Saltar ao contido

Nivedita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaNivedita

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento28 de outubro de 1867 Editar o valor en Wikidata
Condado de Tyrone, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Morte13 de outubro de 1911 Editar o valor en Wikidata (43 anos)
Darjeeling, India (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
RelixiónHinduísmo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPedagoxía, Escola Nova, Traballo social e Escola Nova (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónescritora, mestra, asistente social, sacerdotisa Editar o valor en Wikidata
ProfesoresSwami Vivekananda Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Sinatura Editar o valor en Wikidata

BNE: XX967963

Nivedita, nada Margaret Elizabeth Noble en Dungannon o 28 de outubro de 1867 e finada en Darjeeling o 13 de outubro de 1911[1], foi unha profesora, escritora e activista social británica discípula de Vivekananda[2] que promoveu a conciencia, nacional india e a súa unidade e liberdade[3].

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Casa na que viviu durante o período no que se estableceu en Wimblendon.

Naceu na localidade de Dungannon do condado de Tyrone, no norte dunha Irlanda entón unida a Gran Bretaña. Seus pais foron Mary Isabel e Samuel Richmond Noble que se deron o nome da súa avoa paterna[4]. A súa familia tiña a súa orixe en escoceses aveciñados en Irlanda dende había cinco séculos[5] e seu pai era un pastor protestante e a familia tivo seis fillos pero só Margaret (a máis vella), May e Richmond sobreviviron. Cando Margaret tiña un ano o pai trasladouse a Manchester para estudar teoloxía e Margaret quedou ao coidado de seu avó materno, Hamilton, en Irlanda ata que cando tiña catro anos volveu vivir cos seus pais en Great Torrington en Devonshire[1].

Ao morrer seu pai en 1877 volveu coa súa nai e os seus dous irmáns máis novos á casa de Hamilton en Irlanda. A nai fixera un curso de profesora infantil e converteuse en mestra e máis tarde axudou a seu pai a levar unha pensión preto de Belfast e foi seu avó quen lle inculcou o espírito de liberdade e amor polo seu país[6]. Margaret estudou coa súa irmá May no Crossley Orphan Home and School de Halifax[7] e tras rematar os estudos, con dezasete anos en 1884, comezou a dar clase nunha escola en Keswick ata que dous anos despois, en 1886 foi a Rugby para ensinar nun orfanato e o ano seguinte nunha escola na zona mineira de Wrexham, no norte de Gales e houbo casar cun mozo galés que morreu pouco despois de prometerse. En 1889, Margaret mudouse a Chester mentres súa irmá May e o seu irmán Richmond estaban a vivir en Liverpool. Logo, a súa nai, Mary xuntouse con eles e Margaret ía ás veces a Liperpool para estar con eles[5].

Familiarizouse coas ideas do reformador educativo suízo Johann Heinrich Pestalozzi e coas do alemán Friedrich Fröbel[8]. Tanto Pestalozzi e Froebel enfatizaban a importancia da educación preescolar; a educación había comezar por gratificar e cultivar a aptitude normal dos nenos polo exercicio, o xogo, a observación, a imitación e a construción. Un grupo de profesores en Gran Bretaña sentiuse atraído por este novo método de ensino e intentaron poñelo en práctica. Así, Margaret fíxose partidaria da "Nova Educación" e formou parte do Sunday Club e o Liverpool Science Club[5],en 1891 estableceuse en Wimbledon e seguindo os novos métodos colaborou na implantación dunha nova escola en Londres. En 1892 inaugurou a súa propia escola independente en Kingsleygate, sen métodos restritivos nin aprendizaxe formal, os alumnos aprendían mediante o xogo. Entre os profesores estaba Ebenezer Cooke, un pioneiro da educación artística[5]. Asemade, publicou prolificamente e tornou oradora popular. Entrou en contacto coa elite cultural da época e con dúas damas da nobreza, Lady Ripon e Lady Isabel Margesson fundou unha tertulia literaria que se acabou coñecendo como Sesame Club, e alí xuntábanse escritores como Bernard Shaw ou Thomas Huxley, con discusións sobre literatura, ética, política e outros temas semellantes[5].

Margaret era partidaria do Home Rule en Irlanda e en 1892 cando se levou ao Parlamento británico unha proposta para establecelo defendeuno con ardencia.

