Nazik al-Malaika
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de agosto de 1922 Bagdad, Iraq |
Morte | 20 de xuño de 2007 (84 anos) O Cairo, Exipto |
Relixión | Islam |
Educación | Universidade de Wisconsin-Madison |
Actividade | |
Campo de traballo | Poesía |
Ocupación | poetisa, crítica literaria, profesora universitaria, escritora, crítica |
Empregador | Universidade de Kuwait Universidade de Bagdag Universidade de Basora |
Familia | |
Cónxuxe | Abdel Hadi hbooba |
Nai | Salma Al-Malaika |
Irmáns | Ihsan Al- Malaika |
Parentes | Jameel Al-Malaeka, tío materno Abd al-Sahib Al-Malaika, tío materno |
Descrito pola fonte | Dictionary of Women Worldwide Metzler Autorinnen Lexikon, (p.17–18) >>>:al-Mala’ika, Nazik |
Sitio web | nazek.net |
Nazik al-Malaika (en árabe: نازك الملائكة), nada en Bagdad o 23 de agosto de 1923 e finada no Cairo o 20 de xuño de 2007, foi unha poeta iraquí, considerada unha das máis importantes e influentes escritoras árabes do século XX. É recoñecida como a primeira poeta árabe en empregar o verso libre.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nazik al-Malaika naceu en Bagdad nunha familia acomodada e liberal, vinculada ao mundo literario. A súa nai era tamén poeta, e o seu pai, profesor de gramática. Ambos inculcáronlle o apego polo uso correcto da lingua árabe. Estudou na Facultade de Pedagoxía da Escola Superior para a Formación do Profesorado de Bagdad. En 1944, escribiu unha tese sobre as diferentes correntes do estudo da gramática. Ao tempo, adquiriu unha formación moderna e avanzada, estudando inglés no Colexio Británico e música árabe e interpretación no Instituto de Belas Artes. Unha das súas lembranzas de nova eran as tardes que pasou sentada no xardín tocando o laúde e cantando cancións de Umm Kulthum e Mohammed Abd el-Wahab.
Dez anos máis tarde, obtivo unha bolsa para estudar Crítica Literaria na Universidade de Princeton e graduarse en Literatura comparada na Universidade de Wisconsin. En 1958, coa caída da dinastía haxemita e a proclamación da República de Iraq, al-Malaika exiliouse en Beirut, fuxindo do ambiente ditatorial.
Na década dos 60 coa chegada ao poder do Partido Baaz e un ambiente social máis positivo, regresa ao seu país para contribuír, xunto co seu esposo, na fundación da Universidade de Basora. Durante dúas décadas, entre 1970 e 1990, foi profesora de Literatura na Universidade de Kuwait. Porén, tras a invasión de Saddam Hussein regresou a Bagdad. Despois da guerra do golfo, instalouse de maneira definitiva no Cairo, até o seu pasamento en xuño de 2007.[2]
Cronoloxía
[editar | editar a fonte]Pola súa traxectoria persoal e polas circunstancias sociais, a súa obra pode dividirse en tres etapas:[3]
De 1947 a 1957
[editar | editar a fonte]Publica as súas tres primeiras escolmas, nas que xa se desvía das formas clásicas. O núcleo principal destas obras é a individualidade, a paixón intimista pola natureza, a poesía e mais a morte. Son composicións de gran vitalidade espiritual e lírica. Entre as máis atrevidas e novas, están A amante da noite (1947) e Achas e cinzas (1949). En 1957, saíu do prelo O interior da onda.
En 1953, escribiu un ensaio sobre a situación das mulleres na sociedade árabe: A muller entre dous extremos, a pasividade e a ética.
De 1958 a 1978
[editar | editar a fonte]Na sociedade iraquí, son uns anos de progreso social, con esperanzas e decepcións. A poesía de al-Malaika indaga nunha realidade na que caben tanto o idealismo e a transformación como a confusión e a dor do individuo. Trátase da súa época máis optimista.
No seu prólogo a Árbore da lúa (1968) fai balance da súa traxectoria poética, e inclúe poemas de contido nacionalista e de reafirmación da identidade. Tamén publica O drama da vida e a canción do home (1974).
De 1978 a 2007
[editar | editar a fonte]Neste período produciuse un definitivo recollemento interior e unha recuperación das estruturas poéticas tradicionais, con obras de contido filosófico e relixioso. Co ascenso ao poder de Saddam Hussein, a poeta exíliase no Cairo. Entre as súas publicacións, destacan Para a oración e a revolución (1979) e O mar cambia de cores (1999).
Así mesmo, escribiu diversos ensaios e conferencias nos que promoveu as vantaxes do verso libre.
Características da súa obra
[editar | editar a fonte]O conxunto da obra de al-Malaika é un reflexo da historia recente de Iraq, enmarcada polo idealismo, a esperanza, a decepción e mais o exilio. Entre os seus trazos esenciais, destacan a introdución do verso libre e os elementos distintivos da poesía romántica e modernista.
Porén, a produción de al-Malaika non supón unha renuncia á versificación clásica. Ao contrario, sen abandonar os esquemas tradicionais, experimenta con este novo recurso. Segundo a poeta, o verso libre non debe entenderse como unha despreocupación pola musicalidade, que constitúe unha condición básica do verso. Así, insistiu no emprego do pe rimado. Nas súas palabras:
Un poema é un poema só cando ten métrica; doutro xeito, é prosa, non poesíaNazik al-Malaika
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cano Ledesma, Aurora. "Unidad árabe y arabidad en la obra de Nazik al-Malaika". www.hottopos.com (en castelán). Consultado o 29-10-2024.
- Lapiedra, Eva (2011). "Nazik al-Malaika, primera poetisa del verso libre" (en castelán). Consultado o 29-10-2024.
- Prieto, María Luísa, ed. (2015). "Nazik al-Malaika (1923-2007)". Poesía árabe (en castelán). Consultado o 28-10-2024.