Este artigo amosa letras cherokees. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
A Nación Cherokee (en cherokee:ᏣᎳᎩᎯ ᎠᏰᎵ; Tsalagihi Ayeli, ou cherokee:ᏣᎳᎩᏰᎵ; Tsalagiyehli) é a meirande das tres tribos federalmente recoñecidas do pobo cherokee. Entre os membros da Nación Cherokee están os descendentes da Vella Nación Cherokee que marcharon, debido á crecente presión, do sueste ao Territorio Indio, e mais os cherokee que se viron obrigados a marchar no sendeiro das bágoas. A tribo tamén inclúe descendentes dos libertos cherokee e do pobo natchez. En 2024, máis de 466.000 persoas estaban inscritas na Nación Cherokee.
Segundo o censo de 2018, 360.589 persoas estaban inscritas na Nación Cherokee como cidadáns. Os cidadáns viven en todos os estados, e segundo datos de 2018, 240.417 viven en Oklahoma, 22.124 en California, 18.406 en Texas, 12.734 en Arkansas, 11.014 en Kansas e menos de 10.000 nos outros estados.[1] En 2021, o número de membros da tribo alcanzou os 400.000, o que converteu a Nación Cherokee na segunda tribo máis poboada, só por detrás da Nación Navagho. Uns 140.000 cidadáns viven na zona da reserva da Nación Cherokee.[2] En 2023, o número de membros da nación alcanzou os 450.000.[3] En 2024, a nación publicou mapas demográficos actualizados que mostran que a poboación total da nación nos Estados Unidos era de aproximadamente 466.118 persoas.[4]
A Nación Cherokee publica o Cherokee Phoenix, no presente un xornal de periodicidade mensual. O xornal funcionou case de forma continua dende 1828, publicando edicións tanto en inglés como en lingua cherokee escrita en silabario cherokee (tamén coñecido como silabario Sequoyah). Ten un significado histórico tanto como o primeiro xornal publicado polos nativos americanos nos Estados Unidos como o primeiro en ser publicado nunha lingua nativa americana.[5]