Museo da Monnaie de Paris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Museo do 11 Conti»)
Museo da Monnaie de Paris
(Museo do 11 Conti)
Fachada do Hôtel des Monnaies da
Monnaie de Paris, sede do
Museo da Monnaie de Paris
Coordenadas48°51′25″N 2°20′21″L / 48.85694, -2.33917
País Francia
CidadeParís
DirectorAmille Morineau (Directora de Exposicións e coleccións da Monnaie de Paris[1]
Inauguración1833
Superficie1.200 m2
editar datos en Wikidata ]

O Museo da Monnaie de Paris (en francés: Musée de la Monnaie de Paris) tamén coñecido como Museo do 11 Conti (Musée du 11 Conti), por ser esa a súa dirección, é un museo numismático parisiense de titularidade pública pertencente á Monnaie de Paris ou fábrica nacional de moeda de Francia e instalado nun dos seus edificios, coñecido como Hôtel des Monnaies.[2]

Nel consérvanse e expóñense moedas e medallas, materiais utilizados na súa cuñaxe e espazos pedagóxicos acerca da historia as técnicas de fabricación de moeda en Francia desde as súas orixes.[3]

Pola súa vinculación coa Monnaie de Paris, o museo forma parte, entre outras federacións e entidades internacionais, da Federación Internacional da Medalla de Arte (FIDEM).

Historia[editar | editar a fonte]

Primeiro museo: 1833[editar | editar a fonte]

O edificio do Museo da Monnaie de Paris durante a canalización do Sena en 1851 (gravado)

Creado por iniciativa de Jean-Baptiste Henry Collin de Sussy, o museo foi inaugurado por Lois Filipe I o día 8 de novembro de 1833.[4]

Segundo museo: 1991[editar | editar a fonte]

En 1991 presentouse un novo proxecto moseográfico, concibido por Katherine Gruel para a parte de moedas antigas, Jean Belaubre para as medievais e Bruno Collin para as correspondentes ás épocas moderna e contemporánea. Ao labor destes tres especialistas numismáticos débense diversos volumes do catálogo das coleccións do museo.

Este período da historia do museo concluíu o 31 de xullo de 2010, cando pechou as súas portas, inicialmente por un período de dous anos, para desenvolver obras de mantemento reorganización.

Terceiro museo: o Museo do 11 Conti (2017)[editar | editar a fonte]

O período de pechamento previsto para dous anos estendeuse finalmente a sete, durante os que se executou o proxecto denominado MétaLmorphose, que supuxo unha notable transformación e ampliación das instalacións. Esta terceira etapa inaugurouse en setembro de 2017.[5][6][7]

Con case 1.800 obxectos expostos nos seus 1.200 metros cadrados de extensión, o novo museo exhibe algunhas das pezas mestras da colección da Monnaie de Paris, como unha creseida de ouro da Antiga Grecia, unha coroa de ouro (moeda capetina) a nome de Filipe VI de Francia (1328-1350), unha moeda de 10 luíses de ouro, un padrón monetario en platino, un oban xaponés de ouro, unha colección de pesos Akan, o tesouro vietnamita de Huế, etc.

Coleccións[editar | editar a fonte]

Os fondos[editar | editar a fonte]

A colección numismática do museo conta cun fondo de arredor de 200.000 obxectos, entre eles unhas 70.000 medallas, 40.000 moedas, 18.000 billetes e 5.000 utensilios e ferramentas relacionados coa fabricación de moeda. O resto dos fondos compóñeno aparellos científicos e metrolóxicos, pezas artísticas, cadros, planos, etc.

Na procura dunha adecuada conservación, transferiuse ao Servizo de Arquivos Económicos e Financeiros, do Ministerio de Finanzas, a maior parte dos arquivos históricos, compostos por máis de 13.000 volumes impresos, 98.400 publicacións, 1.454 volumes manuscritos e máis de 18.000 atados e cartafoles.[8]

A exposición[editar | editar a fonte]

As salas do museo sitúanse na planta baixa e no primeiro andar do Hôtel des Monnaies e están dispostas para a súa visita cun criterio temático.[9]

Antigo balancín de 1775 para a cuñaxe de moeda, da colección histórica do Museo da Monnaie de Paris

