Motín do HMS Bounty

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Artigos de calidade
Este artigo é actualmente un candidato a artigo de calidade. Un artigo de calidade debe servir como demostración dos mellores traballos da Galipedia, e, polo tanto, agárdase que cumpra varios criterios. Por favor, se queres, deixa comentarios na votación.
Fletcher Christian e os amotinados deixan ao tenente William Bligh e a outros mariñeiros á deriva no mar. Pintura de Robert Dodd en 1790, no Museo Marítimo Nacional do Reino Unido.

O motín a bordo do navío HMS Bounty da Mariña Real Británica tivo lugar o 28 de abril de 1789 no medio do océano Pacífico. Un grupo de tripulantes insatisfeitos, liderados polo axudante de mestre Fletcher Christian, tomaron o control da embarcación de mans do seu capitán, o tenente William Bligh, a quen deixaron á deriva a bordo dun bote con poucas provisións xunto con outros dezaoito mariñeiros que permaneceron leais. Os amotinados establecéronse en Tahití ou nas illas Pitcairn, mentres que Bligh conseguiu realizar unha viaxe de máis de 6500 km ata atopar terra, comezando entón un proceso para que os amotinados comparecesen ante a xustiza.

O Bounty deixara Gran Bretaña en 1787 para recoller e transportar árbores do pan desde Tahití ata as Indias Occidentais. A disciplina entre os homes deteriorouse tras cinco meses de descanso pasados en Tahití, período no que moitos mariñeiros viviron en terra e estableceron relacións con mulleres nativas. A relación de Bligh coa súa tripulación foi empeorando a medida que impoñía castigos cada vez máis severos e aumentaba as súas críticas e abusos, tendo Fletcher Christian como branco frecuente. Este terminou por organizar con éxito un motín contra o capitán unhas tres semanas despois de que o navío deixase Tahití.

Bligh logrou regresar a Gran Bretaña en abril de 1790, e o Almirantado británico enviou o HMS Pandora para prender os amotinados. Catorce foron capturados en Tahití e aprisionados no navío, que entón procedeu a buscar (sen éxito) a Christian e o resto dos homes que se esconderon nas Pitcairn. A fragata Pandora encallou na Gran Barreira de Coral no camiño de volta, perdendo 31 tripulantes e catro prisioneiros do Bounty. O dez restantes chegaron a Gran Bretaña en xuño de 1792 e foron xulgados nun consello de guerra; catro foron absoltos, tres indultados e tres aforcados.

O grupo de Christian permaneceu sen ser descuberto ata 1808, data en que só un dos amotinados, John Adams, seguía vivo. Case todos os demais homes, incluído Christian, matáranse entre eles ou morreran a mans dos reféns polinesios. Non se tomou ningunha acción contra Adams. Os descendentes dos amotinados coas súas consortes tahitianas viven ata hoxe nas Pitcairn. A percepción que acabou calando no imaxinario popular foi a de Bligh como un tirano e Christian como unha vítima tráxica das circunstancias, percepción rexistrada en varias películas sobre os eventos. Con todo, a historiografía dos séculos XX e XXI están a reflectir unha imaxe máis amable de Bligh.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Navío e misión[editar | editar a fonte]

Reconstrución de 1960 do Bounty.

O HMS Bounty foi construído en 1784 no estaleiro da familia Blaydes en Kingston upon Hull, Yorkshire, como navío carboeiro, e orixinalmente chamouse Bethia. Foi rebautizado en maio de 1787 tras ser comprado por 1950 libras esterlinas pola Mariña Real Británica.[1] Tiña tres mastros, 28 m de eslora por 7,6 m de manga e unha capacidade de carga de 230 t.[2] O seu armamento consistía en catro canóns curtos e dez pequenos canóns xiratorios, complementados por pequenas armas como mosquetes.[3] O Almirantado británico clasificouno como cúter, a categoría máis pequena de navío de guerra; así, o mando da nave correspondía a un tenente no canto dun capitán, e este sería o único oficial a bordo. A súa clasificación como cúter tampouco garantía que se lle asignase o destacamento usual de Royal Marines, que os comandantes empregaban para reforzar a súa autoridade.[4][a]

O Bounty foi adquirido para transportar árbores do pan de Tahití (entón chamada «Otaheite»), unha illa polinesia no sur do océano Pacífico, ata as colonias británicas nas Indias Occidentais. A expedición foi patrocinada pola Royal Society e organizada polo seu presidente, Joseph Banks, que compartía a visión dos donos de plantacións caribeños de que as árbores do pan poderían ser cultivadas alá e servir como comida barata para os escravos.[8] Banks supervisou a reforma do Bounty realizada no estaleiro de Deptford, no río Támesis. O gran camarote, normalmente os apousentos do capitán, foi convertido nun invernadoiro para máis de mil árbores do pan, con fiestras con cristais, claraboias, un chan cuberto de chumbo e un sistema de drenaxe para impedir o desperdicio de auga doce.[9] A redución espacial que supuxeron estes arranxos nun navío pequeno significou que a tripulación se vise aglomerada durante toda a viaxe.[10]

William Bligh[editar | editar a fonte]

Bligh por J. Ruffell c. 1792, no Museo Marítimo Nacional.

O mando da expedición foi entregado coa aprobación de Banks ao tenente William Bligh,[11] cuxas experiencias anteriores incluían a terceira e última viaxe de James Cook entre 1776 e 1780, no que serviu como piloto a bordo do HMS Resolution (1771)[b] Bligh nacera en 1754 na cidade de Plymouth, Devon, e proviña dunha familia con tradición militar e naval.[11][12] O seu nomeamento para a viaxe de Cook aos vinte e un anos de idade foi considerado unha honra, aínda que no relato oficial da expedición Bligh indicou que a súa contribución non se recoñecera de forma apropiada.[14] O tamaño da mariña británica viuse reducido tras a fin da Guerra de Independencia dos Estados Unidos en 1783, e Bligh quedou en terra e reducido a media paga.[15] Bligh pasou por un período de ociosidade ata que conseguiu traballo temporal na mariña mercante; en 1785 mandaba o Britannia, buque mercante propiedade do tío da súa esposa Duncan Campbell.[16] Asumiu o 16 de agosto de 1787 o nomeamento de capitán do Bounty, aínda que iso levou un considerable custo financeiro: a súa paga de catro xilins por día (un total de setenta libras ao ano) contrastaba coas cincocentas libras anuais que recibira como capitán do Britannia. Tamén tivo que asumir a posición de comisario do Bounty a causa do limitado número de suboficiais do barco.[17][18] As súas ordes para a viaxe ditaban que Bligh debería alcanzar o Pacífico a través do cabo de Fornos, recoller as árbores do pan, navegar cara ao oeste en dirección ao estreito de Endeavour e cruzar os océanos Índico e Atlántico ata as Indias Occidentais. O Bounty así completaría unha circunnavegación.[19]

Tripulación[editar | editar a fonte]

A tripulación do Bounty estaba formada por corenta e seis homes, dos cales corenta e catro eran mariñeiros da Mariña Real e dous eran botánicos civís. Directamente por baixo de Bligh estaban os seus suboficiais, nomeados polo Consello da Mariña e dirixidos polo mestre de navegación John Fryer.[21] Os outros subtenentes eran o contramestre, o cirurxián, o carpinteiro e o artilleiro.[22] Foron engadidos varios aspirantes honorarios –chamados «novos cabaleiros», aspirantes a oficiais navais– para os dous asistentes de mestre e os dous aspirantes de mariña. Eses foron rexistrados no navío como mariñeiros aptos, mais foron aloxados cos aspirantes e tratados da mesma xeito que eles.[23]

