Natator depressus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Natator»)

Natator depressus
Estado de conservación
Datos insuficientes [1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Orde: Testudines
Familia: Cheloniidae
Xénero: Natator
McCulloch, 1908
Especie: N. depressus
Nome binomial
'Natator depressus'
(Garman, 1880)

Natator depressus é unha tartaruga mariña endémica da plataforma continental de Australia, onde lle chaman tartaruga mariña de dorso plano (flatback sea turtle), debido á súa coiraza ou cuncha máis plana en comparación con outras tartarugas mariñas. Esta tartaruga pertence á superfailia Cheloniidae e é a única especie do xénero Natator.

Os adultos teñen unha coiraza bastante plana, con beiras dobradas cara a arriba, a cal é aproximadamente de 90 a 95 cm de longo.[2] O espaldar (parte dorsal) é de cor olivácea a gris e o plastrón (parte inferior) é de cor crema.[2] As crías ao eclosionaren teñen coirazas grises perfiladas en negro. O plastrón e as beiras do espaldar son brancos.[2]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Mapa de distribución de Natator depressus: Os círculos vermellos indican os principais lugares de aniñación.

Viven xeralmente en baías, e augas pouco profundas con vexetación, arrecifes de coral, estuarios, e lagoas costeiras da costa do noroeste de Australia e fronte á costa de Papúa Nova Guinea.

As especies poden alimentarse nas augas de Indonesia e Papúa Nova Guinea, pero aniña só en Australia. O desove ocorre nas costas de toda a metade norte de Australia, desde Exmouth en Australia Occidental a Mon Repos Conservation Park en Queensland. O sitio de aniñación máis significativo é Crab Island no Estreito de Torres oeste. Tamén se reproducen nas illas do sur da Gran Barreira de Coral, e en praias do continente e de illas como as do norte de Gladstone.

Anatomía[editar | editar a fonte]

A coiraza ou cuncha do adulto é de media de 90 cm de lonxitude. Non é moi alta, as beiras están voltas para arriba e ten catro pares de escamas costais, o que é menos que outras tartarugas mariñas. As partes superiores son de cor oliva cincenta, e máis pálida ventralmente. Teñen un só par de escamas situadas na fronte da cabeza, que tamén serven para distinguir esta especie.[3]

Ciclo vital[editar | editar a fonte]

Unha cría acabada de eclosionar de N. depressus dirixíndose ao mar.
Parte inferior dun adulto.

Aniñación[editar | editar a fonte]

Esta tartaruga é peculiar polo feito de que pon poucos ovos pero de gran tamsaño en comparación con outras especies. Depositan uns 55 ovos de cada vez, e fan tres postas durante a estación reprodutora. As tartarugas nunca tornan a terra, a non ser para poñer ovos, xa que o apareamento ten lugar no mar, e dura unhas 1,5 horas. A femia escava un burato usando primeiro as súas aletas dianteiras para despexar a primeira capa de area seca. Despois usan ss aletas traseiras para escavar unha pequena cámara para os ovos. Despois de depositaren unha posta de entre 50 e 75 ovos, cobrena con area usando primeiro as aletas traseiras, e despois lanzan area cara a atrás coas súas aletas dianteiras. As femias poñen ovos cada 16 ou 17 días durante a tempada de aniñación, o que fai un total de 1 a 4 niños. Só aniña durante dous ou tres anos e as concentracións de tartarugas nos sitios de posta son pequenas.[3]

Estes ovos son vulnerables á predación por dingos, algúns varanos (Varanus gouldii) e o raposo, que é unha especie invasora introducida. Unha ecoloxía alterada nos sitios de aniñación, como ocorreu en Port Hedland, trastorna o comportamento reprodutor. Os espécimes adultos tamén quedan atrapadas nas redes de pesca dos arrastreiros, e aínda son consmidas polos pobos indíxenas da súa área de distribución.[3]

Eclosión[editar | editar a fonte]

As crías que saen do ovo son as máis grandes de todas as tartarugas. O período de vida inicial é o máis perigoso para estas tartarugas. Guiadas polo horizonte aberto e baixo e a luz reflectida polo mar, as crías corren cara ao mar. O único que as protexe da depredación por aves e cangrexos é a súa saída dos niños en grandes números. Con todo, mesmo no mar non están a salvo, xa que os tiburóns e peixes patrullan as augas pouco profundas, esperando para comelos. Estímase que só unha de cada 100 tartarugas vive ata chegar a adulto. Porén, unha vez que chegan a adultos, moi poucas especies as poden depredar. A súa curva de supervivencia é de tipo III porque as crías ao ecosionaren teñen alta mortalidade, mentres que os adultos sobreviven máis facilmente.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

Son tartarugas bastante grandes comparados con outras tartarugas mariñas, o que dificulta que os depredadores as capturen e coman. Cando eclosionan as súas coirazas lisas e as extremidades con forma de aleta axúdanas a correr en dirección á auga a unha velocidade de 29 km/h.

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Estas tartarugas comen diversos organismos, como plantas mariñas, invertebrados mariños, como moluscos, medusas e camaróns, e peixes. Tamén consomen coral brando, cogombros de mar e outras criaturas de corpo mol.[3]

Conservación[editar | editar a fonte]

A especie considérase vulnerable á extinción en Australia Occidental,[3] pero a Lista Vermella da IUCN considera que os datos son deficientes e non serven para avaliar o seu risco correctamente.[1]

Estas tartarugas na área noroeste de Kimberley enfróntanse a ameazas inmediatas debido ao desenvolvemento industrial.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Red List Standards & Petitions Subcommittee (1996). "Natator depressus". IUCN Red List of Threatened Species. Version 2.3. International Union for Conservation of Nature. Retrieved 14 May 2011. [1]
  2. 2,0 2,1 2,2 Limpus, Colin (2007). A Biological Review of Australian Marine Turtles. 5. Flatback turtle Natator depressus (Garman) (PDF). Queensland: The State of Queensland. Environmental Protection Agency. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de febreiro de 2015. Consultado o 24 de xullo de 2015. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Burbidge, Andrew A (2004). Threatened animals of Western Australia. Department of Conservation and Land Management. pp. 110, 114. ISBN 0-7307-5549-5. 
  4. "Sea Turtle Restoration Project : Australia's Sea Turtles". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2011. Consultado o 24 de xullo de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]