Naila Ayesh
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 1960 Xerusalén |
| Educación | Academia de Ciencias de Bulgaria |
| Actividade | |
| Ocupación | militante |
Naila Ayesh (en árabe: نائلة عياش), nada en Xerusalén en 1960, é unha activista palestina recoñecida polo seu destacado papel na organización do movemento liderado por mulleres durante a Primeira Intifada (1987-1993). O seu labor foi crucial na mobilización social e política contra a ocupación sionista, promovendo a resistencia popular e a participación activa das mulleres nas estruturas de liderado do movemento palestino.[1]
Traballou en diversas iniciativas enfocadas nos dereitos humanos, a xustiza social, a igualdade de xénero e a liberdade en Palestina. A súa historia destaca como un símbolo da loita pola autodeterminación e os dereitos das mulleres nun contexto de colonialismo e ocupación.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]En 1969, con tan só oito anos, mentres estaba na escola xunto coas súas catro irmás, decatouse polas profesoras de que as forzas de ocupación israelís acababan de derrubar a súa casa. Ao non se atoparen lonxe foron testemuñas da escena. Este evento marcou profundamente a súa vida e alimentou o que ela describe como a súa hostilidade cara á ocupación militar sionista.[2]
En 1980 tomou a decisión de marchar estudar a Bulgaria, onde coñeceu a quen sería o seu futuro marido, Jamal Zakout, tamén activista palestino. Durante ese período relacionouse con estudantes de Siria, O Líbano e Xordania da súa mesma orixe, todos eles comprometidos coa causa palestina.[2]
Militancia e compromiso político
[editar | editar a fonte]Tras graduarse en Bulgaria regresou a Ramala, onde se uniu á Fronte Democrática para a Liberación de Palestina. Enfocouse en animar ás mulleres a participar activamente, malia que a ocupación criminalizara a organización política do pobo palestino.[2] Nos anos previos á Primeira Intifada intensificou a súa implicación co movemento social. En consecuencia, tanto ela como Zakout foron estreitamente vixiados por parte da ocupación sionista. En 1987, estando embarazada, Naila foi arrestada polas forzas sionistas na súa casa en Gaza. Durante a súa detención na prisión de Al-Moskobiya en Xerusalén foi sometida a tortura e neglixencia médica, o que lle causou un aborto.
«Fun interrogada durante dúas semanas. Estiven atada a unha cadeira dunha maneira moi incómoda durante varios días. Xa lles dixera que estaba embarazada. Eles dixéronme que non lles importaba, muller, home, embarazada ou non, para eles, dixeron, eu era unha sabotadora. Empecei a sangrar».[3]
Foi nese momento cando o seu esposo contactou cun xornalista israelí, Oren Cohen.[4] Finalmente foi liberada grazas á difusión do caso, á presión dos medios e ao apoio de diversos grupos.[5] En decembro dese mesmo ano comezou a Primeira Intifada.
Tras a súa liberación, Ayesh continuou co activismo político. Tivo un papel destacado na coordinación e comunicación de información sobre manifestacións e boicots planificados, e nese contexto volveu quedar embarazada. O seu marido foi deportado e exiliouse no Cairo pouco antes de ela dar a luz ao seu primeiro fillo, Majd. Tras iso, uniu forzas coas mulleres palestinas cuxos maridos se atopaban na mesma situación ou foran martirizados. Crearon institucións paralelas para contrarrestar o control militar sionista sobre a vida cotiá e organizaron folgas políticas masivas e educación clandestina. Naila distribuíu boletíns con chamados á acción escondidos en pans, mentres levaba ao seu fillo acabado de nacer nunha estribeira.[6]
En outubro de 1988 foi arrestada polas forzas da ocupación e permaneceu en detención administrativa durante seis meses debido ás súas actividades políticas.[1] Foi trasladada á prisión de Telmond e poucos días despois da súa chegada, as autoridades sionistas permitiron que o seu fillo recentemente nado se reunise con ela na prisión.
«O meu fillo era o único neno na prisión. Vin tanta dor nos ollos das outras prisioneiras. Todas elas tiñan fillos».[3]
Tras a súa liberación viuse obrigada a pasar dous anos no exilio, concretamente no Cairo, como única alternativa para poder viaxar con Majd e reunirse co seu marido.