A maior parte da tripulación do Bounty foi escollida por Bligh ou recomendada para el por patróns influentes. William Peckover, o artilleiro, e Joseph Coleman, o armeiro, serviran co tenente no HMS Resolution;[24] varios outros navegaran baixo as ordes de Bligh máis recentemente no Britannia. Entre eles estaba Fletcher Christian, entón con 23 anos, que viña dunha rica familia de Cumberland. Christian escollera unha vida no mar en lugar da carreira xurídica desexada polos seus pais.[25] Os dous homes xa viaxaran xuntos en dúas ocasións cara ás Indias Occidentais, establecendo unha relación mestre-pupilo na que Christian acabou facéndose un navegante cualificado.[26] Christian, como un dos «novos cabaleiros», estaba disposto a servir no Bounty sen paga;[27] Bligh aínda así conferiulle unha liteira de asistente de mestre.[26] Entre outros novos cabaleiros recomendados incluíase Peter Heywood, de quince anos de idade, que deixara a escola un ano antes para servir no HMS Powerful, un navío de adestramento en Plymouth.[28] A súa recomendación veu de Richard Betham, un amigo da familia Heywood e sogro de Bligh.[23]

Banks foi quen escolleu os dous botánicos, ou «xardineiros». O botánico xefe era David Nelson, un veterano da terceira expedición de Cook que xa fora a Tahití e aprendera un pouco da lingua nativa.[29] O seu asistente era William Brown, un antigo aspirante de mariña que xa participara en batallas contra os franceses.[24] Banks tamén axudou a conseguir acomodo de aspirante de mariña para dous dos seus protexidos: Thomas Hayward e John Hallett.[30] A tripulación do Bounty era relativamente nova, xa que a maioría tiña menos de trinta anos de idade;[31] Bligh tiña 33 anos na época da partida. Entre os tripulantes de máis idade estaban Peckover con 39 anos, que viaxou nas tres expedicións de Cook, e Lawrence Lebogue, un ano maior e que serviu como fabricante de velas do Britannia.[32][33] Os máis novos a bordo eran Hallett e Heywood, ambos os dous con quince anos cando deixaron Gran Bretaña.[34]

O espazo habitable do navío organizábase a partir do rango. Bligh, tras ceder o gran camarote,[34] ocupaba apousentos particulares no lado de estribor cun comedor adxacente, con Fryer ocupando un camarote no lado oposto. O cirurxián Thomas Huggan, os outros subtenentes e Nelson tiñan minúsculos apousentos na cuberta inferior,[35] mentres que os asistentes de mestre, aspirantes de mariña e os novos cabaleiros compartían todos xuntos unha área tras o comedor do comandante (a ponte de mando); tiñan permiso de usar o alcázar como oficiais subalternos.[21] Os restantes tiñan apousentos no castelo de proa, unha área sen fiestras nin ventilación que medía 11 m de longo por 6,7 m de ancho e 1,7 m de alto.[36]

Expedición[editar | editar a fonte]

Cara ao cabo de Fornos[editar | editar a fonte]

O Bounty partiu de Deptford rumbo a Spithead, na canle da Mancha, o 15 de outubro de 1787, agardando novas ordes.[37][c] O mal tempo aprazou a chegada a Spithead ata o 4 de novembro. Bligh estaba ansioso por partir inmediatamente e chegar ao cabo de Fornos antes do final do verán no hemisferio sur.[39] Con todo, o Almirantado non lle concedeu prioridade e aprazou tres semanas máis a emisión das ordes. O Bounty finalmente partiu o 28 de novembro pero, debido aos ventos contrarios, non conseguiu deixar Spithead ata o 23 de decembro.[40][41] Con serias dúbidas sobre as perspectivas de cruzar polo cabo de Fornos, Bligh recibiu permiso do Almirantado para usar, se fose necesario, unha ruta alternativa ata Tahití pasando polo cabo de Boa Esperanza.[42]

Bligh introduciu a ríxida disciplina de Cook sobre a hixiene e a dieta unha vez o navío entrou en alta mar. Segundo o historiador Sam McKinney, Bligh aplicou esas regras «con celo fanático, axitándose e enfurecéndose continuamente sobre a limpeza do navío e a comida servida á tripulación».[43] Substituíu o tradicional sistema da mariña de alternar catro horas de servizo con catro horas de descanso cun novo, no que cada catro horas de servizo eran seguidas por oito horas de descanso.[44] Bligh organizou sesións regulares de música e baile para que a tripulación se exercitase e entretivese.[45] Os seus despachos con Banks e Campbell indicaban satisfacción; en ningunha ocasión tivo que aplicar castigos porque, como escribiu: «Tanto os homes como os oficiais son dóciles e ben dispostos, con alegría e satisfacción no rostro de cada un».[46] O único adverso ata aquel momento era a conduta do cirurxián Thomas Huggan, que se mostrou como un indolente borracho antihixiénico.[45]

Bligh desde o inicio estableceu unha calorosa relación con Christian, conferíndolle unha posición que o convertía en segundo no mando do navío en lugar de Fryer.[47][d] Bligh formalizou esa posición o 2 de marzo de 1788 ao nomear Christian para a posición de tenente interino.[49][e] As relacións de Fryer con Bligh empeoraron bastante desde ese momento,[52] malia que mostrou poucos sinais de resentimento. Unha semana despois do ascenso, Fryer insistiu na aplicación dun castigo ao mariñeiro Matthew Quintal, quen recibiu doce lategazos por «insolencia e comportamento amotinado», o que frustrou as esperanzas de Bligh dunha viaxe sen castigos.[53]

O 2 de abril levantouse un vendaval forte e grandes ondas mentres o Bounty se aproximaba ao cabo de Fornos, dando comezo a un período de tempestades que Bligh rexistrou indicando que «excedeu o que eu atopase antes... con borrascas fortes de sarabia e xeo».[54] Os ventos fixeron ao navío retroceder; o 3 de abril estaba máis ao norte do que estivera unha semana antes.[55] Bligh intentou forzar o avance do Bounty repetidas veces e en todas elas fracasou. Así pois, informou á súa exhausta tripulación o 17 de abril de que o mar os vencera e que partirían cara ao cabo de Boa Esperanza, noticia que foi recibida con «grande alegría por todas as persoas que se atopaban a bordo», como o propio tenente recolleu.[56]

Do cabo de Boa Esperanza ao Pacífico[editar | editar a fonte]

O Bounty fondeou na baía Falsa o 24 de maio de 1788, ao leste do cabo de Boa Esperanza, onde pasou cinco semanas realizando reparacións e repoñendo provisións.[57] As cartas que Bligh enviaba a Gran Bretaña facían fincapé na boa forma na que estaban el e a súa tripulación en comparación coas doutros navíos, expresando esperanzas dun recoñecemento posterior ao final da viaxe.[58] Prestou diñeiro a Christian nalgún momento da estancia, un xesto que o historiador Greg Dening suxire que puido estragar a relación dos dous ao transformarse nunha fonte de ansiedade e ata de resentimento por parte de Christian.[59] A historiadora Caroline Alexander describiu o préstamo como «un significativo xesto de amizade», do que Bligh se asegurou que Christian xamais esquecese.[58]

O navío partiu da baía Falsa o 1 de xullo e penetrou no océano Índico para comezar a longa travesía ata o próximo porto, Adventure Bay, en Tasmania. No camiño pasaron pola remota illa de San Paulo, unha pequena illa deshabitada da que Bligh sabía que tiña mananciais de auga doce e termais por relatos de navegacións anteriores, pero non intentou atracar nela. O tempo era frío e invernal, condicións análogas ás do cabo de Fornos, e era difícil realizar observacións de navegación. Con todo, Bligh foi o bastante hábil para conseguir avistar o 19 de agosto a rocha de Mewstone, ao suroeste de Tasmania, e alcanzou Adventure Bay dous días despois.[60]

Baía Matavai, Tahití, en 1776 por William Hodges.

