Movemento galego ao socialismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Movemento galego ao socialismo (MGS)
Partido político de Galiza (membro do BNG)
Mgs-logo1.PNG
Dirixentes e organización
Líder Rafa Villar
Mocidades Isca
Filiación internacional Alianza Libre Europea
(Como membro do BNG)
Historia
Fundación 2009
Posicións políticas
Ideoloxía Nacionalismo galego, esquerda, socialismo, comunismo, independentismo galego, marxismo-leninismo
Outros datos
Sede Av. Castelao, 30, baixo - Compostela
Páxina web mgs.gal/

O Movemento Galego ao Socialismo (MGS) é unha partido político comunista e independentista galego, integrado no Bloque Nacionalista Galego que ten como principais obxectivos a superación do capitalismo, a liberación nacional de Galiza, a democracia socialista e o comunismo[1]. Como tal organización naceu en marzo de 2009, aínda que a súa I Asemblea Nacional foi celebrada en maio de 2012, onde aprobou os seus Estatutos e escolleu a súa primeira dirección, chamada Mesa Nacional. En decembro de 2014 celebrou a II Asemblea Nacional, na que aprobou o seu programa político.

Historia[editar | editar a fonte]

O Movemento Galego ao Socialismo constituíuse formalmente o 20 de marzo de 2009 como agrupamento de militantes do BNG que aspiran a realizar un traballo de recuperación dos principios fundamentais do Bloque no seo do BNG, obrigando así a fronte a reconducir as políticas que consideraban afastadas do soberanismo e da esquerda política.

A orixe do MGS sitúase nun espazo político, o independentismo de esquerdas crítico coa praxe do BNG, no que previamente xa existían diversas experiencias, como a organización xuvenil Isca! — que naceu de forma autónoma en 2006 mais acabouse conformando como mocidades do MGS — e o Movemento pola Base (MpB) até a súa marcha da fronte e posterior desaparición.

O MpB, que se definía como organización independentista, socialista e de clase, nacera en 2006 dentro do BNG, e expresaba a oposición ao que consideraba un afastamento no que tocaba a algúns dos piares básicos da Fronte, especialmente o soberanismo e a esquerda, e á súa vez integraba tamén antigos militantes da UPG (partido integrante do BNG). Finalmente, unha facción do MpB abandonou definitivamente o BNG o 14 de marzo de 2009 e, tras unha breve controversia polas siglas, o sector maioritario do Movemento pola Base, que permaneceu no BNG, decidiu renunciar ao nome para evitar maior confrontamento e creou unha nova organización denominada Movemento Galego ao Socialismo[2], na que se incoporaron novos militantes.

Primeiro período[editar | editar a fonte]

Xa como Movemento Galego ao Socialismo, en maio de 2009, participa na XII Asemblea Nacional do BNG, onde presenta unha candidatura denominada Máis Alá, encabezada por Rafa Vilar, que tivo 76 votos (3,13% dos emitidos) e obtivo 2 representantes no Consello Nacional da fronte. Na elección da Executiva, integrou o seu cabeza de lista na candidatura de Alternativa pola Unidade, enfrentada coa de Máis BNG, ao entender que se achegaba máis aos seus postulados, ao se situar máis á esquerda.

Ademais, neste período, o MGS mantén unha importante presenza na Confederación Intersindical Galega, onde participa da maioría sindical; así como no movemento xuvenil a través da organización Isca! e en diversos movementos sociais.

En febrero de 2010 o MGS realiza a súa presentación formal durante o seu I Encontro Nacional, que se celebra no concello de Teo[3]. Nese encontró, a militancia fixou oficialmente a posición do MGS ao avogar polo carácter asembleario, por unha estratexia de nacionalismo emancipador e polos postulados da esquerda transformadora. Ademais, escolleu unha Coordenadora Nacional encargada de dirixir a organización de xeito provisional até a celebración dunha asemblea.

En xaneiro de 2012 o BNG celebra a súa XIII Asamblea Nacional, onde o MGS presenta unha lista, encabezada de novo por Vilar[4]. A votación do Consello Nacional deparou 248 votos para o MGS (5 %), frente os 2.164 (48 %) que obtivo a Alternativa pola Unidade, iniciativa da UPG, e os 2.026 (45 %) que obtiveron Máis Galiza e o Encontro Irmandiño [5]. Na Asemblea reelíxese a Guillerme Vázquez como Portavoz Nacional e escóllese a Francisco Jorquera como candidato á presidencia da Xunta, que contou co voto favorábel do MGS, que mantivo o seu posto na Executiva. Ademais, o MGS presentou unha emenda para o retorno do BNG ao asemblearismo [6], que foi aprobada, co que se modificou o funcionamento do máximo organismo de decisión da fronte, e un voto particular con propostas programáticas alternativas, que foi transaccionado[7].

Tras esta Asemblea abandonaron o BNG o Encontro Irmandiño e Máis Galiza, que fundarían outras forzas políticas. Fican no BNG a UPG, o MGS e un grupo de militantes de Máis Galiza que non aceptan o abandono e forman o colectivo Abrente-Esquerda Democrática Galega.

