Mónica de Nut

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMónica de Nut
Biografía
Nacemento(gl) Mónica Iglesias Rodríguez Editar o valor em Wikidata
1976 Editar o valor em Wikidata (47/48 anos)
A Matoca, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
Outros nomesMónica de Nut Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióncantante , actriz de teatro Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
InstrumentoVoz Editar o valor em Wikidata

IMDB: nm7951653 Editar o valor em Wikidata

Mónica Iglesias Rodríguez, nada na Matoca (Oia, Vigo) en 1976[1], é unha cantante galega, coñecida como Mónica de Nut. O nome artístico procede do seu primeiro grupo, Arte Nut, que fai referencia á deusa exipcia que está entre o ceo e a terra.[2]

O seu estilo ecléctico combina ópera, jazz, rock, canto tradicional galego, música experimental, world music e improvisación en interpretacións innovadoras nas que teñen moita importancia a performance, a sorpresa, o humor, o vestiario e os complementos (desde adornos de artesanía a pezas da ourive Susi Gesto). Formou parte ou colaborou, entre outros, con A Buxaina (o grupo de pandeireteiras da asociación de veciños de Coruxo en Vigo), Sonámbulos, ISGA Collective, MonalisaRarajazz, Black Light Gospel Choir, Miñor Swing, Cuarteto Caramuxo e Mercedes Peón. Simultanea os proxectos musicais coa interpretación e a pedagoxía musical.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Licenciouse en canto pola Escuela Superior de Canto de Madrid e é diplomada en Maxisterio musical pola Universidade de Vigo. Formouse en canto tradicional na Escola Estudio de Compostela, na Universidade Popular de Vigo e con Mercedes Peón, e en jazz na Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Comeza a experimentar a fusión musical no Dúo Litanel, do que formaba parte con Paco Dicenta, baixo. Virxilio da Silva sumouse a eles e xuntos gravan Mónica de Nut Trío, no que os estándares de jazz se mesturan con composicións tradicionais e a música clásica. A crítica valorou a singularidade da proposta, particularmente as calidades vocais da cantante, que a achegan a Maria João e Lila Downs.[3]

Ten unha intensa actividade como actriz e cantante, tanto para público adulto como infantil. En 2011 interpreta o papel de Jenny na Ópera de tres reais, producida polo Centro Dramático Galego e en 2013 interpreta a Judith en Barbazul. Ópera para Clown e Soprano. Nese mesmo ano protagoniza na Agra de Orzán a performance operística Non te cortes coa ópera, unha intervención na rúa marcada pola parodia e a sorpresa, que consta de catro movementos ou intervencións: ocupación dunha praza de aparcadoiro, chamada polos interfonos para que acuda a veciñanza, sesión de peiteado e intervención coral da veciñanza do barrio co título Microópera da formiga e do formigón. Así explicaba o proxecto nos textos promocionais:

Soprano lixeira ofrécese como peiteadora en plena rúa coa promoción dous por unha: aria de pelo + aria de ópera. Non é o barbeiro de Sevilla nin canta a Rossini pero para un corte de puntas pódeche cantar un Caccini.[4]

Nesa mesma época concibe a intervención popular Alborada, un proxecto para recuperar o que Nut denomina "canto alborado" co que dar a benvida á festa, ao tempo que, con Ars Atlántica, canta composicións das monxas de clausura de España e América Latina. O álbum Raíces aéreas, de 2016, recolle a forza e vitalidade das cantigas tradicionais das mulleres tomadas das gravacións do musicólogo norteamericano Alan Lomax, mesturándoas cun son electrónico.

De Galicia [Alan Lomax] recolleu moito: cantos de mulleres a capella ou con percusión… E a verdade é que é abraiante: o xeito de cantar, as melodías… Se non tiveramos as gravacións, a referencia auditiva, perderiamos moito. E para min foi moi interesante: afondar nos xeitos de cantar, buscar timbres diferentes na voz… O difícil foi non deixarme levar pola imitación. O que quería era coller a esencia da música e cantala ao meu xeito. Non sei se captei esa esencia, que para min é algo intuitivo, enerxético…[5]

En 2016 participa no proxecto colaborativo Tosta, que pretende pór en contacto axentes culturais de linguas minoritarias da costa atlántica (galés, éuscaro, frisón, escocés, irlandés, córnico, galego), e entra a formar parte da Tosta Banda, que cataliza na música a diversidade lingüística do proxecto. En 2017 dirixe en Vigo un taller musical que remata cun concerto de berros. Con el pretendía explorar o potencial liberador da voz, continuando na liña de reivindicación do aturuxo que fixo nos seus inicios como vocalista.[6]

Aturuxar é unha expresión pura, unha manifestación de forza, de ánimo, de gallardía, de exhibición. Se alguén sae a cantar, o aturuxo sirve para pular, para darlle ánimos, quitar as vergoñas, os obstáculos que non te deixan expresarte. O aturuxo é totalmente espontáneo, aínda que non é o mesmo un aturuxo no mundo tradicional que manifestar un aturuxo contemporáneo.[2]

Colabora no libro multimedia de Eduardo Estévez, de baleas (Caldeirón, 2017), con quen compartiu unha sesión dos Picaversos no Modus Vivendi en 2011.[7][8]

Intervén, con Ana Fernández, no disco de Mercedes Peón, Déixaas, de 2018, onde se expande a experimentación combinando os sons tradicionais co son industrial da grande maquinaria naval. O vídeo gravouse en Navantia de Ferrol.[9]

Discografía[editar | editar a fonte]

Bandas sonoras[editar | editar a fonte]

  • Curtametraxe Galicia 2098 (2008), dirección de Edu Lavandeira. Composición da BSO.
  • Curtametraxe Movemento voceal (2007), dirección de Xohán Brión Ageitos. Composición e interpretación da BSO.

