Nick Raskulinecz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Nick Raskulinecz
Nacemento4 de febreiro de 1970 (49 anos)
OrixeKnoxville, Tennessee
Ocupaciónprodutor musical
editar datos en Wikidata ]

Nick Raskulinecz, nado o 4 de febreiro de 1970 en Knoxville, Tennessee, é un produtor musical estadounidense.[1] Raskulinecz produxo álbum de bandas como Foo Fighters, Alice in Chains, Rush, Korn ou Mastodon entre outras.

Carreira[editar | editar a fonte]

Raskulinecz é da área de Bearden de Knoxville, Tennessee. Comezou a producir e gravar bandas en Knoxville cunha gravadora de oito pistas que lle mercou o seu avó.[1] Tocou tamén nunha popular banda local de thrash/funk chamada Hypertribe. Tres dos seus álbums foran producidos no Underground Recording Studio en Seymour, Tennessee, con Matt Lincoln como enxeñeiro e compartindo tarefas de produción. Pouco despois Raskulinecz mudouse aos Ánxeles co seu grupo, agora chamado Movement, en 1995, e atopou traballo en Sound City Studios como asistente despois dunha suxestión de Brian Bell de Weezer. Finalmente converteuse en enxeñeiro e aprendeu a producir.[2][3]

En 2001, pouco despois de que Raskulinecz deixase Sound City, traballou como enxeñeiro independente nun estudio de ensaio epensou en regresar a Knoxville coa súa muller Amber. Cando Dave Grohl, que o coñecera traballando como enxeñeiro no tema de Foo Fighters "A320" para Godzilla: The Album, invitou a Raskulinecz a traballar no novo álbum da banda no estudio caseiro de Grohl en Virxinia. Raskulinecz, que fixera a súa estrea como produtor co álbum Last Call for Vitriol de Superdrag, aceptou a proposición de Grohl e o resultado foi One by One, publicado en 2002. A experiencia foi exitosa e Raskulinecz volveu traballar con Foo Fighters no seu seguinte traballo, In Your Honor (2005).[2][4] Tamén mesturou o son no DVDs de Foo Fighters Everywhere but Home e Live at Wembley Stadium, e no álbum ao vivo Skin and Bones, que estaba acompañado polo DVD dun vivo en Hyde Park tamén mesturado por Raskulinecz.

Ademais do seu traballo con Foo Fighters, Nick traballou tamén con artistas como Ghost, We As Human, Evanescence, Marilyn Manson, Soil, Deftones, Coheed and Cambria, Stone Sour, Trivium, Duff McKagan, Mondo Generator, Danzig, The Exies, Ash, My Ruin, Korn, Velvet Revolver, Halestorm, Rush, Mastodon, Shadows Fall, Superdrag, Goatsnake, Fireball Ministry, Rye Coalition, Death Angel, Danko Jones e Apocalyptica.[5]

Raskulinecz produxo Snakes & Arrows co trío canadense Rush en 2007. Rush volveu contar con Raskulinecz para coproducir os seus sinxelos de 2010 "Caravan" e "BU2B", e despois o álbum Clockwork Angels, publicado en xuño de 2012. Con Rush gañou o alcume de "Booujzhe", da súa descrición de como quería que un particular ritmo de batería fose nunha canción. Ademais, Raskulinecz produxo Threads of Life para Shadows Fall.

En setembro de 2007, informouse que Raskulinecz produciría o disco Killing Season do quinteto de thrash Death Angel.[6] Killing Season é o quinto álbum de Death Angel e foi publicado o 26 de febreiro de 2008.[7]

Raskulinecz produxo un álbum da banda canadense Thornley. O disco, titulado Tiny Pictures, publicouse o 10 de febreiro de 2009. Tamén foi o produtor do cuarto traballo de Trivium, Shogun, editado en 2008.

Raskulinecz produxo Black Gives Way to Blue, o cuarto álbum de estudio da banda de grunge Alice in Chains.[8] Publicado o 29 de setembro de 2009, este foi o primeiro disco do grupo en 14 anos, dende Alice in Chains, e tamén o primeiro co seu novo vocalista William DuVall tras a morte de Layne Staley. Raskulinecz tamén produciría os seus álbums de 2013, The Devil Put Dinosaurs Here, e de 2018, Rainier Fog.

