Neve mariña

No fondo oceánico, a neve mariña é a caída continua de detritos maiormente orgánicos desde as capas superiores da columna de auga do océano ao fondo. Esta "neve" supón un xeito significativo de exportar enerxía desde a zona fótica iluminada do mar á zona afótica escura que está máis abaixo, o que se denomina bomba biolóxica. A produción de exportación é a cantidade de materia orgánica producida no océano pola produción primaria que non se recicla (remineraliza) antes de que se afunda na zona afótica. Debido ao papel da produción de exportación na bomba biolóxica dos océanos, mídese en unidades de carbono (por exemplo, mg de C·m−2·d−1). O termo foi acuñado polo explorador William Beebe cando observou isto desde a súa batisfera.[Cómpre referencia] Como a orixe da neve mariña depende das actividades na zona fótica produtiva, a frecuencia da neve mariña cambia coas flutuacións estacionais na actividade fotosintética e coas correntes oceánicas. A neve mariña pode ser unha importante fonte de alimento para organismos que viven na zona afótica, especialmente para aqueles que viven nas partes moi profundas da columna de auga.
Composición
[editar | editar a fonte]A neve mariña está constituída por materia diversa, principalmenrte orgánica, que inclúe animais, fitoplancto e protistas mortos ou moribundos, materia fecal, area e outro po inorgánico. A maioría das partículas atrapadas son máis vulnerables aos animais pastadores que o que serían individuos que flotasen libremente. Os agregados poden formarse por procesos abióticos (é dicir, substancias extrapoliméricas).[2] Son polímeros naturais exsudados como produtos residuais principalmente polo fitoplancto e as bacterias. O moco segregado polo zooplancto (principalmente salpas, apendicularios e pterópodos) tamén contribúen aos constituíntes dos agregados de neve mariña.[3] Estes agregados crecen co tempo e poden chegar a ter vaios centímetros de diámetro, viaxando durante semanas antes de chegaren ao fondo do océano.
A neve mariña fórmase a miúdo durante as floracións de algas. A medida que se acumula o fitoplancto, agrega ou captura outros agregados, e ambas as cousas aceleran a velocidade de afundimento. A agregación e afundimento pénsase que unha forma importante de perda das algas da superficie.[4] A maioría dos compoñentes orgánicos da neve mariña consómenos os microbios, o zooplancto e outros animais filtradores nos primeiros 1.000 metros do seu descenso. Dese xeito, a neve mariña pode ser considerada a base dos ecosistemas mesopeláxicos e bentónicos do mar profundo. Como a luz solar non pode chegar a eles, os organismos do mar profundo dependen esencialmente desta neve mariña como fonte de enerxía. A pequena porcentaxe de materia non consumida en augas menos profundas queda incorporada no material lodoso que cobre o fondo oceánico, onde segue descompoñéndose pola actividade biolóxica.
Os agregados da neve mariña mostran características que se axustan á "hipótese da roda xiratoria dos agregados" (aggregate spinning wheel hypothesis) de Goldman. Esta hipótese afirma que o fitoplancto, microorganismos e bacterias viven adheridos á superfice dos agregados e están implicados na reciclaxe rápida de nutrientes. O fitoplancto pode tomar os nutrientes de pequenas concentracións locais de materia orgánica (por exemplo, materia fecal do zooplancto, nutrientes rexenerados pola descomposición orgánica das bacterias).[5] A medida que os agregados se afunden lentamente ao fondo do océano, a multitude de miroorganismos que viven alí están constantemente respirando e contribúen grandemente ao chamado bucle micobiano.
Dinámica dos agregados
[editar | editar a fonte]Os agregados comezan como unha fracción coloidal, que contén partículas de tamaños entre 1 nanómetro e varios micrómetros. A fracción coloidal dos océanos contén unha gran cantidade de materia orgánica non dispoñible para os herbívoros. Esta fracción ten unha masa total moito maior que a do fitoplancto ou as bacterias, mis non está doadamente dispoñible debido ao tamaño das partículas en relación cos potenciais consumidores. A fracción coloidal debe agregarse para estar máis biodispoñible.
