Nadarín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Nadarín
Autor/a Leo Lionni
Ilustrador Leo Lionni
Orixe Pontevedra (España)
Lingua Galego
Colección Tras os montes
Tema(s) Amizade, animais, valores, cooperación, diversidade
Xénero(s) Literatura infantil
Editorial Kalandraka
Data de pub. 2007
Formato Cuberta dura (22 x 27,5 cm.)
Páxinas 36
Tradución Xosé Manuel González Barreiro

Trama[editar | editar a fonte]

Este conto relata a historia dun peixe chamado Nadarín que se atopaba nadando cos seus irmáns e irmás. Un mal día, apareceu un atún rabioso e moi famento que dun bocado tragou a todos os peixiños vermellos, só Nadarín deu fuxido cara ás profundidades xa que nadaba moi ben. Agora estaba só, triste e asustado, pero pouco a pouco Nadarín volveu ser feliz porque vai nadando polo mar e atopándose con fermosas criaturas (unha auga mar, unha lagosta, estraños peixes, un bosque de algas, unha anguía, anemones...). Agochado entre as rochas e as algas atopou un banco de peixes igualiños a el e ofreceulles nadar, xogar e ver cousas con el. Non obstante os peixes rexeitaron a súa invitación xa que tiñan medo de que o gran peixe os comera. Nadarín convénceos para nadar todos xuntos como se fosen o peixe máis grande do mar e el sería o ollo e cando atoparon ao gran peixe escorrentárono.

Edición[editar | editar a fonte]

Álbum ilustrado de formato rectangular (22 x 27,5 cm.). Posúe unha cuberta e contracuberta de cartón duro para favorecer a manipulación por parte dos nenos e nenas. A cuberta fainos intuír como serán as ilustracións que atoparemos ao longo de todo o volume.

Ilustracións[editar | editar a fonte]

Foto tomada na Biblioteca Universitaria Rosalía De Castro (Ourense)

Trátase de imaxes que semellan estar pintadas con acuarelas e onde predominan as cores azuis, verdes, grises e vermellas fundamentalmente. Son ilustracións que chaman a atención e convidan a deterse minutos observando cada un dos detalles presentes. Así mesmo, as imaxes reforzan e clarifican o que se narra no texto, facilitando a interpretación do conto.

Potencialidades educativas[editar | editar a fonte]

Este libro sérvenos para traballar cos nenos e nenas o tema do mar, ampliando vocabulario, aprendendo que animais viven aí, como son, que comen, como se moven... Pero sobre todo este libro permítenos traballar o concepto de amizade, cooperación, a superación de medos ou a diversidade. No conto ponse de relevo que ser diferente non é negativo senón que o feito de ser diferentes nos fai a cada un de nós especiais, cada un temos as nosas propias virtudes e fortalezas que permiten enriquecernos os uns aos outros. Tamén amosa que a unión fai a forza e non sempre os “pequenos/as” teñen que temer aos “grandes”. Outro aspecto a traballar con este libro é a educación artística, xa que o uso de acuarelas permítenos propoñer actividades deste tipo para favorecer a expresión e a creatividade dos máis pequenos. Ademais, outra forma de traballar a creatividade sería a través dun teatro de sombras, xa que facilita a interpretación do conto ao xogar cos diferentes tamaños dos peixes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • LIONNI, Leo (2007). Nadarín, ilust.do autor, trad. Xosé Manuel González Barreiro. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Tras os montes, [30 pp.]. (ISBN 978-84-8464-628-0).
  • RODRIGUES, Carina (2015). "Kalandraka recolle a obra plástica literaria de Lionni". En Isabel Mociño e Blanca-Ana Roig (coords.). Libros en galego de onte e hoxe para a nenez e a mocidade. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, pp. 97–98.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]