Emma Goldman, unha importante activista política dos Estados Unidos, foi a primeira editora da publicación, que fundou en 1906. Goldman buscaba crear unha alternativa para chegar á poboación xeral, cansa das súas xiras ao longo do país para realizar discursos. O seu amigo Alexander Berkman, outro coñecido anarquista, ingresou como editor en 1907, un ano despois da súa saída de prisión. Continuou neste posto até 1915. Berkman publicou artigos longos de autores europeos e estadounidenses sobre unha serie de temas vencellados ao anarquismo, como o desenvolvemento do movemento obreiro, a educación, a literatura e as artes, ou a liberación sexual. Goldman e Berkman foron tamén pioneiros na promoción da contracepción. Os subscritores de Mother Earth estaban entre os máis relevantes membros da esquerda radical dos Estados Unidos antes da década de 1920. Unha das vendedoras da publicación era Eva Kotchever, amiga de Goldman, que despois fundaría o famoso Eve's Hangout de Nova York, un bar clandestino.[1]
En 1917 Mother Earth principiou unha campaña contra a entrada dos Estados Unidos na Gran Guerra; en concreto, opuxéronse ao recrutamento militar obrigatorio. O 15 de xuño dese mesmo ano, o Congreso aprobou a Espionage Act, que castigaba os actos de espionaxe e de interferencia coa política exterior do país. A lei autorizaba sancións severas e penas de prisión de até 20 anos para os que obstruísen as levas ou fomentasen a "deslealdade" contra o goberno dos Estados Unidos. Malia esta lexislación, Goldman e Berkman seguiron a defender as súas ideas, polo que as oficinas de Mother Earth foron rexistradas por axentes do Departamento de Xustiza, que requisaron arquivos e listas de subscritores. O xornal de Berkman, The Blast, tamén se viu afectado.
Con todo, Mother Earth continuou a publicarse até agosto de 1917. Berkman e Goldman foron condenados por violar a Espionage Act ao promover a resistencia contra os recrutamentos. Xunto con outras 258 persoas, Goldman e Berkman foron deportados á Unión Soviética no USAT Buford en 1919.