Naziha al-Dulaimi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Naziha al-Dulaimi
Naziha al-Dulaimi.jpg
Nacemento1923
Lugar de nacementoBagdad
Falecemento9 de outubro de 2007
Lugar de falecementoHerdecke
NacionalidadeIraq
Alma máterUniversidade de Bagdag
Ocupaciónpolítica e médica
editar datos en Wikidata ]

Naziha Jawdet Ashgah al-Dulaimi, nada en Bagdad en 1923 e finada en Herdecke o 9 de outubro de 2007, foi das primeiras pioneiras do movemento feminista iraquí. Foi cofundadora e primeira presidenta da Liga de Mulleres iranianas, a primeira ministra da historia moderna de Iraq, e a primeira ministra de gabinete no mundo árabe.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Al-Dulaimi, cuxo avó deixara al-Mahmudia (entre Bagdad e Babilonia) e se instalou en Bagdad a finais do século XIX, naceu en 1923. Estudou medicina no Royal College of Medicine (máis tarde adscrito á Universidade de Bagdad).[1] Ela foi unha das poucas estudantes femininas na Facultade de Medicina. Durante ese tempo uniuse á "Sociedade de Mulleres para Combater o Fascismo e o Nazismo" e participou activamente no seu traballo. Máis tarde, cando a sociedade mudou o seu nome polo de "Asociación de Mulleres Iraquís" converteuse en membro do seu comité executivo.

En 1941 graduouse como doutora. Despois de se graduar, foi asignada ao Hospital Real en Bagdad, e despois foi trasladada ó Hospital de Karkh. Durante todo ese período foi sometida a hostigamento polo aparato de seguridade da monarquía, debido á súa simpatía cos pobres e o tratamento médico gratuíto que lles ofrecía na súa clínica do distrito de Shawakah. Trasladada a Sulaimaniyah (en Kurdistán), a súa clínica converteuse de novo nun refuxio para pacientes indixentes que recibiron o seu coidado e apoio de forma gratuíta. De Sulaiminiyah foi trasladada de novo a outras cidades e provincias (Kerbala, Umarah).

En 1948 fíxose membro do Partido Comunista Iraquí (ICP), que nese tempo se opuña a monarquía gobernante. En xaneiro de 1948, a doutora Naziha participou activamente no levantamento popular "al-Wathbah" contra o Tratado colonialista de Portsmouth, e noutras loitas patrióticas.

En 1952 escribiu o libro titulado The Iraqi Woman (en galego, A Muller iraquí) no cal escribiu sobre as mulleres da clase campesiña (al-fallahin), que estaban privadas de todos os dereitos, tanto en termos de represión dos homes como de opresión de clase.[2] Tamén escribiu sobre mulleres de clases superiores que tiñan un status material máis alto, pero que tamén eran tratadas polos homes como a súa propiedade, e non como un ser humano real.

Tentou reactivar a Asociación de Mulleres Iraquís e, co apoio de ducias de mulleres activistas, solicitou ás autoridades a creación dunha "Women's Liberation Society" (en galego, Sociedade de Liberación das Mulleres). Pero a solicitude foi rexeitada. En resposta, algunhas das asinantes lideradas pola doutora Naziha, decidiron seguir adiante e crear esta organización de tódolos xeitos, aínda que clandestinamente, e despois de mudar o seu nome a League for Defending Iraqi Woman's Rights (en galego, Liga para a Defensa dos dereitos da Muller Iraquí).[2] A Liga creouse o 10 de marzo de 1952. Entre os obxectivos da Liga estaban:[3]

  • A loita pola liberación nacional e a paz mundial;
  • A defensa dos dereitos das mulleres iraquís;
  • A protección dos nenos iraquís.

