Saltar ao contido

Muutos.art-taidetalo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Muutos.art-taidetalo

Tipoexposición temporal Editar o valor en Wikidata
Localización
Mapa
 61°29′28″N 23°46′01″L / 61.49108376, 23.76699036
LocalizaciónTampere Editar o valor en Wikidata
Contacto
Páxina WEBmuutos.art Editar o valor en Wikidata
Wikidata ]

O Muutos.art foi un centro expositivo aberto en Tampere (Finlandia) entre o 14 de xuño e o 31 de agosto de 2024. No centro expuxéronse máis de 50 obras de arte espaciais de case medio centenar de artistas, parellas de artistas e grupos de traballo. Ademais da exposición principal nos dous andares superiores do inmoble, houbo varias exposicións temporais ao longo do verán en dúas pequenas galerías da planta baixa, así como obradoiros, visitas guiadas e graffiti nos muros exteriores do edificio.

A exposición tivo lugar nun edificio finalizado en 1997 e en boas condicións, que foi demolido logo da exposición ao non ter atopado un novo inquilino, este feito creou un debate sobre o modelo urbanístico e a necesidade de crear un desenvolvemento urbano máis sostible.

Levar a cabo a exposición supuxo un reto, xa que a organización tan só dispuxo de catro meses para finalizar todo o proceso e encher os 3 800  útiles do edificio. Ademais, os problemas económicos iniciais puxeron en perigo a propia realización do proxecto.

Esta foi a segunda ocasión na que un edificio da cidade a piques de ser demolido se converteu nun centro artístico temporal, continuando a experiencia comezada o ano anterior co Purkutaidetalo Pinni47. A exposición tivo un notable éxito de público, tendo superado o número de visitantes da súa predecesora da zona de Tulli dúas semanas antes do seu peche, e finalizando cun rexistro de 25 940 visitas. O Muutos.art-taidetalo atraeu visitantes de todo o país, de todas as idades e con distintos graos de interese pola arte.

Logo do seu peche o 1 de setembro de 2024, os traballos de demolición do inmoble comezaron en xaneiro de 2025.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Purkutaidetalo Pinni47.

O Muutos.art-taidetalo non foi a primeira experiencia de arte de demolición na cidade de Tampere. Durante o verán de 2023, a Asociación de Produtores Creativos de Pirkanmaa (en finés Pirkanmaan luovat tuottajat ry) creou unha exposición de arte nun edificio da rúa Pinninkatu, no centro da cidade, no chamado Purkutaidetalo Pinni47, que se converteu no primeiro proxecto deste tipo realizado en Tampere. O inmoble, que orixinalmente acollera as oficinas dunha fábrica de calzado e que posteriormente acollera a outros inquilinos, foi demolido pouco tempo despois para construír un edificio de dez andares para estudantes. O proxecto estivo apoiado pola empresa propietaria do edificio, TOAS, así como a cidade de Tampere a través do seu proxecto de desenvolvemento xestionado por Operaatio Pirkanmaa. A exposición foi un éxito, rexistrando máis de 1 500 persoas na semana da súa apertura e chegando a recibir 400 visitantes nun só día.[1]

A experiencia do Purkutaidetalo Pinni47, creada por Teemu Mäenpää,[2]

Localización

[editar | editar a fonte]
O edificio no que tivo lugar a exposición no número 11 da rúa Voimakatu.

O Muutos.art-taidetalo ocupaba un edificio de oficinas, propiedade da cidade de Tampere, construído na década de 1990 e localizado preto da beira do lago Pyhäjärvi, no número 11 da rúa Voimakatu, ao carón do Estadio de Tampere, no barrio de Ratina, no centro da cidade.[3][4] A zona na que se construíu o edificio ía estar destinada a oficinas, mais posteriormente a súa costrución trasladouse á zona de Ratapihankatu ante a falta de demanda, polo que se mudou o plano inicial por edificios residenciais.[4]

O edificio, que se completou en 1997, acolleu as oficinas de Tampereen Sähkölaitos,[a] se ben a última empresa que desenvolveu a súa actividade no edificio foi Tampereen seudun keskuspuhdistamo Oy. Ademais apareceu nas pantallas de televisión como a comisaría de Sori na serie Koskinen.[6]

Logo da exposición o inmoble foi demolido para construír edificios residenciais de entre seis e dez andares con apartamentos para aproximadamente 400 persoas.[7] A demolición do edificio debeuse a que non se atoparon novos inquilinos para ocupalo, polo que se considerou que sería máis barato tiralo e facer un novo que outras accións como renovalo.[2]

