Near Earth Asteroid Rendezvous

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Near Earth Asteroid Rendezvous / NEAR Shoemaker
Near Shoemaker.jpg
Representeación de NEAR achegándose ao asteroide 433 Eros
TipoCientífico
OrganizaciónNASA[1]
Destino actualAterrado en 433 Eros
Data de lanzamento17 de febreiro de 1996, 20:43 GMT[2][3][4]
Foguete portadorDelta II (Delta 7925)[1][3]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 17B[3][5][6]
Obxectivo da misiónEstudo do asteroide 433 Eros[3][6]
NSSDC ID1996-008A
Masa487 kg (baleiro), 818 kg (con propelente)[1][3][6]
Potencia1800 vatios[5]

NEAR (do acrónimo de Near Earth Asteroid Rendezvous), máis tarde renomeada NEAR Shoemaker en honor do científico Gene Shoemaker, foi unha sonda espacial estadounidense lanzada o 17 de febreiro de 1996 mediante un foguete Delta II (modelo Delta 7925) desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral, no estado de Florida. O seu obxectivo principal foi o estudo do asteroide 433 Eros.[1][3]

Características[editar | editar a fonte]

NEAR foi a primeira nave en orbitar un asteroide e de aterrar, ao final da súa misión, na súa superficie. O obxectivo principal da misión foi estudar as propiedades fundamentais, composición, mineraloxía, morfoloxía, distribución interna de masa e campo magnético do asteroide Eros, un asteroide de clase S e unhas dimensións de 13 x 13 x 33 km. Como obxectivo secundario tivo o estudo das propiedades do regolito da superficie, as interaccións co vento solar, indicios de posible actividade actual e estudo do xiro do asteroide.[1][3][4]

A sonda foi lanzada o 17 de febreiro de 1996 a bordo dun foguete Delta 7925 para entrar nunha órbita heliocéntrica e permanecer en estado de hibernación ata a súa reactivación para o sobrevoo do asteroide 253 Mathilde o 27 de xuño de 1997. NEAR achegouse a só 1200 km da superficie de Mathilde, que ten un diámetro de 61 km, pasando a unha velocidade relativa de 9,93 km/s e fotografiándoo e obtendo datos cos seus instrumentos. O 3 de xullo NEAR acendeu o seu motor principal, de 450 Newton de pulo, dúas veces para modificar a súa órbita e deixar o seu perihelio a unha distancia de 0,95 unidades astronómicas (UA) co fin de preparar un sobrevoo da Terra. O sobrevoo tivo lugar o 23 de xaneiro de 1998, cunha distancia mínima de 540 km, modificando a órbita de NEAR ao cambiar a súa inclinación orbital de 0,5 a 10,2 graos e o seu afelio de 2,17 a 1,77 UA, uns parámetros orbitais similares aos de Eros.[1][3][6]

O asteroi de Mathilde.

O 20 de decembro de 1998 NEAR acendeu o seu motor para executar unha manobra que o achegaría a Eros, pero o motor foi apagado debido a un problema de software, perdéndose o contacto coa sonda. Ata 24 horas máis tarde non se conseguiron restablecer as comunicacións coa nave, demasiado tarde para seguir coas manobras de achegamento a Eros. O control da misión decidiu replanificar a misión e o 23 de decembro de 1998, ás 18:41:23 UTC, NEAR sobrevoou Eros a unha velocidade de 0,965 km/s e unha distancia de 3827 km, pasando de longo ao mesmo tempo que a sonda tomaba fotos e datos do asteroide. O 3 de xaneiro de 1999 NEAR acendeu o seu motor na primeira dunha serie de manobras orbitais que a levarían, máis de un ano despois, de novo á veciñanza de Eros para entrar en órbita arredor del.[1][3][6]

A inserción orbital de NEAR arredor de Eros tivo lugar o 14 de febreiro de 2000 ás 15:33 UTC. Antes da inserción orbital tiveron lugar unha serie de manobras para frear a sonda e se buscaron posibles lúas do asteroide para evitar posibles colisións.[1][3][6]

