O que arde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O que arde
O que arde.png
Logo do filme.
Ficha técnica
Título orixinalO que arde
DirectorÓliver Laxe
ProdutorAndrea Vázquez
Xavi Font
Andrea Queralt
Mani Mortazavi
GuiónSantiago Fillol
Óliver Laxe
IntérpretesAmador Arias
Benedicta Sánchez
MúsicaXavier Font
FotografíaMauro Herce[1]
MontaxeCristóbal Fernández
EstudioMiramemira
Kowalski Films
4 a 4 Productions
Tarantula Luxembourg
DistribuidoraNUMAX Distribución (España)
Pyramide Films (Francia)
EstreaCannes: 21 de maio de 2019[2]
Francia 4 de setembro de 2019
Galicia 11 de outubro de 2019
Duración85 minutos
OrixeGalicia Galicia
Flag of France.svg Francia
Luxemburgo Luxemburgo
XéneroDrama documental
Recadación246.729,22 € (aínda en cinemas)[3]

O que arde é un filme dramático galego de 2019 dirixido por Óliver Laxe e coescrito por Laxe e Santiago Fillol. Está ambientado na Galicia rural e aborda a problemática da desaparición do rural[4] e dos lumes forestais.[5] O elenco está composto por actores non profesionais[4] da zona da serra dos Ancares, e está protagonizado por Amador Arias no papel de Amador Coro, un pirómano que sae do cárcere logo de ser condenado como o responsable dun incendio, e Benedicta Sánchez no papel de Benedicta, a súa nai.

Estreouse na sección "Un Certain Regard" do Festival Internacional de Cinema de Cannes de 2019,[6] onde gañou o premio do Xurado,[7] sendo a terceira vez que un filme de Laxe participa no concurso do certame francés e a primeira que un filme en galego é proxectado na sección oficial.[8] É o segundo filme en galego máis visto da historia, con máis de 50.000 espectadores nos cinemas logo da súa estrea.[9]

Argumento[editar | editar a fonte]

Vídeos externos
"Trailer O QUE ARDE (Oliver Laxe, 2019)". YouTube. NUMAX. 

A historia desenvólvese nos Ancares lucenses e conta a historia de Amador Coro (interpretado por Amador Arias), un veciño pirómano que sae do cárcere e regresa á súa casa, coa súa nai Benedicta (intepretada por Benedicta Sánchez), a súa cadela Luna e as súas vacas. As súas vidas transcorren con normalidade no medio da natureza da súa aldea até que un día un lume arrasa a rexión.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Amador Arias como Amador Coro
  • Benedicta Sánchez como Benedicta
  • Elena Mar Fernández como Elena, a veterinaria
  • Inazio Abrao como Inazio
  • Iván Yáñez
  • David de Poso
  • Álvaro de Bazal

Produción[editar | editar a fonte]

En maio de 2017, logo de que Óliver Laxe recibise o Premio da Semana da Crítica de Cannes por Mimosas, deuse a coñecer cal sería o seu seguinte proxecto cinematográfico.[4] O filme está motivado polos moitos incendios ocorridos durante varios anos en Galicia.[10] Nas primeiras fases do proxecto, o filme recibiu o título provisional de "Aquilo que arde".[11] A idea orixinal era a de crear un falso documental sobre os incendios,[4] mais o proxecto evolucionou a un filme de ficción. Trátase dunha coprodución entre Galicia, Francia e Luxemburgo,[12] onde os incendios e a piromanía teñen unha grande importancia para o argumento e os personaxes, mais segundo o propio director é en realidade un filme sobre a desaparición do rural, que moitas veces é acelerado polos lumes.[4] O equipo de produción do filme comezou a buscar actores non profesionais en Navia de Suarna e escolleron a Amador Arias, garda forestal de profesión, e a Benedicta Sánchez, unha muller de 83 anos no momento da rodaxe, como protagonistas.[4]

Rodaxe[editar | editar a fonte]

O filme comezou a rodaxe en marzo de 2018, e entre as súas localizacións están varios lugares dos concellos lucenses de Cervantes e Navia de Suarna. O verán dese ano foi un dos que menos incendios sufriu na historia recente de Galicia,[13] en contraposición coa vaga de incendios forestais de 2017.