A súa localización céntrica facíao facilmente accesible, podendo chegar empregando a liña 3 do tranvía de Tampere ata a estación Sorin aukio e camiñando uns 10 minutos. A estación de autobuses de Tampere, situada tamén preto do centro expositivo, facía tamén accesible a exposición en autobús. Pola súa banda, o aparcadoiro de pago do centro comercial Ratina podía ser empregado polas persoas que acudiran en coche, a través do paso subterráneo peonil que cruza a vía Tampereen valtatie.[8]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Vista xeral dos graffiti da parte traseira do edificio.

A exposición de arte experiencial amosaba diversas formas de arte visual e contaba con máis de 50 obras de arte espaciais que dialogaban entre si e co edificio, así como de dúas pequenas galerías, e graffiti nas súas fachadas que se puideron contemplar ata que se iniciaron os traballos de demolición.[9][10][11][3] O edificio contaba tamén cunha cafetería, LaPresso, na planta baixa.[12] En total, a organización dispuxo de máis de 3 800  útiles entre salas amplas de oficinas, salas de reunións e salas sociais ou de descanso.[13]

A galería do vestíbulo e a da cafetería, ambas situadas na primeira planta, eran de acceso gratuíto, mentres que o segundo e o terceiro andar,[b] eran de pago a un prezo de 12 euros as persoas adultas e 8 euros as persoas entre 7 e os 17 anos, sendo de balde para as persoas menores de 7 anos.[14][8] A "Kahvilagalleria" (galería da cafetería) estaba conectada coa cafetería do edificio.[4]

As 50 obras presentadas na exposición dos dous andares superiores eran principalmente obras de arte espaciais nas propias instalacións, aínda que tamén se podían ver obras de videoarte. Debido ás grandes dimensións do edificio recomendábase reservar un mínimo de dúas horas para facer a visita dos dous andares superiores.[4] Do total das 50 obras da exposición aproximadamente a metade foran realizadas por artistas de Tampere.[2]

O Muutos.art-taidetalo contou coa colaboración de numerosas persoas que se ofreceron como voluntarias para diversas tarefas, como a axuda aos artistas que traballaban no espazo, a venda de entradas, ou como vixiantes da exposición.[15]

Polémica

[editar | editar a fonte]

A demolición do edificio que acolleu a exposición xerou controversia, tanto dende o punto de vista climático como dende o punto de vista dos cambios no espazo urbano, xa que se trataba dunha construción de menos de trinta anos, sen ningún tipo de problema, e mesmo intacto, polo que todas as persoas que traballaron no proxecto coincidiron en sinalar que a demolición do edificio carecía de sentido e que debería manterse e buscar opcións para a súa reutilización. As mesmas persoas evitaron falar de purkutaide (en galego "arte de demolición"), ao estar en contra da demolición e considerar que o termo situaba o feito da demolición baixo un prisma demasiado positivo. Este feito fixo que o proxecto adoptara unha actitude crítica e cuestionara a propia existencia da exposición, tendo como obxectivo xerar un debate sobre o desenvolvemento urbano e unha construción máis sustentable, salientando o feito de que a demolición carecía de sentido.[4][2][3]

Os responsables do proxecto salientaron o elevado impacto medioambiental desde tipo de accións, xa que sinalaban que as consecuencias das emisións provocadas pola demolición e reconstrución de edificios tardarían varias décadas en compensarse. Nesta liña, sinalaban a importancia de xerar un debate sobre a posibilidade de propoñer unha acción de renovación para, por exemplo, mellorar a eficiencia enerxética do edificio.[2]

Temática

[editar | editar a fonte]
A obra de Alexander Salvesen Solastagia reutilizaba tubos fluorescentes presentes no edificio pintándoos para simular un bosque de bidueiros.