Efecto de lastre
[editar | editar a fonte]Os agregados que se afunden máis rapidamente ata o fondo do océano teñen unha maior probabilidade de exportaren carbono ao fondo do mar. Canto maior sexa o tempo que permanecen na columna de auga, maior é a posibilidade de que os coman. Os agregados formados en áreas con moito po son capaces de incrementar as súas densidades máis rapidamente e en capas máis superficiais comparados con agregados formados sen que houbese partículas, e estes agregados con aumento de material litoxénico foron tamén correlacionados con fluxos de carbono orgánico particulado; porén, cando están moi lastrados con material litoxénico non poden incorporar ningún mineral adicional durante o seu descenso, o que suxire que a exportación de carbono no océano profundo en rexións con alta deposición de po está fortemente controlada pola entrada de po na superficie do océano, mentres que as partículas de po suspendido en capas de auga profundas non interaccionan significativamente con agregados que se están afundindo.[6]
Fragmentación
[editar | editar a fonte]Unha vez que as partículas se agregaron ata teren varios micrómetros de diámetro, empezan a acumular bacterias, xa que hai suficiente espazo para alimentarse e reproducirse. Con este tamaño, o agregado é o suficientemente grande para empezar a afundirse. Tamén ten os compoñentes necesarios para axustarse á "hipótese da roda xiratoria dos agregados". As evidencias sobre isto encontráronas Alldredge e Cohen (1987) que estudaron a respiración e a fotosíntese nos agregados, suxerindo a pesenza de organismos autótrofos e heterótrofos.[7] Durante a migraión vertical do zooplancto, a abundancia dos agregados increméntase mentres que a distribución de tamaños diminúe. Atopáronse agregados no abdome do zooplancto indicando que, ao comelos, fragmentan os agregados máis grandes.[8]
Coagulación superficial
[editar | editar a fonte]Os agregados poden tamén formarse a partir de coloides atrapados na superficie de burbullas ascendentes. Por exemplo, Kepkay et al. atoparon que a coagulación de burbullas leva a un incremento da respiración bacteriana, xa que hai máis comida dispoñible para eles.[9]
Filtración
[editar | editar a fonte]As partículas e pequenos organismos flotantes na columna de auga poden quedar atrapados nos agregados. Porén, os agregados de neve mariña son porosos e algunhas partículas poden pasar a través deles.
Microorganismos asociados a partículas
[editar | editar a fonte]
Os procariotas planctónicos poden dividirse en dúas categorías: de vida libre ou asociados a partículas. Sepáranse por filtración. As bacterias asociadas a partículas adoitan ser difíciles de estudar porque os agregados de neve mariña con frecuencia teñen tamaños entre 0,2 e 200 μm, o que complica a toma de mostras. Estes agregados son puntos quentes para a actividade microbiana. As bacterias mariñas son os organismos máis abundantes nos agregados eun gran número delas son cianobacterias, seguidos polos nanoflaxelados.[10] Os agregados poden ter unhas mil veces máis microorganismos que a auga de mar que os rodea. A variabilidade estacional poden tamén ter un efecto sobre as comunidades microbianas dos agregados de neve mariña, de modo que as concentracións atinxen o máximo durante o verán.[10]
Como se ilustra no diagrama, o fitoplancto fixa dóxido de carbono na zona eufótica usando a enerxía solar producindo carbono orgánico particulado. O carbono orgánico particulado formado na zona eufótica é procesado polos microorganismos mariños (microbios), o zooplancto e os seus consumidores dando lugar a agregados orgánicos (neve mariña), que son despois exportados ás zonas mesopeláxica (200–1000 m de profundidade) e batipeláxica ao afundirse e pola migación vertical do zooplancto e de peixes.[11][12][13]
O fluxo de exportación defínese como a sedimentación fóra da capa superficial (a aproximadamente 100 m de profundidade) e o fluxo de secuestro é a sedimentación fóra da zona mesopeláxica (a aproximadamente 1.000 m de profundidade). Unha porción do carbono orgánico particulado respírase e volve a transformarse en CO2 na columna de auga oceánica profunda, principalmente por microbios heterótrofos e o zooplancto, mantendo así un gradiente de concentración vertical de carbono inorgánico disolto. Este carbono inorgánico disolto do océano profundo torna á atmosfera en escalas de tempos de milenios por causa da circulación termohalina. Entre o 1 % e o 40 % da produción primaria é exportada fóra da zona eufótica, que se atenúa exponencialmente cara á base da zona mesopeláxica e só aproximadamente o 1 % da produción da superficie chega ao fondo do mar.[11][12][13]
O compoñente máis grande da biomasa son os protistas mariños (microorganismos eucariotas). Os agregados de neve mariña recollidos na zona batipeláxica constan grandemente de fungos e labirintulomicetos. Os agregados máis pequenos non albergan tantos organismos eucariotas, o cal é similar ao que se encontra no océano profundo. Os agregados batipeláxicos lembran fundamentalmente aos que se atopan na superficie oceánica.[14] Isto implica taxas máis altas de remineralización na zona batipeláxica.
