Necesidades educativas especiais

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «NEE»)
Mozo con discapacidade física.

O concepto de Necesidades educativas especiais (NEE) é usado decote na educación contemporánea.

Se ben xa fora expresado na década de 1960, a expresión popularizouse a partir da súa formulación no Informe Warnock, presentado en 1978 ao parlamento do Reino Unido, pola Secretaría de Estado para a Educación e Ciencia, Secretaría de Estado para Escocia e a Secretaría de Estado para o País de Gales. O relatorio foi o resultado do 1º comité británico constituído para reavaliar a atención ás persoas con discapacidades, presidido por Mary Warnock. As súas conclusións demostraron que un 20% do alumnado presenta NEE nalgún período da súa vida escolar. A partir destes datos, o informe propuxo o concepto de NEE.

O concepto de NEE foi adoptado e redefinido a partir da Declaración de Salamanca (UNESCO, 1994), pasando a referirse a todos os nenos e adolescentes con necesidades debidas a discapacidades ou dificultades na aprendizaxe. Dese modo, pasou a incluír tanto os nenos en desvantaxe como os chamados sobredotados, así como alumnado sen vivenda, ou en situación de risco, que traballa, de poboacións remotas ou nómades, pertencentes a minorías étnicas ou culturais, e nenos desfavorecidos ou marxinais, e os que presentan problemas de conduta ou de orde emocional.

Foi incorporada á lexislación española na LOXSE en 1990.

Definición[editar | editar a fonte]

O alumnado con necesidades educativas especiais presenta dificultades maiores có resto dos seus coetáneos para acceder ás aprendizaxes determinadas no currículo. Para compensar estas dificultades necesita adaptacións de acceso e/ou adaptacións curriculares significativas en varias áreas do currículo.

En España, a Lei Orgánica de Educación de 2006 fala no título II do ACNEAE (alumnado con necesidades específicas de apoio educativo), que presenta necesidades educativas especiais, con dificultades específicas de aprendizaxe, polas súas altas capacidades intelectuais, por incorporarse tarde ao sistema educativo, ou por condicións persoais ou de historia escolar... (artigo 71.2).

O alumnado con necesidades educativas especiais é o que requira, por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas específicas derivadas da discapacidade ou trastornos graves de conduta. (artigo 73).

Os casos de altas capacidades intelectuais (superdotación) tamén son considerados necesidades específicas de apoio educativo, pois nestes casos, os contidos curriculares adoitan resultar fáciles ou mesmo aburridos para este alumnado con maior capacidade, polo que se propoñen varias solucións:

  • Aceleración: O alumnado é avanzado de curso, para compensar a súa maior capacidade. Como moito, permítese avanzar un curso en Educación Primaria e outro en Secundaria.
  • Adaptación curricular: Realízanse modificacións individualizadas sobre o currículo ordinario para dar resposta ás necesidades particulares de aprendizaxe.

Educación e NEE[editar | editar a fonte]

Con anterioridade á LOXSE, a atención ao alumnado con importante discapacidade ou graves problemas de aprendizaxe ou comportamento, dirixíase á concentración en centros específicos diferenciados dos centros normalizados. O concepto de NEE derivado das propostas de integración e normalización extraídas do informe Warnock supón que parte dos recursos materiais e persoais empregados naqueles centros se trasladen aos centros ordinarios, permanecendo nos centros específicos os casos de maior gravidade. Aquel alumnado de menor gravidade con especiais dificultades na aprendizaxe comparte as aprendizaxes impartidas na aula ordinaria co resto de compañeiros, se ben necesita unhas adaptacións para intentar conseguir o máximo de obxectivos que propón o currículo do seu grupo, xa sexan adaptacións non significativas de acceso ao currículo (metodoloxía, temporalización, espazos, materiais, apoios puntuais…) ou mesmo supresión dun ou varios obxectivos do currículo: é o caso das adaptacións significativas. Ante a necesidade de atención individualizada específica, créase o modelo de aula de Apoio á Integración, na que o alumnado con dificultades é atendido por especialistas en Educación Especial en tempo máis ou menos prolongado, asesorados por profesionais (educadores sociais, médicos, psicopedagogos, pedagogos, psicólogos, logopedas, asistentes sociais, fisioterapeutas) pertencentes a un equipo de orientación creado para tal fin.

Clasificación das NEE[editar | editar a fonte]

A denominación de necesidades educativas especiais referida ao alumnado con dificultades importantes na aprendizaxe intenta crear un enfoque no que se acentúen as necesidades pedagóxicas que estes presentan e os recursos que se deben proporcionar, en lugar de realizar categorías diagnósticas polo tipo de discapacidade que o afecta, se ben non se deben obviar os aspectos clínicos na avaliación e intervención das necesidades.

As necesidades educativas especiais poden ser temporais ou permanentes, e poden deberse a causas físicas, psíquicas, da situación socio-familiar ou a outros casos de inadaptación (cultural, lingüística...)

Tamén poden estar asociadas ao ambiente escolar. Se a escola non está sensibilizada a brindar a atención á diversidade de aprendizaxe do alumnado, o profesorado non está o suficientemente preparado, a metodoloxía e as estratexias de ensino non son adecuadas ou as relacións interpersoais e a comunicación entre a comunidade educativa está deteriorada, pode afectar seriamente na aprendizaxe escolar do alumnado e propiciar a presenza de necesidades educativas especiais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]