A tripulación do Bounty pasou parte do seu tempo en Adventure Bay recuperándose, pescando, repoñendo provisións e tallando árbores. Houbo encontros pacíficos coa poboación nativa.[60] O primeiro sinal de discordia entre Bligh e os seus oficiais xurdiu cando o capitán intercambiou palabras acaloradas co carpinteiro William Purcell por mor dos métodos usados polo segundo no corte da madeira.[61][f] Bligh ordenou que Purcell volvese ao navío e cando o carpinteiro mantivo a súa posición, Bligh retiroulle as súas racións, algo que o volveu razoable inmediatamente» segundo o relato de Bligh.[61]

Máis discordias ocorreron durante a última parte da viaxe ata Tahití. Fryer rexeitou o 9 de outubro asinar os libros de contabilidade do navío a menos que Bligh lle dese un certificado avalando o seu bo desempeño durante a viaxe. Bligh non transixiu coa coacción; reuniu a tripulación e leu os Articles of War, momento en que Fryer cedeu.[63] Tamén houbo problemas con Huggan, cuxa sangría descoidada do mariñeiro James Valentine no tratamento de asma lle causou a morte por bacteriemia.[64] O cirurxián indicou a Bligh que Valentine morrera de escorbuto para encubrir o seu erro,[65] o que levou a Bligh a aplicar os seus propios remedios medicinais e dietéticos a toda a tripulación para previr esa enfermidade.[66] Por aquel entón, Huggan estaba case incapacitado pola bebida, circunstancia á que Bligh puxo fin incautándose do alcohol de a bordo. O cirurxián volveu ao servizo; examinou todos os tripulantes do Bounty antes de chegar a Tahití en busca de sinais de enfermidades venéreas, sen atopar ningunha.[67] O navío arribou á baía Matavai en Tahití o 26 de outubro de 1788, completando así a viaxe de 50 163 km.[68]

Tahití[editar | editar a fonte]

Unha muller polinesia en 1777, por John Webber.

A primeira acción de Bligh ao chegar á illa foi garantir a cooperación dos caciques locais. O xefe supremo, Tynah, acordábase de Bligh pola viaxe de Cook acontecida quince anos antes, e recibiuno calorosamente. O tenente entregou presentes ao xefe e informouno de que o seu «rei Xurxo» soamente quería árbores do pan a cambio. Os nativos aceptaron satisfeitos aquela sinxela petición.[69] Bligh designou Christian para dirixir un equipo en terra encargado de construír un recinto onde puidesen cultivar as plantas.[70]

Os deberes da tripulación do Bounty eran leves tanto en terra como a bordo durante a estancia de cinco meses en Tahití. Moitos levaron vidas promiscuas coas mulleres nativas –en total dezaoito homes, incluído Christian, recibiron tratamento por infeccións venéreas–,[71] mentres que outros tiñan compañeiras estables.[72] Christian acabou establecendo unha relación estreita cunha muller polinesia chamada Mauatua, á que el chamaba «Isabella», nome dun antigo amor seu en Cumberland.[73] Bligh permaneceu casto;[74] toleraba as actividades dos seus homes, sen sorprenderse por que caesen na tentación cando «as seducións da disipación son superiores a calquera cousa que poida concibirse».[75] Bligh aínda así esperaba que os tripulantes cumprisen eficientemente os seus deberes, desgustándose ao descubrir o aumento de casos de neglixencia e indolencia por parte dos seus oficiais. Escribiu furioso: «Eu creo que nunca houbo navío con suboficiais tan neglixentes e inútiles como este».[71]

Huggan morreu o 10 de decembro. Bligh atribuíu iso «aos efectos da embriaguez e a indolencia ... nunca foi posible convencelo para dar media ducia de voltas pola cuberta, durante toda a viaxe».[76] Christian, malia que anteriormente fora o favorito de Bligh, non escapou da ira do capitán. Humillábao frecuentemente –algunhas veces fronte á tripulación e os tahitianos– por mor de faltas reais ou imaxinarias,[71] mentres que se aplicaban castigos severos a homes cuxos descoidos levaron ao roubo ou perda de equipo. Os lategazos, raramente administrados durante a viaxe de ida, agora eran cada vez máis comúns. Tres homes desertaron o 5 de xaneiro de 1789 –Charles Churchill, John Millward e William Muspratt– tomando un pequeno barco, armas e munición. Muspratt fora azoutado pouco antes por neglixencia. Entre as pertenzas que Churchill deixou no Bounty atopábase unha lista de nomes que Bligh creu que poderían ser cómplices na deserción –o capitán posteriormente afirmou que os nomes de Christian e Heywood estaban na lista–. Bligh foi persuadido de que o seu protexido non planeaba desertar e esqueceu o asunto. Churchill, Millward e Muspratt foron atopados tres semanas despois e azoutounos ao volver ao barco.[77]

O traballo aumentou a partir de febreiro; colocáronse en testos e levaron ao navío máis de mil árbores do pan, que encheron o gran camarote.[78] O Bounty preparouse para a longa viaxe de volta. Os homes en moitos casos lamentábanse pola perda inminente da súa cómoda vida xunto aos tahitianos. Bligh estaba impaciente por partir. Con todo, como apuntou o historiador Richard Hough, Bligh «foi incapaz de prever como reaccionaría a súa compañía á dureza e austeridade da vida no mar (...) tras cinco meses de vida disoluta e hedonista en Tahití».[79] O 1 de abril de 1789 os preparativos estaban listos e o navío partiu catro días despois, tras unha afectuosa despedida de Tynah e a súa esposa.[78]

Regreso a Gran Bretaña[editar | editar a fonte]

Tanto Hough como Alexander afirman que os homes do Bounty non eran proclives a amotinarse ao deixar Tahití, pese a lamentar a súa partida. O diario do axudante de contramestre, James Morrison, apoia esta conclusión.[80][81][g] Hough suxire que os acontecementos que ocorreron pouco despois tiveron a súa orixe en sucesos acontecidos nas tres semanas que seguiron á partida, cando a rabia e intolerancia de Bligh alcanzaron proporcións paranoicas. Christian era o seu particular branco, tendo que soportar continuamente a cólera do capitán.[83] Bligh ignoraba os efectos do seu comportamento nos oficiais e a tripulación, esquecía instantaneamente esas exhibicións e intentaba retomar unhas relacións sociais normais.[80]

O Bounty ancorou en Nomuka, nas illas dos Amigos (actual Tonga), o 22 de abril de 1789 coa intención de aprovisionarse de madeira, auga e alimentos, xa que era a última parada antes do estreito de Endeavour.[84] Bligh visitara as illas con Cook e sabía que os habitantes locais poderían comportarse de forma imprevisible. Puxo Christian ao mando dun destacamento encargado de atopar auga e equipouno con mosquetes, pero ao mesmo tempo ordenou que as armas quedasen no bote e non se levasen a terra.[84] O grupo viuse acosado e ameazado, mais non foi capaz de contraatacar por serlle negado o uso de armas. Christian regresou ao Bounty sen completar a tarefa e Bligh tachouno de «maldito canalla covarde».[85] Máis desordes en terra resultaron no roubo dunha pequena áncora e dunha aixola, polo que Bligh reprendeu unha vez máis Fryer e Christian.[86] Nun intento van por recuperar os obxectos roubados, Bligh detivo brevemente os xefes da illa a bordo do navío. Cando finalmente deu ordes de facerse á mar, nada do roubado se recuperara.[87]

Christian estaba desesperado o 27 de abril, depresivo e coa cabeza baixa.[88][h] O seu humor empeorou máis aínda cando Bligh o acusou de roubar cocos da despensa particular do capitán. Bligh castigou toda a tripulación polo roubo, retirando a súa ración de ron e reducindo a de comida á metade.[89][90] Christian atopábao intolerable e considerou construír unha pequena balsa, coa cal podería escapar a unha illa e probar sorte cos nativos. Talvez obtivese madeira para tal fin de mans de Purcell.[88][91] En calquera caso o seu descontento fíxose de coñecemento público entre o resto dos oficiais. George Stewart e Edward Young, dous dos novos cabaleiros, imploráronlle que non desertase; Young aseguroulle que tería o apoio de case todos a bordo para tomar o Bounty e depoñer a Bligh.[92] Stewart díxolle que a tripulación estaba «lista para calquera cousa».[88]

Motín[editar | editar a fonte]

Toma[editar | editar a fonte]

Christian e os amotinados toman o Bounty. Gravado de Hablot Knight Browne en 1841.

