Motoserra
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2017.) |
Unha motoserra[1] é unha máquina formada por un conxunto de dentes de serra unidos a unha cadea accionada por un motor que a fai virar a alta velocidade. Normalmente teñen motores de gasolina ou eléctricos. Está deseñada para cortar troncos, ramas ou outros obxectos de altura, mesmo se pode cortar xeo (bloques ou grandes anacos). Hai ademais persoas especializadas en facer esculturas tanto de madeira como de xeo utilizando para iso motoserras.
Partes
[editar | editar a fonte]Unha motoserra ten as seguintes partes:
- Motor
- Estas máquinas tradicionalmente posúen un motor de dous tempos de combustión interna a gasolina (xeralmente cun volume de cilindro de 30 a 120 cm3) ou un motor eléctrico accionado por unha batería ou cable de alimentación eléctrica.
- Mecanismo de accionamento
- Normalmente, utilízase un embrague centrífugo e un piñón. O embrague centrífugo expándese co aumento da velocidade, engrenando un tambor. Neste tambor aséntase un piñón fixo ou un intercambiábel.
- Barra guía
- Utilízase unha barra de guía, normalmente unha barra alongada cun extremo redondo de aceiro de aliaxe resistente ao desgaste que adoita ter unha lonxitude de entre 40 e 90 cm.
- Calibrador
- A parte inferior da cadea discorre polo calibrador. Aquí, o aceite de lubricación é arrastrado pola cadea até o nariz. Basicamente é o grosor dos elos da transmisión. Mídese en polgadas ou en milímetros.
- Buratos de aceite
- O extremo do cabezal da serra ten dous orificios para o aceite, un a cada lado. Estes orificios deben coincidir coa saída da bomba de aceite. A bomba envía o aceite a través do orificio da parte inferior do calibrador.
- Os fabricantes de barras de serra proporcionan unha gran variedade de barras que coinciden coas diferentes serras.
- Buratos para a graxa no nariz da barra
- A través deste orificio bombéase a graxa, normalmente cada vez que se enche o depósito para manter a roda dentada do nariz ben lubricada.
- Rañura de guía
- Aquí pasan un ou dous pernos da serra. A tampa do embrague ponse enriba da barra e asegúrase a través destes pernos. O número de pernos está determinado polo tamaño da serra.
- Tipos de barras
- Existen diferentes tipos de barras:
- As barras laminadas constan de diferentes capas para reducir o peso da barra.
- As barras macizas son de aceiro macizo e están destinadas a un uso profesional. Adoitan ter unha punta intercambiábel, xa que o piñón da punta da barra desgástase máis rápido ca a barra.
- As barras de seguridade son barras laminadas cunha pequena roda dentada na punta. A pequena punta reduce o efecto de retroceso. Estas barras utilízanse nas serras de consumo.
- Cadea de corte
- Normalmente, cada segmento dunha cadea (que se constrúe a partir de seccións metálicas remachadas similares a unha cadea de bicicleta, mais sen rodetes) presenta pequenos e afiados dentes de corte. Cada dente ten a forma dunha palleta dobrada de aceiro cromado cunha esquina angular ou curva afiada e dous bordos cortantes biselados, un na placa superior e outro na placa lateral. Na cadea altérnanse os dentes da esquerda e da dereita. O paso dunha cadea defínese como a metade da lonxitude que abranguen tres remaches consecutivos (por exemplo, 8 mm), namentres que o calibre é o grosor do elo motriz cando encaixa na barra guía (por exemplo, 1,5 mm).
- Mecanismo de tensión
- A tensión da cadea de corte axústase para que non se atasque nin se solte da barra guía. Para iso, o tensor acciónase virando un parafuso ou unha roda manual. O tensor atópase nunha posición lateral debaixo do escape ou integrado na tampa do embrague.
Mantemento
[editar | editar a fonte]As motoserras con motor de dous tempos requiren entre un 2 e un 5 por cento de aceite (2 tempos) na gasolina para lubricar o motor, e aceite de cadea para lubricar a espada e a cadea, namentres que as eléctricas só requiren lubricación na cadea.
Utilízase un tipo de aceite para lubricar a cadea que contén un aditivo que o mantén adherido a esta por máis tempo, evitando que este aceite sexa expulsado dos dentes por mor da forza centrífuga xerada ao virar a cadea.
A falta de aceite na cadea ou usar o aceite incorrecto, pode causar danos na bomba de aceite, espada e cadea da motoserra. Os dentes da cadea deben manterse ben afiados, dado que perden o seu fío polo uso e especialmente cando por accidente tocan con metal, pedras ou area.
