Oliver Twist

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Oliver Twist, edición de 1838.

Oliver Twist ou o progreso dun neno de hospicio[1], coñecida popularmente coa forma abreviada Oliver Twist, é a segunda novela do autor inglés Charles Dickens. Publicouse orixinalmente como novela por entregas de aparición mensual na revista Bentley's Miscellany, entre febreiro de 1837 e abril de 1839.

A obra traduciuna do inglés Moisés Barcia para Rinoceronte en 2021, ISBN: 978-84-17388-54-6.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Nun principio, o autor tiña a intención de que formase parte dunha obra máis extensa, The Mudfog Papers. Todas as entregas levaban como ilustración un gravado de George Cruikshank.

É a primeira novela en lingua inglesa que ten un neno como protagonista e é tamén destacable polo seu escasamente romántico tratamento do mundo dos criminais e as súas sórdidas vidas. O libro leva o subtítulo de The Parish Boy's Progress, unha alusión tanto a The Pilgrim's Progress de John Bunyan como a dúas populares caricaturas dieciochescas de William Hogarth, A Rake's Progress e A Harlot's Progress.

Oliver Twist é unha das primeiras novelas sociais da historia da literatura. Chama a atención aos seus lectores sobre varios males sociais da época, como o traballo infantil ou a utilización de nenos para cometer delitos. Dickens búrlase da hipocrisía da súa época tratando estes temas tan serios con sarcasmo e humor negro. A novela puido ser inspirada pola historia de Robert Blincoe, un orfo cuxo relato sobre a dureza da súa vida como traballador infantil nun muíño de algodón tivo unha gran difusión na década de 1830.

A novela foi adaptada en numerosas ocasións para o cine, a televisión e o teatro musical. Traduciuse a numerosas linguas, entre elas o galego.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Traducida ao galego por Moisés Barcia e publicada pola Editorial Galaxia en 2006.