O Bounty estaba a 56 km ao sur da illa de Tofua nas primeiras horas do día 28 de abril de 1789.[93] Christian decidiu actuar tras unha noite sen durmir. Sabía que os tripulantes probablemente o apoiarían tras as discusións con Young e Stewart, coñecendo o nome de moitos máis tras conversar con Quintal e Isaac Martin. Christian tomou o control da cuberta superior coa axuda deses homes; a aqueles que cuestionaban as súas accións ordenóuselles permanecer en silencio.[94] Cara ás 5.15 baixou da cuberta, botou a Hallett, quen durmía sobre a arca cos mosquetes, e distribuíu as armas entre os seus seguidores antes de tomar o camarote de Bligh.[95] Tres homes prenderon o capitán e atáronlle as mans, ameazando con matalo se daba a voz de alarma;[96] Bligh «gritou o máis alto que puido coa esperanza de obter auxilio».[97] O escándalo espertou Fryer, que desde o seu camarote no lado oposto viu os amotinados levar a Bligh. Estes ordenaron a Fryer que se deitase outra vez e calase, ou era home morto».[95] Bligh foi levado ao alcázar, coas mans atadas cunha corda suxeita por Christian, quen portaba unha baioneta;[98] algúns relatos afirman que Christian levaba un peso prendido do pescozo para poder saltar pola borda e afogarse no caso de que o motín fracasase.[95] Outros espertaron polos ruídos e deixaron as súas camas para unirse á axitación. Non estaba claro nese momento quen formaba parte do motín e quen non. Hough describe a escena: «Todos estaban, máis ou menos, facendo ruído, tanto maldicindo, como facendo burlas ou simplemente gritando por mera satisfacción».[98] Bligh non paraba de gritar esixindo a súa liberación, algunhas veces chamando os homes polo seu nome e ás veces ordenando «derribade a Christian!».[99] A Fryer permitíuselle brevemente ir á cuberta superior e conversar con Christian, pero logo obrigóuselle a volver ao interior do buque a punta de baioneta; segundo Fryer, Christian díxolle: «Estou no inferno desde hai semanas. O capitán Bligh gañouno el mesmo».[95]

Christian inicialmente pensou en deixar a Bligh á deriva no esquife do Bounty xunto co empregado John Samuel e dous gardas mariñas leais ao capitán, Hayward e Hallett. Descubriuse que o bote non estaba en condicións de navegar, así que ordenou lanzar un maior, con capacidade para ao redor de dez homes. Con todo, Christian e os seus aliados sobreestimaron as dimensións do motín –polo menos a metade dos homes estaban dispostos a partir con Bligh–. Así, finalmente arriaron o maior bote do navío, de 7 m de longo.[100] Os leais ao capitán recolleron as súas posesións nas horas seguintes e subiron ao bote. Entre eles estaba Fryer, que coa aprobación de Bligh, pediu permiso para permanecer a bordo do Bounty –segundo el, coa esperanza de conseguir retomar o control do mesmo–;[95] Christian obrigouno a subir ao bote. A embarcación inmediatamente mostrou a súa sobrecarga: máis de vinte homes estaban xa a bordo e algúns máis trataban de subir a ela. Christian ordenou volver ao Bounty a Charles Norman e Thomas McIntosh, os dous axudantes do carpinteiro, e a Joseph Coleman, o armeiro, xa que consideraba a súa presenza vital para poder facer navegar o Bounty cunha tripulación reducida. Estes obedeceron de mala gana, pedindo a Bligh que recordase que permaneceran no barco contra a súa vontade. O capitán aseguroulles: «Non teñan medo, rapaces, asegurareime de que os traten como corresponde se consigo alcanzar Inglaterra».[101]

Samuel salvou o diario do capitán, documentos e papeis do comisario de a bordo, pero foi obrigado a deixar os mapas e cartas marítimas de Bligh, resultado de quince anos de navegación.[95] A lancha recibiu comida e auga para cinco días,[102] un sextante, un compás, táboas náuticas e a caixa de ferramentas de Purcell. Os amotinados tamén botaron catro alfanxes ao bote no último momento. Dezanove homes subiron finalmente ao bote, dos corenta e catro tripulantes do Bounty restantes, tras as mortes de Huggan e Valentine, deixándoo perigosamente sobrecargado, con só dezaoito centímetros de francobordo.[102] Entre os vinte e cinco homes que quedaron no barco incluíanse os amotinados armados, os leais que permaneceron contra a súa vontade e outros para os que non había espazo na lancha. A corda que unía as dúas embarcacións foi cortada ao redor das 10.00; Bligh ordenou pouco despois que se izase unha vela. O seu destino inmediato era a illa de Tofua, marcada claramente no horizonte por unha columna de fume procedente do seu volcán.[103]

Viaxe de Bligh[editar | editar a fonte]

Mapa mostrando os movementos do Bounty (1788-1790)     Viaxe do Bounty a Tahití e lugar do motín, 28 de abril de 1789     Viaxe en bote de Bligh ata Kupang, Timor, entre o 2 de maio e o 14 de xuño de 1789     Movementos do Bounty baixo a dirección de Christian tras o motín, do 28 de abril de 1789 en adiante

Bligh esperaba atopar comida e auga en Tofua, entón seguir cara á próxima illa de Tongatapu e buscar a axuda do rei Poulaho (ao que coñecía da viaxe con Cook) para conseguir provisións para chegar ás Indias Orientais Neerlandesas.[104] Houbo encontros cos nativos en Tofua que inicialmente foron amigables, con todo acabaron tornándose ameazantes a medida que o tempo pasaba. O 2 de maio, catro días logo da súa chegada, Bligh deuse conta de que o ataque era inminente. Ordenou aos seus homes volver ao mar pouco antes de que os nativos tomasen a corda de popa do bote e intentasen arrastralo cara a terra. Bligh, con sangue frío, guiou o último grupo de mariñeiros en terra e as súas provisións cara ao bote. O intendente John Norton lanzouse á auga para intentar liberar a corda dos nativos; foi inmediatamente atacado e apedrado ata a morte.[105]

O bote conseguiu fuxir a alta mar, onde a tripulación reconsiderou as súas opcións. Unha visita a Tongatapau ou outra illa podería carrexar consecuencias dunha violencia similar; Bligh calculou que a súa mellor oportunidade de salvación era navegar directamente cara ao asentamento neerlandés de Kupang en Timor, usando as provisións a bordo.[i] Tratábase dunha viaxe de aproximadamente 6500 quilómetros cara ao oeste, atravesando ademais o estreito de Endeavour, polo que serían necesarias racións diarias dunha onza de pan e un cuarto de vaso de auga para cada home. O plan foi acordado unanimemente.[107][108]