Na primeira sala do percorrido preséntanse as materias primas utilizadas desde a antigüidade nos ámbitos monetario, medallístico e metrolóxico, ben a través de obxectos históricos ou ben como minerais: platino, ouro, prata, ferro, cinc, estaño, níquel, latón, etc. Os minerais expostos proceden do laboratorio de ensaios que se instalou desde a inauguración do Hôtel des Monnaies en 1775. Exponse tamén unha táboa periódica dos elementos, para salientar o papel significativo da física e da química na fabricación da moeda metálica. Neste espazo foi onde se expuxeron xuntos por primeira vez o "metro padrón" e o "quilogramo padrón", que residen habitualmente na Oficina Internacional de Pesos e Medidas, tamén en París.

Na segunda sala (que ata o século XIX albergaba a sala de laminación da casa de moeda) preséntase o proceso de fabricación de moedas, medallas, pezas artísticas e xoias. Aí explícase o gravado en todos os seus aspectos, tanto antigos como modernos: a talla directa, a modelaxe, a redución, a electroerosión, o deseño asistido por computador e o gravado por láser. A seguir, a exposición céntrase no proceso de cuñaxe, desde que se levaba a cabo a martelo ata a época das prensas mecánicas, pasando polo emblemático período do balancín, do que se exhiben varios aparellos dos séculos XVIII e XIX. Tamén son relevantes nesta segunda sala outras pezas como os cuños monetarios para cuñaxe a martelo ou un conxunto de punzóns do século XVIII.

No andar inferior, no antigo salón coñecido como Grand Monnayage, exponse unha alegoría da Fortuna que se restaurou para a reapertura do museo nesta última fase. Nas salas deste andar preséntase a historia do propio edificio do Hôtel des Monnaies, da fabricación de moeda francesa e da loita contra a falsificación.

Parte do tesouro do galeón holandés Slot Ter Hooge (século XVII), da colección histórica do Museo da Monnaie de Paris

As funcións e os usos do diñeiro son o centro de atención das seguintes salas do museo: obxectos relacionados coa regalía, o cambio, a contaxe, a tesaurización ou acumulación, etc. Expóñense tamén nesta sala obxectos paralelos á moeda que se utilizaron nalgunha época coa súa mesma función: panos, cunchas de caurí, ladrillos de , diñeiro africano premonetal como o kissi (barriñas de ferro) ou o mitako (fíos ou aros de cobre ou latón), etc.[10]

Outra das salas está dedicada enteiramente á numismática.

O derradeiro espazo da exposición coñécese como sala dos tesouros, onde se expoñen diversos achados numismáticos, como o do galeón holandés Slot Ter Hooge (século XVII), e se explican máis polo miúdo o da rúa Mouffetard de París e o de Huế, en Vietnam.[11]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

A seguir, preséntase unha escolla de pezas expostas no Museo da Monnaie de Paris.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Le comité Exécutif. Monnaie de Paris". 
  2. "Musée du 11 Conti - Monnaie de Paris Arquivado 19 de novembro de 2018 en Wayback Machine.". En Monument Tracker.
  3. "Musée du 11 Conti Arquivado 21 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". Monnaie de Paris.
  4. "Jean-Baptiste Collin, comte de Sussy Arquivado 19 de novembro de 2018 en Wayback Machine.". Na web do Cercle de Réflexion Douanière Collin de Sussy. Cita como fonte: Barbier, J-P. Collin de Sussy. En Horizons d'Argonne. Nº 84. 2007.
  5. "La Monnaie de Paris achève sa MétaLmorphose". En Le Parisien. 2 de maio de 2017.
  6. "Ouverture du Musée de la Monnaie de Paris: Le 11 Conti". En Sortir a Paris.
  7. Guédot, V. "Ré-ouverture du 11 Conti - Monnaie de Paris le 30 septembre 2017". En France Inter. 11 de setembro de 2017.
  8. "Collections patrimoniales". Monnaie de Paris.
  9. "Plan du Musée du 11 Conti Arquivado 21 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". Monnaie de Paris.
  10. Entradas "mitako", "caurí" e "ladrillo de té." En Alfaro Asins, C. et al. (2009)
  11. "Trésor du Slot Ter Hooge". Monnaie de Paris.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]