Relixión

[editar | editar a fonte]

Margaret viña dunha familia fondamente relixiosa, aprendeu as doutrinas cristiás dende moi nova, e o neno Xesús era o seu obxecto de culto e adoración pero ao chegar á vida adulta sufriu unha crise de fe ao considerar as ensinanzas cristiás incompatibles coa verdade, e como esas dúbidas tornaron máis fortes a súa fe no cristianismo debilitouse e precisadada de atopar unha verdade optou polo estudo das ciencias naturais e tamén do budismo[9].  

Xuntanza con Swami Vivekananda

[editar | editar a fonte]
Nivedita

En novembro de 1895[10] coñeceu ao gurú Swami Vivekananda, que viña de América para visitar Londres e quedou alí por tres meses, no decurso dunha xuntanza que realizaba na mansión dunha familia aristocrática para explicar a filosofía vedanta. Margaret ía con moita curiosidade e interese e a experiencia fixo que reformulara a súa vida completamente[4], asistiu a varias conferencias máis de Vivekananda e tras unha reunión con el en novembro de 1895 tomou a decisión de converterse nunha devota seguidora. O 25 de marzo de 1898 o seu gurú dedicouna a Deus e ao servizo da India. Vivekananda cría que a educación era o remedio ás desgrazas e miseria da sociedade india[11], especialmente no caso das mulleres e escolleuna para que educase as mulleres indias[5].

En resposta ao chamamento de Vivekananda viaxou á India, deixando atrás os seus amigos e familia, incluída a súa nai. O seu navío, o Mombasa, chegou a Calcuta o 28 de xaneiro de 1898[4] e o 22 de febreiro visitou o templo de Dakshineshwar, o lugar onde Ramakrishna fixera o seu sadhana[12].

Vivekananda iniciouna na cultura india e na súa xente. Explicoulle a súa historia, filosofía, literatura, a vida cotiá, social, tradicións e tamén a vida das grandes personalidades. Algunhas semanas máis tarde, dúas das súas discípulas en América, Sara C. Bull e Josephine MacLeod chegaron tamén á India e coas dúas Nivedita mantivo amizade ao longo da súa vida. O 11 de marzo de 1898 Swami Vivekananda organizou unha reunión pública na cidade para presentar a irmá Nivedita e Margaret expresou o seu desexo de servir á India e á súa xente.

O 17 de marzo reuniuse con Sarada Devi, muller e consorte espiritual de Ramakrishna, que a abrazou e a saudou cariñosamente como khooki (neniña en bengalí)[12] Ata a súa morte en 1911, Nivedita permaneceu unha das súas máis próximas colaboradoras.

Brahmacharya

[editar | editar a fonte]
Nivedita con outras discípulas de Vivekananda: Christina Greenstidel, Mrs. Sevier e Abala Bose en Mayavati

O 25 de marzo de 1898 nos xardíns de Nilambar Mukherjee[13] Swami Vivekananda iniciouna formalmente no voto de Brahmacharya (abstinencia sexual) e deulle o nome de "Nivedita", a dedicada[14][15] e aínda que Nivedita expresou o seu desexo de asumir o voto de Sannyasa (renuncia), Vivekananda non o aprobou.

Nivedita viaxou intensamente pola India con Swami Vivekananda, Josephine Mcleod e Sara Bull. Tamén foi aos Estados Unidos para obter axuda para a súa causa. O 11 de maio de 1898 foi con Vivekananda Sara Bull, Josephine MacLeod e Swami Turiyananda nunha viaxe polo Himalaia. Dende Nainital foi a Almora, e alí aprendeu a arte da meditación[16] e tamén deu os primeiros pasos no coñecemento do bengalí con Swami Swarupananda. Dende Almora foron para o val de Caxemira. En xullo de 1898 foi en peregrinación a Amarnath con Swami Vivekananda[17]. Máis tarde, en xullo de 1899 deixou a India rumbo a Londres e a fins de agosto partiu para aos Estados Unidos con Swami Vivekananda[18] para recadar fondos e quedou en Ridgely Manor, no norte do estado de Nova York e en xullo de 1900 acompañou ao seu mestre ao Congreso da Historia das Relixións en París. En setembro de 1900 foi a Gran Bretaña e en febreiro de 1902 volveu á India. Recolleu algunhas das súas viaxes e experiencias co seu gurú no libro The Master as I Saw Him e mais en Notes on Some Wanderings with Swami Vivekananda.