O clima foi húmido e tempestuoso desde o inicio, con mares axitados ameazando constantemente con afundir o bote.[109] Cando o Sol aparecía, Bligh escribía «dábanos tanto pracer como un día de inverno en Inglaterra».[110] Esforzouse para manter o seu diario durante a viaxe, observando, deseñando e cartografando mentres navegaban cara a occidente. Contaba historias sobre as súas experiencias anteriores no mar para intentar manter a moral, facendo que os homes cantasen e ocasionalmente rezaba.[111] O bote protagonizou o primeiro paso de europeos polas Fidxi,[112] con todo non ousaron deterse pola reputación de caníbales que tiñan os nativos.[113][j] Bligh relatou o 17 de maio: «a nosa situación era miserable; sempre mollados, e sufrindo frío extremo... sen ningún abrigo do clima».[115]

O ceo clareou unha semana despois e as aves comezaron a aparecer, sinalando a proximidade de terra.[116] Avistaron a Gran Barreira de Coral o 28 de maio; Bligh atopou un espazo navegable e dirixiu o bote cara a unha tranquila lagoa.[117] Desembarcaron durante a tarde nunha pequena illa e atoparon ostras e bagas en abundancia, coméndoas vorazmente.[118][119] O grupo explorou o norte da illa durante os catro días seguintes, coñecedores de que os seus movementos estaban sendo vixiados polos nativos.[120] As discordancias comezaron a aparecer; tras unhas discrepancias entre Bligh e Purcell, Bligh agarrou un alfanxe e desafiou o carpinteiro a loitar. Fryer dixo a Cole que arrestase o capitán, pero cedeu ao ameazalo Bligh con matalo se interfería.[121]

O bote pasou polo cabo York o 2 de xuño, no extremo norte de Australia. Bligh virou ao suroeste e navegou por un labirinto de bancos de peixes, arrecifes, bancos de area e pequenas illas. A ruta tomada non foi o estreito de Endeavour, senón unha pasaxe máis ao sur que despois pasou a coñecerse como a canle do Príncipe de Gales. Naquela tarde eles alcanzaron o mar de Arafura,[122] faltando aínda 2000 km ata Kupang.[123] Os oito días seguintes foron algúns dos máis difíciles de toda a viaxe, con moitos homes a piques de desfalecer o día 11 de xuño. O día seguinte avistaron Timor e Bligh escribiu: «é imposible para min describir o pracer que a bendición de ver esa terra difundiu entre nós».[124] Entraron no porto de Kupang o 14 de xuño cunha bandeira británica improvisada.[115]

Bligh relatou o motín ás autoridades en Kupang e escribiu á súa esposa: «saiba agora, a miña querida Betsey, que perdín o Bounty...».[125] O botánico Nelson rapidamente sucumbiu ao severo clima de Kupang e morreu.[126] Os superviventes partiron para Batavia (actual Iacarta) o 20 de agosto para esperar un navío con destino a Europa;[127] o cociñeiro Thomas Cook tamén morreu, tras permanecer enfermo por semanas.[128] Bligh conseguiu pasaxes para si, o seu empregado Samuel e o seu criado John Smith, partindo o 16 de outubro de 1789.[129] Catro dos superviventes restantes –o asistente de mestre Elphinstone, o intendente Peter Linkletter, o carniceiro Robert Lamb e o axudante de cirurxián Thomas Ledward– morreron en Batavia ou na viaxe de retorno a Gran Bretaña.[130][131]

O Bounty baixo Christian[editar | editar a fonte]

Christian dividiu os efectos persoais dos lealistas entre a tripulación restante tras a partida do bote de Bligh, arroxando as árbores do pan ao mar.[132] Recoñeceu que Bligh podería sobrevivir e informar do motín, e que en calquera caso o non retorno do Bounty levaría a unha misión de procura, con Tahití como primeiro lugar no que buscar. Desa forma Christian levou o navío á pequena illa de Tubuai, aproximadamente a 830 km ao sur de Tahití.[133] Tubuai fora descuberta e rudamente cartografada por Cook; salvo por unha única e pequena canle, a illa estaba totalmente rodeada por un arrecife que podería, Christian pensou, ser facilmente defendida ante un ataque procedente do mar.[134]

Tubuai, onde Christian primeiramente considerou establecerse cos amotinados; a illa está rodeada practicamente na súa totalidade por un arrecife de coral.

O Bounty chegou a Tubuai o 28 de maio de 1789. A recepción da poboación nativa foi hostil; cando unha flotilla de canoas de guerra se dirixiu ao navío, Christian usou un canón para repeler os agresores. Polo menos unha ducia de guerreiros morreron e o resto fuxiron. Sen desanimarse, Christian e un destacamento armado inspeccionaron a illa e decidiron que era apropiada para os seus propósitos.[135] Con todo, necesitaban mulleres e dóciles traballadores nativos para establecer un asentamento permanente. Era máis probable que o conseguisen en Tahití, cara a onde partiu o Bounty o 6 de xuño. Christian inventou unha historia na que Bligh, Cook e el estaban fundando un novo asentamento en Aitutaki, para deste xeito conseguir a cooperación dos xefes tahitianos. O nome de Cook garantiu xenerosos presentes de gando e outros bens, co Bounty ben aprovisionado retornando a Tubuai o 16 de xuño. A bordo tamén estaban uns 30 homes e mulleres tahitianos, algúns dos cales atopábanse alí enganados.[136][137]

Durante os seguintes dous meses Christian e os seus homes trataron de establecerse en Tubuai. Comezaron a construír un gran cercado rodeado por un foso ao que chamaron «Fort George» (Forte Xurxo, en honor ao rei británico), para dotarse así dunha fortaleza segura en caso de ataque por terra ou mar.[136] Christian intentou establecer relacións amistosas cos xefes dos nativos, pero o seu grupo non foi ben recibido.[138] Houbo enfrontamentos persistentes coa poboación nativa, principalmente en asuntos referentes á propiedade e ás mulleres; o punto culminante foi unha batalla campal na que 66 nativos pereceron e moitos resultaron feridos.[139] O descontento entre o grupo do Bounty era crecente e Christian sentía que a súa autoridade se desvanecía. Organizou un encontro para discutir plans futuros e ofreceu voto libre. Oito –o núcleo duro dos amotinados– permaneceron fieis a Christian, pero dezaseis desexaban regresar a Tahití e probar sorte alí. Christian aceptou esta decisión; tras deixar á maioría en Tahití el «navegaría vento en popa e (...) tomaría terra na primeira illa á que o barco o dirixise. Logo do que fixen non podo quedar en Tahití».[138]

Separación dos amotinados[editar | editar a fonte]

Cando o Bounty retornou a Tahití, o 22 de setembro, o recibimento foi moito menos efusivo que a vez anterior. Os tahitianos sabían por boca da tripulación doutro buque británico que a historia da fundación dun asentamento en Aitutaki por Cook e Bligh era unha invención e que Cook facía tempo que morrera.[140] A Christian preocupáballe que a reacción dos tahitianos fose violenta así que non permaneceron moito na illa. Dos 16 homes que votaran por permanecer en Tahití, permitiu a 15 quedarse; Joseph Coleman foi retido no barco posto que Christian requiría as súas habilidades como armeiro.[141] Esa tarde Christian enganou un grupo de tahitianos, principalmente mulleres, para subir a bordo do Bounty para celebrar unha festa. Unha vez esta comezou, cortou a amarra da áncora e o Bounty partiu cos seus invitados cativos.[142] Coleman escapou lanzándose á auga e chegou a terra.[141] Entre o grupo de secuestrados atopábanse seis mulleres anciás, ás que Christian non atopaba utilidade; deixounas en terra na próxima illa de Moorea.[143] A tripulación do Bounty constaba agora de nove amotinados –Christian, Young, Quintal, Brown, Martin, John Williams, William McCoy, John Mills e John Adams (coñecido pola tripulación como «Alexander Smith»)–[144] e 20 polinesios, dos que 14 eran mulleres.[145]