I Asemblea Nacional[editar | editar a fonte]

En maio de 2012, o MGS convoca a súa I Asemblea Nacional [8], facendo un chamamento á incorporación de máis militantes nacionalistas e independentistas do interior e do exterior do BNG, e realizando unha valoración positiva da evolución da liña política desta fronte [9]. A Asemblea aproba un documento político, outro organizativo e os Estatutos, e escolle unha Mesa Nacional[10]. Acórdase tamén solicitar o recoñecemento oficial como colectivo integrado no BNG, o que conseguen en xullo[11].

Na XIV Asemblea Nacional do BNG, celebrada en marzo de 2013, preséntase unha única lista, encabezada por Xavier Vence, quen se converte no Portavoz Nacional. A candidatura obtén 95% dos apoios e por primeira vez o MGS non presenta lista propia. Ximena González incorpórase á executiva, onde se mantén Rafa Vilar.

II Asemblea Nacional[editar | editar a fonte]

En decembro de 2014, o MGS celebra a súa II Asemblea Nacional co lema "Construír e Avanzar. Galiza independente e futuro socialista" [12]. Na Asemblea aprobouse a orientación política a seguir durante os seguintes anos, definiuse un programa político estratéxico, integrouse Isca! como organización xuvenil e adoptouse o modelo organizativo típico dos partidos comunistas[13].

Posicionamentos políticos[editar | editar a fonte]

O Movemento Galego ao Socialismo defende a independencia de Galiza e o socialismo. O partido rexeita o modelo autónomico[14] que considera esgotado[15] e reclama unha República Galega na que o poder estea en mans da clase traballadora, ao sinalar "a estreita ligazón entre a alternativa anticapitalista e a loita pola soberanía política"[15]; promove a autoorganización do pobo galego en todos os ámbitos[15]; e defende unha alianza permanente cos "movementos de esquerda rupturista das nacións sen Estado" [16]. Tamén promove a profundización de relacións coa lusofonía[17].

Desde o punto de vista do MGS, o BNG recuperou progresivamente o seu carácter de "alternativa real ao sistema" ao recuperar o seu discurso histórico[18], o que permitiu superar o "lastre" dun proceso previo de "desnaturalización ideolóxica e política" [19] . Para este partido, a forma de acadar os seus obxectivos é a implicación de todo o pobo nun proceso de "constitución dun Estado galego, a toma do poder pola mayoría social e a construción do socialismo"[19].

O partido reclama a ruptura coa Unión Europea e a saída de Galiza dela, ao caracterizala como "un proxecto ao servizo do capital" de carácter antidemocrático, contraria aos intereses económicos e sociais galegos e irreformábel nos seus aspectos esenciais[20]. Manifestou a súa oposición ao TTIP[21], o que definiu como un novo paso nunha ofensiva neoliberal internacional, e defende a disolución da OTAN.

Internacionalmente, o MGS apoia a Revolución Cubana [22], a revolución bolivariana de Venezuela[23], o proceso de independencia de Cataluña[24], o boicote internacional a Israel, o Partido Comunista de África do Sur, o proceso de paz en Euskal Herria[25] e a liberdade de Arnaldo Otegi[26]. Ademais, o MGS mantén relacións internacionais con outras organizacións independentistas e revolucionarias. Así, na súa II Asamblea Nacional o MGS contou con intervencións de representantes de Sortu, a CUP e Izquierda Castellana, e recibiu saúdos de Andalucía Comunista, Unidad del Pueblo, e a Fronte Popular para a Liberación de Palestina, así como do Consulado de Cuba en Galiza. Asinou en 2015 a Declaración de Valencia[27], xunto con organizacións revolucionarias galegas, catalás, vascas, palestinas, escocesas ou venezolanas. Neste mesmo ano manifestou o seu apoio ao Partido Comunista Grego e criticou o programa político de Syriza[28].

Actos propios[editar | editar a fonte]

O MGS orienta a maior parte da súa actividade ás organizacións das que participa, de modo que non ten unha presenza pública continua. Non obstante, celebra desde a súa fundación unha homenaxe anual a Moncho Reboiras, no cemiterio de Imo[29], no mesmo día do seu asasinato. Ademais, tamén organiza un acto de conmemoración da Revolución de Outubro, conxuntamente co Colectivo Nacionalista de Marín e o Partido Comunista do Povo Galego[30]. Ademais, ten organizado asambleas abertas en varias comarcas, diversos actos en favor da ruptura coa Unión Europea e actividade propagandística como a realización de murais.

Estrutura[editar | editar a fonte]

Durante os primeiros anos, o MGS defínese como unha organización asemblearia baseada nas diferentes asembleas de zona (de ámbito comarcal). No Encontro de Teo foi creada a Coordinadora Nacional, responsábel pola coordinación do MGS até a celebración da I Asemblea Nacional, que aproba uns Estatutos nos que se reforma o modelo organizativo e se afirman como principios fundamentais "o asemblearismo, a dirección colectiva e unitaria, a disciplina militante, a crítica e a autocrítica". Na II Asemblea Nacional profundízase nesta dirección ao aprobarse o centralismo democrático como principio básico. Ademais das asembleas de zona, o MGS conta tamén cunha estrutura no exterior[31] na que se encadra a militancia que se atopa fóra de Galiza.