En Calcuta

[editar | editar a fonte]
Residencia de Nivedita en Calcuta

O 13 de novembro de 1898 inaugurou unha escola para as rapazas máis pobres en Calcuta[19] e alí deulles clases de costura, regras elementais de hixiene, de enfermería, ademais dos cursos regulares. Durante a epidemia de peste en Calcuta en 1899 Nivedita coidou dos enfermos[1], colaborou na limpeza da zona e motivou a moita xente nova a prestar servizo voluntario. Inseriu na prensa en lingua inglesa chamadas á axuda e peticións de apoio financeiro para as súas actividades[20].

Fixo amizade con moitos intelectuais e artitas bengalís como Rabindranath Tagore, Jagadish Chandra Bose, Abala Bose ou Abanindranath Tagore. Ao primeiro, Nivedita, como os intelectuais contemporáneos de Europa era optimista sobre o goberno británico na India. Así e todo, no curso da súa estadía, foi testemuña do lado brutal dos británicos, da represión e a opresión e mais a división entre a elite dominante e os gobernados, e concluíu que lle era preciso a India gañar a independencia para prosperar. Xa que logo, adoptou a causa da independencia india e mantivo unha relación directa coas novas fornadas de revolucionarios de Bengala, incluíndo aqueles da organización secreta Anushilan Samity. En febreiro de 1902, Mahatma Gandhi visitouna en Calcuta[21]. Logo da morte de Vivekananda en xullo de 1902 e sendo consciente do atranco que para a Misión Ramakrishna supuñan as súas actividades políticas disociouse publicamente do movemento. Non obstante, seguiu a manter unha relación cordial cos discípulos do seu mestre, como Swami Brahmananda, Swami Premananda e Swami Saradananda, e mantívose moi próxima a Sarada Devi.

En 1905 o goberno británico baixo Curzon iniciou a partición de Bengala, que foi un importante punto de inflexión no movemento de independencia india e Nivedita integrou o movemento swadeshi[22]que xurdiu como resposta a esta partición en 1906 e que tiña como punto central o boicot dos produtos británicos e o restablecemento da economía e a produción doméstica tradicional, en especial na realización da roupa nas casas e contribuíu con apoio financeiro e loxístico e aproveitou os seus contactos para lograr información de axencias gobernamentais para apasarlla os revolucionarios. Na época escribiu en 21 xornais e publicacións e deu numerosas conferencias sobre historia, cultura e educación na India[20]. En 1907 nun movemento de máxima hostilidade por parte do goberno colonial indio volveu a Inglaterra e en 1910 realizou unha xira polos Estados Unidos para recadar cartos para os revolucionarios bengalís[20].

Sister Nivedita nun selo da India de 1968

Nivedita foi unha escritora prolífica e realizou amplas xira pola India para ditar conferencias, especialmente sobre a cultura e a relixión india. Entre as súas obras están The Web of Indian Life (1904) , no que buscou corrixir os moitos mitos que no mundo occidental existían sobre a cultura e costumes indios, Kali the Mother (1900), The Master as I Saw Him (1910) sobre Swami Vivekananda, Notes of Some Wanderings with the Swami Vivekananda sobre as súas viaxes a Nainital, Almora e outros lugares con Swamiji,[23] Cradle Tales of Hinduism (1907) sobre as historias dos Puranas, Rāmāyaṇa e Mahabharata, Studies from an Eastern Home (1913), Civil Ideal and Indian Nationality, Hints on National Education in India, Glimpses of Famine and Flood in East Bengal—1906.

Nivedita, vista no hinduísmo como a filla espiritual (manaskanya)[24] de Vivekananda, está considerada unha das mulleres con maior influencia na historia contemporánea da India, o seu libro Kali, the Mother influenciou a Abanindranath Tagore, autor da pintura Bharat Mata[25] e tamén foi unha das principais influencias de Jagadish Chandra Bose, a quen apoiou e ao que procurou axuda financeira, así como para a edición dos seus manuscritos[26].

Numerosos centros de ensino na India levan o nome de Nivedita. En 1968 o servizo postal indio emitiu un selo postal na súa memoria. Tamén leva o seu nome a ponte Nivedita preto de Dakhineswer en Calcuta[27].

