Trasladouse a Santiago de Compostela para licenciarse no ano 1955 en Filosofía e letras. Entre 1951 e 1954 ordenou e clasificou o Arquivo Diocesano de Ourense. Tras pertencer dende 1955 ó Corpo de Auxiliares de Arquivos, Bibliotecas e Museos, en 1958 ingresou por oposición no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, sendo destinada á Biblioteca Pública e ó Arquivo da Delegación de Facenda de Vigo. A súa actividade catalográfica e arquivística levouna a verificar, xa en Vigo, os catálogos da Fundación Penzol, o da biblioteca da Caixa de Aforros, os das bibliotecas da Escola de Comercio e do Instituto de Ensino Medio Santa Irene.
Dende 1968 foi directora do Arquivo Histórico Provincial e do Arquivo da Delegación de Facenda de Ourense. Dende 1972 foi Directora de sección do grupo de colaboradores Marcelo Macías do Museo Arqueolóxico de Ourense. Foi membro do Padroado da Fundación Penzol e tamén do Padroado Ramón Otero Pedrayo. Foi membro correspondente da Real Academia da Historia (1980) e ingresou na Real Academia Galega en novembro de 1986 cun discurso sobre As barcas e os barcos de pasaxe da provincia de Ourense no Antigo Réxime[2], respondido por Antonio Gil Merino. O discurso é unha achega á súa actividade investigadora, pois esta historiadora é un referente fundamental para o estudo da historia social, entre os séculos XIV e XIX, da provincia de Ourense.
En 2014 Pilar Gallego creou a Fundación Olga Gallego para promover a conservación e difusión do patrimonio arquivístico e documental, mediante actividades de investigación e formación[3].