Publicacións[editar | editar a fonte]

O MGS edita dúas veces ao ano unha revista, chamada Arredista!, con diversos informes, análises e artigos de opinións sobre asuntos de política nacional e internacional[32]. Ademais, conta cunha folla axitativa, Máis Alá, que trata temas monográficos e non ten periodicidade fixa[32].

Presenza noutras organizacións[editar | editar a fonte]

O MGS continúa a análise realizada na primeira época do MpB que conduciu ao rexeitamento dunha estratexia marxinalista. O obxectivo é ter presenza social e presenza naqueles organismos vinculados co nacionalismo galego, nomeadamente no BNG e na CIG.

Canto á presenza no BNG, o MGS conta con un dos quince membros da Executiva Nacional en base ao apoio dado á candidatura da UPG Alternativa pola Unidade (APU) na Asemblea Nacional extraordinaria do BNG celebrada despois da queda do goberno bipartido. Grazas ao apoio da candidatura do MGS, Máis Alá, a APU liderada por Guillerme Vázquez conseguiu alcanzar os 8 representantes que lle daban a vitoria sobre os quintanistas de Máis BNG liderados por Carlos Aymerich (7 representantes).

Canto á presenza na CIG, o MGS fai parte da maioria sindical que se presentou ao V Congreso Confederal da CIG e que escolleu Suso Seixo como novo Secretario Nacional do sindicato. Ademais, o MGS ten presenza destacada nas comarcas de Vigo e Compostela.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Sobre o MGS (web do MGS)". 
  2. "Nace o Movemento Galego ao Socialismo, novo grupo no BNG (Galicia Hoxe)". 
  3. "Movemento Galego ao Socialismo se establecerá como partido en el BNG para ser referente "marxista e independentista"". 20 Minutos (en español). 
  4. "Movemento Galego ao Socialismo presentará unha terceira candidatura no BNG". El Progreso. 
  5. "Jorquera será el próximo candidato a la Xunta del BNG". Faro de Vigo (en español). 
  6. "El edil en Santiago Rafael Vilar encabezará una tercera lista para la asamblea del BNG". El Mundo (en español). 
  7. "Luz verde ao informe de xestión do BNG". 
  8. "O MGS anuncia a convocatoria da súa I Asemblea Nacional para o vindeiro 12 de maio en Compostela". 
  9. "O Movemento Galego ao Socialismo anuncia a convocatoria da súa I Asemblea Nacional para o vindeiro 12 de maio en Compostela" (en español). 
  10. MGS. "O MGS celebrou a súa primeira Asemblea Nacional". 
  11. BNG. "O Consello aprobou o recoñecuimento como colectivos do Movemento Galego ao Socialismo e de Abrente - Esquerda Democrática Galega". 
  12. Xesús Manuel Piñeiro. "Entrevista a Rafa Vilar: "Traballamos para que o nacionalismo sexa a referencia para a xente que quer mudar as cousas"". Sermos Galiza. 
  13. MGS. "Construír e Avanzar. Crónica da 2ª Asemblea Nacional do MGS". 
  14. MGS. "Xeografía da revolución. Análises e propostas da II AN do MGS". 
  15. 15,0 15,1 15,2 MGS. "O MGS celebrou a súá I Asemblea Nacional". 
  16. MGS. "Análise do MGS das eleccións ao parlamento europeo". 
  17. Portal Galego da Língua. "Movimento Galego ao Socialismo aposta por afortalar as relaçons com a lusofonia". 
  18. "Revista Arredista". 
  19. 19,0 19,1 MGS. "Sobre o MGS". 
  20. MGS. "Pola soberanía, o futuro e a democracia: ruptura coa UE". 
  21. MGS. "Contra o TTIP: ergamos a bandeira da soberanía". 
  22. MGS. "Solidariedade coa Revolución Cubana". 
  23. Consulado de Venezuela en Vigo. "Movemento Galego ao Socialismo se solidariza con la Revolución Venezolana" (en español). 
  24. MGS. "Catalunya: avanzo soberanista e freazo do neoliberalismo". 
  25. MGS. "Declaración do MGS ante o comunicado de ETA". 
  26. "Movemento Galego ao Socialismok ere manifestazioarekin bat egiten du" (en español). 
  27. "Nueve organizaciones revolucionarias firman la declaración de Valencia este 25 de abril" (en español). 
  28. MGS. "Outro rumbo para Grecia". 
  29. "MGS e Nós-UP reivindican a vixencia do legado de Moncho Reboiras". Sermos Galiza. 
  30. "Acto unitario do MGS, PCPG e CNM en Moaña". 
  31. MGS. "Web da Asemblea Exterior do MGS". 
  32. 32,0 32,1 MGS. "Área de publicacións na web do MGS". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]