Nana Ioseliani
Nana Ioseliani | |
---|---|
Nana Ioseliani durante a Olimpíada Feminina de Xadrez da Valeta 1980 | |
Nome completo | ნანა იოსელიანი |
Nacemento | 12 de febreiro de 1962 |
Lugar de nacemento | Tbilisi |
Nacionalidade | Unión Soviética e Xeorxia |
Ocupación | xadrecista |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Nana Ioseliani (xeorxiano: ნანა იოსელიანი), nada en Tbilisi o 12 de febreiro de 1962, é unha xadrecista. A FIDE nomeouna Gran Mestra Feminina en 1980 e Mestra Internacional Feminina en 1993.
En 1978 dábase por feito que formaría parte do equipo feminino soviético na 23ª Olimpíada de Xadrez en Buenos Aires. Con todo, o Kremlin decidiu intervir, pois todos os membros do equipo eran de Xeorxia. Así, Ioseliani, a máis nova do equipo, foi substituída por unha xogadora de orixe rusa unha hora antes de o avión partir cara a capital arxentina.[1] Ioseliani participou co equipo soviético nas 24ª e 25ª Olimpíadas en Valeta e Lucerna, respectivamente. Posteriormente uniuse ao equipo xeorxiano nas 30ª, 31ª e 32ª Olimpíadas en Manila, Moscova e Ereván. O seu equipo obtivo o ouro nas cinco ocasións. Tamén participou nas tres Olimpíadas seguintes en Elista 1998, Istambul 2000 e Bled 2002. Nestas, Xeorxia obtivo as medallas de bronce e de prata e quedou en 4º lugar, respectivamente. A puntuación individual de Ioseliani foi de 65 puntos en 88 xogos (+49, =32, -7).[2]
En 1979 e en 1980 foi a gañadora feminina do Campionato Europeo Xuvenil de Xadrez. Gañou o Torneo de Candidatas en dúas ocasións para xogar o Mundial Feminino de Xadrez. En 1988 xogou contra a entón campioa Maia Chiburdanidze e perdeu por 8½ a 9½ (+2, =11, -3).[3] En 1993 perdeu ante Xie Jun por 2½ a 8½.[4]
Gañou o Campionato Soviético Feminino de Xadrez en catro ocasións. Ioseliani tamén xogou con Xeorxia no Mundial de Xadrez por Equipos de 1997, no que logrou unha puntuación de 1½/7 no taboleiro 2.[5]
Desde 2003 está inactiva como xadrecista e é empresaria en Praga.[6]
Filmografía[editar | editar a fonte]
En 1978 actuou na curtametraxe de comedia Shesveneba. Nela interpretaba a unha xadrecista quen vencía a todos os seus compañeiros homes.[7]
En 2021 apareceu no documental Glory to the Queen xunto con Nana Alexandria, Nona Gaprindashvili e Maia Chiburdanidze.[8]
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Lazareva, Inna (13 de decembro de 2020). "Georgian women ruled chess in the Soviet era. A new generation chases the same ‘Queen’s Gambit’ glory.". The Washington Post (en inglés) (Tbilisi). Consultado o 24 de febreiro de 2023.
- ↑ "Women's Chess Olympiads - Nana Ioseliani". OlimpBase (en inglés). Consultado o 24 de febreiro de 2023.
- ↑ "1988 Chiburdanidze - Ioseliani: World Chess Championship (Women)". Mark-Weeks (en inglés). Consultado o 24 de febreiro de 2023.
- ↑ "1993 Xie Jun - Ioseliani: World Chess Championship (Women)". Mark-Weeks (en inglés). Consultado o 24 de febreiro de 2023.
- ↑ "World Men's Team Chess Championship - Nana Ioseliani". OlimpBase (en inglés). Consultado o 24 de febreiro de 2023.
- ↑ "The God of Moon – Nanna - The 43rd Chess Olympiad, Batumi 2018 Georgia". FIDE (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2023. Consultado o 24 de febreiro de 2023.
- ↑ "Shesveneba (TV Short 1978) - Reference View". IMDb (en inglés). Consultado o 24 de febreiro de 2023.
- ↑ "Glory to the Queen (2020)". IMDb (en inglés). Consultado o 24 de febreiro de 2023.