O Areal, Vigo, Vigo
O Areal é un barrio urbano da cidade de Vigo, localizado na parroquia de Santiago de Vigo. Recibe dita denominación por acoller, antes dos recheos de ampliación do porto de Vigo, un areal en forma de media lúa.
Historia
[editar | editar a fonte]
O barrio do Areal, a diferenza do uso residencial actual, comezou sendo un barrio industrial e manufactureiro. Durando o século XVIII, varias familias catalás, principalmente de Barcelona e sobre todo da Costa Brava (Xirona), mudáronse á cidade, onde instalaron diferentes fábricas de salgado.[1] Estímase que chegaron á cidade uns 15 000 cataláns. Por este motivo, o barrio coñeceuse durante varias décadas coma Barrio dos cataláns.[2] Tamén recibiu outras denominacións, como Areal das Monxas; e a rúa homónima tivo tamén outros nomes coma Sagasta, Nicolás Salmerón ou Felipe Sánchez.[3]
Esta inmigración catalá asentouse eminentemente no barrio, no que non só contruíron ás salazóns e factorías, senón que estableceron alí os seus domicilios e locais comerciais. O barrio comezou a medrar ao leste da contorna amurallada da cidade vella, conformándose coma un dos arrabaldes litorais xunto co barrio do Berbés. O Areal, denominado deste xeito pola presenza dunha longa praia areosa, de fondeo doado e fácil acceso para as embarcacións que comercializaban co peixe, especialmente sardiñas. A chegada de familias catalás, coñecidas popularmente como fomentadores ou promotores, trouxo consigo unha serie de cambios industriais e sociolóxicos na contorna: a xávega, unha rede de arrastre de orixe árabe de entre 300 e 600 metros; as novas técnicas de salazón mediterráneas, como a salmoira; ou as traíñas, unhas redes voluminosas que precisaban grandes embarcacións de remo para a súa utilización.[4]
Un dos primeiros empresarios ou fomentadores que arribaron á cidade foi Buenaventura Marcó del Pont no século XVIII, e posteriormente chegaron outros como Miguel Buch, Dalmau, Ferrer, Solá, José Roura i Sala, Vicente Fábregas, Juan Escofet, Zenón Curbera, Ignacio Raich ou Miguel Safons.[5]
O barrio desenvolveuse de xeito lineal, cunha rúa principal longa que percorría o litoral.
Co paso dos anos, as fábricas de salgadura mudaron a factorías conserveiras e outras auxiliares.
En 1853 produciuse o primeiro recheo dunha pequena zona do areal, onde hoxe se atopa a primeira fila de edificios.[6] Desde entón producíronse novos recheos cara a Laxe e outras localizacións do litoral vigués, até que xa na déxada de 1930 se produciu o segundo gran recheo do Areal, que supuxo a desaparición da praia. Finalmente, a dársena de Guixar terminouse en 1964, e en 1988 completouse o recheo do litoral, co que se avanzou 400 metros cara ao mar e se gañaron 150 000 metros cadrados de área.[7]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rivas García, Manuel. O pensamento ilustrado na Galiza do XVIII. Universidade de Santiago de Compostela. p. 189.
- ↑ "Barrio de los catalanes.". Vigo Hoxe. Consultado o 13 de abril de 2025.
- ↑ "Del barrio de los catalanes al Areal das Monxas.". Faro de Vigo. Consultado o 13 de abril de 2025.
- ↑ González Fernández, Juan Miguel (2018). "Los industriales catalanes en Vigo en los siglos XVIII-XIX.". Glaucopis: Boletín del Instituto de Estudios Vigueses. (23): 213–254. ISSN 2254-9749.
- ↑ "El Arenal en el siglo XIX.". Vigopedia. Consultado o 13 de abril de 2025.
- ↑ Lamas, Jorge. "Vigo se cimienta sobre el mar.". La Voz de Galicia. Consultado o 13 de abril de 2025.
- ↑ Garrido Rodríguez, Jaime (2001). Puerto de Vigo. Síntesis histórica. Vigo : Autoridad Portuaria. ISBN 84-87887-53-8.