Neue Slowenische Kunst

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «NSK»)
Logo.

Neue Slowenische Kunst ("Nova Arte Eslovena" en alemán), tamén coñecido como NSK, é un colectivo artístico de gran controversia política, nado en Eslovenia en 1984, cando o país aínda formaba parte da República Federal Socialista de Iugoslavia. O nome en si mesmo é unha provocación, ó evocar ás ocupacións de Eslovenia por parte dos nazis durante a segunda guerra mundial.

Composición[editar | editar a fonte]

O membro máis coñecido do colectivo é o grupo musical Laibach. Outros membros son IRWIN (pintura), Noordung (teatro; orixinalmente chamados Scipion Nasice Sisters Theater, tamén coñecido como Red Pilot), New Collective Studio (artes gráficas; tamén coñecido como New Collectivism), Retrovision (películas e vídeo), e o Department of Pure and Applied Philosophy (teoría).

Características[editar | editar a fonte]

A arte de NSK adoita usar elementos e símbolos do totalitarismo ou de movementos nacionalistas extremos, de cotía reinventando o kitsch totalitario nun estilo visual con reminiscencias do dadaísmo. Os artistas da NSK adoitan xustapor símbolos de diferentes (e normalmente incompatibles) ideoloxías políticas. Así, un póster deseñado en 1987 causou un escándalo ó gañar unha competición da Celebración do Día da Mocidade Iugoslava (Yugoslavian Youth Day Celebration). No póster aparecía un cadro do artista nazi Richard Klein, reemplazando a bandeira da Alemaña nazi pola bandeira de Iugoslavia, e a aguia alemá por unha pomba.

Tanto IRWIN como Laibach comparten a idea de que a súa obra é máis da colectividade que do grupo individual. As cancións orixinais e arranxos de Laibach son sempre atribuídas ó colectivo; os artistas individuais non son nomeados nos libretos dos discos. mesmo houbo dous grupos distintos de Laiback facendo xiras á vez, ambos con membros orixinais do grupo. Similarmente, os artistas de IRWIN nunca asinan a súa obra individualmente. Pola contra, eles están "asinados" cun certificado ou selo que os aproba como unha obra do colectivo IRWIN.

Desde 1991, NSK proclama a constitución dun estado, similar ó doutras micronacións. Isto incluiría pasaportes, presentar os espectáculos como embaixadas ou mesmo terrritorios do seu suposto estado, e manter consulados en numerosos cidades, como Umag (Croacia) ou Florencia (Italia). NSK tamén ten impreso selos postais. Laibach, en 2006, gravou (algunhas máis ben son remesturas) o Himno Estatal de NSK no CD "Volk", aínda que o "himno" adopta a súa melodía doutras cancións de Laibach, como "The Great Seal". A versión de Laibach do himno de NSK inclúe unha voz computarizada recitando un extracto do famoso manifesto "We shall fight them on the beaches/We shall never surrender" de Winston Churchill.

O NSK foi obxecto en 1996 dun documental escrito e dirixido por Michael Benson, titulado Prerokbe Ognja ("predicións do lume"). No documental aparece entrevistado o teórico esloveno Slavoj Žižek.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]