Mycteria americana
| Mycteria americana | |||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
En Tampa Bay, Florida | |||||||||||||||||
| Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
| Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Distribución xeográfica. Tempada reprodutora Todo o ano Tempada non reprodutora | |||||||||||||||||
| Sinonimia | |||||||||||||||||
Mycteria americana é unha especie de cegoña descrita por Linné en 1758 nativa dos subtrópicos e trópicos de América, onde mora en hábitats con niveis flutuantes de auga. É a única especie de cegoña que se reproduce en América do Norte. A cabeza e o pescozo desta ave carecen de plumas e son de cor cincenta.[2] A plumaxe é principalmente branca, coa excepción da cola e algunhas plumas da á, que son negras con brillo agrisado-purpúreo.
Globalmente, esta cegoña considérase que está en estado de conservación "pouco preocupante" segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Nos Estados Unidos, fora previamente clasificada como "en perigo" debido á perda do hábitat de alimentación axeitado para ela nos Everglades da Florida, o bastión histórico das súas poboacións.[3] Pero despois foi considerada só como "ameazada" porque aumentou de poboación e espallouse cara ao noroeste.
Taxonomía e etimoloxía
[editar | editar a fonte]O seu nome binomial Mycteria americana deullo Linné en 1758.[4] Linné orixinalmente nomeou dúas especies separadas, M. americana e Tantalus loculator, baseándose en informacións diferentes e lixeiramente erradas, no seu libro Systema Naturae.[5][6] Despois identificouse que estes dous nomes binomiais se referían á mesma especie, o que facía que M. americana e T. loculator fosen sinónimos.[7] M. americana tiña prioridade ao aparecer antes que T. loculator.
O nome do xénero aceptado Mycteria deriva do grego μυκτήρ : myktēr, que significa 'nariz' ou 'trompa', e o nome da especie, americana, refírese á súa distribución xeográfica.[8]
Clasifícase na tribo Mycteriini (que comprende todas as especies dos xéneros Anastomus e Mycteria) baseándose na súa morfoloxía e comportamento.[9]
Descrición
[editar | editar a fonte]
O adulto é unha ave grande que ten unha altura de 83-115 cm cunha envergadura alar de 140-180 cm. O macho pesa normalmente 2,5-3,3 kg, cun peso medio de 2,7 kg; a femia pesa 2,0-2,8 kg, cun peso medio de 2,42 kg.[10][11] Outra estimación dá un peso medio de 2,64 kg.[12] A cabeza e pescozo do adulto están espidas, sen plumas, cunha pel escamenta gris escura. O peteiro negro e curvado cara abaixo é longo e moi largo na base. A plumaxe é principalmente branca, coas rémixes primarias e secundarias e a cola negras e cunha iridescencia verdosa ou purpúrea. As patas e pés son escuros e as dedas de cor rosa/beixe tórnanse rosas durante a estación reprodutora. Os sexos son similares.[13]
Os poliños que acaban de facer eclosión teñen unha cuberta escasa de penuxe (protóptilos) gris, que é substituída por unha penuxe densa e lanosa branca (mesóptilos) 10 días despois. Os polos medran rápido, atinxindo a metade da altura dos adultos en 3 ou 4 semanas. Nas semanas sexta e sétima, a plumaxe da cabeza e pescozo vólvese gris fume. Cando empluman lembran os adultos, diferenciándose só en que teñen unha cabeza emplumada e un peteiro amarelo.[14]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]
A área de distribución actual desta especie comprende o sueste dos Estados Unidos, México, América Central, Cuba e América do Sur.[15]
Dentro dos Estados Unidos, hai pequenas poboacións reprodutoras na Florida, Xeorxia e Carolina do Norte e do Sur.[16] Os exemplares pos-reprodutores nos Estados Unidos poden atoparse polo oeste ata Alabama e Mississippi.[17]
En México as aves non reprodutoras poden verse nas costas do Pacífico e o Atlántico, mentres que as colonias reprodutoras están restrinxidas da costa do Pacífico.[18] A maioría das descricións das colonias reprodutoras desta especie no oeste de México teñen uns 35 anos, pero fontes recentes confirmaron a presenza de colonias nidificadoras activas nos estados de Oaxaca e Colima.[18]
Cuba alberga as únicas dúas colonias reprodutoras desta especie no Caribe.[19] Ambas as colonias viven en importantes zonas húmidas: o pantano Zapata e o arquipélago Sabana-Camagüey. Fóra de Cuba, os avistamentos desta ave son raros no Caribe, xa que foron erradicadas de A Española e son só vagabundas noutras illas caribeñas.[20]
