems & Environment 74 (1–3): 157–165. Bibcode:1999AgEE...74..157P. doi:10.1016/S0167-8809(99)00035-3.
  32. 1 2 Broly, Pierre; Maillet, Sébastien; Ross, Andrew J. (xullo de 2015). "The first terrestrial isopod (Crustacea: Isopoda: Oniscidea) from Cretaceous Burmese amber of Myanmar". Cretaceous Research (en inglés) 55: 220–228. Bibcode:2015CrRes..55..220B. doi:10.1016/j.cretres.2015.02.012.
  33. Sánchez-García, Alba; Peñalver, Enrique; Delclòs, Xavier; Engel, Michael S. (2021-08-06). "Terrestrial Isopods from Spanish Amber (Crustacea: Oniscidea): Insights into the Cretaceous Soil Biota". American Museum Novitates (3974): 1–32. ISSN 0003-0082. doi:10.1206/3974.1. hdl:2445/182822.
  34. 1 2 Broly, Pierre; Deville, Pascal; Maillet, Sébastien (2012-12-23). "The origin of terrestrial isopods (Crustacea: Isopoda: Oniscidea)". Evolutionary Ecology (en inglés) 27 (3): 461–476. Bibcode:2013EvEco..27..461B. ISSN 0269-7653. doi:10.1007/s10682-012-9625-8.
  35. "Pill woodlouse (Armadillidium vulgare)". ARKive.org. Arquivado dende o orixinal o 3 de setembro de 2009. Consultado o 13 de febreiro de 2009.
  36. "Armadillidium vulgare, with notes on Porcellio, Ligia, and Oniscus". lanwebs.lander.edu. Consultado o 2023-09-23.
  37. Bailey, Pat (15 de marzo de 1999). "Humble Roly-Poly Bug Thwarts Stink Bugs in Farms, Gardens". UC Davis News Service.
  38. Phillip E. Sloderbeck (2004). "Pillbugs and sowbugs" (PDF). Kansas State University. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de maio de 2020. Consultado o 16 de xuño de 2020.
  39. "Sow Bugs". Pestcontrolcanada.com. Consultado o 17 de agosto de 2012.
  40. "How To Get Rid Of Woodlice in Home Naturally | With Best Woodlice Killer". 3 de xuño de 2020. Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2024. Consultado o 22 de xuño de 2026.
  41. "Deep Look | Roly Polies Came from the Sea to Conquer the Earth | Season 4 | Episode 2". PBS. Consultado o 12 de agosto de 2024.
  42. "Cooking and eating woodlice (pillbugs) – a real bushcraft experience". Consultado o 2025-10-03.
  43. DRESEL, ELISABETH I. B.; MOYLE, VIVIEN (1950-09-01). "Nitrogenous Excretion of Amphipods and Isopods". Journal of Experimental Biology 27 (2): 210–225. Bibcode:1950JExpB..27..210D. ISSN 1477-9145. PMID 14794856. doi:10.1242/jeb.27.2.210.
  44. Maurizio G. Paoletti, Mark Hassall (1999). "Woodlice (Isopoda: Oniscidea): their potential for assessing sustainability and use as bioindicators". Agriculture, Ecosystems & Environment 74 (1): 157. Bibcode:1999AgEE...74..157P. doi:10.1016/S0167-8809(99)00035-3.
  45. "American Isopod and Myriapod Group - Isopod Hobby". www.americanisopodsmyriapods.com (en inglés). Consultado o 2023-09-23.
  46. "Pillbugs and Sowbugs (Land Isopods)". Missouri Department of Conservation (en inglés). Consultado o 2021-08-18.
  47. "American Isopod and Myriapod Group - Color Morphs". www.americanisopodsmyriapods.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de novembro de 2023. Consultado o 2023-09-23.
  48. Hasegawa, Y.; Negishi, S.; Naito, J.; Ishiguro, I.; Martin, G.; Juchault, E; Katakura, Y. (1997). "Genetic and Biochemical Studies on Ommochrome Genesis in an Albino Strain of a Terrestrial Isopod, Armadillidium vulgare". Pigment Cell Research (en inglés) 10 (5): 265–270. ISSN 0893-5785. PMID 9359622. doi:10.1111/j.1600-0749.1997.tb00686.x.
  49. Raper, Henry Stanley (1926-01-01). "The Tyrosinase-Tyrosine Reaction". Biochemical Journal (en inglés) 20 (4): 735–742. ISSN 0306-3283. PMC 1251777. PMID 16743714. doi:10.1042/bj0200735.
  50. Alikhan, M.A. (1976). "The tyrosinase system in the terrestrial isopod, Porcellio laevis latreille (porcellionidae, isopoda)". Comparative Biochemistry and Physiology Part B: Comparative Biochemistry (en inglés) 54 (1): 37–42. PMID 5233. doi:10.1016/0305-0491(76)90053-5.
  51. Lillemets, Birgitta; Wilson, George D. F. (2002-06-01). "Armadillidae (Crustacea: Isopoda) from Lord Howe Island: new taxa and biogeography". Records of the Australian Museum 54 (1): 71–98. ISSN 0067-1975. doi:10.3853/j.0067-1975.54.2002.1360.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Biblografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]