Myrna Loy

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Myrna Loy
Myrna loy.jpg
Nome completoMyrna Adele Williams
Nacemento2 de agosto de 1905
 Helena
Falecemento14 de decembro de 1993
 Nova York
CausaCancro de pulmón
SoterradaHelena
NacionalidadeEstados Unidos de América
RelixiónMetodismo
Alma máterHarvard-Westlake School e Venice High School
Ocupaciónbailarina, actriz de teatro, actriz de cinema, actriz de televisión e actriz
CónxuxeJohn Hertz, Jr., Howland H. Sargeant, Arthur Hornblow e Gene Markey
PremiosPremio Kennedy e Oscar Honorífico
editar datos en Wikidata ]

Myrna Adele Williams, nada en Helena (Montana) (Radersburg, 2 de agosto de 1905 - Nova York, 14 de decembro de 1993) foi unha actriz estadounidense, coñecida como Myrna Loy.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Fountain of Education, de Harry Fielding Winebrenner, para a que posou Loy

Naceu en Helena, (Montana),[1][2] filla do rancheiro galés David Franklin Williams, e a súa esposa Della Mae, mais criouse en Radersburg. O nome Myrna débese á estación de tren favorita do seu pai. David Williams tamén foi banqueiro e o home máis novo que fora elixido como senador da asemblea lexislativa de Montana. A súa nai estudou música no American Conservatory of Music en Chicago.

Durante o inverno de 1912, a nai de Loy case morre de pneumonía e o seu pai enviouna xunta coa súa filla a La Jolla, California.[3] A nai de Loy viu gran potencial no sur de California e durante unha visita do seu home, insistiulle en que buscase terreos alí.[4] Entre as propiedades que comprou estaba a parecela que logo vendeu con gran beneficio a Charlie Chaplin para que constuíse aló o seu estudio. Aínda que a nai de Loy tratou de persuadir o seu marido que que se establecese en California permanentemente, el prefería a vida no rancho e finalmente os tres volveron a Montana. Pouco despois, a nai necesitou unha histerectomía e insistiu en que Os Ánxeles era un lugar máis seguro para facelo, así que ela, Loy e o irmán desta mudáronse a Ocean Park, onde Loy comezou a recibir clases de baile.[3] Despois de que a familia regresase a Montana, Loy continuou as clase e aos doce anos debutou interpetando unha coreografía creada por ela mesma baseada en "The Blue Bird" da opereta Rose Dream[5] no Teatro Marlow de Helena.[6]

Trala morte do pai de Loy en novembro de 1918 a causa da pandemia de gripe,[7] a familia estableceuse permanentemente en California.[8] Loy asistiu á exclusiva Westlake School for Girls mentres continuaba a estudar danza no centro dos Ánxeles.[9] Cando os seus profesores puxeron obxeccións en que participase en actividades extracurriculares de teatro, a súa nai matriculouna na Venice High School]], e aos quince anos, comezou a aparecer en producións locais de teatro.[10]

En 1921, Loy posou para unha escultura do profesor da Venice High School Harry Fielding Winebrenner para a figura central "Inspiration" dun grupo escultórico alegórico chamado Fountain of Education.[11] Completado en 1922, a escultura foi instalada en fronte da piscina exterior do campus en maio de 1923, onde permaneceu durante décadas.[12] Pódese ver na escena inicial do filme Grease (1978). Tras moitos anos exposta aos elementos e ao vandalismo, a estatua orixinal de cemento foi retirada en 2002 e substituída en 2010 por un duplicado de bronce pagado por unha campaña de recollida de fondos.[13]

Inicios da carreira cinematográfica[editar | editar a fonte]

Unha noite que actuaba foi contemplada polo gran divo do cine mudo Rodolfo Valentino,[14] apoio esencial para a súa entrada no mundo do cine a mediados dos anos 20. Natacha Rambova, a segunda esposa de Valentino, probouna nunha audición pero non foi escollida. De todas as maneiras, continuou a presentarse a audicións ata que en 1925 foi escollida para o seu primeiro papel nunha película What Price Beauty? xunto a Rambova e Nita Naldi.