En América do Sur atópase no norte da Arxentina. A maioría das colonias reprodutoras do Brasil están concentradas na zona húmida do Pantanal e na rexión costeira do norte.[21] As aves que se reproducen na zona central oeste do Brasil a miúdo espállanse ao sur do Brasil e norte da Arxentina despois de reproducírense.[22]
Esta especie pode adaptarse a diversos hábitats húmidos tropicais e subtropicais[23] que teñen niveis de auga flutuantes, o que fai iniciar a reprodución.[24] Aniñan nas árbores que están sobre a auga ou rodeadas de auga. En hábitats de auga doce, nidifica principalmente en bosques dominados por árbores do xénero Taxodium (nos Estados Unidos), mentres que nos estuarios xeralmente fai o niño en árbores de mangleirais.[23] Para alimentarse usa marismas de auga doce en hábitats con abundancia de Taxodium, mentres que en áreas con mangleiros, usa as de auga salobre. As áreas con máis lagos atraen a alimentación nos lagos, ríos e ribeiras.[24]
Comportamento e ecoloxía
[editar | editar a fonte]Reprodución
[editar | editar a fonte]
Esta cegoña é un reprodutor residente en zonas húmidas baixas que constrúe niños en árbores de 1 m de diámetro.[25] En hábitats de auga doce prefire aniñar en árbores que teñen maior diámetro.[23] Nidifica en colonias nas que pode haber 25 niños nunha soa árbore.[25] A altura á que están estes niños é variable; algúns están localizados en mangleiros baixos a alturas duns 2,5 m, comparadas con alturas de 6,5 m en mangleiros máis altos.[26] Nos Taxodium xeralmente nidifica nas pólas superiores, xeralmente entre os 18 e os 24 m de altura.[24] Nas árbores elixen as ramificacións onde se esgallan pólas longas ou lugares onde se cruzan moitas pólas.[27]
O macho é o encargado de construír o niño[28] usando paus[29] e ramiñas verdes[30] que recolle pola colonia e áreas próximas.[28] Empezan a colocar follaxe antes de poñer os ovos pero despois de completar a estrutura principal de ramiñas. A frecuencia con que a engaden vai diminuíndo despois da eclosión dos ovos. Esta follaxe axuda ao illamento do niño.[30] Cando está completo, o niño ten 1 m de diámetro aproximadamente,[28] cunha área central verde cun diámetro de 28 cm. O grosor do bordo do niño adoita ser de 12 a 20 cm.[27]

Os individuos que non teñen niño algunhas veces tratan de apoderarse do niño doutros. Nestes apoderamentos de niños intervén á vez máis dunha ave. As crías e os ovos dos anteriores propietarios son botados fóra do niño uns 15 minutos despois da toma de posesión. Se hai unha soa destas cegoñas atendendo o niño cando é expulsada pola forza, entón esta espera a que chegue a súa parella para intentaren entre os dous recuperar o niño.[31]
A reprodución iníciase cando hai unha baixada do nivel das augas combinada cun incremento de densidade de peixes (ambas as cousas están relacionadas). Isto permite que as aves dispoñan dunha cantidade de alimento axeitada para a crías.[24] Isto adoita acontecer entre novembro e agosto. Unha vez que empeza a reprodución, esta complétase nuns catro meses.[32]

Esta ave fai unha postura de tres a cinco ovos cor crema dun tamaño de 68 por 46 cm.[29] Póñenos xeralmente cunha separación dun ou dous días[28] e son incubados por de 27 a 32 días[29] por ambos os sexos.[28] Este período de incubación comeza cando se pon o primeiro ovo.[24] Durante a primeira semana de incubación os proxenitores non se van lonxe da colonia, coa excepción de curtas viaxes para buscaren alimento, beberen e recolleren material para o niño carrexado pola ave que nese momento non esta incubando. Despois da primeira semana, a ave non incubante pasa menos tempo na colonia, aínda que os ovos nunca quedan desatendidos. Despois de pasar unhas poucas horas chocando os ovos, a ave ás veces toma un descanso para estirarse, acicalarse, arranxar o niño ou darlle a volta aos ovos.[28] Os ovos fan eclosión na orde en que foron postos, cun intervalo duns poucos días entre a eclosión de cada ovo.[24]

Os polos que eclosionan son altriciais, incapaces de moverse, e pesan como media 62 g.[14] Son cubertos baixo o corpo dos pais durante a primeira semana de vida, e despois tamén se estivo chovendo ou é de noite.[28] Non deixan sós os polos ata que teñen tres semanas de idade, e un dos membros da parella sae a buscar comida mentres que o outro garda o niño e os polos. Cando os polos teñen polo menos tres semanas, son xa grandes dabondo para permaneceren sós e protexeren o niño. Isto coincide co momento en que os polos son máis agresivos cando se lles presentan obxectos ou organismos alleos. Empluman aos 60 a 65 días despois da eclosión,[14] e chegan á madureza sexual aos catro anos de idade, aínda que normalmente non conseguen criar fillos con éxito ata o quinto ano de idade.[32]