No filtro de aire e combustíbel adoita acumularse sucidade, e débense manter sempre limpos. Con respecto ao depósito, é recomendábel deixalo sempre sen combustíbel, xa que este sofre deterioración co paso dos días.
A mestura correcta de aceite por litro de combustíbel proporciónaa o fabricante do motor de dous tempos, e está indicada no depósito do mesmo. Exemplo: "1:50","1:40","1:30" etc..
Utilizando este índice, é posíbel calcular os centímetros cúbicos de aceite por cada litro de combustíbel. Por exemplo, no caso da proporción 1:50, entón (1/50)x1000 indica a cantidade de centímetros cúbicos ou mililitros de aceite que se deben pór por cada litro de combustíbel, que neste caso serían 20 cc de aceite para motor de dous tempos por cada litro de gasolina.
Seguranza
[editar | editar a fonte]Malia os dispositivos de seguridade e a roupa de protección, o uso da motoserra pode provocar lesións, por mor das grandes forzas que se exercen no traballo, á cadea rápida e afiada, ou á vibración e o ruído da maquinaria.[2]
Un accidente común prodúcese polo "retroceso", cando un dente da cadea na punta da barra guía se engancha na madeira sen cortala,[3] o que lanza a barra (coa súa cadea en movemento) nun arco ascendente cara ao operario, o que pode causar lesións graves ou mesmo a morte.
Outra situación perigosa prodúcese cando a madeira pesada empeza a caer ou a desprazarse iñantes de que se complete o corte. O operario da motoserra pode ficar atrapado ou ser esmagado.[4] Así mesmo, a madeira que cae nunha dirección imprevista pode danar ao operario ou a outros traballadores, ou un operario que traballe en altura pode caer ou resultar ferido pola caída da madeira.
Do mesmo xeito que outras máquinas manuais, o funcionamento das motoserras pode provocar vibracións nos dedos, acúfenos ou xordeira industrial. Estes síntomas eran moi comúns iñantes de que se introducise o amortecemento das vibracións mediante resortes de goma ou aceiro. Os mangos calefactados son unha axuda adicional. As motoserras eléctricas máis recentes, máis lixeiras e máis fáciles de manexar, utilizan motores sen escobillas, que diminúen aínda máis o ruído e as vibracións en comparación cos modelos tradicionais que funcionan con petróleo.
Os riscos asociados ao uso das motoserras fan que normalmente se leve roupa de protección, como botas para motoserras, chaparreiras e protectores auditivos, e moitas xurisdicións esixen que os operarios estean certificados ou teñan licenza para traballar con motoserras. Tamén poden producirse lesións se a cadea rompe durante o funcionamento por mor dun mal mantemento ou ao intento de cortar materiais inadecuados.
As motoserras de gasolina expoñen aos operarios a gases nocivos de monóxido de carbono, especialmente en interiores ou en áreas exteriores parcialmente pechadas.[5]
O arrinque por caída, ou o aceso dunha motoserra deixándoa caer cunha man mentres se tira da corda de arrinque coa outra, é unha violación da seguridade na maioría dos estados dos Estados Unidos. Manter ambas as mans na motoserra para a estabilidade é esencial para o uso seguro da máquina.
O uso seguro e eficaz das motoserras e os cortes transversais nas terras públicas administradas polo goberno federal dentro dos Estados Unidos codificouse dende 2016 na Final Directive for National Saw Program (Directiva Final para o Programa Nacional de Serras)[6] emitida polo Servizo Forestal dos Estados Unidos, que especifica o proceso de formación, proba e certificación para os empregados e voluntarios non remunerados que operan motoserras dentro das terras públicas.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Escultura dun oso feita cunha motoserra.
-
Home esculpindo no xeo cunha motoserra.
-
Dentes de corte e elos dunha cadea de motoserra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para motoserra.
- ↑ "Chain Saw Safety Manual" (PDF). Stihl. 1999. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31-03-2010.
- ↑ Stihl, Chain Saw Safety Manual, pp. 12-16
- ↑ "Preventing Chain Saw Injuries During Tree Removal After a Disaster". Centers for Disease Control and Prevention.
- ↑ Carbon Monoxide Hazards from Small Gasoline Powered Engines. National Institute for Occupational Safety and Health. www.cdc.gov.
- ↑ Final Directive for National Saw Program. Federal Register.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Motoserra |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Las mejores Motosierras", Motosierras.top (en castelán).