Os 16 que permaneceron en Tahití comezaron a organizar a súa vida alí.[146] Un grupo liderado por Morrison e Tom McIntosh comezou a construír unha goleta, á que chamaron Resolution, como o buque de Cook.[147] Morrison non fora un amotinado activo; en lugar de esperar a ser capturado de novo, confiaba en facer navegar o barco ata as Indias Orientais Neerlandesas e renderse ás autoridades do lugar, esperando que tal acción confirmase a súa inocencia. O grupo de Morrison mantivo a rutina e a disciplina naval, ata o punto de celebrar a eucaristía cada domingo.[148][k] Churchill e Matthew Thompson, doutra banda, elixiron unha vida alcohólica e polo xeral disoluta, que acabou na morte violenta de ambos os dous; Churchill foi asasinado por Thompson, quen á súa vez foi asasinado polos amigos nativos de Churchill.[150] Outros, como Stewart e Heywood, establecéronse nunha tranquila domesticación; Heywood pasou gran parte do seu tempo estudando a lingua tahitiana.[146] Adoptou a vestimenta local e segundo o costume local, pasou a lucir numerosas tatuaxes no seu corpo.[151]

Castigo[editar | editar a fonte]

Misión da HMS Pandora[editar | editar a fonte]

Cando Bligh chegou a Inglaterra o 14 de marzo de 1790, as noticias do motín xa chegaran a Gran Bretaña, polo que foi agasallado como un heroe. En outubro de 1790, nun consello de guerra formal pola perda do Bounty, foi absolto da responsabilidade da perda do buque e foi ascendido a post-captain. De forma anexa ao consello de guerra, Bligh presentou cargos contra Purcell por mala conduta e insubordinación; o antigo carpinteiro recibiu unha reprimenda.[152][153]

En novembro de 1790 o Almirantado enviou a fragata HMS Pandora, co capitán Edward Edwards ao mando, para capturar os amotinados e levalos de volta a Inglaterra para seren xulgados.[154] O buque chegou a Tahití o 23 de marzo de 1791 e en cuestión duns poucos días os 14 superviventes do Bounty rendéronse ou foron capturados.[155] Edwards non fixo distinción entre os amotinados e aqueles que quedaron retidos no Bounty contra a súa vontade;[156] todos foron encarcerados nunha prisión especialmente construída no alcázar da Pandora, alcumándoa «a caixa de Pandora».[157] A fragata permaneceu en Tahití por cinco semanas mentres Edwards vagamente buscaba algunha pista do Bounty. O barco finalmente partiu o 8 de maio para buscar Christian e o Bounty entre os miles de illas do Pacífico sur.[158] Salvo por uns paus descubertos na illa Palmerston, non acharon rastro algún do barco fuxitivo.[159] Edwards continuou a procura ata agosto, cando se dirixiu ao oeste, rumbo ás Indias Orientais Neerlandesas.[160]

O HMS Pandora zozobrando, 29 de agosto de 1791; gravado de 1831 realizado por Robert Batty.

O 29 de agosto de 1791 a fragata Pandora encallou no exterior da Gran Barreira de Coral. Os homes na «caixa de Pandora» foron ignorados mentres a tripulación trataba de evitar que o navío fose a pique. Cando Edwards deu a orde de abandonar o barco, o armeiro comezou a retirar os grillóns dos prisioneiros, pero o buque afundiuse antes de que terminase. Heywood e outros nove prisioneiros escaparon; catro homes do Bounty –Stewart, Henry Hillbrant, Richard Skinner e John Sumner– e 31 tripulantes da Pandora afogáronse. Os superviventes, entre os que estaban os dez prisioneiros, embarcaron nun bote, iniciando unha viaxe que seguiu en gran parte a ruta que seguira Bligh dous anos antes. Os prisioneiros permaneceron atados de pés e mans ata a súa chegada a Kupang o 17 de setembro.[161][162]

Os prisioneiros foron confinados durante sete semanas, primeiramente na prisión do lugar e posteriormente nun barco da Compañía Neerlandesa das Indias Orientais, antes de ser levados a Cidade do Cabo.[163] O 5 de abril de 1792 embarcaron para Inglaterra nun buque de guerra británico, o HMS Gorgon, e chegaron a Portsmouth o 19 de xuño. Alí foron levados ao barco de garda HMS Hector á espera de xuízo. Entre os prisioneiros estaban detidos tres lealistas –Coleman, McIntosh e Norman– aos que Bligh prometera xustiza, o violinista cego Michael Byrne (ou "Byrn"), Heywood, Morrison e catro amotinados activos: Thomas Burkett, John Millward, Thomas Ellison e William Muspratt.[164] Bligh, a quen se lle encomendou unha nova misión en busca de árbores do pan ao mando do HMS Providence, abandonara Inglaterra en agosto de 1791,[165] polo que estaría ausente para os procesos xudiciais pendentes do consello de guerra.[166]

Consello de guerra, veredicto e penas[editar | editar a fonte]

O almirante Samuel Hood presidiu o consello de guerra do Bounty.

O consello de guerra iniciou a súa actividade o 12 de setembro de 1792 no HMS Duke no porto de Portsmouth, con Samuel Hood, comandante en xefe naval en Portsmouth, presidindo.[167] A familia de Heywood asegurouse de que este contase con asesores legais competentes;[168] entre os demais acusados, unicamente Muspratt contou con asesoramento legal.[169] Os superviventes da viaxe en bote de Bligh tras o motín achegaron probas contra os seus antigos compañeiros –os testemuños de Thomas Hayward e John Hallett foron particularmente daniños para os intereses de Heywood e Morrison, quen afirmaban a súa inocencia ante toda intención de amotinarse e que se renderon voluntariamente ante os homes da Pandora–.[170] A corte non obxectou ante os testemuños de Coleman, McIntosh, Norman e Byrne, polo que todos eles foron absoltos.[171] O 18 de setembro os seis acusados restantes foron atopados culpables polo motín e foron condenados a matar por aforcamento, con recomendacións de misericordia para Heywood e Morrison «en consideración de varias circunstancias».[172]

O 26 de outubro de 1792 Heywood e Morrison recibiron o perdón real do rei Xurxo III e foron liberados. Muspratt, mediante o seu avogado, conseguiu un adiamento da súa pena ao recorrer que as normas do consello de guerra o frearan á hora de chamar Norman e Byrne como testemuñas na súa defensa.[173] O 28 de outubro aínda estaba esperando o resultado cando Burkett, Ellison e Millward foron aforcados desde a verga do mastro do HMS Brunswick no peirao de Portsmouth. Algúns relatos afirman que o trío de condenados continuou proclamando a súa inocencia ata o último momento,[174] mentres que outros falan da súa «masculina firmeza que (...) era da admiración de todos».[175] Houbo certa inquietude expresada na prensa –a sospeita de que «o diñeiro comprara as vidas dalgúns e outros se viron sacrificados pola súa pobreza».[176] Falábase así mesmo de que Heywood era herdeiro dunha gran fortuna, pero tal testemuño era infundado; con todo, Dening afirma que «ao final foi a clase, ou as relacións, ou o clientelismo o que marcou a diferenza».[176] En decembro Muspratt soubo que era indultado e o 11 de febreiro de 1793 recibiu o perdón e foi liberado.[177]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Moitas das testemuñas do consello de guerra criticaron a conduta de Bligh. Para cando retornou a Inglaterra en agosto de 1793, tras transportar con éxito árbores do pan ás Indias Occidentais a bordo do Providence, a opinión pública e profesional volvéronse contra el.[178] Viuse desdeñado no Almirantado cando foi presentar o seu informe e permaneceu dezanove meses coa metade do seu salario antes de recibir unha nova misión.[179] A finais de 1794 o xurista Edward Christian, irmán de Fletcher, publicou o seu Appendix ("Apéndice") ao proceso do consello de guerra, que a prensa dixo que se publicaba para «paliar o comportamento de Christian e os amotinados e desprestixiar o capitán Bligh».[180] A posición de Bligh viuse aínda máis minada cando o artilleiro Peckover confirmou que moito do que se alegaba no Appendix era certo.[181]