O éxito na eclosión, é dicir, a porcentaxe de de aves que conseguen que polo menos lles eclosione un ovo nun ano, é nesa especie dun 62 %. Porén, isto pode variar moito, e esta cifra varía segundo a colonia entre o 26 % e o 89 %. O período no que o polos son máis vulnerables á morte é desde a eclosión ás dúas semanas de idade.[33] En conxunto, un 31 % dos niños produce polo menos unha cría emplumada.[27] Os mapaches[32] e caracaras, especialmente o Caracara plancus, son importantes predadores de ovos e polos. Outras causas de fracaso da nidificación é a caída dos niños das árbores. Isto pode deberse a moitas causas, as máis importantes son a mala construción dos niños e as loitas entre adultos.[27]
Dieta e alimentación
[editar | editar a fonte]Durante a estación seca, M. americana come principalmente peixes, suplementados con insectos. Durante a estación húmida, os peixes constitúen a metade da súa dieta, os cangrexos un 30 % e os insectos e ras o resto.[34] Come máis frecuentemente peixes grandes que pequenos, mesmo nalgúns casos cando os pequenos son máis abundantes.[35] Estimouse que un adulto necesita uns 520 g de comida ao día para manterse. Para unha familia completa, estímase que se necesitan uns 200 kg por estación reprodutora.[24]

Xeralmente buscan comida en bandadas cando non están reproducíndose, pero fano en solitario ou en pequenos grupos cando están criando. Na estación seca, xeralmente buscan comida camiñando de vagar cara adiante co peteiro mergullado na auga mentres tentean a posible comida. Durante a estación húmida, este método utilízase o 40 % das veces para capturar a comida. Nese período, o 35 % das veces usa a técnica de remexer co pé, na que a cegoña camiña moi de vagar co peteiro na auga mentes bombea co seu pé movéndoo arriba e abaixo antes de dar cada paso. Estes dous métodos de caza non son visuais.[34]
Debido a estes métodos non visuais de procura da comida, a ave necesita augas pouco profundas e unha densidade de peixes suficiente. A auga na que busca a comida durante a estación seca ten como media uns 17 cm de profundidade, mentres que durante a estación húmida adoita ter uns 10 cm (curiosamente menos profundidade). Na estación seca, esta cegoña prefire alimentarse en augas sen vexetación emerxente, mentres que na estación húmida, prefire áreas con vexetación que emerxe de 10 a 20 cm sobre a superficie como media.[34] Esta ave pode viaxar uns 80 km para chegar aos seus lugares de alimentación, o que lle dá acceso a unha ampla variedade de hábitats.[36]
Ambos os proxenitores alimentan os polos regurxitando a comida no fondo do niño. Os polos son alimentados principalmente con peixes de entre 2 e 25 cm de lonxitude, pero esta vaise incrementando conforme os polos medran. A cantidade de comida que os polos reciben cambia co tempo, sendo alimentados diariamente desde a eclosión aos 22 días, cando a inxestión de comida se reduce. Isto continúa ata os 45 días, cando o consumo de comida empeza a diminuír. En conxunto, un polo come uns 16,5 kg antes de emplumar.[14]
Predadores e parasitos
[editar | editar a fonte]Os mapaches son predadores de polos de M. americana,[37] especialmente durante os períodos secos nos que a auga baixo as árbores desaparece.[32] Cando isto ocorre, a Caracara plancus é un predador significativo de ovos. Outras caracaras, e falcóns e voitres, tamén depredan nos ovos e polos.[27]
Nos Estados Unidos, pode encontrarse o protozoo do sangue Haemoproteus crumenium en subadultos e adultos de M. americana.[38] Outras especies de Haemoproteus tamén infectan a esta ave en Costa Rica,[39] ademais de Syncuaria mycteriae, un nematodo que se encontra na moella desta ave.[40]
Voo
[editar | editar a fonte]Cando voan, estas aves utilizan dúas técnicas diferentes. Cando o tempo non é o suficientemente claro e cálido, como no serán ou en días nubrados, estas cegoñas alternan entre bater as ás ou planar durante curtos períodos de tempo. Cando o tempo é cálido e hai luz, planan despois de gañar unha altitude de polo menos 610 m batendo continuamente as ás. Poden planar distancias de entre 16 e 24 km. Non teñen que bater as ás durante eses momentos porque as fortes correntes térmicas cálidas poden soster o seu peso.[24] Debido á enerxía que aforran ao remontar o voo nas térmicas, esta cegoña pode voar a áreas máis afastadas.[41] Voa co pescozo estirado e arrastrando as ás e pés detrás do corpo.[13]
- Batendo as ás.
