Oluf Gerhard Tychsen
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 14 de decembro de 1734 |
| Morte | 30 de decembro de 1815 (81 anos) |
| País de nacionalidade | |
| Relixión | Luteranismo. |
| Educación | Universidade de Halle. Universidade de Rostock. |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Orientalismo, numismática, biblioteconomía, teoloxía. |
| Ocupación | bibliotecario, orientalista, teólogo, escritor, profesor universitario, numismático, conselleiro real |
| Empregador | Universidade de Rostock Universidade de Bützow |
| Membro de | Academia Real de Ciencias de Prusia. Academia Real Sueca de Letras, Historia e Antigüidades. Académie de Ciencias de Baviera. |
| Influencias | Jonathan Eybeschutz. |
| Obra | |
| Doutorando | Christian Martin Frähn |
| Arquivos en | |
| Familia | |
| Cónxuxe | Magdalena Sophia von Tornow (1765). |
| Fillos | Friedrich Georg Andreas Tychsen. |
| Premios | |
| Cabaleiro da Orde da Estrela do Norte, de Suecia (1812). | |
| Descrito pola fonte | Meyers Konversations-Lexikon, 4ª edición (1885–1890) Enciclopedia Xudía de Brockhaus e Efron Allgemeine Deutsche Biographie |
Oluf Gerhard Tychsen, nado en Tønder o 14 de decembro de 1734 e finado en Rostock o 30 de decembro de 1815, foi un orientalista e numismático alemáns, considerado un dos pais da numismática islámica.[1][2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Oluf Gerhard Tychsen naceu o 14 de decembro de 1734 na actual cidade dinamarquesa de Tønder, daquela parte do Ducado de Schleswig. Era fillo dun xastre e antigo militar, de ascendencia norueguesa.[3][4]
Logo de asistir ás escolas da súa cidade natal ata 1745, estudou na escola latina de Tønder, onde aprendeu grego e hebreo antigos. Logo, en 1752, ingresou no Colexio de Humanidades Christianeum Academicum en Altona, no que foi beneficiario dunha bolsa de estudos. Alí recibiu formación en Ciencias Naturais e na Antigüidade Clásica, iniciouse no estudo do árabe, perfeccionou o hebreo e introduciuse tamén nos estudos rabinicos.[5] A partir da Pascua de 1756, estudou Teoloxía, Literatura Oriental, Matemáticas e Física na Universidade de Halle, e nesa cidade foi nomeado profesor do seu orfanato o 10 de xaneiro de 1757.[4][6]
Traxectoria académica e como erudito
[editar | editar a fonte]O entón profesor de Teoloxía Johann Heinrich Callenberg, que traballaba pola conversión ao xudaísmo, coñeceu a Tychsen e, interesado pola súa erudición en asuntos rabínicos, persuadiuno para que actuase como misioneiro desta relixión —malia non profesala—, e con este propósito emprendeu viaxes polo norte de Alemaña e Dinamarca en 1759 e 1760, aínda que con escaso éxito. Mais durante esas viaxes coñeceu un teólogo con influencia no duque Frederico o Piadoso de Mecklenburg-Schwerin, quen lle ofreceu a posibilidade de impartir conferencias sobre lingua hebrea na Universidade de Bützow,[4] que el mesmo acababa de fundar. Así as cousas, Tychsen abandonou Halle o 22 de setembro de 1760 e instalouse na cidade de Bützow.[6]
En Bützow acadou tamén o seu mestrado, cunha tese titulada "De propugnanda in Judaeos fide", e comezou a facer as súas primeiras publicacións —a primeira delas en 1663, en lingua inglesa—. Mais ao non se poder manter co pouco que recibía polas súas conferencias, o duque proporcionoulle un soldo de 200 reichsthaler, aínda que a insetabilidade da época provocou que os pagamentos fosen pouco regulares.[7]
Logo de tres anos exercendo en Bützow como lector —interrompidos por unha tempada na que estivo fuxido en Lübeck, en Tønder e en Inglaterra, para evitar ser recrutado polo exército prusiano—, Tychsen foi promovido a profesor titular de Linguas Orientais na Universidade de Bützow o 14 de novembro de 1763, cun salario de 300 reichsthaler, que ascendeu a 500 en 1767 e a 750 en 1802, cando comezou a exercer tamén como bibliotecario da universidade. Ademais, en agosto de 1765 casou nesa cidade cunha muller nunha boa posición económica,[4] e esta nova situación resultou decisiva para acabar coa escaseza que tivera nos anos anteriores, e mesmo lle permitiu enriquecer notablemente as súas coleccións de moedas, libros e outros obxectos orientais.[8]
