Ofis ar Brezhoneg

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Automóbil co logotipo da Ofis ar Brezhoneg.

Ofis ar Brezhoneg (Oficina da lingua bretoa en galego) é un organismo creado o 1 de maio de 1999 para substituír ó Servizo da Lingua Bretoa que existía dentro do Instituto Cultural de Bretaña (Skol uhel ar Vro). Actualmente é unha institución pública coñecida como Ofis Publik ar Brezhoneg (Oficina pública da lingua bretoa).

Misión[editar | editar a fonte]

Un dos seus principais obxectivos consistiu en estudar de xeito científico os datos sociolingüísticos da lingua bretoa. Polo tanto, xogou o papel de observatorio da lingua bretoa (Arsellva an implijoù yezh), publicou os datos lingüísticos e asesorou no tocante á sinalización bilingüe, os nomes de lugares e os microtopónimos do catastro, para que foran revisados. Por último, dentro das súas obrigas debía axudar a particulares, administracións e empresas que quixeran empregar o bretón. Segundo datos de 1999, entre o 1 de xullo e 15 de setembro dese ano, 42 administracións, asociacións e empresas acudiron a este organismo en busca de asesoramento.

Promoción da lingua[editar | editar a fonte]

Ten participado na promoción de cursos de bretón para adultos. Segundo as súas publicacións, no primeiro ano asistiron unhas 9.3000 persoas ós cursos, xa sexa por correspondencia, en pasantías ou en clases nocturnas. Un total de 6.700 continuaron os cursos, dos que 1.200 eran da Alta Bretaña (zona onde case non se fala bretón e a lingua propia e o galó). En toda Bretaña, 165 organismos ofrecían clases nocturnas, ademais de 28 fóra de Bretaña, das que 15 se atopaban na rexión de París.

No 2003, a Ofis publicou un mapa de estradas de Bretaña en bretón no que se incluíu tamén o departamento do Loira Atlántico. Neste proxecto tamén colaborou o principal patrocinador da campaña, que foi Ya d'ar brezhoneg.

Financiamento[editar | editar a fonte]

Ofis ar Brezhoneg ten sede na vila de Karaez-Plougêr e nun principio constituíuse como unha asociación independente, presidida por Lena Louarn e que contaba cun orzamento dun millón de euros que maioritariamente proviñan do Consello Rexional de Bretaña. Porén, no 2004 o goberno rexional anunciou a súa vontade de modificar os estatutos para converter a organización nunha institución pública de cooperación cultural. Finalmente, o 17 de setembro de 2010 pasou a ser pública e pasou a chamarse Ofis Publik ar Brezhoneg.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]