Teatro, ópera, performance musical e cine[editar | editar a fonte]

  • Nimiedades, de Helen Bertels, producida por Compañía Helena Bartens. Preestrea na Sala Ingrávida de Porriño en 2018.[10]
  • Barbazul. Ópera para Clown e Soprano, con Borja Fernández a partir da ópera de Béla Bartók, dirixida por Marta Pazos, producida por Compañía Voadora. Estrea no Teatre Ensalle de Vigo en 2013.[11][1]
  • Non te cortes coa ópera. Intervención na rúa de Mónica Nut e Pista Catro en diversos lugares (Agra do Orzán, Cangas...) en 2013. Inclúe parodias do repertorio clásico de ópera e composicións de Carlos Santiago.[12]
  • Alborada, canto para espertar o día, en 2013. Intervención na rúa.
  • Tilda & Jean, 2012, dirección e guión de Darío Autrán. Actriz.
  • Mujer muerta caminando, dirección de Carlos Álvarez-Ossorio, adaptación de textos de Idiot (no orixinal en ruso) de Dostoievski, producida pola compañía Cámara Negra. Estrea en Zona C de Santiago de Compostela en 2012.[13]
  • Ópera de tres reais (adaptación de Die Dreigroschenoper no orixinal en alemán), de Kurt  Weill e Bertold Brecht, dirección escénica de Quico Cadaval e dirección musical de Diego García Rodríguez, producida polo Centro Dramático Galego. Estrea no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela en 2011. Musical.
  • La palabra oculta. Poemas, textos y música de monjas de clausura (España/América, s. XVI-XVII), de Ars Atlántica, con Mónica de Nut, voz, e Manuel Vilas, arpa de dúas ordes.[14]
  • Voz soa. Concerto-performance de voz electroacústica. Estrea en 2011.
  • A ratiña laranxa, concerto didáctico para público infantil do Cuarteto Caramuxo con Mónica de Nut (cantante), e Fernando Abreu (piano). Estrea no Pazo da Ópera da Coruña en 2010. Texto orixinal de Dolores Rial Fernández.
  • O calcetín amarelo, creado por Títeres Cachirulo e o Cuarteto Caramuxo. Estrea en 2007. Dirección de Jorge Rey. Texto orixinal de Dolores Rial Fernández e Jorge Rey.
  • Off. Ópera forte fonética, con Fernando Abreu, clarinete, Nacho Muñoz, coñecido como Madame Cell, no piano e a percusión, producida pola compañía A Última Rata. Deseño gráfico e escenogafía de Nela Quesada. Ópera experimental.[15]

Premios[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Serxio González (20 de decembro de 2013). "«A ópera non é mellor ca unha banda de gaitas; só é diferente»". La Voz de Galicia. 
  2. 2,0 2,1 Gómez, Lupe (5 de xuño de 2011). "Contemporánea e ancestral". El Correo Gallego. Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2018. Consultado o 2018-04-24. 
  3. "Mónica de Nut trio debutan con brillantez con el Mónica de Nut trio | DistritoJazz". www.distritojazz.com (en castelán). Consultado o 2018-04-24. 
  4. "Intervencións de rúa | Nuts". www.monicadenut.com (en castelán). Consultado o 2018-04-24. 
  5. "Mónica de Nut: "Ao final, o máis tradicional é o máis experimental" - Praza Pública". Praza Pública. Consultado o 2018-04-24. 
  6. "Mónica de Nut dirige un concierto de gritos en sol mayor". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-07-04. Consultado o 2018-04-24. 
  7. "de baleas (Eduardo Estévez) – Editorial Caldeirón". caldeiron.org. Consultado o 2018-04-25. 
  8. "A ferida de Eva Veiga, Estevo Creus e Mónica de Nut". picaversos. 2011-10-19. Consultado o 2018-04-25. 
  9. 9,0 9,1 Galiza, Sermos. "Mercedes Peón anuncia 'Deixaas', o seu quinto disco". Sermos Galiza (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2018. Consultado o 2018-04-25. 
  10. "Preestrea de 'Nimiedades' de Helen Bertels - Erregueté". Erregueté. 2018-03-03. Consultado o 2018-04-25. 
  11. "Desmontando a Barbazul - Praza Pública". Praza Pública. Consultado o 2018-04-25. 
  12. "‘Non te cortes coa ópera’ achega a lírica á veciñanza da man de Mónica de Nut". Música en Branco. 2013-11-13. Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2018. Consultado o 2018-04-25. 
  13. "Mujer muerta caminando (prensa) | Cámara Negra Teatro". www.camaranegra.org (en castelán). Consultado o 2018-04-25. 
  14. "Manuel Vilas y Monica de Nut en el VII Festival de Músicas Contemplativas.". www.arperia.com (en castelán). 2013-03-22. Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2018. Consultado o 2018-04-25. 
  15. "Ópera forte fonética". La Voz de Galicia (en castelán). 2007-03-02. Consultado o 2018-04-25. 
  16. www.infominho.com. "DOUS ARTISTAS DE GALICIA GALARDOADOS EN XAPÓN". www.infominho.com (en castelán). Consultado o 2018-04-25. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]