OINK!

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

OINK!
TipoHistorieta, humor gráfico, didáctica, literatura infantil
Nº de páxinas48
Cor4 cores (a toda cor)
Fundación2013
Remata2014
Empresa editoraAgalip S.L.
DirectorMarcos Ferreira
EditorialGalicia Ed. S. L.
EditorAna López
Editor asociadoKiko da Silva
ColaboradoresMarilar Aleixandre, Silvia López, Jorge del Oro, Montse Rego
IlustradoresFernando Iglesias, Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Miguel Porto
LinguaGalego
LocalidadeSantiago de Compostela
ÁmbitoGaliza
PeriodicidadeMensual
Prezo3
editar datos en Wikidata ]

A revista OINK! foi unha publicación en lingua galega nada en 2013, da que saíron ao mercado cinco números mensuais a un custe de 3 euros. A editora foi a empresa Agalip, de Bertamiráns, con licenza da Televisión de Galicia, estaba dirixida a nenos dos seis aos quince anos, e os contidos baseados no programa Xabarín Club. O 10 de agosto de 2013 foi presentada no salón de banda deseñada Viñetas desde o Atlántico, na carpa dos xardíns de Méndez Núñez na Coruña, asistindo Marcos Ferreira Sanmamed, responsábel da publicación; Rosa Vilas, directora xerente da TVG; Yolanda Sánchez, editora xefa da publicación, e Kiko da Silva, responsábel da banda deseñada. Logo foi presentada tamén no Culturgal dese ano.

Colaboradores[editar | editar a fonte]

Miguelanxo Prado, autor das capas e contidos interiores, na época da revista

Na iniciativa participaron escritores e autores de banda deseñada como Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Miguel Porto, Fran Bueno, Marilar Aleixandre, Kohell, Victor Rivas, Pinto & Chinto, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, e Andrés Meixide entre outros. Miguelanxo Prado foi o autor da capa, ademais de ilustracións interiores.[1] Varios dos autores participaran tamén na revista Golfiño, unha incursión previa do Xabarín na banda deseñada. A revista estaba dirixida por Marcos Ferreira Sanmamed, sendo a redactora xefa da revista Yolanda Sánchez Fidalgo, Ana López López como editora, María Villasó en corrección de contidos; o seu consello de redacción estaba formado por Fátima García Doval e Lucia Castro Díaz. A maquetación facíana Heitor Real Arregui e Oscar Seijas. Colaboraban Silvia López Gómez na sección "Pasatempos" e Jorge del Oro e Montse Rego na sección "Fedellando".

Contidos[editar | editar a fonte]

Presentada cun obxectivo de entretemento alternativo á cultura dos superheroes, con fins didácticos e perspectiva galega e universal. Tamén pretendía recuperar o espírito do Xabarín Club e impulsar novas bandas musicais.

"Nun tempo en que todo o dirixido á rapazada pasa polas factorías das grandes marcas. Cando todo o que se pensa para nenas ten forma de princesa rosa e para nenos forma de superheroe. Agora que os libros, as películas, a roupa e mesmo os iogures están inzados cheos dos mesmos personaxes infantís co único obxectivo de vender, nace algo diferente. Todos eles e elas alimentarán unha revista divertida, dinámica e, aínda que non o noten, educativa. queremos lembrar o que moitas veces esquecemos: os nenos e nenas son capaces de pensar, imaxinar, idear e deseñar cousas incribles. Só fai falla tratalos coma persoas que son e darlles os recursos que precisan para sacar todo ese potencial. Dende Galicia ollaremos para todo o planeta, veremos que acontece en lugares moi distantes, pero tamén pescudaremos a nosa terra. Queremos que a mirada local lles demostre que moi preto deles hai cousas incribles que paga a pena descubrir".[2]

Alén dos novos contidos, recuperáronse personaxes da revista Golfiño, como Fiz de Kiko da Silva, Os Escachapedras, de Marilar Alexandre e Fran Bueno e continuaron outras series.

Número 0[editar | editar a fonte]

Ficha de número e detalle do contido en Tebeosfera:[3] Revista con capa e contracapa a cor, encadernación con grampas e 48 páxinas interiores a cor e encadernación. "Territorio OINK!", presentado por Xabarin, a través dunha ilustración de Miguelanxo Prado, contidos lúdicos e didácticos, e historietas de "As viaxes de Iria", "Os Escachapedras", "Fiz", "Bup & Tap", "Tulpa", "O subterráneo verde do Prof. Sartán", "Legendë", "Mouchos, Catuxas, Sapos e Bruxas", "Tito Longueirón" etc.

Número 1[editar | editar a fonte]

Ficha de número e detalle do contido en Tebeosfera:[4] "Territorio OINK!" con ilustración de Miguelanxo Prado, na que se mostraba o seu personaxe facendo un grafiti (tema dun dos apartados deste número); apartados lúdico, divulgativo e didáctico, coas seccións "Satélite Xabarín", "Pensatempos", "andas na onda?" (Operación Rescate no océano), "A memoria, a Biblioteca dos Recordos" presentada por un dos personaxes da serie de debuxos animados Era unha vez... da produtora Procidis; "Imaxe do mes", bandas deseñadas de varios autores como Pinto & Chinto, Miguel Robledo, e a sección "Aprende a debuxar cómics con Fiz", de Kiko da Silva.

Número 2[editar | editar a fonte]

Ficha de número e detalle do contido en Tebeosfera.[5] Número adicado ao Samaín, coas seccións e colaboradores habituais, ademais de ilustracións de nenos gañadores do concurso "Ollo ao tesouro" do número anterior e da sección "Hai alguén aí?", con preguntas dos rapaces como "E para que serve o embigo?", "Por que os mosquitos lles pican a uns e a outros non?", "Como se fan as teas de araña?" ou "Porque teño cera nas orellas?".

Número 3[editar | editar a fonte]

Ficha de número e detalle do contido en Tebeosfera.[6] Número adicado ao outono, coas seccións e series de BD habituais, e unha sección con descrición de obras que serían representadas en Ourense, como O soldadiño de chumbo (teatro), O Kikirixote, aventuras e desventuras dun galo de curral (monicreques), O príncipe e o parrulo, Ilusionante (ilusionismo), O señor das Dunas (teatro), Don Gelati no teatro (teatro), Amadú (teatro), A historia do Apalpador (monicreques), La vuelta al mundo (teatro).

Número 4[editar | editar a fonte]

Ficha de número e detalle do contido en Tebeosfera.[7] Número adicado ao Nadal, coas series e seccións habituais, e "Novo no cortello!" na que se ofrecía unha mostra de novidades de libros infantís e xuvenís, ilustrados e de banda deseñada, videoxogos, aplicacións para móbiles, e estreas de cine dirixidas á mocidade; unha pequena recensión de cada un, incluíndo o nome da editorial e os seus autores principais, prezo e a idade recomendada etc.

Problemas para a continuidade[editar | editar a fonte]

En xaneiro do 2014, coincidindo coa publicación do quinto número, iniciaron a campaña de mecenado OINK! unha revista para a rapazada galega en Verkami, aínda que en marzo só acadaran uns 8.000 dos 36.000 € que precisaban para continuaren o proxecto.[8][9]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]