O 19 de xaneiro de 1770, Tychsen foi nomeado director da biblioteca da universidade, que baixo o seu goberno pasou de ser moi modesta, orixinada a partir dunha colección de libros do propio duque, a estar composta por 14.134 volumes e 198 manuscritos. E en 1775 sentou as bases do que se coñeceu como Museo de Historia Natural, o que, en recoñecemento, o fixo merecedor do título de Conselleiro da Corte Ducal. Ademais, o presitixio acadado por el en Bützow levouno a ser elixido reitor da universidade en cinco períodos e a acadar un asento no consistorio ducal.[9]
En 1779, Tychsen publicou un tratado no que refutaba as teses do numismático español Francisco Pérez Bayer acerca da autenticidade das moedas hebreas da península Ibérica, que deu orixe a unha controversia entre ambos, e isto deu orixe a varias publicacións nos anos seguintes,[10][11][12] nas que ambos refutaban reciprocamente os seus argumentos.[13]
Na Pascua de 1789, o duque Friedrico Francisco, que sucedera o seu tío Friedricoh o Piadoso como gobernante de Mecklenburg-Schwerin, decidiu trasladar a Universidade de Bützow á cidade de Rostock, fusionándoa coa xa existente Universidade de Rostock, e isto levou consigo o traslado a esta cidade de Tychsen e a súa muller, un lugar onde ambos pasarían o resto das súas vidas.[4] Nesta nova universidade, ampliou a súa docencia da lingua hebrea a outras linguas orientais, como o árabe e o siríaco, e posteriormente á numismática musulmá e á paleografía árabe. Ademais mantivo os seus postos como bibliotecario e director do museo, aínda que non puido retomar o cargo de reitor, que lle correspondeu ao seu opoñente Johan Kaspar Velthusen, motivo polo que dimitiu do Consello de Profesores na Pascua de 1790.[14] Con todo, as facultades de Teoloxía e de Dereito da Universidade de Rostock conferíronlle o título de doutor honoris causa.[15]

En recoñecemento á súa traxectoria académica, o duque de Mecklenburgo-Schwerin honrouno coa emisión dunha medalla conmemorativa, cun único exemplar en ouro para o propio homenaxeado, valorado en 15 ducados, e outras en prata para o resto dos profesores da universidade, valoradas en dous táleros, coa seguinte inscrición: "Fridericus Franciscus Dux Megapolitanus Olao Gerhardo Tychsen de universitatibus litterariis Butzoviensi et Rostochiensi per dimidium saeculum optime merito" ("Frederico Francisco, duque de Mecklenburgo-Schwerin, a Olof Gerhard Tychsen, polos seus máis distinguidos servizos ás universidades de Bützow e Rostock ao longo de medio século").[16]
En 1812, recibiu a Cruz de Cabaleiro da Orde da Estrela do Norte do rei Carlos XIII de Suecia.[17]
Entre outras academias e sociedades eruditas do seu tempo, Tychsen foimembro da Sociedade Real de Ciencias de Uppsala (1791), da Sociedade Erudita dos Volskers en Velletri (1792) e da Academia Real de Inscricións, Belas Artes, Historia e Antigüidades de Estocolmo (1793), membro honorario da Academia Real de Padua (1796), da Sociedade Real de Ciencias de Copenhague (1798) e da Aademia Real de Ciencias de Berlín (1803), e membro correspondente e honorario da Academia Real de Ciencias de Múnic (1813).[17]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]O 2 de agosto de 1765, Tychsen casou cunha muller acomodada, Magdalena Sophia von Tornow.[4] O ano seguinte tiveron un fillo, aínda que este morreu cando só tiña un ano, e a parella non tivo máis descendencia. A súa esposa faleceu o 15 de marzo de 1806.[7]
Oluf Gerhard Tychsen finou en Rostock o 30 de decembro de 1815, aos 81 anos.[3][4]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Esta é unha escolma dalgunhas das monografías máis salientables publicadas por Oluf Gerhard Tychsen ao longo da súa traxectoria:[18]
- (1763). A dialogue between a learned Jew and a Christian to which is addet a choice of english proverbial, fayings and sentences with explications. Bützow.
- (1763). De delectu veterum Ebraeorum. Bützow.
- (1766-1769). Bützowsche Nebenstunden. Verschiedenen zur morgenländischen Gelehrsamkeit gehörigen Sachen gewidmet. Vol 1 (1766) / Vol. 2 (1766) / Vol. 3 (1768) / Vol. 4 (1768) / Vol. 5. (1769) / Vol. 6 (1769). Bützow.
- (1768). Abbreuiaturarum hebraicarum : supplementum primum : in alma Fridericiana Buetzouiensi ad diem Februar. 1768. Rostock.
- (1769). Abbreuiaturarum hebraicarum : supplementum secundum. Rostock.
- (1772). Tentamen de variis codicum Hebraicorum V. T. generibus. Rostock.
- (1774). Befreites Tentamen von den Einwürfen der Herren M. Bruns, d. dath. Hofr. Michaelis u. a. m. Rostock.
- (1776). Erster Anhang zu seinem Befreyeten Tentamen: worinn eines Ungenannten so betitelte Schrift: der entdeckte wahre Ursprung der alten Bibel-Uebersetzungen ... geprüfet, und ihr Ungrund gezeigt wird. Rostock.