Bligh capitaneou o HMS Director na batalla de Camperdown en outubro de 1797 e o HMS Glatton na batalla de Copenhaguen en abril de 1801.[14] En 1805, mentres capitaneaba o HMS Warrior, foi xulgado nun consello de guerra por uso de linguaxe non apropiada cara aos seus oficiais e reprendido.[182] En 1806 foi nomeado gobernador de Nova Gales do Sur, en Australia; logo de dous anos no cargo un grupo de oficiais do exército arrestárono e depuxérono na chamada rebelión do Ron. Tras o seu regreso a Inglaterra, Bligh foi ascendido a contraalmirante e en 1811 a vicealmirante, pero non recibiu ningunha designación naval posterior. Morreu, con 63 anos, en decembro de 1817.[14]

Dos amotinados indultados, Heywood e Morrison volveron á Armada. Heywood adquiriu o apoio de Samuel Hood e en 1803, á idade de trinta e un anos, alcanzou o rango de capitán. Tras unha carreira distinguida morreu en 1831.[178] Morrison converteuse en mestre artilleiro e desapareceu en 1807, cando o HMS Blenheim naufragou no océano Índico. De Muspratt, crese que traballou como camareiro naval antes de morrer, como moi tarde, en 1798. Os outros principais participantes no consello de guerra –Fryer, Peckover, Coleman, McIntosh e outros– polo xeral desapareceron da esfera pública tras a fin do proceso xudicial.[183]

Pitcairn[editar | editar a fonte]

Asentamento[editar | editar a fonte]

Tras deixar Tahití o 22 de setembro de 1789, Christian dirixiu o Bounty cara ao oeste en busca dun porto seguro. Entón formou a idea de asentarse na illa Pitcairn, lonxe ao leste de Tahití; a illa fora descuberta en 1767, pero a súa localización exacta nunca se verificou. Tras meses de procura, Christian redescubriu a illa o 15 de xaneiro de 1790, a 348 km ao leste da posición rexistrada.[184] Este erro lonxitudinal contribuíu á decisión dos amotinados de asentarse alí.[185]

Bounty Bay (baía Bounty), illa Pitcairn, onde o HMS Bounty foi queimado o 23 de xaneiro de 1790.

Tras a súa chegada o barco foi descargado e privado da maioría dos seus mastros e paus para usalos na illa.[181] Foi queimado e destruído o 23 de xaneiro, ben como unha precaución acordada polos amotinados para evitar ser descubertos, ou ben como froito dunha actuación non autorizada por parte de Quintal. En calquera caso, xa non había medios para escapar da illa.[186] A illa mostrouse como un porto idóneo para os amotinados –deshabitada, virtualmente inaccesible, con abundante comida, auga e terra fértil–.[184] Por un tempo, os amotinados e os seus reféns tahitianos conviviron en paz. Christian estableceuse con Isabela; tiveron fillos, entre os que destacou Thursday October Christian.[187] A autoridade de Christian como líder foise diluíndo gradualmente e volveuse propenso a longos períodos de melancolía e introspección.[188]

Tensións e rivalidades foron xurdindo gradualmente, xa que os británicos percibían os tahitianos como seres da súa propiedade, en particular as mulleres que, segundo Alexander, pasaban dun 'marido' a outro».[186] En setembro de 1793 o asunto dexenerou en violencia extrema, cando cinco dos amotinados –Christian, Williams, Martin, Mills e Brown– foron asasinados polos tahitianos. Christian viuse atacado mentres traballaba no campo: primeiro recibiu un disparo e finalmente foi rematado cunha machada; as súas últimas palabras, segundo se cre, foron «Oh, dear!».[189][l] As loitas continuaron posteriormente e para 1794 os seis homes tahitianos morreran, ben a mans das viúvas dos amotinados asasinados ou entre eles.[191]

Dous dos catro amotinados superviventes, Young e Adams, asumiron o liderado e aseguraron unha calma tenue, que se viu rota pola embriaguez de McCoy e Quintal cando este último destilou unha bebida alcohólica a partir dunha planta local.[184] Algunhas das mulleres trataron de deixar a illa nun bote improvisado pero non puideron facelo navegar satisfactoriamente. A vida continuou con dificultades ata o suicidio de McCoy en 1798. Un ano despois, cando Quintal proferiu ameazas de morte e sementou o caos, Adams e Young matárono e restauraron así a paz.[192]

Descubrimento[editar | editar a fonte]

Restos do timón do Bounty, recuperados da illa Pitcairn e preservados nun museo de Fidxi.

Tras a morte de Young por asma en 1800, Adams asumiu a responsabilidade da educación e o benestar das nove mulleres restantes e dos dezanove pícaros. Usando a Biblia do Bounty, alfabetizounos e cristianizounos, á vez que mantivo a paz na illa.[185] Esta era a situación en febreiro de 1808, cando o barco cazador de focas Topaz, de bandeira estadounidense, arribou de xeito inesperado á illa, tomou terra e descubriu a para entón florecente comunidade.[193] As noticias do descubrimento do Topaz non chegaron a Gran Bretaña ata 1810, pero o Almirantado, preocupado pola guerra contra Francia, non lles prestou atención. En 1814 dous barcos de guerra británicos, o HMS Briton e p HMS Tagus, topáronse coa illa. Entre os que recibiron os mariñeiros atopábanse Thursday October Christian e o fillo de Edward Young, George.[194] Os capitáns Thomas Staines e Philip Pipon informaron de que o fillo de Christian mostraba «na súa seu benevolente aparencia, todas as características dun verdadeiro rostro inglés».[195] En terra atoparon unha poboación de corenta e seis nativos, maioritariamente novos, liderados por Adams,[195] de quen dependía, claramente para eles, o benestar de todos os habitantes da illa.[196]

Despois de recibir o informe de Staine, o Almirantado decidiu non tomar medidas. Nos anos seguintes, moitos barcos chegaron á illa Pitcairn e as súas tripulacións escoitaron varias historias sobre a fundación do asentamento de boca de Adams.[196] Adams morreu en 1829, sendo honrado como fundador e pai dunha comunidade que durante o século seguinte alcanzou a fama como exemplo da moral vitoriana.[184] Durante anos os habitantes das illas venderon moitos obxectos recuperados do Bounty como souvenirs; en 1999 creouse o Proxecto Pitcairn como un consorcio de entes académicos e históricos australianos para rexistrar e documentar todos os materiais que permanecen na illa, como parte dun detallado estudo do desenvolvemento do asentamento.[197]

Impacto cultural[editar | editar a fonte]

A percepción de Bligh como un tirano autoritario comezou co Appendix de Edward Christian en 1794.[198] Ademais do diario de Bligh, o primeiro relato publicado sobre o motín foi o de John Barrow en 1831. Barrow era amigo da familia Heywood; o seu libro mitigou o papel de Heywood e fixo fincapé na severidade de Bligh.[199] O libro tamén iniciou a lenda de que Christian non morrera en Pitcairn, senón que dalgún modo retornara a Inglaterra e fora recoñecido por Heywood en Plymouth, cara a 1808-09.[200] Un testemuño escrito en 1870 por Diana Belcher, a fillastra de Heywood, exonerou aínda máis a Heywood e Christian e, segundo Alexander, «cimentou (...) moitas falsidades que se introduciron na narrativa».[199]

Cartel da película de 1935 Mutiny on the Bounty, con Charles Laughton como Bligh e Clark Gable como Christian.