Numericamente, o compoñente máis grande da neve mariña son os procariotas que colonizan os agregados. As bacterias son en gran parte responsables da remineralización e fragmentación de agregados. A remineralización ocorre por debaixo dos 200 m de profundidade.[15]
As comunidades microbianas que se forman nos agregados son distintas das comunidades da columna de auga. A concentración de microbios adheridos é normalmente varias ordes de magnitude maior que a dos microbios de vida libre.[16] Os cultivos bacterianos illados teñen ata 20 veces máis actividade encimática ás dúas horas de adherirse aos agregados.[10] The dark ocean harbors around 65% of all pelagic Bacteria and Archaea.(Whitman et al., 1998)
Pensábase previamente que debido á fragmentación, as comunidades bacterianas irían cambiando a medida que viaxaban descendendo pola columna de auga. Mais agora, como se viu nos experimentos, parece que as comunidades que se forman durante a agregación permanecen asociadas co agregado e calquera cambio na comunidade débese ao consumo como alimento ou á fragmentación e non á formación de novas colonias bacterianas.[17]
Ciclo do carbono
[editar | editar a fonte]O océano profundo alberga máis do 98 % do conxunto do carbono inorgánico disolto,[18] e iso, xunto cunha rápida velocidade de sedimentación, ten como resultado entradas baixas de carbono orgánico particulado. Aínda queda por resolver que efecto teñen os microbios sobre o ciclo do carbono global. Os estudos mostran que os microbios no océano profundo non están dormentes, senón que están metabolicamente activos e deben estar participando no ciclo dos nutrientes non só os heterótrofos senón tamén os autótrofos. Hai unha falta de correspondencia entre a demanda de carbono microbiana no océano profundo e a exportación de carbono da superficie do océano.[18] A fixación de carbono inorgánico disolto é dunha orde de magnitude similar á dos microbios heterótrofos da superficie do mar. Datos baseados en modelos revelan que a fixación do carbono inorgánico disolto vai desde 1 mmol C m−2 d−1 a 2,5 mmol C m−2 d−1.[18]
Microambientes
[editar | editar a fonte]Os agregados grandes poden facerse anóxicos, o cal dá lugar á posibilidade de metabolismos anaerobios. Os metabolismos anaerobios están confinados en áreas onde son máis favorables enerxeticamente. Dada a abundancia de bacterias desnitrificantes e redutoras do sulfato, pénsase que estes metabolismos poden prosperar nos agregados da neve mariña. Nun modelo desenvolvido por Bianchi et al., móstranse os diversos potenciais redox dentro dun agregado.[19]
Implicacións
[editar | editar a fonte]Debido ao tempo de residencia relativamente longo da circulación termohalina do océano, o carbono transportado como neve mariña ao océano profundo pola bomba biolóxica pode permanecer fóra do contacto coa atmosfera durane máis de 1.000 anos. É dicir, cando a neve mariña é finalmente descomposta a nutrientes inorgánicos e dióxido de carbono disolto, estes son illados da superficie oceánica por períodos de tempo relativamente longos relacionados coa circulación oceánica. En consecuencia, o aumento da cantidade de neve mariña que chega ao océano profundo é a base de varios esquemas de xeoenxeñaría para potenciar o secuestro de carbono polo océano. A fertilización do oceáno e a fertilización con ferro tratan de pular a produción de materia orgánica na superficie do océano, cun aumento da chegada de neve mariña ás profundidades do océano.[20] Estes intentos aínda non produciron unha fertilización sustentable que sexa eficiente no transporte de carbono fóra do sistema.
