Octavian Iliescu
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 22 de agosto de 1919 Craiova, Oltenia, Romanía. |
| Morte | 24 de xuño de 2009 (89 anos) Bucarest, Romanía. |
| País de nacionalidade | |
| Educación | Universidade de Bucarest. |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Numismática, medallística, sixilografía. |
| Ocupación | numismático |
| Empregador | Instituto de Historia da República Popular de Romanía. Academia Romanesa Museo Nacional de Romanía. |
| Membro de | |
| Premios | |
| Oficial da Orde do Mérito Cultural (2003). | |
Octavian Iliescu, nado en Craiova, Oltenia central, o 22 de agosto de 2019 e finado en Bucarest o 24 de xuño de 2009, foi un destacado numismático romanés, dedicado tamén á medallística e á sixilografía.
Contribuíu decisivamente a aclarar o panorama das emisións monetarias dos estados medievais de Valaquia e Moldova. Descubriu e publicou numerosos tipos e variantes monetarias descoñecidos ata daquela.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Octavian Iliescu naceu o 22 de agosto de 1919 en Craiova, Romanía, o primeiro dos cinco fillos dunha familia vinculada á xudicatura.[1][2]
Cursou a súa educación primaria e secundaria en Balş e Craiova, e en 1938 ingresou na Facultade de Dereito da Universidade de Bucarest, onde se licenciou en 1942. Ata outono de 1944 serviu nas Forzas Armadas do seu país, entre outras unidades na escola de oficiais reservistas.[1][2]
Carreira profesional e académica
[editar | editar a fonte]Á volta á vida civil, Iliescu colexiouse en Ilfov e en Bucarest iniciou e iniciou unha curta carreira como avogado que se viu frustrada pola política do Partido Comunista Romanés, que o expulsou do colexio en 1950.[1][2]
Privado do exercicio da súa vocación, traballou transitoriamente como técnico no Servizo de Saneamento de Bucarest ocupándose do mantemento dos lagos da cidade, e de camiño decidiu dedicarse con máis profundidade ao ámbito dos estudos históricos, que marcarían un novo rumbo na súa traxectoria profesional. Iliescu era xa coñecido polos seus artigos sobre numismática antiga e da alta Idade Media romanesa, e pola súa participación nas actividades da Sociedade Numismática Romanesa —na que ingresara o 4 de decembro de 1938—,[2][3] onde presentaba relatorios e participaba en faladoiros. En 1951 foi contratado polo Instituto de Historia da República Popular de Romanía, primeiro como colaborador externo e logo, sucesivamente, como axudante e como investigador. O seu labor neste instituto levouno á vangarda dos estudos numismáticos do seu tempo e fixo que fose moi recoñecido tanto no seu país como no estranxeiro.[2][4]
De 1953 a 1954 traballou no Banco Estatal da República Popular de Romanía e, logo da disolución deste, no gabinete numismático da biblioteca da Academia Romanesa (1954-1978), onde primeiro colaborou co profesor Constantin Moisil, a quen xa coñecía da súa época de estudante, e finalmente sucedeuno na dirección do Gabinete en 1958.[2][3][5] Na Academia ocupou tamén, entre 1959 e 1978, o posto de xefe da Biblioteca Numismática. A súa intensa actividade editorial nesta época levouno a intensificar as súas relacións cos máis eminente arqueólogos, historiadores e conservadores de museos de Romanía e doutros países, e a manter correspondencia cos numismáticos máis prominentes do momento, como Tommaso Bertelè, David M. Metcalf, Philip Grierson, Cécile Morrisson ou Todor Gerasimov, que lle permitiron superar as barreiras burocráticas do «Pano de Aceiro» e as sospeitas do réxime comunista contra calquera contacto con estranxeiros.[2][4]
Os derradeiros anos da carreira de Octavian Iliescu en entidades institucionais, antes da súa xubilación en 1982, transcorreron vinculado ao Museo Nacional de Romanía, en cuxa apertura colaborou nos anos 1968 a 1971. A partir de 1990, levou a cabo novas investigacións para o Instituto de Historia «Nicolae Iorga» da Academia Romanesa.[2][3]
Os intereses científicos de Octavian Iliescu abrangueron todo o espectro da numismática, desde as primeiras emisións gregas, dácicas, celtas, romanas e bizantinas, ás cuñaxes romanesas, balcánicas e medievais occidentais, así como as islámicas, ata a numismática moderna e contemporánea. E as súas investigacións estendéronse tamén ao ámbito da medalla e a algunhas áreas relacionadas, como a heráldica, a sixilografía, a metroloxía e a glíptica. Con todo, a súa principal achega ao coñecemento numismático centrouse na moeda medieval romanesa (Moldova, Valaquia e Dobrudja), continuando, ampliando e modernizando os estudos iniciados en etapas anteriores por George Severeanu, Dimitrie A. Sturdza e Constantin Moisil.[2][3]
