No desterro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
No desterro
Autor/a Ramón Cabanillas
Orixe Galicia
Lingua Galego
Tema(s) Intimismo; paisaxismo; denuncia social
Xénero(s) Poesía
Data de pub. 1913 e 1926

No desterro é un libro de poemas escrito por Ramón Cabanillas, publicado en 1913. Inclúe textos publicados anteriormente na revista Suevia e outros escritos expresamente para a súa publicación.

Descrición e temática[editar | editar a fonte]

Cabanillas. Retrato en Vida Gallega, 1919.

A obra pertence á primeira etapa da obra poética de Cabanillas. Mestura varios temas, desde a reflexión íntima ou o fresco paisaxístico e de costumes ata denuncias de tipo social, de carácter agrarista e anticaciquil, que continúa a temática cívica[1] de Curros Enríquez. Aparece a idea de Galicia como unidade colectiva e unha chamada á rebelión.

É complexo un xuízo válido para un libro que, na realidade, diverxe estruturalmente -non tanto no que respecta ao contido- entre 1913 e 1926. A primeira versión do poemario vai encabezado por un texto, "Camiño adiante", que pode servir como obertura e como autopoética para dar paso a un conxunto dividido en partes: Lexanías, na que se mesturan o persoal, o patriótico e o lendario; O que non morréu, que inclúe unha soa alegoría histórico-política titulada "A Cadea"; Paisaxes, unha serie de escenas bañadas nun agudo realismo de resonancia currosiá; Follas soltas, o capítulo máis reivindicativo. Finalmente, Rimas ofrece íntimas reflexións sobre a morte ou o paso do tempo.

A edición de 1926 contén catro divisións, a primeira composta por pezas intimistas e saudosas, expresando os sentimentos da infancia e a mocidade, con exaltación do medio rural e descrición paisaxística. A segunda parte, co título de Madrí, ten un ritmo narrativo máis acelerado que reflicte a vertixe da metrópole. Nestas pezas expresa a súa etapa en Madrid, onde contou co apoio do deputado Leonardo Rodríguez e desde a distancia de Enrique Peinador. Manifesta o seu sentimento de estranxeiro, coa incomprensión das preocupacións da Corte e a saudade polo afastamento da terra. A terceira parte, co título Apuntes, inclúe na opinión dalgúns estudos elementos da estética modernista[2], aínda que a presenza de trazos de modernismo (na acepción hispana) en Cabanillas e, en xeral, na poesía galega, é moi cuestionado[3]. Os poemas que a 2ª edición presenta reunidos e baixo o subtítulo O cravo no corazón son composicións tardorrománticas.

Malia certas rupturas do metro que xa anticipara no XIX Rosalía de Castro, formalmente Cabanillas abala nesta obra entre a estrofa clásica (preferentemente o soneto) e a popularizante (romance, versos de muiñeira...).

Edicións[editar | editar a fonte]

Foi publicado por primeira vez co título completo No Desterro. Visións Gallegas[4] o 10 de febreiro de 1913 na imprenta La Universal da Habana, cun prólogo de Basilio Álvarez. A segunda edición de No desterro, como mostramos arriba, contén bastantes diferenzas respecto da anterior (suprímense composicións, engádense outras, reordénase o conxunto). Viu a luz o 30 de marzo de 1926 a través da editorial Lar.

En 2009, co gallo do 50 aniversario da morte do autor, apareceu unha edición crítica a cargo de Xosé Ramón Pena Sánchez, tirada por Edicións Xerais[5].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. VV.AA., Dolores Vilavedra coord. (1995). Diccionario da Literatura Galega - I - Autores. Galaxia. ISBN 84-8288-019-5. 
  2. Carballo Calero, Ricardo (1975). Historia da literatura galega contemporánea (2ª ed.). Galaxia. pp. 575 e ss. ISBN 84-7154-227-7. 
  3. Méndez Ferrín, Xosé Luís (1984). De Pondal a Novoneyra. Xerais. ISBN 978-84-7507-460-3. 
  4. Cabanillas, Ramón (1979). Alonso Montero, X., ed. Ramón Cabanillas. Obras Completas, I. Akal Editor. ISBN 84-7339-434-8. 
  5. Ficha na páxina web de Xerais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • No desterro, análise de Xabier Iglesias no blog Os libros de Ánxel Casal, 21 de outubro de 2012.