Durante os anos do cinema mudo, os papeis aos que accedía Myrna Loy eran de mulleres exóticas, debido á súa cute e á súa cabeleira morena. Durante eses anos, a actriz foi encadrada nese estereotipo do que moitos produtores e directores crían que era a imaxe perfecta da femme fatale, e que era capaz de pouco máis. Así, participou en filmes como Ben-Hur (1925) de Fred Niblo, Don Juan (1926) de Alan Crosland ou The Caveman (1926) dirixido por Lewis Milestone.

De todos os xeitos, Loy soubo superar o difícil paso da entrada do sonoro, aparecendo mesmo no primeiro filme sonoro da historia, The Jazz Singer, como moza de coro. En 1929, probou cun acento estranxeiro para cantar e bailar no primeiro musical da Warner Bros., The Desert Song (1929). Loy aproveitouse deste éxito e foi elixida para diferentes películas do xénero musical como The Show of Shows (1929), The Bride of the Regiment, de John Francis Dillon (1930) e Under a Texas Moon (1930), de Michael Curtiz. Loy converteuse na estrela do xénero e deixaba atrás a súa imaxe de muller fatal do cine mudo.

Salto ao melodrama[editar | editar a fonte]

Unha vez consolidada a imaxe actriz todo terreo, Myrna Loy afrontou papeis máis ambiciosos. Así, a principios da década dos 30, protagonizou películas de tan diferente rexistro como a comedia A Connecticut Yankee (1931) de David Butler, Emma (1932) de Clarence Brown, Love Me Tonight (1932) de Rouben Mamoulian ou o filme de terror The Mask of Fu Manchu (1932) de Charles Brabin.

En 1934, apareceu nun dos filmes referente da súa filmografía, Manhattan Melodrama de W. S. Van Dyke con Clark Gable e William Powell. Cando o gánster John Dillinger foi morto a balazos, a produtora aproveitou para publicar que Myrna Loy era a actriz favorita do gánster, feito que a ela non lle gustou.[15]

The Thin Man e William Powell[editar | editar a fonte]

Despois de aparecer xunto a Ramón Novarro en The Barbarian (1933), Loy rexeitou o papel de It Happened One Night (1934) polo papel que lle fixo ser a actriz máis cotizada do momento: a Nora Charles de The Thin Man (1934). O director W. S. Van Dyke elixiu a Loy porque notara na actriz unha sensibilidade e un sentido do humor que non foran mostrados ata entón polos outros directores. Nunha festa de Hollywood, Dyke empuxou a Loy á piscina para probar a súa reacción, e impresionoulle a enteireza e o manexo que fixo a actriz desa situación bochornosa. Louis B. Mayer rexeitou en principio o nome de Loy, crendo que era unha actriz de drama unicamente, pero Van Dyke insistiu. Mayer accedeu coa condición de que o filme estivese acabado en tres semanas. The Thin Man converteuse no éxito do ano no despacho de billetes estadounidense e foi candidato ao Óscar ao mellor filme. Loy recibiu excelentes críticas e foi aclamada pola súa vis cómica.

Ela e a súa parella na pantalla William Powell destacaron en Libeled Lady (1936), en que compartían cartel con Spencer Tracy e Jean Harlow, The Great Ziegfeld (1936), I Love You Again (1940) ou Love Crazy (1941). A parella tamén ampliou a saga de "The Thin Man" cunha serie de títulos máis: After the Thin Man (1936), Another Thin Man (1939), Shadow of the Thin Man (1941), The thin Man Goes Home (1944) e Song of the Thin Man (1946).

Anos de éxito[editar | editar a fonte]

Despois do seu éxito en Manhattan Melodrama e The Thin Man, a carreira de Loy deu un xiro total. A actriz era chamada para as producións máis importantes da época e déronlle a oportunidade de explotar a súa faceta máis cómica. Así, actuou en comedias como Wife vs. Secretary (1936) con Clark Gable e Jean Harlow e Petticoat Fever (1936) con Robert Montgomery. Loy tamén compartiu créditos con Clark Gable en tres filmes máis: Parnell (1937), de John M. Stahl, Test Pilot (1938) de Victor Fleming e Too Hot to Handle (1938) de Jack Conway.