Para poder gravar preto do lume, o equipo de rodaxe tivo que recibir adestramento físico e teórico como bombeiros.[13] Acompañaron a bombeiros profesionais nas labores de extinción formando unha pequena unidade baixo a responsabilidade do xefe de brigada.[10] En ocasións, o equipo tivo que deixar de rodar para axudar a extinguir o lume. Todas as escenas dos incendios foron filmadas cunha cámara Super 16 e sen ningunha manipulación da imaxe, decidindo rodar moitas escenas durante a noite para salientar a "beleza" do incendio.[10]

Banda sonora[editar | editar a fonte]

Laxe emprega o son e a música para amplificar a agonía da natureza, cunha combinación de música clásica que substitúe a banda sonora tradicional. Empréganse composicións de Antonio Vivaldi, como o "Cum dederit" de Nisi Dominus,[14] salmo 126, interpretada por Sara Mingardo, ou composicións de Georg Friedrich Händel.[15]

Estrea[editar | editar a fonte]

O que arde tivo a súa estrea mundial na 72ª edición do Festival Internacional de Cinema de Cannes na sección oficial Un Certain Regard o 21 de maio de 2019,[16] onde gañou o premio do Xurado,[7] sendo a primeira vez que un filme en lingua galega é proxectado na sección oficial.[8] O filme estreouse nos cinemas de Francia en 54 salas de 21 cidades do país o 4 de setembro de 2019, baixo o título Viendra le Feu[17] e da man da distribuidora internacional Pyramide Films. Estreouse en versión orixinal en galego con subtítulos.[18]

En Galicia, tivo dúas preestreas. A primeira realizouse o 29 de setembro de 2019 na Praza da Vila de Navia, en Navia de Suarna.[19] A elección deste concello debeuse á orixe da familia do director, xa que a nai de Laxe é de Vilela,[13] da parroquia de Son, así como por ser lugar de rodaxe de parte do filme. A segunda preestrea fíxose o 1 de outubro de 2019 no Festival Curtocircuíto, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.[20]

Estreouse en 19 cinemas de toda Galicia o 11 de outubro de 2019 a través de NUMAX Distribución, nas sete cidades galegas e nas vilas de Carballo, Monforte de Lemos, Vilagarcía de Arousa, Viveiro, A Rúa, Verín, As Pontes, A Estrada e Caldas de Reis,[21] así como no resto do estado noutras 30 salas en versión orixinal con substítulos en castelán e catalán.[22] É un dos filmes galegos con máis estreas en cinemas comerciais da historia.[21]

O 12 de outubro de 2019, O que arde estreouse no Festival de Cinema de Nova York dentro da sección oficial.[4] Laxe non puido asistir á presentación por mor da negativa dos Estados Unidos a concederlle a ESTA, a autorización electrónica para viaxar a este país,[23] por ter visitado Irán en 2016.

Acollida[editar | editar a fonte]

Na primeira fin de semana logo da súa estrea en España, O que arde conseguiu máis de 11 000 espectadores en todo o estado,[24] e o 14 de outubro entrou no décimo posto dos dez filmes máis vistos ese día no estado.[25] Segundo a distribuidora do filme, NUMAX, foi a segunda mellor estrea dun filme independente da tempada.

Resposta da crítica[editar | editar a fonte]

O que arde recibiu a aclamación da crítica e na páxina web Rotten Tomatoes conta cun 95% de aprobación en base a 21 críticas.[26]

O crítico Thomas Baurez da revista francesa de cinema Première calificou o filme como "un filme incandescente e poderoso".[27] Nunha recensión para a revista de entretemento estadounidense The Hollywood Reporter, David Rooney chamouno "unha obra bela e melancólica, dunha sensibilidade penetrante".[28]

Galardóns e nomeamentos[editar | editar a fonte]

Benedicta Sánchez, foi recoñecida pola Xunta de Galicia no ano 2019 coa medalla Castelao pola súa aparición no filme.[29]

Festival de Cannes[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Resultado
2019 Premio do Xurado, sección "Un Certain Regard" Gañador

Festival de San Sebastián[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Resultado
2019 Film Commission Gañador

Ourense Film Festival[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Resultado
2019 Premio Galicia Gañador
Premio Especial do Xurado Gañador

Chicago Film Festival[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Resultado
2019
Mellor deseño de son Gañador[30]

Festival Internacional de Cinema de Tesalónica[editar | editar a fonte]

