Museo da Moeda do Banco do Xapón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Museo Numismático do Banco do Xapón»)
Museo da Moeda do
Banco do Xapón
貨幣博物館, Kahei-hakubutsukan
Acceso ao Museo da Moeda
do Banco do Xapón
Coordenadas35°41′07.33″N 139°46′18.47″L / 35.6853694, -139.7717972
País Xapón
Cidade Toquio
InauguraciónNovembro de 1985
Na rede
http://www.imes.boj.or.jp/cm/htmls/index.htm, https://www.imes.boj.or.jp/cm/ e https://www.imes.boj.or.jp/cm/english/
editar datos en Wikidata ]

O Museo da Moeda do Banco do Xapón (en xaponés: 貨幣博物館, Kahei-hakubutsukan) é unha institución museística xaponesa dedicada á moeda dese país, con sede nun dos edificios do Banco do Xapón no barrio de Chūō, en Toquio.[1][2]

O museo abriu as súas portas en novembro de 1985, no marco dos tres anos de actos conmemorativos polo 100 aniversario do Banco do Xapón (1982), e encádrase organicamente dentro do Instituto de Estudos Económicos e Monetarios desa institución bancaria.[1][3][4]

En 2017, o Museo da Moeda do Banco do Xapón alcanzou os 97.000 visitantes.[5]

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe dos fondos do museo está na colección Senpeikan, que foi reunida polo numismático xaponés Tanaka Keibun (1884-1956). Esta colección baseábase na historia da moeda do Xapón e da China e recibe o seu nome porque anteriormente tivo a súa sede no Museo Senpeikan, antes de ser doada ao Banco do Xapón en 1944, cara á fin da segunda guerra mundial, para garantir a súa seguridade.[1][4][6]

Exposición[editar | editar a fonte]

Expositor con moeda local xaponesa do período Bakumatsu

O Museo da Moeda do Banco do Xapón posúe unha das coleccións numismáticas máis importantes do país, composta por máis de 200.000 exemplares de moedas e billetes que representan a traxectoria do diñeiro no Xapón, as súas tecnoloxías de produción e a súa cultura de uso. Un dos pavillóns está dedicado á moeda falsa.[4]

Unha das seccións da colección céntrase na historia da moeda xaponesa, con arredor de 160.000 pezas das que compoñen os seus fondos, entre as que destacan algunhas moedas de sen anteriores á era do ien e tamén billetes dos dominios feusais da era Meiji (1868-1911). Outras das pezas salientables desta sección son as moedas ovaladas de ouro puro anteriores ao ien coñecidas como ōban e koban, ou as moedas de emerxencia bélica, algunhas delas de porcelana.[2][4]

Outra sección céntrase na moeda estranxeira, cunha nutrida representación de billetes antigos do Banco da China e de Nova Zelandia. Un dos obxectos expostos máis rechamantes é unha grande pota de barro de 60 cm de alto que contén arredor de 7.700 moedas chinesas, atopada na prefectura xaponesa de Miyazaki sen que se puidese explicar a súa orixe.[4]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "About the Currency Museum". Bank of Japan.
  2. 2,0 2,1 "Currency Museum of the Bank of Japan". Eventseeker.com
  3. Corkill, E. (2010). "Bank of Japan Currency Museum invests in exhibition on wallets". En The Japan Times. 13 de agosto.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Ryall, J. (2017). "Money Through the Ages: A Walk Through Japan’s Currency Museum". En Nippon.com. 22 de novembro.
  5. "Annual Review 2018". Bank of Japan.
  6. "About the Sempeikan Collection and the Establishment of the Currency Museum". Bank of Japan.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]