Saefes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ofis»)
Mapa dos principais pobos ibéricos proto-históricos.

Os saefes (ou sefes,ou ofis, do grego όφις, de onde tamén Ophiussa, terra das serpes) foron un pobo da Idade de Ferro que habitou o sur de Galiza e Portugal e que, mesturándose cos oestrimnios, deu orixe ao pobo galaico. Esta teoría, defendida por Adolf Schulten e secundada por varios compoñentes da Xeración Nós, está actualmente case desbotada por completo por afirmar que a cultura galaica xurdiu como unha lenta evolución da poboación indíxena e non por mor de invasións de pobos centroeuropeos.

Orixe[editar | editar a fonte]

As tribos que na Idade de Bronce aparecen na rexión do río Rhin e Suíza pertencentes á Cultura dos Campos de Urnas, comezan a invadir o val do Ródano e ocupan o centro e sur da Galia, chegando á Península Ibérica arredor do 900 a.C. a través dos Pireneos.

A primeira referencia á súa presenza en Galiza achámola no poema de Rufo Festo Avieno, Ora maritima, (146 a 155) cando falando dos oestrimnios (loca et arva Oestrymnios habitantibus), narra como estes foron expulsados das súas terras por unha invasión de serpes:

Texto latino Texto en galego
Ophiussam ad usque. rursum ab huius litore
internum ad aequor, qua mare insinuare se
dixi ante terris, quodque Sardum nuncupant,
septem dierum tenditur pediti via.
Ophiussa porro tanta panditur latus
quantam iacere Pelopis audis insulam
Graiorum in agro. haec dicta primo Oestrymnis est
locos et arva Oestrymnicis habitantibus,
post multa serpens effugavit incolas
vacuamque glaebam nominis fecit sui.
Retrocedendo polo litoral de Ophiussa
cara dentro e plano, o mar insinuase[1]
e -coma contei antes- internase nas terras, ó que chaman Sardo[2],
empregándose sete días de marcha a pé.[3]
Ophiussa ten o morro tan para diante saído
canto escoitas que se deita a illa de Pélope[4]
en terras gregas. Esta terra primeiro chamada Oestrímnia
e Oestrímnicos os habitantes destes lugares e campos,
despois do castigo dos serpes puxéronse en fuga
baleirando esta terra ata do seu propio nome.

Chegada a Gallaecia[editar | editar a fonte]

Contra o 600 a.C., os saefes chegan ao convento bracarense ocupando as beiras do río Miño, zona que contaba cunha poboación aproximada de 275.000 habitantes. Nese momento, no que Oestrimnia pasa a ser chamada Ophiussa, comeza o desenvolvemento da metalurxia do ferro e os saefes comezan a mesturarse coa poboación indíxena dando lugar a diversas tribos e clans diferenciados que, segundo Plinio, mantiñan frecuentes loitas entre eles, producíndose un gran número de baixas por mor da elevada densidade de poboación.

Cultura[editar | editar a fonte]

Os saefes deben o seu nome aos romanos por teren a serpe como animal totémico, a cal representaba o seu poder guerreiro e o deus nacional. En Portugal vivían os Lubenos (Monção), os turodos e is nemetatos (Chaves e Braga), os luancos (Tras os Montes) e os coelernos (Beira Alta). Entre as tribos saefes galegas destacan os grovios, que habitaban unha zona que comprendía desde Tui ata a costa sur da ría de Arousa, os Narbasios (Ourense), os bibalos (Viana do Bolo), os límicos (A Limia) e os quarquernos (Baños de Bande).

O culto ofiolátrico dos saefes vén testemuñado polas representacións de serpes en varios castros de seu, como o de Baldoeiro en Trâs-os-Montes (Portugal), as do castro de Penalba, en Campo Lameiro, ou a serpe en posición heráldica do castro de Troña, en Ponteareas, habitado dende o século IV ao II a.C. (existen datacións con carbono-14).

Conta Estrabón que os celtas galaico-portugueses adoraban un deus anónimo ao que veneraban nas noites de plenilunio cantando diante das súas casas. Di, así mesmo, que eran grandes adiviños e que lera nos autores antigos que os celtas que poboaban Galiza eran ateos e adoraban as forzas da natureza.

Non obstante, autores romanos falan dun panteón galaico de máis de sesenta deuses, destacando dúas deidades supremas: Candiedo e Decertios, as dúas de carácter solar. Outros deuses eran Cariociecus ou Bodus (deus da guerra), Cosus, Aernus, Edovius (deus das augas termais de Caldas de Reis), Tameobrigus, Banduaetobrigus, Poemana (deusa adorada en Lugo) e Bandua, nome case idéntico a Bandia, a Dama Branca das mitoloxías indoeuropeas.

Este carácter indoeuropeo da cultura castrexa galega apréciase tamén nos motivos solares como trísceles, tetrásceles e esvásticas, destacando entre as representacións de esvásticas e tetrásceles os dos castros de Briteiros, Santa Trega e Troña, e o grupo de petróglifos de Portela da Laxe (no concello de Cerdedo-Cotobade).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Faise enseada ou ría
  2. Mar Sardum, sardo ou mar do Cardume, da xarda, da sardiña, co mesmo nome tamén o mar sardo de Sardeña.
  3. Percorrendo a costa pola terra, a Vía XIX per loca maritima.
  4. En grego antigo e moderno Πελοπόννησος / Pelopónnēsos, A illa de Pélope ou Pélops

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]