- (1779). Die Unächtheit der jüdischen Münzen mit hebräischen und samaritanischen Buchstaben. Rostock.
- (1786). Beurteilung der Jahrzahlen in den Hebräisch-Biblischen Handschriften. Rostock.
- (1787). Vindicatio refutationis hispane scriptae ab anonymi hispani obiectionibus. Bützow.
- (1787). Interpretatio inscriptionis cuficae in marmorea templi [...], qua S. Apostolus Petrus Antiochiae Sedisse traditur. Bützow.
- (1790). Geschichte der öffentlichen Universitäts-Bibliothek und des Museum zu Rostock. Rostock.
- (1791). De numis hebraicis diatribe, qua simul ad nuperas [...] Franc. Perezii Bayerii objectiones respondetur. Rostock.
- (1792). Elementale arabicum sistens L. A. elementa, catalecta maximam partem, anecdota, et glossarium. Rostock.
- (1793). Elementale Syriacum sistens grammaticam, chrestomathiam et glossarium : subiunctis nouem tabulis aere expressis.. Rostock.
- (1794). Introdvctio In Rem Nvmariam Muhammedanorum. Rostock.
- (1794). Opuscula quatuor, antiquitates Orientales illustrantia. 1: Assertio epistolaris de peregrina numorum Hasmonaeorum origine. Rostock.
- (1795). Physiologvs Syrvs, sev historia animalivm XXXII in S.S. memoratorvm, Syriace. Rostock.
- (1796). Introductionis in rem numariam Muhammedanorum : additamentum I: subiunctis II Aeneis tabulis. Rostock.
- (1797). Al-Makrizii historia monetae arabicae. Rostock.
- (1797). Historia monetae Arabicae e codice Escorialensi cum variis duorum codd. Leidensium lectionibus et excerptis anecdotis. Rostock.
- (1798). De cuneatis inscriptionibus Persepolitanis lucubratio. Rostick.
- (1804). Die Erbfolge eines Ehemannes in den Nachlaß seiner ohne Kinder und Testament verstorbenen Ehefrau nach jüdischen Gesetzen. Rostock.
- (1806). Gutachten nach jüdischen Gesetzen über die Frage: Kann ein vor einem christlichen Gericht von einem jüdischen Ehepaar nach christlichen Gesetzen errichtes wechselseitiges Testament, vorherige bündigst stipulirte Erb-Verträge desselben vernichten?. Bon.
- (1809). Opuscula quatuor, antiquitates Orientales illustrantia. 2: Interpretatio inscriptionis Cuficae in Marmorea templi Patriarchalis S. Petri Cathedra qua S. Apostolus Petrus Antiochiae sedisse traditur. Rostock.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ J. Ø. (1927).
- ↑ H. A. (1920).
- 1 2 Klenz, H. (1895). Páxina 38.
- 1 2 3 4 5 6 7 Thomsen, V. (1903).
- ↑ Klenz, H. (1895). Páxina 39.
- 1 2 Klenz, H. (1895). Páxina 40.
- 1 2 Klenz, H. (1895). Páxina 41.
- ↑ Klenz, H. (1895). Páxinas 41-42.
- ↑ Klenz, H. (1895). Páxina 43.
- ↑ Pérez Bayer, F. (1786). Carta latina del Sr. D. Olao Gerhard Tychsen al Ilmo. Sr. D. Francisco Pérez Bayer, con su traducción castellana. Se añade la refutación de los argumentos de dicho señor Bayer en favor de las monedas samaritanas[Ligazón morta]. Viuda de Ibarra, Madrid.
- ↑ Pérez Bayer, F. (1790). Numorum hebraeo-samaritanorum vindiciae. B. Monfort, Valencia.
- ↑ Pérez Bayer, F. (1793). Legitimidad de las monedas hebreo-samaritanas. Confutación de la diatriba de D. Olao Gerardo Tychsen [...]. B. Monfort, Valencia.
- ↑ Klenz, H. (1895). Páxina 44.
- ↑ Klenz, H. (1895). Páxina 45.
- ↑ Klenz, H. (1895). Páxina 47.
- ↑ Klenz, H. (1895). Páxina 48.
- 1 2 Klenz, H. (1895). Páxina 47.
- ↑ "Oluf Gerhard Tychsen (1734-1815) (Bibliography)". Islam-akademie.de
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- H. A. (1920). "Tychsen, Oluf Gerhard". En Nordisk familjebok. Estocolmo. Páxina 505.
- J. Ø. (1927). "Tychsen, Oluf Gerhard". En Salmonsens Konversationsleksikon. XXIII. Páxina 969.
- Klenz, H. (1895). "Tychsen, Oluf Gerhard". En Allgemeine Deutsche Biographie. Vol. 39, Duncker & Humblot, Leipzig. Páxinas 38-51.
- Thomsen, V. (1903). "Tychsen, Oluf Gerhard". En Dansk biografisk Lexikon. XVII. Páxina 618-619.