Octavio Gil Farrés
| Nome orixinal | Octavio César Gil Farrés |
|---|---|
| Biografía | |
| Nacemento | 22 de novembro de 1916. |
| Morte | 25 de outubro de 1992 (75 anos). Madrid. |
| Cargos | |
| Director en funcións do Museo Nacional de Etnoloxía | |
| Período | 1970-1982 |
| Datos persoais | |
| País de nacionalidade | |
| Educación | Universidade de Valencia. |
| Tese académica | Igrexas románicas en Sevilla. |
| Director de tese | Manuel Gómez Moreno. |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Historiografía, arqueoloxía, numismática. |
| Ocupación | numismático, arqueólogo |
| Empregador | Museo Arqueolóxico Nacional de España. Universidade de Madrid. |
| Membro de | Comisión Internacional de Numismática. Asociación Numismática Madrileña. |
| Familia | |
| Cónxuxe | M.ª Luisa Simón Ciancas. |
| Pais | Ramón Gil Miquel |
| Premios | |
| 1978: Premio Javier Conde Garriga (ANE). | |
| Descrito pola fonte | Diccionario Akal de Historiadores españoles contemporáneos (2002), (sec:Gil Farrés, Octabio, p.295-296) |
Lista
| |
Octavio César Gil Farrés, nado en Madrid o 22 de novembro de 1916 e finado na mesma cidade o 25 de outubro de 1992, foi un historiador, arqueólogo e numismático español, vinculado profesionalmente ao Museo Arqueolóxico Nacional.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Octavio Gil Farrés naceu en novembro de 1916 en Madrid,[1] fillo de Julita Farrés García e de Ramón Gil Miquel, tamén conservador do Museo Arqueolóxico Nacional (MAN).[2] A súa familia proviña de Barcelona e asentárase pouco antes en Madrid, a onde fora destinado o seu pai.[3]
Cursou os seus estudos universitarios de Filosofía e Letras na Universidade de Valencia,[1][3] e especializouse na sección de Historia. En datas posteriores chegou a elaborar unha tese de doutoramento, baixo a dirección de Manuel Gómez Moreno, titulada Igrexas románicas de Segovia. Malia concluír este traballo en 1949, non chegou a defendelo na Universidade.[2]
Carreira profesional e erudita
[editar | editar a fonte]Logo da súa etapa formativa, en 1944 ingresou por oposición no corpo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos, e inmediatamente foi nomeado director dos Museos de Mérida e Badaxoz, un cargo que exerceu de xeito efémero, xa que en 1945 acadou, mediante permuta, un posto na sección de Prehistoria e Historia Antiga do Museo Arqueolóxico Nacional, onde tomou posesión o 27 de febreiro.[3] Ao longo das décadas seguintes, Gil Farrés alternou a súa actividade no MAN entre a sección de Prehistoria e Historia Antiga e a de Numismática,[1][2] e xa a partir de 1982 foi nomeado conservador da Sección de Ibérico e Colonizacións, posto que mantivo ata a súa xubilación o 1 de xaneiro de 1985.[4][5]
A partir do seu ingreso no MAN, Gil Farrés participou en diversas escavacións arqueolóxicas e en 1947 foi nomeado colaborador na sección de Numismática do Instituto Diego Velázquez de Arte e Arqueoloxía, do CSIC. Tamén dentro do CSIC, Farrés colaborou co Instituto Antonio de Agustín de Numismática a partir da súa creación en 1951, e foi o secretario da súa revista, Numario Hispánico,[1] entre os anos 1952 e 1967, onde publicou boa parte dos seus traballos sobre numismática.[2] En 1956 pasou dous meses desenvolvendo un traballo no Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia grazas a unha bolsa formativa.[4][5]
O seu recoñecemento no terreo da numismática a nivel internacional produciuse a partir da súa elección en 1953 como secretario adxunto da Comisión Internacional de Numismática,[1] que se produciu no marco do Congreso Internacional de Numismática celebrado aquel ano en París.[6] Acompañábano no comité de dirección figuras tan eminentes como Jean Babelon na presidencia e C.H. V. Sutherland na vicepresidencia da Comisión. Gil Farrés ocupou a secretaría adxunta ata 1961.[2]
