O curioso incidente do can á media noite

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

o curioso incidente do can á media noite
Título orixinalThe Curious Incident of the Dog in the Night-Time
Autor/aMark Haddon
CubertaMark Haddon
OrixeInglaterra
Linguainglés
Xénero(s)Novela
EditorialFlag of the United Kingdom.svg Jonathan Cape
Galicia Rinoceronte Editora
Data de pub.Flag of the United Kingdom.svg 2003
Galicia 2008
Páxinas284
ISBNFlag of the United Kingdom.svg 9780099450259
Galicia 9788415920120
TraduciónMoisés Barcia

O curioso incidente do can á media noite é unha novela do escritor inglés Mark Haddon, escrita orixinalmente en lingua inglesa co título de The Curious Incident of the Dog in the Night-Time. A obra recibiu en 2003 o premio Libro do Ano Whitbread, en 2005 o premio ao Mellor primeiro libro para novos lectores e lectoras, e en 2004 o Premio para Escritores da Commonwealth como mellor primeiro libro. O título da novela é unha cita a un comentario feito polo detective de ficción Sherlock Holmes no conto Silver Blaze, de Arthur Conan Doyle. A novela foi traducida ao galego por Moisés Barcia e publicada en 2008 por Rinoceronte Editora[1]

A historia está escrita en primeira persoa por Christopher John Francis Boone, un mozo de 15 anos cun trastorno do espectro autista que vive en Swindon (Wiltshire). O trastorno de Christopher dentro do espectro do autismo non se determina de forma explícita, se ben a propaganda do libro indica que podería ser a síndrome de Asperger[2], o autismo de alto funcionamento ou a síndrome do savant.

Trama[editar | editar a fonte]

Christopher vive co seu pai en Swindon. Unha noite descobre o cadáver de Wellington, o can da súa veciña, atravesado por unha forca no xardín. A señora Shears, dona do can, chama á policía, que comeza a interrogar ao mozo. Christopher empeza a sentirse axitado por tantas preguntas, e un dos oficiais tenta agarralo dun brazo, o que provoca que o mozo lle golpee e lévano á comisaría ata que o seu pai o recolle. Christopher decide investigar o caso para resolver o misterio da morte de Wellington. Con todo, a súa investigación vese gravemente limitada polos seus temores e dificultades á hora de interpretar o mundo que o rodea. Durante a súa investigación, Christopher vese forzado a entrar en contacto con xente con quen nunca se relacionou, a pesar de que viven na súa mesma rúa.

Christopher leva un rexistro das súas experiencias nun libro, titulado O curioso incidente do can á media noite. Ed, o seu pai, descobre o libro e preocupado porque se poida meter en máis leas, confíscallo despois dunha breve pelexa entre os dous. O seu pai explicáralle a ausencia da súa nai dicindo que tivo un accidente e que no hospital faleceu por un ataque ao corazón que Christopher asume que é unha embolia. Porén, á procura do libro escondido Christopher descobre unha chea de cartas da súa nai dirixidas a el mesmo no armario do seu pai, datadas despois de que ela morrese. A xulgar polas cartas, Christopher chega á conclusión de que a súa nai está aínda viva e que o seu pai lle mentiu. Queda tan profundamente conmocionado por este feito que é incapaz de moverse, treme e axítase sobre a cama, vomita e xeme durante varias horas ata que o seu pai volve a casa. Ed dáse conta de que Christopher leu as cartas, e confésalle que mentiu acerca da morte de Judy, a súa nai, e tamén que foi el quen matou o can, deixándose levar pola súa ira despois dunha acalorada discusión coa señora Shears, xa que Ed lle pedira que vivisen xuntos e a Señora Shears rexeitouno.