- Planando.
Cando voa ás áreas de alimentación, M. americana viaxa a unha velocidade media de 24,5 km/h. No voo batente a velocidade é 34,5 km/h, e móvese a uns 20 km/h planando.[41]
Excreción e termorregulación
[editar | editar a fonte]
Durante a estación reprodutora, esta cegoña adoita defecar desde a beira do niño cara a fóra, pero os polos normalmente fano dentro do niño.[30] O método de defecación do adulto difire dependendo da temperatura. Normalmente, excreta inclinándose cara a adiante e elevando lixeiramente a súa cola, expulsando os excrementos cara a abaixo ou lixeiramente cara a atrás. Porén, cando vai calor, o adulto adopta unha postura distinta, movendo rapidamente a cola cara a atrás e adiante mentres xira o seu corpo para apuntar a unha pata que está dobrada cara a atrás (isto chámase urohidrose). Alternan a pata á que apuntan. O excremento lanzado ás patas é fluído e acuoso. Xeralmente cae sobre as patas á altura da metade da tibia non emplumada, e discorre patas abaixo favorecido polas escamas. Isto ten como resultado a evaporación, polo que é un método de termorregulación. A temperatura á cal empeza isto é lixeiramente superior ao limiar en que empezan a arfar; isto último ten lugar a temperaturas duns 41,7 °C ou maiores, mentres que a temperatura normal do corpo duns 40,7 °C.[42] Cando vai calor, os adultos reprodutores tamén lle dan sombra aos polos coas súas ás.[30]
Evolución
[editar | editar a fonte]Rexistro fósil
[editar | editar a fonte]O máis probable é que esta especie evolucionase en rexións tropicais e a súa presenza en América do Norte seguramente é posterior ao último período glacial. Un fragmento fósil da Formación Touro Passo que se encontra en Arroio Touro Passo (Rio Grande do Sul, Brasil) podería ser de especies vivas; é como máximo do Plistoceno tardío, de hai unhas poucas decenas de miles de anos. Os fósiles de América do Norte desa época son dun parente extinguido máis grande, a especie M. wetmorei, que se distinguiría de M. americana polo seu tamaño e porque M. wetmorei ten unha mandíbula menos curvada. Esta era probablemente unha especie irmá; ambas as dúas apareceron simpatricamente en Cuba ao final do Plistoceno.[43]
| |||||||||||||||||||||
| Filoxenia dos Mycteria existentes.[44] |
Filoxenia
[editar | editar a fonte]Baseándose en datos moleculares e citoxenéticos, M. americana é filoxeneticamente basal aos outros tres membros existentes do seu xénero.[44][45] Mycteria é irmán do clado que contén os xéneros Ephippiorhynchus, Jabiru e Ciconia.[45]
Xenoma
[editar | editar a fonte]M. americana ten 72 cromosomas (2n = 72; 35 pares de autosomas e un par de cromosomas sexuais) como se determinou pola análise do cariotipo.[45] [46] Como todas as aves, esta cegoña ten un sistema de determinación do sexo ZW no cal os machos teñen un par de cromosomas similares, ZZ (sexo homogamético), e as femias teñen un par de cromosomas diferentes, ZW (sexo heterogamético). Realizouse unha ensamblaxe xenómica altamente continua desta ave cos 31 pares de autosomas que se conseguiron identificar e ambos os cromosomas sexuais.[15] Catro pares de cromosomas non foron identificados; isto atribúese ao pequeno tamaño de ditos cromosomas. Os cariotipos das aves adoitan constar de aproximadamente 10–12 pares de cromosomas grandes e moitos microcromosomas máis pequenos, cromosomas densos en xenes con pouco contido xenético repetitivo.[47]