En 1955 acadou o primeiro premio no concurso numismático convocado pola Sociedade Iberoamericana de Estudos Numismáticos, co seu traballo "Estudo crítico das primitivas cuñaxes navarras e aragonesas",[7] publicado ese ano na revista Numisma.[4]
Paralelamente ao seu labor museístico, Gil Farrés exerceu tamén a docencia, como profesor de prácticas na cátedra de Numismática e Epigrafía da Universidade de Madrid. Igualmente, impartiu a materia de Numismática Medieval e Española na efémera Escola da Biblioteca Nacional,[1] desde 1953 ata 1961.[4][8]
Entre 1970 e 1982, abandonou temporalmente a súa vinculación ao MAN para ocupar, en comisión de servizos, a dirección do desaparecido Museo Nacional de Etnoloxía.[1][4][9]
Entre outras entidades académicas e sociedades eruditas, en 1965 Gil promoveu a creación e presidiu a Asociación Numismática Madrileña,[10] e foi elixido membro correspondente de entidades estranxeiras como Asociación dos Arqueólogos Portugueses ou a Sociedade Suíza de Numismática.[4]
En 1978 foi recoñecido pola Asociación Numismática Española co seu premio Javier Conde Garriga, pola publicación da segunda edición do seu libro Historia de la moneda española en 1976.[11]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Octavio Gil farrés estivo casado con M.ª Luisa Simón Ciancas, con quen non tivo descendencia.[3]
Gil finou en Madrid o 25 de outubro de 1992, aos 75 anos.[2][3]
Publicacións
[editar | editar a fonte]A obra de Gil Farrés supera o cento de referencias, entre artigos, libros, recensións bibliográficas, crónicas e informes arqueolóxicos etc. Tamén se ocupou da redacción de diversas entradas relacionadas coa prehistoria, a arqueoloxía e a numismática en enciclopedias como a publicada por Revista de Occidente ou a de Cultura Española.[12][13]
Escolma de monografías
[editar | editar a fonte]- (1959). Historia de la moneda española. Madrid [2ª ed. en 1976].
- (1966). La moneda hispánica en la Edad Antigua. Madrid
- (1974). Historia universal de la Moneda. Prensa Española, Madrid. ISBN 978-8428702744
- (1993). Introducción a la Numismática (con J. Pellicer). Asociación Numismática Española / Museo Casa de la Moneda, Barcelona/Madrid [2ª ed. 2001]. ISBN 9788493013431
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 5 6 7 Galán, E. "Octavio César Gil Farrés". Museo Arqueológico Nacional (MAN.es).
- 1 2 3 4 5 6 Alfaro Asins, C.; Otero, P. (1993): Páxina 131.
- 1 2 3 4 5 Galán Domingo, E. (2019). Páxina 641.
- 1 2 3 4 5 6 Alfaro Asins, C.; Otero, P. (1993). Páxina 132.
- 1 2 Galán Domingo, E. (2019). Páxinas 641-647.
- ↑ Galán Domingo, E. (2019). Páxina 643.
- ↑ Galán Domingo, E. (2019). Páxinas 643-644.
- ↑ Galán Domingo, E. (2019). Páxina 644.
- ↑ Galán Domingo, E. (2019). Páxinas 64-646.
- ↑ Galán Domingo, E. (2019). Páxina 645.
- ↑ "Ganadores del premio Javier Conde Garriga". Asociación Numismática Española (Numisane.org).
- ↑ Alfaro Asins, C.; Otero, P. (1993). Páxinas 132-134.
- ↑ "Publicaciones seleccionadas de Octavio Gil Farrés". En Galán Domingo, E. (2019). Páxinas 646-647.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alfaro Asins, C.; Otero, P. (1993). "In Memoriam Octavio Gil Farrés (1916-1992)" Arquivado 12 de febreiro de 2019 en Wayback Machine.". BMAN. 11. Páxinas 131-134.
- Galán Domingo, E. (2019). "Octavio César Gil Farrés (1916-1992)". En 150 años de una profesión: de anticuarios a conservadores. Ministerio de Cultura y Deporte, Madrid. Páxinas 640-648. ISBN 9789200145643