Durante a Conferencia de Madrid de 1991, o aparello sionista negouse a estabelecer comunicación directa coa Organización para a Liberación de Palestina (OLP). A situación levou á formación dunha delegación palestina integrada por mulleres dos territorios ocupados, liderada pola doutora Hanan Ashrawi como voceira. Con todo, esta delegación descubriu a través dos medios de comunicación que se estaban levando a cabo negociacións secretas entre ambas partes, as cales culminaron nos Acordos de Oslo de 1993. As activistas palestinas, excluídas destes procesos, expresaron que a Intifada non debeu deterse até as súas principais demandas seren atendidas. Así, subliñaron o seu descontento co rumbo das negociacións e a falta de inclusión e recoñecemento.[7]
Desde 1996 Ayesh foi directora do Centro para Asuntos da Muller en Gaza. Os programas que ofrece o centro inclúen formación en comunicación —que abrangue xornalismo, campañas de base e educación cívica—, desenvolvemento —no que as mulleres aprenden todos os aspectos dos proxectos de microempresa, desde a viabilidade até a mercadotecnia— e construción de institucións, con capacitación en integración do enfoque de xénero, desenvolvemento administrativo e planificación e xestión de programas en ONG.[8] Durante varios anos pasou o seu tempo entre Gaza e Ramala, onde reside parte da súa familia, malia as enormes dificultades para viaxar entre as dúas cidades debido ás severas restricións impostas pola ocupación sobre o movemento do pobo palestino.[8] Desde 2007 vive en Ramala e segue comprometida co traballo social e a promoción do liderado das mulleres na vida política e pública. Nos últimos anos mostrou o seu apoio a mozas activistas como Ahed Tamimi e salientou a importancia do papel das mulleres na resistencia palestina.
Reflexionando con nostalxia sobre a Primeira Intifada, destacou que, aínda que a mobilización xuvenil actual afronta moitos desafíos, «a nosa loita non terminou e non marchamos a ningún lado».[1]
Documental
[editar | editar a fonte]A vida e o labor de Naila Ayesh son o tema central do documental Naila and the Uprising (2017), dirixido pola brasileira Julia Bacha e producido por Just Vision. Suhad Babaa, produtora e directora executiva de Just Vision, sinalou en 2017 que as mulleres palestinas asumiron roles de liderado cando miles de homes foron arrestados, deportados ou asasinados durante a Intifada. Con todo, tanto o papel das mulleres como o da resistencia non violenta no levantamento foron ignorados ou minimizados.[9]
O documental mestura animación e metraxe de arquivo exclusivo con entrevistas a diversas activistas e políticas, incluídas Zahira Kamal, Sama Aweidah e Rabiha Diab.[2] De acordo con Ayesh:
«Hai unha mensaxe importante na película para esta xeración, transmitida a través do meu fillo. A xeración maior cumpriu a súa parte. Agora é o momento de que a mocidade desempeñe un papel activo no futuro».[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 3 4 Hankir, Zahra (15 de marzo de 2018). "'My story is one of many': The Palestinian women behind the First Intifada". Middle East Eye (en inglés) (Londres). Consultado o 10 de marzo de 2025.
- 1 2 3 4 Palestinian Movie - Naila and the Uprising -(Subs: English & Español, Português).
- 1 2 "Naila and the Uprising: The women who drove the First Intifada". Al Jazeera (en inglés). 16 de decembro de 2019. Consultado o 17 de marzo de 2025.
- ↑ "As a journalist, I learned not to believe anything the Israeli army says". +972 Magazine (en inglés). 7 de novembro de 2018. Consultado o 17 de marzo de 2025.
- ↑ "On Israel’s History of Targeting Pregnant Palestinian Women". The Palestine Chronicle (en inglés). 31 de agosto de 2021. Consultado o 17 de marzo de 2025.
- ↑ Palestinian Movie - Naila and the Uprising -(Subs: English & Español, Português).
- ↑ Patel, Yumna (22 de setembro de 2023). "La trampa". Brecha (en castelán). Consultado o 17 de marzo de 2025.
- 1 2 "Gender Palestine" (PDF). European Parliament (en inglés).
- ↑ Babaa, Suhad (9 de decembro de 2017). "It’s Time To Admit The First Intifada Was Nonviolent – And Led By Women". Forward (en inglés). Consultado o 17 de marzo de 2025.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| A Galipedia ten un portal sobre: Palestina |