O incremento da temperatura oceánica, que é un indicador proxectado do cambio climático, pode resular nunha diminución na produción de neve mariña debido ao aumento da estratificación da columna de auga. Un incremento da estratificación fai diminuír a dispoñibilidade de nutrientes para o fitoplancto, como nitrato, fosfato e ácido silícico, e podería orixinar unha diminución da produción primaria e, dese xeito, da neve mariña.
As comunidades microbianas asociadas coa neve mariña interesan tamén aos microbiólogos. Investigacións recentes indican que as bacterias transportadas poden intercambiar xenes con poboacións que previamente se crían illadas de bacterias que habitan a inmensidade do leito oceánico. Nesa enorme área podería haber especies aínda descoñecidas tolerantes a altas presións e frío extremo, as cales talvez se poidan usar en bioenxeñaría e farmacia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ What is marine snow? NOAA National Ocean Service. Updated:06/25/18.
- ↑ Decho AW, Gutierrez T (2017). "Microbial Extracellular Polymeric Substances (EPSs) in Ocean Systems". Frontiers in Microbiology 8: 922. PMC 5445292. PMID 28603518. doi:10.3389/fmicb.2017.00922.
- ↑ Miller, Charles B. (2004). Biological Oceanography. Blackwell Science Ltd. pp. 94–95, 266–267.
- ↑ Mann KH, Lazier JR (2006). Dynamics of Marine Ecosystems. Blackwell Publishing. p. 35.
- ↑ McCarthy JJ, Goldman JC (febreiro de 1979). "Nitrogenous nutrition of marine phytoplankton in nutrient-depleted waters". Science 203 (4381): 670–2. Bibcode:1979Sci...203..670M. PMID 17813381. doi:10.1126/science.203.4381.670.
- ↑ van der Jagt, Helga; Friese, Carmen; Stuut, Jan-Berend W.; Fischer, Gerhard; Iversen, Morten H. (2018-02-19). "The ballasting effect of Saharan dust deposition on aggregate dynamics and carbon export: Aggregation, settling, and scavenging potential of marine snow". Limnology and Oceanography 63 (3): 1386–1394. Bibcode:2018LimOc..63.1386V. ISSN 0024-3590. doi:10.1002/lno.10779.
- ↑ Alldredge AL, Cohen Y (febreiro de 1987). "Can microscale chemical patches persist in the sea? Microelectrode study of marine snow, fecal pellets". Science 235 (4789): 689–91. Bibcode:1987Sci...235..689A. PMID 17833630. doi:10.1126/science.235.4789.689.
- ↑ Dilling, Lisa; Alldredge, Alice L (2000-07-01). "Fragmentation of marine snow by swimming macrozooplankton: A new process impacting carbon cycling in the sea". Deep Sea Research Part I: Oceanographic Research Papers 47 (7): 1227–1245. Bibcode:2000DSRI...47.1227D. doi:10.1016/S0967-0637(99)00105-3.
- ↑ Kepkay PE (1994). "Particle aggregation and the biological activity of colloids". Marine Ecology Progress Series 109: 293–304. Bibcode:1994MEPS..109..293K. doi:10.3354/meps109293.
- 1 2 3 Ivancic I, Paliaga P, Pfannkuchen M, Djakovac T, Najdek M, Steiner P, Korlevic M, Markovski M, Baricevic A, Tankovic MS, Herndl GJ (decembro de 2018). "Seasonal variations in extracellular enzymatic activity in marine snow-associated microbial communities and their impact on the surrounding water". FEMS Microbiology Ecology 94 (12). PMID 30299466. doi:10.1093/femsec/fiy198.
