Movemento dos chalecos amarelos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O movemento dos chalecos amarelos (francés: Mouvement des gilets jaunes), tamén chamado o «gasolinazo», é un movemento social localizado principalmente en Francia –e estendido a outros países como Bélxica– desde novembro de 2018.[1][2][3][4] Os «chalecos amarelos» («gilets jaunes»), chamados así polo uso dos chalecos reflectores obrigatorios para os condutores desde 2008, bloquearon estradas e causaron caos e conxestión en distintas arterias viarias. A manifestación xurdiu do descontento xerado polo aumento dos prezos da gasolina e do diésel, así como dos seus impostos relacionados.[5][6]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Os prezos do gasóleo ou diésel en Francia aumentaron un 16% durante 2018, debido ao incremento dos impostos de gasolina e diésel no mesmo período, e espérase un maior aumento de impostos para o ano 2019. O presidente de Francia, Emmanuel Macron, foi o principal foco das protestas, debido a que continuou coas políticas implementadas polo goberno do socialista François Hollande.[Cómpre referencia][7]

Cuestión de perda de poder adquisitivo[editar | editar a fonte]

Prezo da gasolina en Francia (euros, 2017)
Prezo da gasolina en Francia (euros, 2017)

A sensación de perda de poder adquisitivo é tamén unha das razóns dadas por moitos observadores. A edición de 2018 do "Retrato Social de Francia" do INSEE indica que a renda familiar dispoñible en euros constantes é un 1,2% máis baixa en 2016 que en 2008, é dicir 440 euros ao ano.[8] A diminución dos ingresos afecta a unha gran parte da clase media (67%), que se ve particularmente afectada polo aumento das contribucións da seguridade social e os gravames sobre os ingresos de capital. Segundo o estudo, as reformas fiscais e sociais son a principal causa.[9]

Sentimento de abandono de certos territorios[editar | editar a fonte]

Unha enquisa publicada en novembro de 2017 polo Centre de recherche pour l'étude et l'observation des conditions de vie destaca un sentimento de abandono por parte das autoridades públicas de certos sectores da poboación. Tres de cada dez persoas cren que viven nun territorio abandonado, sen abonda atención do poder público, e con posibilidades de atención comunitaria (como transporte público) deficientes, un sentimento de abandono que é tanto xeográfico como social. Esta percepción é máis forte en territorios fóra das principais áreas urbanas.[10]

Filosofía e organización[editar | editar a fonte]

É un movemento totalmente distribuído, no que non existen xefes ou portavoces, e a comunicación se fai por internet mentres que a acción se fai nas rúas, prazas e rotondas.[11] Pode cualificarse de movemento social, mais non encadrado dentro de partidos políticos ou outras caracterizacións, como a xeográfica ou a contraposición cidade-campo.[12]

As propostas e reclamacións dos chalecos amarelos concéntrase en temas relacionados coa defensa do traballo o da estrutura laboral.[12]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

A diferenza dos eventos anteriores, organizados por sindicatos, este movemento lánzase e desenvólvese inicialmente só a través da web, das redes sociais (Facebook, Twitter, Youtube) ou plataformas dedicadas.[13]

O 29 de maio de 2018, unha motorista de Seine-et-Marne, Priscilla Ludosky, lanzou unha petición en liña pedindo unha baixa nos prezos do combustible, apuntando á introdución do aumento de 7,6 céntimos por litro para o a gas-oil e 3,8 céntimos/litro para a gasolina que entraron en vigor en xaneiro de 2018, e á importancia dos impostos relacionados co custo do produto.[14] A petición tivo un éxito rápido, acadando 226 000 sinaturas o 25 de outubro de 2018 e logo excedendo un millón a finais de novembro.[15]

Porcentaxe de chalecos amarelos en relación á poboación (segundo un mapa realizado polo xeógrafo Hervé Le Bras)     de 1,8 % a 6,8 %     de 1 % a 1,8 %     de 0,3 % a 1 %     de 0,04 % a 0,3 %

O 10 de outubro de 2018, dous condutores de Seine-et-Marne, Éric Drouet e Bruno Lefevre, lanzan en Facebook un chamado ao "bloqueo nacional contra o aumento de combustible" para o 17 de novembro de 2018.[16] Esta idea é asumida por outros protagonistas, que avogan polos bloqueos de estradas e rotondas en varios departamentos franceses.[17]

Desde finais de outubro, varios vídeos se volven virais nas redes sociais, incluído o dunha bretoa, Jacqueline Mouraud, que conta con máis de seis millóns de visitas en novembro.[18]

Primeiras accións[editar | editar a fonte]

O 9 de novembro de 2018, durante a chegada do Presidente da República Francesa á cidade de Albert, no Somme, con motivo das cerimonias de conmemoración do armisticio de 1918, algúns manifestantes vinculados ao movemento dos chalecos amarelos tentan atoparse con Emmanuel Macron, pero a policía rexeitounos baixo a xustificación de garantir a seguridade do xefe de estado francés.[19] O 10 e o 15 de novembro de 2018, os activistas do movemento deciden bloquear simbolicamente unha rotonda en Neubourg, no departamento de Eure.[20]

O 14 de novembro de 2018, o alcalde de Morbecque, no Departamento do Norte, tiña un enorme chaleco amarelo na fachada do Concello que se amosou como un sinal de apoio ao movemento. O 15 de novembro, organizouse unha "operación de peaxe gratuíta" na rexión de Pau, ademais dunha operación cosco na estrada de circunvalación.[21]

Emmanuel Macron declarou o 14 de novembro: "Teñen dereito a protestar. Eu quero entender. Dígoo desconfiado, hai moitas persoas que queren apropiarse deste movemento". Pero o presidente non volveu falar das decisións do goberno sobre o aumento dos impostos aos combustibles. Pola súa banda, o primeiro ministro, Édouard Philippe, declarou sobre este tema: "Se alguén di 'vou bloquear', sabe que, ao facelo arríscase".[22]

Protestas[editar | editar a fonte]

Manifestacións en Belfort.