A través das máis de 50 obras da exposición tratouse a relación do ser humano co medio ambiente e o desenvolvemento sostible a través da reciclaxe, a reutilización de materiais, e os propios materiais e instalacións do propio edificio, co trasfondo dun tema medioambiental que no momento era actualidade en Finlandia como as demolicións de edificios no país nórdico.[10][2]

A temática deulle sentido ao grupo de traballo e aos artistas, considerando que a exposición se levaría a cabo nun edificio que pouco despois sería demolido. A perspectiva dende a que se debatiu o tema foi a da relación do clima co cambio na contorna humana, e chegouse cuestionar mesmo o significado da existencia da propia mostra.[10]

O Muutos.art-taidetalo xerou debate sobre o medio ambiente, tanto entre as persoas que visitaron a exposición, como nas redes sociais ou nas revistas. O público eloxiou a exhibición por ser unha experiencia interesante e por invitar á reflexión.[10]

O proxecto foi desenvolvido por Upeart, unha asociación con sede en Helsinqui que leva a cabo proxectos de arte público tanto en Finlandia como no estranxeio, e iniciado por Operaatio Pirkanmaa, un proxecto cultural no que participan os 19 municipios da rexión de Pirkanmaa nacido logo do proceso de solicitude da cidade de Tampere e as outras localidades da rexión para ser nomeada Capital Europea da Cultura en 2026. O Muutos.art-taidetalo contou ademais con financiamento da Fundación Cultural Finlandesa (en finés Suomen Kulttuurirahasto).[10][16][17][2]

Cando se presentou a posibilidade de realizar unha exposición de arte no edificio que se ía demoler tan só presentou unha solicitude Upeart, aínda que debido a motivos económicos suspendeuse a súa participación nun primeiro momento, a pesar de que a cidade entregara o edificio ao proxecto de xeito gratuíto, xa que a organización ten por principio que os artistas reciban unha compensación polos seus trababallos. Aínda que a cidade de Tampere achegou unha axuda económica de 15 000 euros, a suma continuaba a ser demasiado pequena para poder desenvolver o proxecto, que estivo a piques de ser retirado ata que Operaatio Pirkanmaa achegou unha subvención de 40 000 euros que foron abondo para comezar o proxecto.[4]

Ademais dos problemas económicos iniciais, o proxecto tamén tivo que loitar contra o tempo, xa que se ben inicialmente a demolición do edificio estaba prevista para o outono de 2024, que posteriormente se aprazou ata a primavera, o que lle podía permitir a Upeart organizar a exposición no mes de outubro, mais as exposicións de verán son habituais no país nórdico e finalmente a organización decidiuse por esta opción. Ademais o edificio fora empregado como escenario da serie de televisión Koskinen e os seus creadores quixeron prorrogar o seu alugueiro dous meses máis, ao que Upeart accedeu por conveniencia.[4]

A organización contou con tan só catro meses para montar unha exposición que en palabras do coordinador artístico, Yiorgos Slunga, tardaría 24 meses en prepararse. O luns da semana da inauguración a exposición estaba aínda moi inacabada e os traballos tiveron que prolongarse ata altas horas da noite. Finalmente, tres días antes da inauguración xa estaba lista. Se ben Upeart non tiña a obriga de encher cada recuncho do edificio de arte, a organización tomou a decisión priorizando ademais a calidade artística, o que deu como resultado unha exposición con 50 obras de arte.[4]

A mediados de agosto a exposición xa superara en número de asistentes á súa predecesora, Pinni47, tendo pasado máis de 20 000 persoas que loaran as súas "propostas sorprendentes e estimulantes".[18]

A exposición pechou as súas portas o día 1 de setembro de 2024 logo de permanecer aberta durante dous meses e medio, se ben o coordinador artístico do proxecto sinalou que existira a opción de prolongar o proxecto durante dous anos máis. Ao finalizar a mostra contabilizáronse un total de 25 940 visitantes, polo que a exposición cumpriu co seu obxectivo no que respecta a visitantes, superando xa máis de dez días antes da súa clausura os 20 000 visitantes que tivera o ano anterior o Purkutaidetalo Pinni47. Durante o tempo que o museo estivo aberto ao público, ademais dos espazos expositivos (o principal nos dous andares superiores e as galerías máis pequenas para as exposicións temporais), tamén se realizaron visitas guiadas e numerosos obradoiros. Yiorgos Slunga, coordinador artístico de Muutos.art valorou positivamente a gran diversidade das persoas que visitaron a exposición, á que asistiron persoas de todas as idades, público local e persoas que visitaron a cidade durante o período que o edificio permaneceu aberto ao público, e persoas con distinto grao de interese. Slunga sinalaba que:[10][9][4]

É fantástico que un público tan amplo atopara unha entidade que trata un tema importante e tamén comprendera o seu significado.