En 2010, Raskulinecz mudouse a Nashville coa súa familia, xa que quería regresar a Tennessee, de onde tamén é a súa muller, e criar á súa familia alí. Nun primeiro momento traballou nos Blackbird Studios, onde produxo o disco de Stone Sour Audio Secrecy, o seu segundo coa banda despois do Come What(ever) May.[3][4] Ese ano tamén se publicou o Diamond Eyes de Deftones, que Raskulinecz gravou en California.

Raskulinecz tamén traballou no terceiro álbum de Evanescence, o autotitulado Evanescence, lanzado o 11 de outubro de 2011.[9] Raskulinecz no presente toca na banda Epic Ditch co antigo líder de Superdrag John Davis. En febreiro de 2012, Epic Ditch publicou o seu álbum de estrea, 36-Hour, a través do selo Velocity of Sound Records. Nick tocou o baixo e encargouse da produción do disco.

Algúns dos derradeiros traballos de Raskulinecz inclúen o primeiro álbum de Big Wreck en 10 anos, Albatross, o sétimo álbum de estudio de Deftones, Koi No Yokan,[10] e o segundo traballo da banda sueca de heavy metal Ghost, Infestissumam.

Raskulinecz inaugurou Rock Falcon Studios, as súas propias instalacións de gravación en Franklin, no ano 2013. O primeiro álbum gravado alí foi Teeth Dreams de The Hold Steady, publicado no ano seguinte. Tamén gravado en Rock Falcon e lanzado ese ano foron o Once More 'Round the Sun de Mastodon, e o Stuck de Adelitas Way. Posteriormente coproduxo o disco de Bush Man on the Run.[3] Raskulinecz gravou as primeiras sesións do álbum Madness de Sleeping with Sirens, pero a banda descartou as gravacións, agás dous temas extra.[11]

En 2015 Raskulinecz gravou o álbum Shadowmaker da banda Apocalyptica, publicado o 17 de abril dese mesmo ano.[12] Tamén en 2015 engarfouse da produción de The Killer Instinct de Black Star Riders, e este traballo levou a que Raskulinecz producise un EP en solitario do guitarrista Damon Johnson, Echo.[13]

No ano 2016 Nick produxo o décimo segundo álbum de Korn, The Serenity of Suffering.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Bearden Grad To Be At Grammys". The Knoxville News-Sentinel. Consultado o 15 de setembro de 2018. 
  2. 2,0 2,1 "Nick Raskulinecz on producing Rush, Foo Fighters, Alice In Chains". Musicradar. Consultado o 15 de setembro de 2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Producer Crosstalk: Nick Raskulinecz". Music Connection. Consultado o 15 de setembro de 2018. 
  4. 4,0 4,1 "Nick Raskulinecz - The Producer". Nashville Scene. Consultado o 16 de setembro de 2018. 
  5. "Nick Raskulinecz on the Fractal Audio Systems Axe-Fx II". YouTube. Consultado o 16 de setembro de 2018. 
  6. "Death Angel Taps Rush/Shadows Fall Producer For New Album". Blabbermouth. Consultado o 16 de setembro de 2018. 
  7. "Death Angel: New Album Title Announced". Blabbermouth. Consultado o 16 de setembro de 2018. 
  8. "Alice in Chains Working With Rush/Foo Fighters Producer". Blabbermouth. Consultado o 16 de setembro de 2018. 
  9. "Evanescence's 'What You Want': Hear A Preview!". MTV. Consultado o 16 de setembro de 2018. 
  10. "Deftones Announce 'Koi No Yokan' New Album, Tour". Antiquiet. Consultado o 17 de setembro de 2018. 
  11. "#SkinnyJeanProblems, re-recording, tour hangouts and more with Sleeping With Sirens". YouTube. Consultado o 17 de setembro de 2018. 
  12. "Apocalyptica's Paavo Lötjönen Says Working With Producer Nick Raskulinecz Was 'Really Inspiring'". Blabbermouth. Consultado o 17 de setembro de 2018. 
  13. "Damon Johnson Releases New EP". Metal Rules. Consultado o 17 de setembro de 2018.