Durante este período, Loy foi unha das máis grandes e mellor pagas actrices de Hollywood, en 1937 e 1938 liderou a listaxe anual das actrices máis rendibles da industria, votación realizada polos exhibidores de todos os Estados Unidos.[16]

Non obstante, Loy tamén interpretou papeis en comedias románticas, co seu desexo de demostrar a súa habilidade en todos os terreos. Así chegaron The Rains Came (1939) xunto a Tyrone Power e Third Finger, Left Hand (1940) con Melvyn Douglas.

Co parón da segunda guerra mundial, Loy abandonou a súa carreira de actriz para centrarse nos esforzos da axuda civil e máis concretamente da Cruz Vermella. Atacou tan duramente a Adolf Hitler que o seu nome apareceu na súa lista negra e os seus filmes prohibidos en Alemaña.[17]

Anos finais e actividades políticas[editar | editar a fonte]

Myrna Loy volveu á gran pantalla con Os mellores anos da nosa vida (1946), no papel da muller que espera o retorno da guerra do seu marido (Fredric March). Nos seus últimos anos, Loy considerou a súa actuación neste filme como unha das mellores que realizara na súa vida.

Na segunda metade dos 40, Loy participou xunto a Cary Grant e Shirley Temple no filme de David O. Selznick The Bachelor and the Bobby-Soxer (1947) ou Mr. Blandings Builds His Dream House (1948) novamente con Grant e con Clifton Webb en Cheaper by the Dozen (1950).

En 1951 casou con Howland H. Sergeant, con quen conviviu nove anos até o seu divorcio en 1960. Loy non volveu contraer matrimonio.

En canto á súa vida profesional, Myrna sufriu o habitual declive comercial co paso dos anos, intervindo en escasos e pouco memorables títulos cinematográficos e atopando acomodo principalmente en producións televisivas. Na década de 1960 apareceu en títulos como Midnight Lace, From the Terrace ou The April Fools (1969). Despois interveu na década dos 70 en pequenos papeis en filmes como Airport 75 (1975) ou Just Tell Me What You Want (1980).

Nos últimos anos, destacou polo seu papel influente como directora do Consello nacional contra a discriminación da muller. Entre 1949 ata 1954, traballou para a UNESCO e foi un membro destacado do Partido Demócrata, A súa biografía, Myrna Loy: Being and Becoming, foi publicada en 1987.

En 1990 foille concedido un Óscar Honorífico por toda a súa carreira. Faleceu de cancro de pulmón o 14 de decembro de 1993. Foi incinerada e as súas cinzas enterradas no cemiterio de Forestvale, en Helena, Montana.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Loy casou catro veces:

Loy dixo dela mesma: "Son a muller perfecta, casei catro veces, divorcieime catro veces, non teño fillos e non sei cocer un ovo".

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Leider 2011, p. 1.
  2. Parish & Bowers 1974, p. 443.
  3. 3,0 3,1 Leider 2011, p. 22.
  4. Leider 2011, pp. 22–23.
  5. Willis, Gertruce Knox and Mrs. R.R. Forman. W. A Rose Dream: A Fairy Operetta for Young People in Two Scenes.[Ligazón morta] Philadelphia: Theodore Press Co., 1915.
  6. Kotsilibas-Davis & Loy 1987, pp. 17–18.
  7. Leider 2011, pp. 27–30.
  8. Leider 2011, p. 32.
  9. Leider 2011, p. 34.
  10. Kotsilibas-Davis & Loy 1987, pp. 25–29.
  11. Leider 2011, p. 41.
  12. Leider 2011, pp. 41–42.
  13. Leider 2011, p. 42.
  14. Leider 2011, pp. 34–38.
  15. Kotsilibas-Davis & Loy 1987, p. 97.
  16. "The 2007 Motion Picture Almanac, Top Ten Money Making Stars". Arquivado dende o orixinal o 21 de decembro de 2014. Consultado o 22 de setembro de 2018. 
  17. Leider 2011, p. 202.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]