Mozas asomadas nunha xanela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mozas asomadas nunha xanela é un cadro do pintor sevillano Bartolomé Murillo. Pintado na segunda metade do XVII, é un cadro barroco.

Forma parte da colección da Galería Nacional de Arte dos Estados Unidos, con sede en Washington.

Descrición[editar | editar a fonte]

A obra representa dúas mulleres nunha xanela. A máis afastada do espectador é polos seus trazos a máis vella das dúas. Tapa o rostro sorrinte coa súa touca, que sostén coa man dereita. Coa esquerda tira da contra da ventá, sen que quede claro se pretende pechala ou, polo contrario, abrila aínda máis. A outra muller, unha mociña, apóiase sen reservas no peitoril da ventá e sorrí abertamente para o espectador, situado xusto de fronte, nun plano lixeiramente inferior ao dela. O seu corpiño, lixeiramente escotado, déixalle ver os ombros.

Desde o punto de vista da composición, o cadro é dunha extraordinaria técnica. Está marcado pola diagonal que se estabelece entre as cabezas das figuras e os sutís toques de vermello nas súas caras e nos adornos do cabelo e das roupas. A moza asoma o seu corpo a través da ventá con gran realismo. No caso da muller máis vella captúrase o seu movemento con grande habilidade. Coa idea de centrar a nosa atención nas mulleres, no resto do cadro predominan o marrón da madeira e o negro do interior do cuarto.

Descoñécese a data certa en que foi pintada a obra. Pola súa calidade técnica, corresponde á etapa de madureza do pintor, entre 1650 e a súa morte en 1683.

Interpretacións[editar | editar a fonte]

Descoñécese por completo quen son as figuras representadas. Circulan numerosas interpretacións da obra. Unha delas apunta á posibilidade de que se trate dunha doncela e a súa gobernanta, como era habitual nas casas da aristocracia. Outra posibilidade é que se trate dunha cortesá e da súa alcaiota. Explicaríase así a ollada directa e sorrinte da rapaza, mentres que a outra muller se cobre a cara. Na España do século XVII non era de bo gusto sorrir ostentosamente en público, menos aínda para unha muller.

En apoio desta última interpretación traése a colación unha copia en gravado do cadro realizada no século XIX. Nese gravado, a obra recibe o título de Las Gallegas. Nesa época moitas mulleres galegas emigraban a Lisboa, Madrid ou Sevilla, onde algunhas acababan exercendo a prostitución. O título referiríase de maneira inequívoca para a xente da época á condición das dúas mulleres.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]