Zimnie zametki o letnikh vpechlatleniyakh

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Zimnie zametki o letnikh vpechlatleniyakh
Autor/aFiódor Dostoievski
Lingualingua rusa
Data de pub.1863
editar datos en Wikidata ]

Notas de inverno sobre impresións de verán (en ruso Зимние заметки о летних впечатлениях, Zimnie zametki o letnikh vpechlatleniyakh) é un ensaio de Fiodor Dostoievski que recolle as sensacións experimentadas polo seu autor durante a viaxe que realizou durante dous meses e medio no verán de 1862 por varias cidades da Europa central e occidental: Berlín, París, Londres, Xenebra, Florencia, Milán e Viena, entre outras.

Historia e características[editar | editar a fonte]

A recompilación de lembranzas, que consta de oito capítulos, foi publicada no número correspondente a febreiro de 1863 da revista Tempo (Vremya), editada en San Petersburgo polo propio Fiodor e o seu irmán Mijail.

A viaxe obedecía, segundo Dostoievski, ao desexo de consultar con médicos especialistas os seus problemas de epilepsia; pero tamén o impulsaba a súa obsesión por probar sorte nas ruletas dos casinos alemáns e o seu afán por coñecer de primeira man as principais capitais europeas pois nunca saíra do seu país.

Nunca saín ao estranxeiro. Desexei ir case desde a miña primeira infancia, desde o tempo no que pasaba as longas tardes de inverno, antes de saber ler, escoitando coa boca aberta, paralizado polo éxtase e o terror, como os meus pais me lían as novelas de Radcliffe á hora de deitarse; como logo deliraba sobre elas nos meus soños. Finalmente, aos meus corenta anos, soltei amarras e marchei ao estranxeiro. Non fai falla dicir que quería ver non só o posible senón todo, absolutamente todo, a pesar do tempo limitado. Mais aínda non estaba en condicións de elixir con calma os lugares que visitar. Deus, esperaba tanto desta viaxe!

Trátase dun relato máis sobre as xentes e as formas de vida que sobre os lugares, polos que o autor apenas amosa interese. París e Londres son as cidades que máis chaman a atención do novelista e ás que lles dedica máis páxinas no libro. A súa visión da capital británica é especialmente crítica e pesimista, ataca o arraigado materialismo que alí atopa ademais da pobreza e miseria dos nenos que ve polas rúas, en flagrante contraste co elegantísimo Palacio de Cristal que se erguera un ano antes para a Exposición Internacional.

Notas de inverno sobre impresións de verán ten unha grande importancia no panorama xeral da obra de Dostoievski pois adianta algúns dos temas e ideas das súas futuras grandes novelas e amosa tamén o grande efecto que o contacto coa sociedade occidental causou na súa mentalidade, un contacto que veu a reforzar o seu rexeitamento cara calquera fórmula racionalista que quixera deixar de lado a parte espiritual e relixiosa do ser humano.