NEAR pasou un ano arredor de Eros, cambiando a súa órbita e baixándoa para estudar mellor o asteroide. O control da misión fixo aterrar a sonda suavemente sobre o asteroide o 12 de febreiro de 2001, tomando contacto coa superficie ás 20:01:52 UTC, converténdose na primeira nave en pousarse sobre un asteroide. A sonda continuou transmitindo datos do seu espectrómetro de raios gamma desde a superficie ata o 28 de febreiro, en que se perdeu o contacto. Intentouse retomar o contacto coa sonda o 10 de decembro de 2002, sen éxito.[1][3][6]

A nave[editar | editar a fonte]

NEAR tiña forma de prisma octogonal, de aproximadamente 1,7 metros de longo, con catro paneis solares fixos de arseniuro de galio e unha antena de alta ganancia de 1,5 metros de diámetro funcionando en banda X. A antena leva no cumio do alimentador o magnetómetro e un monitor de raios X solares na cuberta superior, onde se apoia a antena. O resto de instrumentación atópase na cuberta inferior. A nave estabilízase nos tres eixos, para o cal usaba un sistema de motores alimentados por hidracina e tetróxido de nitróxeno. O motor principal tiña un pulo de 450 N, mentres que levaba catro motores de 21 N e sete de 3,5 N como forma de propulsión adicional e capaz en total dunha delta V de 1450 m/s. O control de actitude tiña lugar tanto mediante propulsores como mediante catro volantes de inercia. O sistema de propulsión levaba 209 kg de hidracina repartidos entre dous tanques e 109 kg de tetróxido de nitróxeno repartido entre tres.[1][3][6]

Os paneis solares proporcionaban ata 400 vatios de potencia a unha distancia de 2,2 UA e 1800 vatios a 1 UA. A enerxía era almacenada nunha batería de níquel-cadmio cunha capacidade de 9 amperios-hora. A guía da nave conseguíase mediante unha serie de sensores solares, dunha unidade de medición inercial e dunha cámara estelar.[1][3][6]

O asteroide 433 Eros tal como foi visto por NEAR.

Instrumentos[editar | editar a fonte]

NEAR levaba seis instrumentos principais a bordo:[1]

  • MultiSpectral Imager (MSI): é un telescopio refractor cun CCD de 244x537 píxeles para fotografiar o asteroide, determinar a súa forma, xiro e morfoloxía e estudar a súa composición superficial.
  • Espectrómetro de raios X e raios gamma (XGRS): contén dous sensores para estudar a composición elemental da superficie do asteroide.
  • Espectrógrafo do Infravermello Próximo (NIS): é un espectrómetro que cobre a banda entre 800 e 2700 nm. Usouse para cartografar a composición mineralóxica do asteroide.
  • Magnetómetro: levaba un sensor de porta de fluxo de tres eixos para medir o campo magnético de Eros.
  • NEAR Laser Rangefinder (NLR): era un altímetro láser para medir a distancia entre a nave e a superficie do asteroide co fin de determinar a súa forma e estrutura de superficie.
  • Ciencia de radio: usouse o sistema de comunicación para facer medicións do campo de gravedade de Eros.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "NEAR (Discovery 2, Shoemaker)" (en inglés). Consultado o 29 de marzo de 2015. 
  2. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "NEAR" (en inglés). Consultado o 29 de marzo de 2015. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 NASA (26 de agosto de 2014). "NEAR Shoemaker" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 04 de abril de 2015. Consultado o 29 de marzo de 2015. 
  4. 4,0 4,1 "Note verbale dated 4 June 1996 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (96-84590). 28 de xuño de 1996. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de abril de 2015. Consultado o 29 de marzo de 2015. 
  5. 5,0 5,1 Claude Lafleur (2010). "NEAR / Shoemaker" (en inglés). Consultado o 29 de marzo de 2015. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 6,7 6,8 Mark Wade (2011). "NEAR" (en inglés). Consultado o 29 de marzo de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]