Status de conservación
[editar | editar a fonte]No conxunto do mundo, esta especie de cegoña considérase en situación "pouco preocupante" segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza debido á súa ampla área de distribución.[1] Nos Estados Unidos, esta ave é considerada ameazada, pero isto supuxo unha mellora desde o seu status anterior de "en perigo" que tivo entre 1984 e 2014 debido a un declive da súa poboación[16] causado por perda de hábitat e seca.[48] De xeito similar, no estado brasileiro de Santa Catarina, o seu declive anterior parece que se reverteu: despois dunha ausencia entre finais da década de 1960 e metade da de 1990, a especie pode agora atoparse regularmente alí, en especial na rexión do río Tubarão.[49] É probable que as zonas húmidas da rexión do río Paraná serviran como un bastión para esta especie, desde onde está agora recolonizando algúns dos seus anteriores sitios favoritos.[50]
Ameazas
[editar | editar a fonte]A caza ou a recolección de ovos polos humanos foi un factor do seu declive en América do Sur. Os humanos tamén causan o fracaso dos niños debido ao ecoturismo; as molestias causadas polos turistas poden ter un efecto no éxito da nidificación, e un estudo atopou que os niños fronte aos que pasaban botes a uns 20 m de distancia tiñan unha media de 0,1 polos que chegaban a emplumar, comparados coa proporción normal na mesma área de 0,9.[51] As persoas que os observan a pé a unha distancia de polo menos 75 m non afectan significativamente ao éxito dos niños.
A alteración do hábitat considérase a principal ameaza para as poboacións de M. americana nos Estados Unidos. Nos Everglades da Florida, os sistemas de diques e drenaxe causaron un cambio na cronoloxía das flutuacións dos niveis de auga, o que cambiou o momento de nidificación e consecuentemente causou unha diminución da poboación.[36]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 BirdLife International (2016). "Mycteria americana". IUCN Red List of Threatened Species. 2016: e.T22697648A93627312. doi:10.2305/IUCN.UK.2016-3.RLTS.T22697648A93627312.en. Consultado o 12 de novembro de 2021.
- ↑ "Wood Stork | National Geographic". Animals (en inglés). 2010-11-11. Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2017. Consultado o 2020-12-24.
- ↑ Ogden J. C. & Patty B. W. (1981) "The recent status of the wood stork in Florida and Georgia". In: Odom RQ, Guthrie JW, editors. Proceedings of the nongame and endangered wildlife symposium (Technical Bulletin WL5). Atlanta, GA, USA: Georgia Department of Natural Resources Game and Fish Division. pp. 97–102.
- ↑ Linnaeus, C. (1758). Systema Naturae (en latín) 1 (10ª ed.). Holmia (Stockholm): Lars Salvius. p. 140.
- ↑ Piso, W.; Marcgrave, G. (1648). Historia Naturalis Brasiliae (en latín). pp. 200–202.
- ↑ Catesby, M. (1731). The Natural History of Carolina, Florida and the Bahama Islands 1. Londres: Printed at the expence of the author, and sold by W. Innys and R. Manby, at the West End of St. Paul's, by Mr. Hauksbee, at the Royal Society House, and by the author, at Mr. Bacon's in Hoxton. p. 80.
- ↑ Allen, J. A. (1908). "The generic names Mycteria and Tantalus of Linnaeus, 1758" (PDF). The Auk 25 (1): 37–38. JSTOR 4070247. doi:10.2307/4070247. hdl:2027/hvd.32044107327066.
- ↑ Nellis, D. W. (marzo de 2001). Common Coastal Birds of Florida and the Caribbean. Sarasota: Pineapple Press. p. 150. ISBN 978-1-56164-191-8.