— Yiorgos Slunga

Unha parte importante do espazo foron os seus graffiti esteriores. A natureza do proxecto fixo que se procurara buscar traballos afastados do tipo de graffiti que viña aparecendo nos medios finlandeses, e que semellaba pretender ser comercial ou bonito, esquecendo o seu significado como ferramenta para desafiar á sociedade.[9]

A pesar das similitudes entre o Muutos.art-taidetalo e o Purkutaidetalo Pinni 47, as exposicións resultantes foron moi diferentes, en parte polo apoio recibido pola iniciativa de Ratina e que permitiu realizar o proxecto dun xeito diferente ao seu predecesor, de xeito que os museos efémeros non caeron na copia nin na imitación, ao non perseguir tampouco o mesmo.[2]

En xaneiro de 2025 comezaron os traballos de demolición, que se prolongaron ata o mes de febreiro dese mesmo ano.

Kuplakokko - Bubble bonfire, obra de Elisa Hillgén.
A artista Hanna Postma empregou caixas de larpeiradas para crear a súa obra Muovi valtaa.
As cascadas de ovo, a pintura fluorescente e a luz ultravioleta eran unha parte fundamental do ambiente creado por Sanna Juujärvi-Bremer en Repossession.

A selección de artistas para a exposición levouse a cabo durante a primavera de 2024, entre o 7 e o 29 de marzo. As persoas seleccionadas debían ser maiores de 18 anos e residir e traballar de xeito permanente en Finlandia en diversos campos da arte. No edificio pondíanse ver as obras de case medio centenar de artistas, parellas de artistas e grupos de traballo, dos cales aproximadamente a metade eran da cidade de Tampere, segundo o coordinador artístico do proxecto Yiorgos Slunga.[19][2] A exposición estivo formada por obras das seguintes artistas:[20]

  • 3.10 ja Jukka Hakanen
  • Ainu Palmu
  • Alexander Salvesen
  • Arttu Nieminen
  • Eeva Karhu & Jesse Törmikoski
  • Elisa Hillgén
  • Emc x Sarri
  • Graffiti Professors: Kap + Help
  • Hanna Postma
  • Harri Lundelin
  • Henrietta Soininen e Usva Torkki
  • Henrik Härkönen
  • Jan Anderzén
  • Juan Kasari
  • Juha Lahtinen
  • Jussi TwoSeven
  • Kaisu Koivisto
  • Katja Luoto
  • Laura e Veikko Sariola
  • Leena Lehti
  • LL-työryhmä
  • Mammu Rauhala
  • Marja Kolu
  • Mielen ry Luova paja
  • Mikko Paakkonen
  • Nino No
  • NORNAT-kollektiivi
  • Petra Martinez & Inka Wallgren
  • Petra Vehviläinen
  • Raija Marttinen
  • Säde Numminen
  • Samppa Saarivirta
  • Samuli Parkkinen
  • Sanna Juujärvi-Bremer
  • Sanni Saari
  • Sirja Moberg
  • Sonja Salomäki
  • Teemu Kiiskilä
  • Teemu Mäenpää
  • Toisaalta
  • Tulkoon valo -installaatio
  • Tuomas Lammi (Pimeääni)
  • Ulla Phillips e Jenni Valtakari
  • VHS-klubi
  • Viivi Kiiskinen
  • Virta ja Ilmastokriisin etulinjassa -hanke
  • Yu-Hsuan Yao

Galerías

[editar | editar a fonte]

Durante os meses que o centro estivo aberto as dúas galerías da planta baixa, denominadas "Aulagalleria" (galería do vestíbulo) e "Kahvilagalleria" (galería da cafetería), acolleron sete mostras temporais de asociacións de artistas e grupos de arte de acceso gratuíto:[21][9][3]