Baixo o liderado e participación activa da doutora Naziha a Liga (o seu nome foi posteriormente mudado a Iraqi Women's League, en galego Liga das Mulleres Iraquís) desenvolveuse durante os anos seguintes e converteuse nunha organización de masas despois da Revolución do 14 de Xullo. Cun número de membros superando os 42.000 (dunha poboación total no momento de 8 millóns), conseguiu moitos avances para as mulleres iraquís, en particular a progresista Lei Núm. 188 sobre o Estado Persoal (1959).

En recoñecemento ao seu papel e logros, a Liga das Mulleres Iraquís converteuse nun membro permanente do Secretariado da Federación Internacional de Mulleres. A doutora Naziha foi elixida membro da asemblea e da executiva da Federación, e máis tarde converteuse en vicepresidenta desta organización internacional. Converteuse nunha destacada figura feminina a nivel internacional, así como no mundo árabe e no "Terceiro Mundo."

Durante a década de 1950, a doutora Naziha participou activamente no Movemento pola Paz Iraquí, e foi membro do comité preparatorio para a conferencia Partisanos pola Paz que se celebrou en Bagdad o 25 de xullo de 1954. Tamén foi membro do Consello Mundial pola Paz.

Pasou a década de 1950 investigando e erradicando a bacteria autóctona da sífilis endémica no sur de Iraq.

Despois de que a monarquía fora derrocada, foi elixida polo Presidente Abd al-Karim Qasim como Ministra de Concellos no gabinete de 1959 como a única representante do ICP no seu goberno republicano. Foi a primeira ministra na historia moderna de Iraq, e a primeira ministra do gabinete no mundo árabe. Máis tarde asumiu o cargo de Ministra de Estado nunha formación posterior do gabinete.[1]

Durante a súa carreira no goberno, al-Dulaimi xogou un papel decisivo en converter os vastos barrios marxinais do leste de Bagdad nun enorme proxecto de obras públicas e vivendas que chegou a ser coñecido como Thawra (Revolución) City—agora Sadr City. Tamén axudou a redactar a secular Lei de Asuntos Civís de 1959, que se adiantou ó seu tempo na liberalización das leis de matrimonio e herdanza en beneficio das mulleres iraquís.

Por mor das súas múltiples actividades no Partido Comunista e no movemento patriota, a doutora Naziha padeceu un considerable hostigamento e represión en varios períodos. Viuse obrigada a deixar o país e ir ó exilio varias veces. Mais isto non lle impediu unirse cos seus camaradas no partido e no movemento patriota, e ás súas irmás do movemento das mulleres, na loita polos dereitos lexítimos e democráticos das mulleres.

A doutora Naziha foi unha verdadeira loitadora comunista, e unha persoa do partido dedicada e fiable. Así ocupou unha posición de liderado no partido e converteuse en membro do seu Comité Central. A finais da década de 1970, cando a camarilla gobernante ditatorial se preparaba para lanzar a súa campaña sanguenta e traidora contra o Partido Comunista Iraquí, ela era membro do Secretariado do Comité Central.

Durante os anos do seu exilio forzado, estivo total e emocionalmente unida ó seu pobo e patria e á súa causa xusta. É neste contexto que xogou unha función prominente na dirección do Comité para a Defensa das Persoas Iraquís, creado após o golpe de esquerdas do 8 de febreiro de 1963. O comité foi encabezado polo poeta iraquí Muhammad Mahdi Al-Jawahiri. Mesmo durante a década de 1990, cando era anciá e fráxil, non cesou no seu traballo no movemento das mulleres, particularmente na Liga das Mulleres Iraquís. O último evento importante no cal participou activamente foi nun seminario sobre a situación das mulleres iraquís celebrado en 1999 en Colonia, Alemaña.

Participou nos preparativos do 5.º Congreso da Liga das Mulleres Iraquís, pero antes de que fose convocado (en marzo de 2002) padeceu un derramo cerebral que a paralizou.

Morreu o 9 de outubro de 2007 en Herdecke á idade de 84, despois de loitar contra os efectos dun derramo cerebral debilitante durante varios anos.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]