Ano Categoría Gañador  Resultado
2019 Mellor filme. Premio Alexandre de Ouro Óliver Laxe Gañador[31]
Mellor actor Amador Arias Gañador[31]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fotogramas (ed.). "‘O que arde’, una magistral sinfonía visual sobre el individuo" (en castelán). Consultado o 30 de setembro de 2019. 
  2. Loureda, Carlos (9 de maio de 2019). Fotogramas, ed. "The Screenings Guide 2019". Consultado o 9 de maio de 2019. 
  3. Catálogo ICAA (ed.). "Ficha da ICAA de O que arde". Consultado o 14 de novembro de 2019. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 S. Montes, Santiago (11 de outubro de 2019). Culturagalega.gal, ed. "Polo fume se sabe onde arde". Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  5. Salgado, Daniel (21 de maio de 2019). Sermos Galiza, ed. "Oliver Laxe estrea en Cannes a súa homenaxe ao rural galego". Consultado o 21 de maio de 2019. 
  6. Sermos Galiza, ed. (18 de abril de 2019). "“O Que Arde”, de Óliver Laxe, competirá na selección oficial de Cannes". Consultado o 21 de abril de 2019. 
  7. 7,0 7,1 Lodge, Guy (24 de maio de 2019). Variety, ed. "Brazil’s ‘Invisible Life of Eurídice Gusmão’ Wins Cannes Un Certain Regard Award". Consultado o 24 de maio de 2019. 
  8. 8,0 8,1 Mato, Mar (19 de abril de 2019). Faro de Vigo, ed. "Cannes proxectará por primeira vez un filme en galego: "O que arde", de Óliver Laxe". Consultado o 22 de abril de 2019. 
  9. Mato, Mar (31 de outubro de 2019). ""O que arde" disputa a "Sempre Xonxa" a medalla de ouro do filme en galego máis visto da historia". Faro de Vigo. Consultado o 2 de novembro de 2019. 
  10. 10,0 10,1 10,2 Strauss, Frédéric (4 de setembro de 2019). "Oliver Laxe (“Viendra le feu”) : “Le cinéma est capable de faire comprendre la douleur des incendies”". Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  11. Culturagalega.gal, ed. (3 de xaneiro de 2019). "O 2018 desde o mirador (II).Iolanda Casal, Paula Cabaleiro e Marta Pérez Pereiro repasan a ciencia, a arte e o audiovisual do ano que remata". Consultado o 3 de outubro de 2019. 
  12. IMDb (ed.). "O que arde en IMDb". Consultado o 19de outubro de 2019. 
  13. 13,0 13,1 13,2 Salvà, Nando (21 de maio de 2019). "Oliver Laxe: "Hacer una película tiene que doler"". El Periódico. Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  14. Fernández, Igor (10 de outubro de 2019). revistamutaciones.com, ed. "O que arde. Una naturaleza que protege y demanda ser protegida" (en castelán). Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  15. ecartelera.com, ed. (11 de outubro de 2019). "'Lo que arde': Un canto ardiente al cine más esencial". Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  16. "The Screenings Guide 2019". 9 de maio de 2019. Consultado o 9 de maio de 2019. 
  17. IMDb (ed.). "Release Dates O que arde". Consultado o 5 de setembro de 2019. 
  18. Praza.gal, ed. (4 de setembro de 2019). "'O que arde' estréase en Francia en galego e no dobre de salas que en España". Consultado o 5 de setembro de 2019. 
  19. "«O que arde» estréase o domingo en Navia de Suarna". La Voz de Galiacia. 28 de setembro de 2019. Consultado o 30 de setembro de 2019. 
  20. curtocircuito.org, ed. (22 de agosto de 2019). "Curtocircuíto acollerá a preestrea de 'O que arde' de Oliver Laxe". Consultado o 19 de outubro de 2019. 
  21. 21,0 21,1 "'O que arde' estréase en 19 salas galegas". Sermos Galiza. 10 de outubro de 2019. Consultado o 12 de outubro de 2019. 
  22. llengua.gencat.cat (ed.). "'‘Dia de pluja a Nova York' i 'O que arde' s'estrenen en català aquest divendres". Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  23. "EUA denegou a Oliver Laxe autorización para estar en Nova York na presentación de 'O que arde'". Sermos Galiza. 5 de outubro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  24. "11.000 espectadoras no Estado na primeira fin de semana de 'O que arde'". Sermos Galiza. 14 de outubro de 2019. Consultado o 15 de outubro de 2019. 
  25. @cSMoviesSpain (14 de outubro de 2019). "TOP 10 - 14 Octubre" (Tweet) – vía Twitter. 
  26. "Fire Will Come (2019)" (en inglés). Rotten Tomatoes. Consultado o 24 de outubro de 2019. 
  27. Baurez, Thomas (21 de maio de 2019). Première, ed. "Cannes 2019 : Viendra le feu, un film espagnol incandescent [critique]" (en francés). Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  28. The Hollywood Reporter, ed. (22 de maio de 2019). "'Fire Will Come' ('O que arde'): Film Review. Cannes 2019" (en inglés). Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  29. "A corguesa Benedicta Sánchez, distinguida coa Medalla Castelao". El Progreso. 6 de xuño de 2019. Consultado o 30 de setembro de 2019. 
  30. "'O que arde', Premio ao Mellor Deseño de Son no Chicago Film Festival". Sermos Galiza. 26 de outubro de 2019. Consultado o 28 de outubro de 2019. 
  31. 31,0 31,1 filmfestival.gr, ed. (10 de novembro de 2019). "60th TIFF: The Awards". Consultado o 11 de novembro de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]