As protestas comezaron o 17 de novembro de 2018, e atraeron ao redor dun millón de persoas en toda Francia, que construíron barricadas e bloquearon estradas. O día do inicio do movemento, 280 000 persoas participaron nas protestas, e un manifestante resultou morto nas proximidades de Lyon, cando un automobilista en pánico o atropelou sen intención.[23][24] As protestas continuaron durante os catro días seguintes, con 500 000 persoas bloqueando estradas o 20 de novembro.[25] Ademais, unha decena de depósitos de combustible foron bloqueados polos manifestantes, así como un túnel usado polo tren Eurostar, que conecta o país galo co Reino Unido.[26]

Grafitis en París esixindo a renuncia de Macron, o 1 de decembro de 2018.

Despois de que as protestas non autorizadas en París elevasen a tensión durante a semana anterior, o Ministerio do Interior francés accedeu a permitir unha reunión o 24 de novembro no Campo de Marte, a área verde que se estende baixo a Torre Eiffel. Ese día as protestas atraeron a 100 000 persoas en toda Francia (106 000 segundo o Ministerio do Interior), incluíndo a 8 000 en París.[27]

Segundo o goberno, a responsabilidade da violencia pode ser atribuída a Marine Le Pen[Cómpre referencia], quen instou á xente a congregarse nos Campos Elíseos; pola súa banda, Le Pen achacou a responsabilidade da violencia ao goberno de Macron, por permitir que as persoas se reunisen nos Campos Elíseos.

As protestas tamén se desenvolveron no departamento de ultramar de Reunión, onde derivaron en saqueos e disturbios. As escolas da illa mantivéronse pechadas durante tres días, debido a que os manifestantes bloquearon as estradas de acceso. O 21 de novembro Macron ordenou o despregamento de tropas na illa para calmar a violencia.[28]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

As protestas dos «gilets jaunes» levaron á morte de tres persoas e a que máis de 750 resultaran feridas, incluíndo a 136 axentes de policía.[29][30]

Ver tamén[editar | editar a fonte]

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. "París: Gasolinazo provoca segundo fin de semana de protestas de los "chalecos amarillos" - Proceso". 
  2. "Caos en Francia por gasolinazo". 
  3. "How the 'yellow vests' are planning to block France's roads on Saturday". 
  4. "España y Bélgica se unen a protestas de "chalecos amarillos" franceses - Aristegui Noticias". 
  5. "«Gilets jaunes» : anatomie d’une journée de colère". 
  6. "'Gilets jaunes' protesters threaten to bring France to a standstill". 
  7. "French fuel protests leave 1 dead, dozens injured". 
  8. Elise Barthet. "Le revenu disponible des Français a baissé de 440 euros entre 2008 et 2016". 
  9. "Du grain à moudre pour les "gilets jaunes" ? L'INSEE révèle que les ménages ont perdu près de 500 euros de revenu disponible à cause des réformes fiscales et sociales". 
  10. "Les Français et leurs territoires : vécus et attentes vis-à-vis des pouvoirs publics" (PDF). 
  11. ""Antes tenía la sensación de que estaba sola" - Le Monde diplomatique en español". mondiplo.com (en castelán). Consultado o 2019-01-22. 
  12. 12,0 12,1 "“La protesta de los chalecos amarillos tiene que ver con la vida, la gente dice: ‘No conseguimos vivir así’”". www.elsaltodiario.com (en local). Consultado o 2019-01-22. 
  13. "Les syndicats bousculés par le phénomène des « gilets jaunes »". 
  14. "Hausse du carburant : des citoyens appellent au blocage nationa". 
  15. "Sa pétition contre la hausse du prix des carburants a déjà recueilli 226 000 signatures". 
  16. "Qui sont les porte-parole des « gilets jaunes » ?". 
  17. "Essence : ceux qui appellent à bloquer la France le 17 novembre, ceux qui sont contre". 
  18. "RECIT. Blocage du 17 novembre : comment les "gilets jaunes" ont fait le plein pour bloquer la France". 
  19. "Gilets jaunes et colère noire à Albert". 
  20. "Le Neubourg. Première action des gilets jaunes avec une opération escargot en début de soirée". 
  21. "Opération péage gratuit jeudi soir à Pau, première action des gilets jaunes contre la hausse des taxes". 
  22. "Gilets jaunes : le rappel à la loi d'Edouard Philippe". 
  23. "Gilets jaunes : une manifestante est morte fauchée par une voiture en Savoie". France Bleu (en francés). 2018-11-17. Consultado o 2018-12-08. 
  24. "'Shame' on Paris protesters, says Macron". BBC News (en inglés). 2018-11-25. Consultado o 2018-12-08. 
  25. "LATEST: French police dislodge fuel protesters as movement wanes (for now)". 
  26. "France's 'yellow vest' protesters block access to fuel depots - France 24". 
  27. Willsher, Kim (24 de novembro de 2018). "French 'gilets jaunes' protests turn violent on the streets of Paris". the Guardian (en inglés). Consultado o 25 de novembro de 2018. 
  28. "French troops deployed amid protests on Reunion island". Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2018. Consultado o 07 de decembro de 2018. 
  29. "«Gilets jaunes»: un troisième mort en marge du mouvement". 
  30. "Paris: 'Yellow vest' protest marred by violent clashes with French police on Champs-Elysées".