Christopher, que perdeu toda a confianza no seu pai, e temendo que tamén poida tratar de matalo a el dado que xa matara antes a Wellington, decide escapar de casa e vivir coa súa nai. Guiado polo enderezo das cartas da súa nai, embárcase nunha viaxe de aventura a Londres coa súa mascota, a rata Toby, metida no peto. Tras unha longa e confusa viaxe, eludindo os policías que o estaban a buscar despois de que Ed chamase á policía denunciando a súa desaparición, e sentíndose enfermar pola inmensa información que recibe das multitudes e os carteis nos trens, Christopher finalmente atopa o camiño para atopar o domicilio da súa nai e o señor Shears, e queda fóra esperando ata que chegan a casa.

A súa nai, Judy, sente feliz pola súa chegada e trata de mantelo con ela, non pode crer que o seu ex-marido lle dixese ao rapaz que morrera, e decide permitir a Christopher que viva con ela e o Sr. Shears no seu pequeno apartamento, o que orixina un problema co Sr. Shears, que non quere que o raparigo viva con eles. Ademais, ao pouco de instalarse Christopher quere volver a Swindon para poder presentarse ao exame para facer o Bacharelato de matemáticas. A súa nai finalmente abandona o señor Shears, xa que a súa relación con el xa estaba aparentemente rota e cando chega Chistopher empeora, e múdase de volta a Swindon, onde aluga unha habitación. Despois dunha discusión co seu ex-marido, chegan ao acordo de permitir que el se reúna con Christopher a diario uns minutos.

Christopher segue tendo terror cara ao seu pai, e espera que sexa encarcerado polo asasinato de Wellington. A historia termina con Ed regalándolle a Christopher un can como mascota, xa que Toby, a súa rata, morrera, e prometéndolle que vai conseguir restablecer a confianza con Christopher aos poucos. Christopher aproba o seu exame coa máxima nota, e decide presentarse aos seguintes niveis, e ir á universidade, porque quere ser científico.

E sei que o podo facer porque fun a Londres eu só e porque resolvín o misterio de Quen matou a Wellington? e atopei a miña nai e fun valente e escribín un libro e iso significa que podo facer calquera cousa.

Protagonista[editar | editar a fonte]

Christopher Boone ten 15 anos e vai a unha escola para estudantes con necesidades especiais, un eufemismo que non lle gusta. Adora as matemáticas (sabe de memoria os números primos até o 7507), ten memoria fotográfica, é extremadamente observador e é patoloxicamente incapaz de dicir mentiras. Con todo ten dificultades para entender o comportamento humano, as expresións e as relacións.

Christopher ten moitos trazos que o diferencian dos demais debido á súa percepción da vida. É incapaz de recoñecer e comprender as expresións faciais, á parte das de felicidade e tristura porque llas explicaron, e ten dificultades para entender as metáforas e os chistes. Gústanlle as informacións concretas, as listas e os feitos, ten medo dos estraños e dos lugares descoñecidos, e o seu soño favorito é aquel en o que toda a xente "normal" (aqueles que non son como el) están mortos e el ten liberdade de ser como é sen xente que o moleste. Ademais disto, é moi sensible á información e aos estímulos. Por esta razón grita e reacciona con violencia cando a xente o toca. Para protexerse do exceso de ruído e de información fai un nobelo e rosma. Ten unha relación agradable con Siobhan, a terapeuta do seu colexio.

Christopher odia a cor amarela e o marrón, mentres que lle encanta o vermello. Isto lévao a utilizar colorantes vermellos para a comida marrón e amarela. Tampouco pode comer dous tipos diferentes de comida se se tocan no prato e ademais considera que ver 3, 4 ou 5 coches vermellos seguidos augura que terá un día bo, moi bo, ou súper bo. En cambio se ve 4 coches amarelos significa que terá un día negro, e entón non come o seu xantar e non fala con ninguén. Non lle gusta consumir comida de sitios estraños nin que se cambien de posición os mobles.

Narración[editar | editar a fonte]

A obra está escrita en primeira persoa. O texto está acompañado de planos, smileys ou mesmo problemas matemáticos. A acción desenvólvese en Swindon, unha vila do suroeste de Inglaterra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha do libro na web da editorial.
  2. Guía de lectura de Rinoceronte Editora.