Artista(s) Título da exposición Inicio Fin Galería Descrición Notas
Lars Holmström, Terhi Hursti, Jonne Kauko e Saara Sillanpää Rakenteet 14 de xuño 14 de xullo Kahvilagalleria A exposición da Asociación de Artistas de Tampere presentou relevos pictóricos de Lars Holmström sobre campos de cor e elementos, debuxos en tinta e acrílica sobre o movemento e a forma de Terhi Hursti, obras de Jonne Kauko que abordan o tema da demolición, e pinturas de Saara Sillanpää relacionadas coa estética da construción e os espazos baleiros. [22]
Kiova – Euroopan särkymätön sydän 14 de xuño 7 de xullo Aulagalleria En 2024 celebrouse o 70 aniversario do irmandamento entre as cidades de Tampere e Kíiv, para o que ambas cidades organizaron esta exposición fotográfica realizada polo departamento de comunicación da capital de Ucraína. A exposición, presentada en diversas partes do mundo, amosaba fotos de Kíiv e os seus arredores e trata a vida da cidade e a súa poboación durante a guerra. [23]
Zeynep Kaynar The SAPP – (Sleeping: A Performative Process) 11 de xullo 31 de xullo Aulagalleria A artista de orixe turca Zeynep Kaynar presenta SAPP (Sleeping: A Performative Process), un proxecto xurdido en 2018 e cuxas obras foron expostas en varias exposicións entre 2021 e 2023. O proxecto, no que o debuxo é o protagonista como xeito de escritura temperá, trata o mundo da escritura como ferramenta necesaria que conecta a mente e o corpo. Ademais a artista engadiu obras relacionadas co espazo, ampliando o potencial narrativo da exposición. [24][25]
Anna-Kaisa Haanaho, Kirsi Jokelainen, Johannes Kangas, Satu Kiuru, Riitta Kopra e Minttu Saarinen ARS Häme 18 de xullo 11 de agosto Kahvilagalleria Exposición multidisciplinar con obras da ceramista Anna-Kaisa Haanaho, a pintora Kirsi Jokelainen, o escultor Johannes Kangas, a artista audiovisual Satu Kiuru, a escultora Riitta Kopra e a artista plástica Minttu Saarinen. [26]
Jukka Peltosaari Päästä 2 de agosto 31 de agoto Aulagalleria Mostra de obras do artista visual Jukka Peltosaari, nas que frecuentemente emprega materiais e técnicas empregadas no graffiti e na arte urbana, ás veces mesturadas con técnicas tradicionais para procurar novos xeitos de expresión. Peltosaari traballou sobre etapas da vida pasada que influíron na súa obra. [27][9]
Laura Laurila e Kaisa Soini Puutarhasta rakennustyömaalle 15 de agosto 1 de setembro Kahvilagalleria As artistas visuais Laura Laurila e Kaisa Soini presentaron unha exposición cun mesmo tema e dous plantexamentos distintos, creando un diálogo entre ambas autoras. A mostra xurdiu a partir das observacións da natureza e os seus límites. As obras de ambas artistas teñen como punto de unión a pintura como forma de expresión, así como o emprego da tinta acrílica como un elemento máis da técnica pictórica. [28][9]
Tuija Ihanta Taivaan puutarhat 15 de agosto 1 de setembro Kahvilagalleria A pintora presentou unha mostra na que pretende salientar a "milagre da vida e a abundancia que xorde dese milagre. [29][9]
  1. Coñecida dende 2023 como Tampereen Energia.[5]
  2. A numeración dos andares en Finlandia comeza no 1, sendo este habitualmente a planta baixa, ao nivel da rúa.
Referencias
  1. Vasara, Päivi (11 de xullo de 2023). "Pinni47-purkutaidetalossa ei tarvitse siivota jälkiään – melkein kaikki häviää syksyllä" (en finés). kulttuuritoimitus.fi. Consultado o 25 de xaneiro de 2025. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Sillanpää, Nikke (10 de xullo de 2024). "”Helvetti, onko mitään järkeä purkaa tätä?” kysyy taiteilija – taidenäyttely haastaa purkukulttuurin Tampereella". Yle (en finés). Consultado o 6 de outubo de 2024. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Purkutalo nielaisi sisäänsä valtavan taidekokonaisuuden Tampereen keskustassa – Muutos.art tarjoaa tilataidetta ja tapahtumia kolmessa kerroksessa kesän ajan" (en inglés). Cidade de Tampere. 5 de xuño de 2024. Consultado o 25 de agosto de 2024. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Vasara, Päivi (1 de xullo de 2024). "Ratinan Voimakadun taidehankkeen osallisilla on vahva mielipide: ei ole järkeä purkaa tätä rakennusta" (en finés). kulttuuritoimitus.fi. Consultado o 26 e xaneiro de 2025. 
