Nova Constellatio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Moeda de cobre de 5 unidades (medio cent) da serie Nova Constellatio.[1]

As moedas da serie coñecida como Nova Constellatio son a primeira proposta para a dotación dun sistema monetario baixo a autoridade dos Estados Unidos, no inicio do ano 1783. A serie abrangue tres valores faciais en prata (1.000 unidades, 500 unidades e 100 unidades) e un único valor en cobre (5 unidades).

A característica que lles dá o nome é que todas elas locen a lenda NOVA CONSTELLATIO nos seus reversos, coa excepción dun exemplar coñecido de 500 unidades, que carece dela, aínda que responde á mesma tipoloxía.

Historia[editar | editar a fonte]

Retrato do financeiro Robert Morris (1734-1806) a cargo de Robert Edge Pine. Óleo sobre lenzo (ca. 1785).

A serie de probas monetarias Nova Constellatio foi o resultado de dous anos de traballos de Robert Morris,[2] o Pai Fundador a quen se lle atribúe o financiamento da Guerra de Independencia.[3] Morris foi elixido por unanimidade primeiro Superintendente de Finanzas dos Estados Unidos en 1781,[4] e o 21 de febreiro do ano seguinte o Congreso adoptou a seguinte resolución:[5]

O Congreso aproba a creación dunha nova Casa da Moeda, e encárgaselle ao Superintendente de Finanzas que prepare e presente ao Congreso un plan para o establecemento e a condución desa casa.

O plan do financeiro, elaborado xunto co seu asistente, Gouverneur Morris,[6] era ambicioso: tratábase de unir a nova nación arredor dunha unidade monetaria que permitise unha doada conversión das moedas británicas, españolas, portuguesas e asiáticas que circulaban por aquel territorio.[7] Esta idea supuña unha gran novidade, xa que a proposta de Morris suporía o primeiro sistema monetario en Europa Occidental e América baseado no sistema decimal.[8]

Por mor da precaria situación financeira do novo Goberno, o Congreso non aplicou plan deseñado por Morris. No entanto, a innovación da decimalización non pasou desapercibida para dous dos Pais Fundadores, que examinaron os modelos das moedas propostas por Morris; estes eran Alexander Hamilton e Thomas Jefferson, os principais impulsores do dólar estadounidense, que se converteron en defensores do sistema decimal logo da análise das propostas de Morris.[9][10]

Durante o tempo en que Thomas Jefferson manexou estes ensaios monetarios da serie Nova Constellatio para o seu estudo, redactou un informe titulado "Notas sobre o establecemento dunha unidade monetaria e dun sistema de cuñaxe de moedas para os Estados Unidos", no que concluíu:[11]

O financeiro, no seu informe, propón, xa que logo, que as nosas moedas sexan en proporcións decimais unhas en relación coas outras. Se adoptamos o dólar como unidade, deberiamos cuñar catro moedas, unha de ouro, dúas de prata e unha de cobre, a saber: unha moeda de ouro, co valor de dez dólares; a unidade ou o dólar propiamente dito, en prata; o décimo de dólar, en prata tamén; e o céntimo de dólar, en cobre.

Esta é a primeira descrición escrita do sistema monetario que finalmente se adoptou nos Estados Unidos, o que ilustra claramente a importancia histórica dos modelos propostos por Morris.[8]

Deseños[editar | editar a fonte]

Moeda de 100 unidades (10 cents) da serie Nova Constellatio.[12]
Moeda de 500 unidades (medio dólar) da serie Nova Constellatio.[13]
Moeda de 1.000 unidades (un dólar) da serie Nova Constellatio.[14]

Esta serie de ensaios monetarios ten un anverso común caracterizado por unha coroa vexetal que rodea as inciacis do país (US) e a abreviatura do valor facial. Rodeando esta coroa polo seu exterior está a lenda LIBERTAS JUSTICIA ("Liberdade Xustiza") e no exergo a data 1783.[15]

Pola súa banda, os reversos destas moedas presentan uns raios que emanan do Ollo da Providencia e nos seus finais unha constelación de trece estrelas, tal e como ocorría nos billetes "continentais" de 40 dólares na emisión do 11 de abril de 1778, todo isto rodeado pola lenda en latín NOVA CONSTELLATIO.[15]

Estes motivos serviron tamén para algunhas emisións privadas de moeda (tokens) de cobre datadas en 1783, en 1785 e, moi escasamente, en 1786.[16][17]

Consérvase moi pouca documentación acerca destes cobres privados baseados no modelo de Morris, e as escasas referencias da época amosan discordancias entre elas, que afectan mesmo á orde das palabras na inscrición do reverso: NOVA CONSTELLATIO ou CONSTELLATIO NOVA. A este respecto, en 1974, Walter Breen suxeriu como orde correcta para esta lenda CONSTELLATIO NOVA.[18]

Valores faciais da serie[editar | editar a fonte]

Existen rexistros de sete moedas correspondentes aos modelos de Morris:

