Museo Mineralóxico-Xeolóxico (Delft)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Museo Mineralóxico-Xeolóxico
(Mineralogisch-Geologisch Museum)
Delft Mineralogisch-Geologisch Museum 2015.JPG
Vitrina expositiva do museo (2015).
Coordenadas52°0′25″N 4°22′10″L / 52.00694, -4.36944
PaísPaíses Baixos Países Baixos
CidadeCoat of arms of Delft.svg Delft
TipoCientífico, tecnolóxico
Inauguración1912
Sitio Web[1]

O Museo Mineralóxico-Xeolóxico (en neerlandés: Mineralogisch-Geologisch Museum) é unha institución museística e científica da cidade surholandesa de Delft, nos Países Baixos. O museo presenta unha importante colección de minerais, rochas, fósiles e outros obxectos xeolóxicos. En concreto, a colección de minerais converteuse, polo seu valor científico, nunha referencia a nivel internacional.[1][2]

Historia[editar | editar a fonte]

Esqueleto dun dodo exposto no museo (1961)

A colección comezou a conformarse a partir de 1864 por iniciativa do doutor Vogelsang, profesor universitario de mineraloxía, xeoloxía, explotación mineira e paleontoloxía, e acada a súa consideración de museo en 1912, formando parte da Universidade de Tecnoloxía de Delft. Ocupaba entón as tres plantas do antigo edificio do departamento de Ciencias da Terra Aplicadas, na rúa Mijnbouwstraat. Nos seus principios, ese departamento chamábase de Enxeñaría de Minas e, por tal motivo, o museo coñecese popularmente como "Museo da Mina" (Mijnbouwmuseum). 

Tanto os alumnos como os profesores da universidade utilizaron adoito as coleccións do museo para a súa formación en mineraloxía. Asemade, as súas instalacións foron sempre accesibles tamén para o público en xeral, e de xeito gratuíto.

O 18 de febreiro de 2008 pecháronse as instalacións do museo por mor dunhas obras de mantemento do edificio. En principio, tratábase dun pechamento provisional, mais as dificultades financeiras fixeron que se decidise a súa clausura. En xullo de 2013, a maior parte da colección foi trasladada ao Museo Nacional de Historia Natural (Nationaal Natuurhistorisch Museum) de Leiden.

A través dunha campaña que promovía a recuperación do museo, chegouse a reunir a cantidade suficiente de diñeiro proveniente de investidores privados e doadores para exhibir novamente a exposición no segundo piso do edificio, nas vitrinas orixinais, aínda que totalmente restauradas. No entanto, o dodo e o cranio de tricerátops seguiron estando expostos en Leiden. Os minerais radioactivos foron almacenados na Organización Central de Refugallos Radioactivos (Centrale Organisatie Voor Radioactief Afval -COVRA) en Borsele.

Finalmente, a colección enteira foi adquirida polo Museo Nacional de Historia Natural de Leiden, que mantén en préstamo os arredor de 4.000 artigos expostos no museo de Delft, dos preto de 140.000 que conformaron as coleccións orixinais. A cerimonia de reapertura tivo lugar o 23 de abril de 2015.[3][4][5]

Configuración orixinal do museo[editar | editar a fonte]

As coleccións científicas que foi compondo o museo a través dos anos supoñen unha boa mostra da importancia da formación xeolóxica da TU Delft. As coleccións deste museo antes do traslado dos seus fondos a Leiden distribuíanse do seguinte xeito:

Planta baixa[editar | editar a fonte]

Colección colonial. Coleccións conformadas por obxectos recollidos nas antigas colonias dos Países Baixos. Estas coleccións foron perdendo paseniño a súa improtancia na formación da universidade e foron trasladadas ao museo de Leiden. Esta sección converteuse en laboratorio de química en 1960 e actualmente é a sede do Centro de Ciencia de Delft (Science Centre Delft), tamén vinculado á Universidade de Tecnoloxía da cidade.

Primeiro andar[editar | editar a fonte]

  • Minerais. A colección albergaba practicamente todos os minerais que se poden achar na Terra, e estaban dispostos consonte a clasificación de Strunz.
  • Rochas. O museo contaba cunha importante colección de rochas magmáticas, sedimentarias e metamórficas.
  • Minerais de minaría. Nos 150 primeiros anos desde a fundación do museo púxose moito interese na estracción de minerais, polo que se logrou unha colección moi extensa. A maioría dos minerais proveñen de minas que hoxe xa non existen.
  • Cranio de tricerátops exposto no museo (1961)
    Xeoloxía xeral. Esta parte da colección presentaba obxectos tan variados como fósiles, meteoritos, placas murais ou lámpadas de mina. Nesta parte do museo amosábase tamén un cranio dun tricerátops, unha copia dun Archaeopteryx e o esqueleto dun dodo, que en 2013 pasaron ao museo de Leiden e non forman parte da exposoción actual do segundo andar inaugurada en 2015.

Segundo andar[editar | editar a fonte]

Paleontoloxía e estratigrafía. Colección de fósiles e rochas sedimentarias, que nos anos oitenta se transferiu ao museo de Leiden. Despois de diversos usos, este espazo renovouse en 2015 como espazo expositivo paera as rochas e os minerais que compoñen a exosición actual, que anteriormente estiveran no primeiro andar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Het Mineralogisch Geologisch Museum Delft". Science Centre Delft. TU Delft. (en neerlandés)
  2. Localización e contacto. "Mineralogisch-Geologisch Museum", en WichMuseum.nl (en neerlandés)
  3. "Mineralogisch Geologisch Museum behouden[Ligazón morta]". Na web da TU Delft. 7 de abril de 2014 (en neerlandés)
  4. "Mineralogisch-Geologisch Museum Delft feestelijk heropend Arquivado 01 de decembro de 2017 en Wayback Machine.". En Gea-Geologie.nl (en neerlandés)
  5. "Meer over mineralen in Mineralogisch Geologisch Museum". En DelftOpZondag.nl. 9 de xaneiro de 1916 (en neerlandés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]