- 1 2 Basu, S. and Mackey, K.R. (2018) "Phytoplankton as key mediators of the biological carbon pump: Their responses to a changing climate". Sustainability, 10(3): 869. doi 10.3390/su10030869.
O material copiouse desta fonte, que está dispoñible coa licenza Creative Commons Attribution 4.0 International License. - 1 2 Passow, U. and Carlson, C.A. (2012) "The biological pump in a high CO2 world". Marine Ecology Progress Series, 470: 249–271. doi 10.3354/meps09985.
- 1 2 Turner, J.T. (2015) "Zooplankton fecal pellets, marine snow, phytodetritus and the ocean's biological pump". Progress in Oceanography, 130: 205–248. doi 10.1016/j.pocean.2014.08.005
- ↑ Bochdansky AB, Clouse MA, Herndl GJ (febreiro de 2017). "Eukaryotic microbes, principally fungi and labyrinthulomycetes, dominate biomass on bathypelagic marine snow". The ISME Journal 11 (2): 362–373. Bibcode:2017ISMEJ..11..362B. PMC 5270556. PMID 27648811. doi:10.1038/ismej.2016.113.
- ↑ del Giorgio PA, Duarte CM (novembro de 2002). "Respiration in the open ocean". Nature 420 (6914): 379–84. Bibcode:2002Natur.420..379D. PMID 12459775. doi:10.1038/nature01165. hdl:10261/89751.
- ↑ KiØrboe, Thomas (marzo de 2000). "Colonization of marine snow aggregates by invertebrate zooplankton: Abundance, scaling, and possible role". Limnology and Oceanography (en inglés) 45 (2): 479–484. Bibcode:2000LimOc..45..479K. doi:10.4319/lo.2000.45.2.0479.
- ↑ Thiele S, Fuchs BM, Amann R, Iversen MH (febreiro de 2015). "Colonization in the photic zone and subsequent changes during sinking determine bacterial community composition in marine snow". Applied and Environmental Microbiology 81 (4): 1463–71. Bibcode:2015ApEnM..81.1463T. PMC 4309695. PMID 25527538. doi:10.1128/AEM.02570-14.
- 1 2 3 Reinthaler T, van Aken HM, Herndl GJ (agosto de 2010). "Major contribution of autotrophy to microbial carbon cycling in the deep North Atlantic's interior.". Deep Sea Research Part II: Topical Studies in Oceanography 57 (16): 1572–80. Bibcode:2010DSRII..57.1572R. doi:10.1016/j.dsr2.2010.02.023.
- ↑ Bianchi D, Weber TS, Kiko R, Deutsch C (abril de 2018). "Global niche of marine anaerobic metabolisms expanded by particle microenvironments". Nature Geoscience 11 (4): 263–268. Bibcode:2018NatGe..11..263B. doi:10.1038/s41561-018-0081-0.
- ↑ Lampitt RS, Achterberg EP, Anderson TR, Hughes JA, Iglesias-Rodriguez MD, Kelly-Gerreyn BA, Lucas M, Popova EE, Sanders R, Shepherd JG, Smythe-Wright D, Yool A (novembro de 2008). "Ocean fertilization: a potential means of geoengineering?". Philosophical Transactions. Series A, Mathematical, Physical, and Engineering Sciences 366 (1882): 3919–45. Bibcode:2008RSPTA.366.3919L. PMID 18757282. doi:10.1098/rsta.2008.0139.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Mary Wilcox Silver (2015). "Marine Snow: A Brief Historical Sketch". Limnology and Oceanography Bulletin, 24:5-10. https://doi.org/10.1002/lob.10005
- Brakstad OG, Lewis A, Beegle-Krause CJ (2018). "A critical review of marine snow in the context of oil spills and oil spill dispersant treatment with focus on the Deepwater Horizon oil spill.". Marine Pollution Bulletin 135: 346–356. Bibcode:2018MarPB.135..346B. PMID 30301046. doi:10.1016/j.marpolbul.2018.07.028.