  5. "Tampereen Sähkölaitos on nyt Tampereen Energia" (en finés). Suomen Tietotoimisto. 28 de agosto de 2023. Consultado o 26 de agosto de 2024. 
  6. Haapala, Riina (21 de xullo de 2024). "Purkutaidetalon väki kritisoi oman näyttelynsä olemassaoloa – "Tämä rakennus on tehty vuonna 1997 ja se nyt jo puretaan"". Tamperelainen (en finés). Consultado o 26 de agosto de 2024. 
  7. Mäkinen, Petteri (13 de febreiro de 2024). "Tampereen uusi purkutaidetalo on komisario Koskisen Sori – Vasta 27-vuotias toimistorakennus puretaan 400 asukkaan kerrostalojen tieltä". Tamperelainen (en finés). Consultado o 26 de agosto de 2024. 
  8. 8,0 8,1 "English info" (en inglés). muutos.art. Consultado o 12 de setembro de 2024. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 "Muutos.art-taidetalo on avoinna 1.9.2024 saakka" (en finés). Operaatio Pirkanmaa. 20 de agosto de 2024. Consultado o 25 de agosto de 2024. 
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 "Muutos.art-taidetalo Tampereen Ratinassa tavoitti 25 940 kävijää – kohdeyleisössä monen ikäisiä vierailijoita" (en finés). Upeart. 1 de outubro de 2024. Consultado o 23 de xaneiro de 2025. 
  11. "Muutos.art-taidetalo" (en finés). Cidade de Tampere. Consultado o 10 de febreiro de 2025. 
  12. Mäkinen, Petteri (5 de xuño de 2024). "Tampereen uusi purkutaidetalo aukeaa ensi viikolla – Vanhalla Koskisen Sorilla on myös kahvila". Tamperelainen (en finés). Consultado o 26 de agosto de 2024. 
  13. Mäkinen, Petteri (9 de febreiro de 2024). "Supersuosittu Purkutaidetalo tekee paluu – Taiteilijat saavat ensi kesäksi käsittelyyn tutun toimistotalon Ratinasta". Tamperelainen (en finés). Consultado o 10 de febreiro de 2025. 
  14. "Esteettömyys" (en finés). muutos.art. Consultado o 12 de setembro de 2024. 
  15. "Vapaaehtoishaku" (en finés). muutos.art. Consultado o 10 de febreiro de 2025. 
  16. "Upeart" (en finés). Cidade de Tampere. Consultado o 24 de xaneiro de 2025. 
  17. "Operaatio Pirkanmaa" (en finés). Cidade de Tampere. Consultado o 24 de xaneiro de 2025. 
  18. "Tampereen Muutos.art-taidetalossa jo yli 20 000 vierailijaa – entiseen toimistotaloon toteutettu tilataidenäyttely avoinna 1. syyskuuta asti" (en finés). Upeart. 22 de agosto de 2024. Consultado o 10 de febreiro de 2025. 
  19. "Purkutalo muuttuu taidetta tulvivaksi kulttuuritilaksi Tampereen ydinkeskustassa" (en finés). Operaatio Pirkanmaa. 7 de marzo de 2024. Consultado o 25 de agosto de 2024. 
  20. "Taiteilijat" (en finés). muutos.art. Consultado o 25 de agosto de 2024. 
  21. "Aula- ja Kahvilagalleria" (en finés). muutos.art. Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2024. Consultado o 12 de setembro de 2024. 
  22. "Tampereen taiteilijaseuran näyttely: RakenteetTampereen taiteilijaseuran näyttely: Rakenteet" (en finés). muutos.art. Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2024. Consultado o 18 de xaneiro de 2025. 
  23. "Kiova – Euroopan särkymätön sydänc" (en finés). muutos.art. Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2024. Consultado o 18 de xaneiro de 2025. 
  24. "Info" (en inglés). zeywashere.com. Consultado o 18 de xaneiro de 2025. 
  25. "Zeynep Kaynar: The SAPP – (Sleeping: A Performative Process) 11.–31.7.2024" (en finés). muutos.art. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2024. Consultado o 18 de xaneiro de 2025. 
  26. "ARS Häme: Anna-Kaisa Haanaho, Kirsi Jokelainen, Johannes Kangas, Satu Kiuru, Riitta Kopra ja Minttu Saarinen 18.7.-11.8.2024" (en finés). muutos.art. Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2024. Consultado o 18 de xaneiro de 2025. 
  27. "Jukka Peltosaari: Päästä 2.–31.8.2024" (en finés). muutos.art. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2024. Consultado o 18 de xaneiro de 2025. 
  28. "Laura Laurila & Kaisa Soini: Puutarhasta rakennustyömaalle 15.8.–1.9.2024" (en finés). muutos.art. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2024. Consultado o 19 de xaneiro de 2025. 
  29. "Tuija Ihanta: Taivaan puutarhat 15.8.–1.9.2024" (en finés). muutos.art. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2024. Consultado o 19 de xaneiro de 2025. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]