- ↑ Kahl, M. P. (1987). "An Overview of the Storks of the World". Colonial Waterbirds 10 (2): 131–134. JSTOR 1521251. doi:10.2307/1521251.
- ↑ Brant, H. A.; Jagoe, C. H.; Snodgrass, J. W.; Bryan, A. L.; Gariboldi, J. C. (2002). "Potential risk to wood storks (Mycteria americana) from mercury in Carolina Bay fish". Environmental Pollution 120 (2): 405–413. PMID 12395855. doi:10.1016/S0269-7491(02)00112-4.
- ↑ CRC Handbook of Avian Body Masses, 2ª edición de John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (2008). ISBN 978-1-4200-6444-5.
- ↑ Palmer, R. S. (1962). Handbook of North American birds, Volume 1, Loons through Flamingos. Yale Univ. Press, New Haven, CT.
- 1 2 Coulter, M. C.; Rodgers, J. A.; Ogden, J. C.; Depkin, F. C.; Poole, A.; Gill, F. (1999). "Wood Stork (Mycteria americana)". The Birds of North America Online. doi:10.2173/bna.409. Consultado o 24 de novembro de 2017.
- 1 2 3 4 Kahl, M. P. (1962). "Bioenergetics of growth in nestling wood storks" (PDF). The Condor 64 (3): 169–183. JSTOR 1365200. doi:10.2307/1365200.
- 1 2 Flamio, R., Jr.; Ramstad, K. M. (2023). "Chromosome-level genome of the wood stork (Mycteria americana) provides insight into avian chromosome evolution". Journal of Heredity (en inglés) 115 (2): 230–239. ISSN 0022-1503. doi:10.1093/jhered/esad077.
- 1 2 "Wood stork off endangered list after recovery in U.S. Southeast". Reuters. 26 de xuño de 2014. Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2018. Consultado o 1 de xullo de 2014.
- ↑ Picardi, S.; Frederick, P. C.; Borkhataria, R. R.; Basille, M. (2020). "Partial migration in a subtropical wading bird in the southeastern United States". Ecosphere (en inglés) 11 (2). ISSN 2150-8925. doi:10.1002/ecs2.3054.
- 1 2 Riojas-López, M. E.; Mellink, E. (2016). "A new wood stork (Mycteria americana) colony in western México". Waterbirds: The International Journal of Waterbird Biology 39 (1): 104–107. ISSN 1524-4695. JSTOR 26428082.
- ↑ Alfonso-González, M.; Llanes-Quevedo, A.; Navarro-Sigüenza, A. G.; López, G. E. (2021). "Genetic evidence documents extra-pair paternity in breeding colonies of the wood stork Mycteria americana (Ciconiidae) in Cuba". Caribbean Journal of Science 51 (2). ISSN 0008-6452. doi:10.18475/cjos.v51i2.a3.
- ↑ Raffaele, H. A.; Wiley, J.; Garrido, O. H.; Keith, A.; Raffaele, J. I. (2020). Birds of the West Indies Second Edition (en inglés). Princeton University Press. ISBN 978-0-691-18051-9.
- ↑ Miño, C. I.; Avelar, L. H. S.; da Silva, F. M.; Perez, M. F.; Menezes, L. F.; Del Lama, S. N. (2017). "Genetic differentiation and historical demography of wood stork populations in Brazilian wetlands: implications for the conservation of the species and associated ecosystems". Aquatic Conservation: Marine and Freshwater Ecosystems (en inglés) 27 (6): 1313–1324. ISSN 1052-7613. doi:10.1002/aqc.2791. hdl:11336/42115.
- ↑ Del Lama, S. N.; Avelar, L. H. S.; Nascimento, J. L. X. (2015). "Post-breeding movements of wood storks in Brazil and Argentina: post-breeding movements of wood storks". Journal of Field Ornithology (en inglés) 86 (4): 283–287. doi:10.1111/jofo.12122.
- 1 2 3 Rodgers, J. A.; Schwikert, S. T.; Shapiro-Wenner, A. (1996). "Nesting habitat of wood storks in north and central Florida, USA". Colonial Waterbirds 19 (1): 1. JSTOR 1521802. doi:10.2307/1521802.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 Kahl, M. P. (1964). "Food ecology of the wood stork (Mycteria americana) in Florida" (PDF). Ecological Monographs 34 (2): 97–117. JSTOR 1948449. doi:10.2307/1948449. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2018-01-14. Consultado o 2018-01-14.