  1. Unha única peza en prata de valor facial non determinado entregada a Morris o 2 de abril de 1783. Ao recibila, Morris escribiu no seu diario: "Enviei a buscar ao señor Dudley, quen me entregou unha peza de prata que é a primeira que se cuñou como moeda americana".[2] En 2017, David McCarthy descubriu que se trata dunha peza de 500 unidades sen inscrición no reverso.[19]
  2. Un grupo de moedas de prata que abrangue a de 1.000 unidades, a de 500 unidades e tres variantes da de 100 unidades. Estas pezas foron cuñadas despois da visita de Alexander Hamilton ao Tesouro que deu lugar a unha correspondencia entre Morris e Hamilton na que figura como asunto On the Subject of the Coin ("Sobre o tema da moeda"), a partir da cal se tomou a decisión de cuñar un grupo de pezas para presentar no congreso.[2] Estes exemplares enviáronselle de camiño a Thomas Jefferson, que redactou as súas "Notas sobre o establecemento dunha unidade monetaria e sun sistema de cuñaxe para os Estados Unidos" a partir do exame do xogo. Jefferson rexistrou o valor facial deste conxunto como 1,8 dólares ou, o que é o mesmo, 1.800 unidades,[11] do que se desprende que a súa composición era a seguinte: unha peza de 1.000 unidades, outra de 500 unidades e tres de 100 unidades. Esta distribución correspóndese exactamente cos exemplares de prata coñecidos que levan a lenda NOVA CONSTELLATIO.[10]
  3. Unha peza de cinco unidades coa lenda NOVA CONSTELLATIO, que foi enviada a Londres antes de que Jefferson recibise o conxunto.[2]

Rastrexabilidade dos exemplares[editar | editar a fonte]

Logo de seren devoltas ao Congreso, as moedas acabaron dispersadas. A mediados da década de 1840, unha peza de 1.000 unidades e a de 500 unidades do conxunto que portaba a lenda NOVA CONSTELLATIO foron descubertas por un descendente do antigo secretario do Congreso Charles Charles Thomson.[20]

Peza única coñecida con valor de 500 unidades carente da lenda NOVA CONSTELLATIO. En 2017 demostrouse que foi cuñada antes do grupo que foi presentado ao Congreso dos EEUU.[21][22]

Pasaron outros vinte e cinco anos antes de que aparecese outra das moedas de Morris. Tratábase dun segundo exemplar de 500 unidades en prata, descuberto en 1870, mais este espécime non levaba a lenda NOVA CONSTELLATIO. Os coleccionistas deron en chamar este modelo como "tipo 2", xa que o seu deseño difería do da moeda de 500 unidades do Congreso.[8][22] En 2017 chegouse á demostración pericial de que este exemplar fora cuñado antes do conxunto que foi enviado ao Congreso.[23]

En 1900 acháronse dous tipos de moedas de 100 unidades, ambos coa inscrición NOVA CONSTELLATIO, mais un deles co canto liso e outro con follas de oliveira gravadas. En 1979 apareceu en Europa a moeda de 5 unidades, que tamén presenta a lenda.[8] A última peza que saíu á luz, un terceiro exemplar de 100 unidades, foi nunha poxa pública da casa Stack's en 1991; coñécese pouco sobre a súa proveniencia, e é a única peza que non está certificada por un servizo de certificación.[24][25]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "5 Units "Nova Constellatio"". Numista.com
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Ferguson, J. et al. (1973-1999). The Papers of Robert Morris. Vol. 7. University of Pittsburgh Press. Páxinas 740-743.
  3. Cowen, D. J. (2006). Financial founding fathers: the men who made America rich. University of Chicago Press. Páxinas 193-194. ISBN 0-226-91068-7
  4. Thomas, G. E. (2010). The Philadelphia Stock Exchange and the city it made. University of Pennsylvania Press. Páxina 19. ISBN 978-0-8122-4224-9
  5. Journals of the Continental Congress. Volume 22. Páxinas 86-87.
  6. Carothers, N. (1930). Páxina 49.
  7. Carothers, N. (1930). Páxinas 46-49.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 McCarthy, D. "Nova Constellatio patterns among earliest U.S. coins". En Coin World. 4 de xullo de 2015.
  9. "Nova Constellatio: The First American Coin". American Numismatic Association.
  10. 10,0 10,1 McCarthy, D. (2017). "Nova Constellatio: Identifying the First US Coin". En The Numismatist. Agosto.
  11. 11,0 11,1 Jefferson, T. (1784). Notes on the establisment [sic] of a money unit and of a coinage for the United States. Verlag nicht ermittelbar.
  12. "100 Units "Nova Constellatio"". Numista.com
  13. "500 Units "Nova Constellatio"". Numista.com
  14. "Nova Constellatio Pattern "Silver Mark 1000"". Numista.com
  15. 15,0 15,1 "Nova Constellatio". Numista.com
  16. Newman, E. P. (1995). "New Thoughts on the Nova Constellatio Private Copper Coinage". En Mossman, P. (1995). Coinage of the American Confederation Period. American Numismatic Society. ISBN 978-0897222631
  17. Algúns exemplos: token de 1783, token de 1785. Numista.com
  18. Hodder, M. J. (1994). "More on Benjamin Dudley, Public Copper, Constellatio Nova's and Fugio Cents". En The Colonial Newsletter. Xuño. Páxinas 193-196.
  19. Gilkes, P. (2017). "Researcher concludes 1783 Plain Obverse quint is first U.S. coin". En Coin World. 28 de xullo.
  20. Crosby, S. (1875). The Early Coins of America; and the Laws Governing Their Issue. Páxina 311.
  21. "First U.S. coin identified by McCarthy". En Numismatic News. 4 de agosto de 2017.
  22. 22,0 22,1 "Quint - Nova Constellatio Pattern; Type II". Numista.com
  23. "First U.S. coin identified by McCarthy". En Numismatic News. 4 de agosto de 2017.
  24. "United States and Foreign Gold, Silver and Copper Coins: Featuring the Richard Picker, Eugene B. Benedict and Rising Collections". Stack's. Maio de 1991.
  25. Spurrier, L. "Lost & Found: The Nova Constellatio Set".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carothers, N. (1930). Fractional Money, A History of the Small Coins and Fractional Paper Currency of The United States. John Wiley & Sons.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]