Saltar ao contido

Notholithocarpus densiflorus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Notholithocarpus densiflorus

Follaxe de Notholithocarpus densiflorus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Hamamelidae
Orde: Fagales
Familia: Fagaceae
Xénero: Notholithocarpus
Manos, Cannon & S.H.Oh, 2008
Especie: N. densiflorus
Nome binomial
Notholithocarpus densiflorus
(Hook. & Arn.) Manos, Cannon & S.H.Oh, 2008
Sinonimia
Véxase o texto
Área de distribución de N. densiflorus
Landras de Notholithocarpus densiflorus

Notholithocarpus densiflorus é unha árbore de perennifolia da familia das fagáceas.

Orixinaria do oeste dos Estados Unidos, encóntrase en California, e no suroeste de Oregón, ao leste da Serra Nevada.

Esta especie foi reclasificada recentemente nun novo xénero, Notholithocarpus (desde Lithocarpus), xa que recentes estudos xenéticos do xénero Lithocarpus suxerían que esta especie norteamericana estaba moi distanciada das especies asiáticas de Lithocarpus, e que podía ser transferida ao seu propio xénero.[2] O que de feito fixeron Manos, Cannon e Oh, en 2008, en que, baseándose en múltiples evidencias, crearon o novo xénero Notholithocarpus, que está máis estreitamente relacionado cos carballos temperados do norte, do xénero Quercus, e non tanto cos carballos de pedra tropicais asiáticos, o que semella que se trata dun exemplo de evolución morfolóxica converxente.[3]

Características

[editar | editar a fonte]

As principais características desta árbore son:[4][5]

Pode alcanzar até os 40 m de altura nas franxas costeiras de California (aínda que normalmenmete a súa alura oscila entre os 15 e os 25 m), e o diámetro do tronco mide entre os 60 e os 190 cm.

As súas follas son alternas, de 7 a 15 cm de longo, con marxes dentadas e textura dura, coriácae, e persisten entre tres e catro anos. Ao principio están cubertas de densos pelos de cor laranxa a ambos os dous lados do limbo, pero os da superficie superior (cara) pronto se desgastan; os que están baixo a superficie (revés) persisten máis, pero co tempo tamén se gastan.

A semente é unha landra de 2 a 3 cm de lonxitude e 2 cm de diámetro, moi semellante a unha landra de carballo, pero cunha casca moi dura, máis parecida á dunha abelá.

A landra está situda nunha cúpula durante a súa maduración de 18 meses; a superficie exterior da cúpula é rugosa e está cuberta de espiñas curtas. As sementes medran en grupos duns poucos elementos nunha soa poliña.

Estas landras son moi amargas, e non son comestíbeis para as persoas sen lixiviación extensa, aínda que os esquíos cómenas.

Notholithocarpus densiflorus é unha das especies máis seriamente afectadas pola chamada "morte repentina do carballo", provocada polo protista Phytophthora ramorum, rexistrándose unha alta mortalidade en gran parte da área de distribución da especie.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Tanto o xénero como a especie foron descritos en 2008 por Paul S. Manos, Charles H. Cannon e Sang-Hun Oh, nun traballo punlicado en Madroño 55 (3): 181–190.[3]

Etimoloxías

[editar | editar a fonte]

O nome do xénero está formado polo elemento do latín científico notho-, derviado do grego antigo νόθος nóthos, "bastardo", "ilexítimo",[6] coa adición do nome do xénero Lithocarpus, para sinalar que, aínda que parecido, no é semellante.

O epíteto específico, densiflorus, é un termo do latín científico formado pola unión dos elementos densi- e -florus, tirados, rspectivamente, das voces do latín clásico densus, "denso", "mesto", e flos, floris, "flor".[7] Literalmente, "o de flores mestas, apertadas".

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actual, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[8]

  • Quercus densiflora Hook. & Arn. (protónimo)
  • Pasania densiflora (Hook. & Arn.) Oerst.
  • Lithocarpus densiflorus (Hook. & Arn.) Rehder
  • Synaedrys densiflora (Hook. & Arn.) Koidz.

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), Notholithocarpus densiflorus é unha árbore común nos estados de California e Oregón, nos que ocupa un amplo abano xeográfico, e non presenta ameazas importantes, polo que cualifica o seu status como LC (pouco preocupante).[1]

  1. 1,0 1,1 Stritch, L. (2018): Notholithocarpus densiflorus na Lista vermella da UICN. Versión 2020-1. Consultada o 7 de xullo de 2020.
  2. Paul S. Manos, Zhe-Kun Zhou & Charles H. Cannon (2001): "Systematics of Fagaceae: Phylogenetic tests ofreproductive trait evolution". Int. J. Plant Sci. 162 (6): 1361–1379.
  3. 3,0 3,1 Manos, Paul S.; Cannon, Charles H.; Oh, Sang-Hun (2008): "Phylogenetic relationships and taxonomic status of the paleoendemic Fagaceae of Western North America: recognition of a new genus, Notholithocarpus". Madroño 55 (3): 181–190.
  4. Tanoak. Notholithocarpus densiflorus en calscape.org (en inglés).
  5. Notholithocarpus densiflorus en Oregon State. College of Agricultural Sciences. Department of Horticulture (en inglés).
  6. noth- no Merriam-Webster Dictionary.
  7. Font Quer, P. (1993): Diccionario de botánica. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-335-0078-3, p. 308.
  8. Notholithocarpus densiflorus (Hook. & Arn.) Manos, Cannon & S.H.Oh no GBIF.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]