  1. 1,0 1,1 1,2 James D. Ryan (2007). Encyclopedia of Hinduism. Infobase Publishing. pp. 316–317. ISBN 978-0-8160-7564-5. 
  2. Ananda Kentish Coomaraswamy e Whitall N. Perry (2011). The Wisdom of Ananda Coomaraswamy: Reflections on Indian Art, Life, and Religion. World Wisdom. p. 129–. ISBN 978-1-935493-95-2. 
  3. "Nivedita | Irish-born teacher". Encyclopedia Britannica. Consultado o 3 de novembro de 2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Lizelle Reymond (1953 [1945]). The Dedicated: A Biography of Nivedita. The John Day Company. p. 91. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Atmaprana, Pravrajika (1992 [1961]). Sister Nivedita of Ramakrishna-Vivekananda. Calcuta: Sister Nivedita Girls' School. pp. 1–8. 
  6. Verinder Grover e Ranjana Arora (1993). Great Women of Modern India: Sister Nivedita II. Deep & Deep Publications. p. 414. 
  7. "'Real Lioness' Sister Nivedita commemorated with English Heritage Blue Plaque". English Heritage. Consultado o 2020-11-03. 
  8. Sudeshna Basak (1992). "Sister Nivedita and Women's Education in Bengal in the First Deade of the 20th Century". Proceedings of the Indian History Congress 53: 414–422. 
  9. Nivedita (1972). "How and Why I Adopthe the Hindu Religion". The Complete Works of Sister Nivedita II. p. 470. 
  10. Satish K. Kapoor (1987). Cultural Contact and Fusion: Swami Vivekananda in the West, 1893-96. ABS Publications. p. 247. 
  11. Aruna Goel e S. L. Goel (2005). Human Values and Education. Deep&Deep. p. 243. ISBN 978-81-7629-629-8. 
  12. 12,0 12,1 Nivedita of India (PDF). Kolkata: Ramakrishna Mission Institute of Culture. 2002. p. 2. ISBN 81-87332-20-4. 
  13. Hironmoy N. Mukherjee (2015) Swami Vivekananda's Spiritual Daughter: Sister Nivedita. Sri Ramakrishna Math Chennai. p. 19
  14. M. G. Chitkara (2001). Women & Social Transformation. p. 416. ISBN 978-81-7648-251-6. 
  15. Romain Rolland (1947). The Life of Vivekananda and the Universal Gospel. Advaita Ashrama. p. 79. 
  16. Complete Works of Sister Nivedita, volume 1, edited by Sankari Prasad Basu, Nababharat publication, Kolkata, 1992
  17. Swami Jyotirmayananda (1986). Vivekananda: His Gospel of Man-making with a Garland of Tributes and a Chronicle of His Life and Times. p. 380. 
  18. G. S Banhatti (1995). Life and Philosophy of Swami Vivekananda. Atlantic Publisher. pp. 39–40. ISBN 978-81-7156-291-6. 
  19. "Restoration bid for Sister Nivedita's house faces hurdle". Times of India. 24 de xullo de 2011. 
  20. 20,0 20,1 20,2 Helen Rappaport (2001). Encyclopedia of Women Social Reformers 1. ABC-CLIO. pp. 651–652. ISBN 978-1-57607-101-4. 
  21. The Life of Swami Vivekananda, 7th ed., Advaita Ashrama, Kolkata, 2011, Vol.II, p. 615. ISBN 978-8175050440
  22. Anne Hardgrove (2008). "Sister Nivedita". En Bonnie G. Smith. The Oxford Encyclopedia of Women in World History. Oxford Univesity Press. p. 52. 
  23. Adwaita P. Ganguly (2001). Life and Times of Netaji Subhas: From Cuttack to Cambridge, 1897-1921. VRC Publications. p. 35. 
  24. Sreyasi Ghosh (maio de 2020). "Sister Nivedita : Lady with the Lamp in History of the Swadeshi Movement (1905) of India". Research Review International Journal of Multidisciplinary 5 (05). 
  25. Chakrabarti, Arindam (23 de outubro de 2011). "Not Earth's Girl". Telegraph, Calcutta (Calcutta, India). 
  26. "The Scientist and the Nun: How Sister Nivedita Made Sure J.C. Bose Never Gave Up". The Wire. 4 de setembro de 2017. 
  27. "Sister Nivedita commemorative stamp". Indian Post. Consultado o 9 de novembro de 2020.