- 1 2 Ehrlich, Paul R.; Dobkin, David S.; Wheye, Darryl (1992). Birds in Jeopardy. Stanford, CA: Stanford University Press. p. 18. ISBN 978-0-8047-1967-4.
- ↑ Llanes-Quevedo, A.; Rodríguez-Ochoa, A.; Rodríguez, C. F. (2015). "Reproducción y hábitat de cría de Mycteria americana (Aves: Ciconiidae) en Cuba" [Reproduction and nesting habitat of Mycteria americana (Aves: Ciconiidae) in Cuba]. Revista Cubana de Ciencias Biológicas (en castelán) 4 (1): 96–101.
- 1 2 3 4 5 González, J. A. (1999). "Nesting success in two wood stork colonies in Venezuela" (PDF). Journal of Field Ornithology 70 (1): 18–27.
- 1 2 3 4 5 6 7 Clark, E. S. (1980). "The attentiveness and time budget of a pair of nesting wood storks". Proceedings of the Colonial Waterbird Group 3: 204–215. JSTOR 4626715.
- 1 2 3 Hauber, M. E. (1 de agosto de 2014). The Book of Eggs: A Life-Size Guide to the Eggs of Six Hundred of the World's Bird Species. Chicago: University of Chicago Press. p. 106. ISBN 978-0-226-05781-1.
- 1 2 3 4 Rodgers, J. A.; Wenner, A. S.; Schwikert, S. T. (1988). "The use and function of green nest material by wood storks" (PDF). The Wilson Bulletin 100 (3): 411–423. JSTOR 4162606.
- ↑ Bryan, A. L.; Coulter, M. C. (1991). "Conspecific aggression in a wood stork colony in Georgia" (PDF). The Wilson Bulletin 103 (4): 693–697.
- 1 2 3 4 Elliott, A.; Garcia, E. F. J.; Kirwan, G. M.; Boesman, P. (2020). del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi; Christie, David A.; de Juana, Eduardo, eds. "Wood Stork (Mycteria americana)". Handbook of the Birds of the World Alive (Barcelona, Spain: Lynx Edicions). doi:10.2173/bow.woosto.01. Consultado o 26 de agosto de 2017.
- ↑ Rodgers, J. A.; Schwikert, S. T. (1997). "Breeding success and chronology of wood storks Mycteria americana in northern and central Florida, U.S.A.". Ibis 139 (1): 76–91. doi:10.1111/j.1474-919X.1997.tb04506.x.
- 1 2 3 González, J. A. (1997). "Seasonal variation in the foraging ecology of the wood stork in the southern Llanos of Venezuela" (PDF). The Condor 99 (3): 671–680. JSTOR 1370479. doi:10.2307/1370479.
- ↑ Ogden, J. C.; Kushlan, J. A.; Tilmant, J. T. (1976). "Prey selectivity by the wood stork" (PDF). The Condor 78 (3): 324. JSTOR 1367691. doi:10.2307/1367691.
- 1 2 Kushlan, J. A. (1986). "Responses of wading birds to seasonally fluctuating water levels: Strategies and their limits". Colonial Waterbirds 9 (2): 155–162. JSTOR 1521208. doi:10.2307/1521208.
- ↑ Coulter, M. C.; Bryan, A. L. (1995). "Factors affecting reproductive success of wood storks (Mycteria americana) in east-central Georgia" (PDF). The Auk 112 (1): 237–243. JSTOR 4088782. doi:10.2307/4088782.
- ↑ Zabransky, C. J.; Webb, S. L.; Fedynich, A. M.; Bryan, A. L. (2008). "Blood parasites in wood storks (Mycteria americana) from the southeastern United States". Journal of Parasitology 94 (5): 1178–1179. PMID 18576809. doi:10.1645/GE-1480.1.
- ↑ Valkiūnas, G.; Iezhova, T. A.; Brooks, D. R.; Hanelt, B.; Brant, S. V.; Sutherlin, M. E.; Causey, D. (2004). "Additional observations on blood parasites of birds in Costa Rica". Journal of Wildlife Diseases 40 (3): 555–561. PMID 15465725. doi:10.7589/0090-3558-40.3.555.
