Noli me tangere é unha locución latina que significa literalmente 'non me toques' ou 'non me queiras tocar'. Estas palabras díxollas Xesucristo a María Madalena despois da súa resurrección. A cita corresponde ao versículo 17 do capítulo 20 do Evanxeo de Xoán.[1] A expresión orixinal en grego (Μή μου ἅπτου) suxire unha acción que continúa no tempo, por iso a tradución máis axeitada sería: "non me reteñas".
Ao relatar os acontecementos da resurrección de Xesús, o Evanxeo de Xoán é o único que recolle o episodio do "noli me tangere" no capítulo 20 versículo 17. Na mañá do terceiro día despois de morto Xesús, María Madalena vai onda o seu sepulcro e atopa desprazada a pedra que servía de porta. Alertada, avisa a Simón e ao "discípulo a quen amaba Xesús" temendo que o corpo fose levado: estes entraron o sepulcro atopando os lenzos pero non o corpo. Estando soa, Madalena, chora canda o sepulcro e Xesús apareceu preguntándolle porque choraba, pero ela non o recoñece. Entón, Xesús chamouna polo seu nome e ela respondeulle en hebreo chamándoo "mestre" (rabunni). Na tradución en galego de Xosé Fernández Lago, o diálogo seguiu:
"Xesús díxolle: __Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: “Subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus”
.
Tradicionalmente, a pasaxe narrada no versículo 17 do capítulo 20 do Evanxeo de Xoán, foi dificilmente interpretada. Na tradución latina da Biblia, a Vulgata, emprégase a expresión "noli me tangere", que se traduce como "non me toques". Esta expresión, distante e asertiva, é complexa de interpretar.[2] Madalena pretende reter a Xesús con ela e, aínda que logo o Xesús resucitado animou a Tomé a tocar as feridas da Paixón, responde deste xeito porque, para algúns autores, márcase o do inicio dunha nova relación: xa non física e humana, senón espiritual.[3][4] Para Jean-Luc Nancy, aplicando o modelo da deconstrución, considera que este episodio mostra que prohibíndolle o contacto, Xesús convértese nunha presenza que se retira, recoñecendo os límites entre os dous corpos, sendo tamén un símil do amor que se perde.[5] As versións máis actuais da Biblia adoitan traducir esta frase de forma máis fiel ao vocablo grego, por exemplo na Nova Vulgata dise "iam noli me tenere" e no texto en galego tradúcese como "sóltame".[6]
Como motivo iconográfico, o noli me tangere adoita representarse con María Madalena axeonllada ante Xesús, decote cos brazos abertos cara el, mentres que Xesús se aparta dela, cunha man procura que non o toque e coa outra sinala o ceo. As veces os protagonistas son representados levando María Madalena un vaso de perfumes, motivo tradicional que lle é asociado, e Xesús coa cruz (representación da súa paixón e resurrección) ou cun sacho (posto que segundo Xoán, Madalena coidou inicialmente que era un xardineiro).[7][8]
Este episodio da Resurreción de Xesús foi un tema recorrente na iconografía tardomedieval e no Renacemento. Por exemplo, Noli me tangere é un dos cadros máis coñecidos do pintor italiano Antonio Allegri da Correggio. Está realizado en óleo sobre unha táboa; foi pintado cara ao 1518 e foille regalado a Filipe IV de España polo príncipe Ludovisi. Actualmente encóntrase no Museo do Prado en Madrid.[9] Ademais inspirou a varios pintores, entre eles Duccio di Buoninsegna ou Paolo Veronese en Italia e Hans Memling ou Hans Holbein na área flamenga e alemá. A pintura de Correggio foi famosa dende a súa chegada a España, e Alonso Cano realizou unha interpretación libre da mesma que se conserva hoxe no Museo de Belas Artes de Budapest.