No ámbito editorial, Octavian Iliescu foi, durante décadas, membro do consello editorial de revistas especializadas como Studii şi Cercetări Numismatice ("Estudos e investigación numismática"), Buletinul Societății Numismatice Române ("Boletín da Sociedade Numismática Romanesa") ou Cercetări Numismatice ("Investigación numismática") e foi editor de diversos traballos conxuntos en materia numismática.[2][6]
Entre outras sociedades eruditas e académicas, ao longo da súa traxectoria Octavian Iliescu pertenceu, entre outros, á Federación Internacional da Medalla (1968-1977) e ao consello da Comisión Internacional de Numismática (1973-1986), que en 1991 o nomeou membro honorario. Tamén foi membro honorario da Royal Numismatic Society de Londres (1977) e membro correspondente da American Numismatic Society, de Nova York (1989).[2][7] Outras entidades ás que pertenceu foron a Sociedade de Estudos Orientais (1960), a Sociedade de Estudos Bizantinos (1984), a Sociedade de Estudos Clásicos (1970) e a Asociación de Científicos (1989).[2][8][9]
En decembro de 2008, en recoñecemento da súa dedicación á Sociedade Numismática Romanesa durante seis décadas, foi nomeado Presidente de Honra da institución.[3] En 2003 foi condecorado como oficial da Orde ao Mérito Cultural.[8]
Publicacións
[editar | editar a fonte]O número de relatorios pronunciados por Iliescu a partir de 1939 ascende a uns 300, e a cantidade de artigos e outras contribucións publicadas desde 1934, a arredor de 900,[2][3][10] sinaladamente sobre numismática, maios tamén sobre medallística, sixilografía, heráldica, metroloxía, glíptica, arqueoloxía, historia económica e sociopolítica, e xeografía histórica.[2][6][11]
O Museo Nacional de Historia de Romanía pon ao dispor dos interesados a consulta en liña de todos os escritos numismáticos de Iliescu, así como a súa correspondencia científica.[12]
Esta é unha escolma dalgúns dos traballos publicados por Octavian Iliescu ao longo da súa traxectoria:
Monografías
[editar | editar a fonte]- (1970). Moneda în România 491-1864. Ed. Meridiane, Bucarest.
- (1981). La Numismatique, source de l'histoire de l'art et de l'histoire des idées. Travaux présentés au XVe Congrès international des sciences historiques, Bucarest, 11 août 1980. Ed. Științifică și Enciclopedică, Bucarest.
- (2002). Istoria monetei în România (c. 1500 î.e.n. – 2000). Cronologie, bibliografie, glosar. Ed. Enciclopedică, Bucarest. ISBN 973-45-0408-8.
- (2008). Monetele lui Mircea cel Bătrân, Muzeul Brăilei. Ed. Istros, Brăila. ISBN 978-973-1871-14-1
Artigos
[editar | editar a fonte]- (1956). "Cu privire la problema realizării unui "corpus" al monedelor feudale românești". En Studii și materiale de istorie medie, 1. Páxinas 285-323.
- (1958). "Emisiuni monetare ale Țării Românești din secolele al XIV-lea și al XV-lea". En Studii și Cercetări de Numismatică, 2. Páxinas 303-344.
- (1964). "Emisiunile monetare ale Moldovei în timpul domniei lui Ștefan cel Mare". En Cultura moldovenească în timpul lui Ștefan cel Mare. Páxinas 181-234.
- (1975). "Ducații Țării Românești cu numele lui Basarab voievod". En Studii și Cercetări de Numismatică, 6. Páxinas 139-152.
- (1980). "Ducatul de argint emis de Basarab al II-lea". En Studii și Cercetări de Numismatică, 8.
- (1983-1985). "Ducați necunoscuți emiși de voievozi ai Țării Românești în secolul al XV-lea". En Buletinul Societății Numismatice Române., 77-78. Páxinas 257-289.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Oberländer-Târnoveanu, E. (2010). Páxina 52.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Oberländer-Târnoveanu, E. (2009).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Oberländer-Târnoveanu, E. (2010). Páxina 54.
- ↑ 4,0 4,1 Oberländer-Târnoveanu, E. (2010). Páxina 53.
- ↑ Iliescu, O. (1968). "Cabinetul numismatic". En Biblioteca Academiei Republicii Socialiste România 1867-1967. Cartea Centenarului. Bucurest. Páxinas 211-225.
- ↑ 6,0 6,1 Oberländer-Târnoveanu, E. (2010). Páxina 56.
- ↑ Oberländer-Târnoveanu, E. (2010). Páxinas 56-57.
- ↑ 8,0 8,1 Oberländer-Târnoveanu, E. (2010). Páxina 57.
- ↑ Oberländer-Târnoveanu, E. (2002). Páxina 15.
- ↑ "Arhiva documentara Octavian Iliescu". Numismaticaoctavianiliescu.ro
- ↑ Oberländer-Târnoveanu, E. (2002). Páxinas 12-14.
- ↑ "L’archive documentaire Octavian Iliescu". Spartokos a lu (spartokos.wordpress.com).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Oberländer-Târnoveanu, E. (2002). "Octavian Iliescu - 65 de ani de activitate ştiinţifică". En Cercetari Numismatice. Nº 8. Páxinas 9-16.
- Oberländer-Târnoveanu, E. (2009). "Octavian Iliescu.(22 august 1919-24 iunie 2009)". En Cercetari Numismatice. Nº 15. Páxinas 15-39.
- Oberländer-Târnoveanu, E. (2010). "Octavian Iliescu (1919-2009)". En Compte rendu. Nº 57. Commission Internationale de Numismatique. Páxinas 52-57.