- ↑ Zhang, L.; Brooks, D. R.; Causey, D. (2003). "A new species of Syncuaria Gilbert, 1927 (Nematoda: Acuarioidea: Acuariidae) in the wood stork, Mycteria americana L. (Aves: Ciconiiformes: Ciconiidae) from the Area de Conservacion Guanacaste, Costa Rica". Journal of Parasitology 89 (5): 1034–1038. PMID 14627152. doi:10.1645/GE-3127.
- 1 2 Bryan, A. L.; Coulter, M. C. (1987). "Foraging flight characteristics of wood storks in east-central Georgia, U.S.A.". Colonial Waterbirds 10 (2): 157. JSTOR 1521254. doi:10.2307/1521254.
- ↑ Kahl, M. P. (1963). "Thermoregulation in the wood stork, with special reference to the role of the legs". Physiological Zoology 36 (2): 141–151. doi:10.1086/physzool.36.2.30155437.
- ↑ Suárez, W.; Olson, S. L. (2003). "New records of storks (Ciconiidae) from Quaternary asphalt deposits in Cuba". The Condor 105 (1): 150–154. doi:10.1650/0010-5422(2003)105[150:NROSCF]2.0.CO;2. hdl:10088/1553.
- 1 2 Sheldon, F. H.; Slikas, B. (1997). "Advances in Ciconiiform systematics 1976–1996". Colonial Waterbirds 20 (1): 106–114. JSTOR 1521772. doi:10.2307/1521772.
- 1 2 3 de Sousa, R. P. C.; Campos, P. S. B.; dos Santos, M. S.; O’Brien, P. C.; Ferguson-Smith, M. A.; de Oliveira, E. H. C. (2023). "Cytotaxonomy and molecular analyses of Mycteria americana (Ciconiidae: Ciconiiformes): insights on stork phylogeny". Genes (en inglés) 14 (4): 816. ISSN 2073-4425. PMC 10138051. PMID 37107574. doi:10.3390/genes14040816.
- ↑ Francisco, M. R.; Galetti Junior, P. M. (2000). "First karyotypical description of two American Ciconiiform birds, "Mycteria americana" (Ciconiidae) and "Platalea ajaja" (Threskiornithidae) and its significance for the chromosome evolutionary and biological conservation approaches". Genetics and Molecular Biology 2000 (23): 799–801. doi:10.1590/S1415-47572000000400015.
- ↑ Griffin, D. K.; Robertson, L. B. W; Tempest, H. G.; Skinner, B. M. (2007). "The evolution of the avian genome as revealed by comparative molecular cytogenetics". Cytogenetic and Genome Research (en inglés) 117 (1–4): 64–77. ISSN 1424-8581. doi:10.1159/000103166.
- ↑ Allen, Greg (3 de febreiro de 2013). "All Things Considered". Wood Stork's Endangered Status Is Up In The Air (radio broadcast). NPR. Broadcast at 15:13 Eastern Time.
- ↑ Amorim, James Faraco; Piacentini, Vítor de Queiroz (2006). "Novos registros de aves raras em Santa Catarina, Sul do Brasil, incluindo os primeiros registros documentados de algumas espécies para o Estado" [New records of rare birds, and first reports of some species, in the state of Santa Catarina, southern Brazil]. Revista Brasileira de Ornitologia (en portugués) 14 (2): 145–149.]
- ↑ Bencke, Glayson Ariel (2007). "Avifauna atual do Rio Grande do Sul, Brasil: aspectos biogeográficos e distribucionais" [The recent avifauna of Rio Grande do Sul: Biogeographical and distributional aspects]. Quaternário do RS: Integrando Conhecimento (en portugués): 65–67.
- ↑ Bouton, S. N.; Frederick, P. C.; Rocha, C. D.; Barbosa Dos Santos, A. T.; Bouton, T. C. (2005). "Effects of tourist disturbance on wood stork nesting success and breeding behavior in the Brazilian Pantanal". Waterbirds 28 (4): 487–497. doi:10.1675/1524-4695(2005)28[487:EOTDOW]2.0.CO;2.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Explore Species: Wood Stork en eBird (Cornell Lab of Ornithology)
- Wood stork – Mycteria americana – USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter
- Florida Bird Sounds no Florida Museum of Natural History
- Galería de fotos de Mycteria americana en VIREO (Universidade de Drexel)
- Wood stork reconto da especie en NeotropicalBirds (Universidade Cornell)