Sumándose a numerosos libros e artigos sobre o motín, o século XX trouxo cinco películas baseadas nos sucesos do motín. A primeira, de 1916, titulada The Mutiny of the Bounty, foi unha película muda australiana, posteriormente desaparecida.[201] A segunda, de 1933, tamén de produción australiana, titulouse In the Wake of the Bounty e viu o debut en pantalla de Errol Flynn no papel de Christian.[201] O impacto desta película viuse eclipsado pola versión de 1935 da Metro-Goldwyn-Mayer Mutiny on the Bounty, baseada na novela homónima de Charles Nordhoff e James Norman Hall, con Charles Laughton e Clark Gable como Bligh e Christian. A historia do filme presentouse, segundo Dening, como «o clásico conflito entre a tiranía e unha causa xusta»;[202] o retrato de Bligh protagonizado por Laughton quedou na retina colectiva, «un sinónimo de tiranía sádica».[203] As dúas películas seguintes foron Mutiny on the Bounty (1962) con Trevor Howard e Marlon Brando, e The Bounty (1984) con Anthony Hopkins e Mel Gibson, que perpetuou a imaxe de Bligh e a de Christian como un heroe tráxico. A última película engadiu certo homoerotismo á relación Bligh-Christian.[202]

Entre os intentos dos historiadores por mostrar un Bligh máis empático atópanse Richard Hough (1972) e Caroline Alexander (2003). Hough retrata un «capitán insuperable (...) iría con el chova, trone ou relampe, pero non o acompañaría nin un só día nun barco nun mar acougado».[204] Alexander presenta Bligh como un home sumamente inquedo, atento ao benestar da súa tripulación e totalmente dedicado ao seu labor. Foi desafortunado coa súa época; a historia do motín fíxose pública cando os poetas románticos dominaban por primeira vez o panorama literario. O principal defensor de Bligh foi Joseph Banks, mentres que Christian foi engrandecido por Wordsworth e Coleridge. «A poesía dirixía á ciencia», reflectía a análise do libro de Alexander en The Baltimore Sun, «e mantivo a súa posición desde entón».[203] En 1998, no avance dun documental da BBC, Dea Birkett suxeriu: «Christian contra Bligh veu representar a rebelión contra o autoritarismo, unha vida restrinxida contra unha vida de liberdade, a represión sexual contra a licenza sexual».[205]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. James Cook realizou a súa primeira viaxe no HMS Endeavour como tenente recentemente licenciado, e non foi ascendido ao rango de capitán ata a súa segunda viaxe.[5][6] Con todo, Cook sempre insistía en contar coa presenza a bordo dun destacamento de infantes de mariña de polo menos doce homes.[7]
  2. A última parte desta viaxe foi sen Cook, que foi asasinado polos hawaianos en 1778.[12][13]
  3. As datas son as que recolleu Bligh no diario de a bordo do Bounty, segundo a hora «náutica», «mariña» ou «do mar» que utilizaba a Mariña Real Británica naquel momento (cada día comezaba ao mediodía e duraba ata o mediodía seguinte, doce horas por diante da hora «civil», «natural» ou «terrestre». O náutico «15 de outubro», por exemplo, correspóndese co período terrestre entre o mediodía do 14 e o mediodía do 15 de outubro.[38]
  4. Unha das primeiras mostras da estima de Bligh por Christian manifestouse en Tenerife, onde o Bounty detívose entre o 5 e o 11 de xaneiro. Ao chegar, Bligh enviou a Christian a terra como representante do navío para presentar os seus respectos ao gobernador da illa.[47][48]
  5. Este non era un ascenso naval formal, pero deu a Christian a autoridade dun tenente durante a viaxe, e aumentaba seriamente as súas posibilidades de obter o ascenso permanente como tenente de mans da comisión do Almirantado ao seu regreso.[50][51]
  6. As probas non corroboran as acusacións de que Bligh fose un comandante excepcionalmente severo. A súa violencia era máis verbal que física;[14] como comandante, a súa media de azoutamentos –aplicados a menos de un de cada dez mariñeiros– era extraordinariamente baixa para a época.[62] Era coñecido por ser de xenio vivo e ter unha lingua afiada, pero os seus enfados dirixíanse polo xeral cara aos seus oficiais, particularmente cando percibía incompetencia ou neglixencia no cumprimento das súas ordes.[62]
  7. O diario de Morrison escribiuse probablemente coa vantaxe da retrospectiva, tras o seu retorno a Londres como prisioneiro. Hough argumenta que Morrison non podería manter un diario de todas as súas experiencias, incluíndo un motín, a súa captura e o retorno a Gran Bretaña.[82]
  8. O historiador Leonard Guttridge suxire que o estado psicolóxico de Christian podería verse afectado por unha enfermidade venérea contraída en Tahití.[88]
  9. Bligh enumerou as provisións no seu diario: 68 kg de pan, 130 litros de auga, 9,1 kg de carne de porco e algúns cocos e árbores do pan conseguidos en Tofua. Había tamén tres botellas de viño e cinco cuartos de ron.[106]
  10. A zona atravesada por Bligh e os seus homes no bote, perseguidos polos nativos, recibe aínda o nome de Bligh Water.[114]
  11. Morrison e o seu grupo fabricaron unha goleta en boas condicións para navegar. Cando a HMS Pandora arribou a Tahití en marzo de 1791, en busca dos amotinados, a goleta foi confiscada e posta en servizo como gabarra da Pandora. A goleta posteriormente desapareceu nunha tormenta e presumiuse perdida, pero chegou a Batavia sa e salva cunha tripulación esquelética a bordo.[149]
  12. Este relato da morte de Christian baséase no testemuño de John Adams, o último amotinado supervivente. Adams era en ocasións incoherente cos seus relatos; por exemplo, tamén afirmou que a morte de Christian se debeu a un suicidio.[190]
  1. Winfield 2007, p. 355.
  2. Hough 1972, p. 64.
  3. Alexander 2003, p. 70.
  4. Alexander 2003, pp. 49, 71.
  5. David 2004.
  6. Alexander 2003, p. 72.
  7. Alexander 2003, p. 71.
  8. McKinney 1999, p. 16.
  9. McKinney 1999, pp. 17-20.
  10. Hough 1972, p. 65.
  11. 11,0 11,1 Alexander 2003, p. 43.
  12. 12,0 12,1 Darby 2004.
  13. McKinney 1999, pp. 7-12.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Frost 2004.
  15. Alexander 2003, p. 47.
  16. Hough 1972, pp. 58-59.
  17. Hough 1972, pp. 66-67.
  18. Alexander 2003, p. 73.
  19. Alexander 2003, p. 48.
  20. Bligh 1792, pp. 158-160; Hough 1972, pp. 76-77; Alexander 2003, frontispiece.
  21. 21,0 21,1 McKinney 1999, pp. 164-166.
  22. Alexander 2003, p. 51.
  23. 23,0 23,1 Hough 1972, p. 74.
  24. 24,0 24,1 Alexander 2003, p. 56.
  25. McKinney 1999, pp. 20-22.
  26. 26,0 26,1 Hough 1972, pp. 75-76.
  27. Dening 1992, p. 70.
  28. Alexander 2003, pp. 63-65.
  29. Hough 1972, pp. 67-68.
  30. Alexander 2003, p. 68.
  31. McKinney 1999, p. 23.
  32. McKinney 1999, pp. 17-23, 164-166.
  33. Wahlroos 1989, p. 304.
  34. 34,0 34,1 McKinney 1999, pp. 17-23, 37, 164-166.
  35. Dening 1992, pp. 28-32.
  36. Alexander 2003, p. 69.
  37. Hough 1972, p. 78.
  38. McKinney 1999, p. 180.
  39. Alexander 2003, pp. 70-71.
  40. Alexander 2003, pp. 72-73.
  41. Hough 1972, pp. 78-80.
  42. McKinney 1999, pp. 25-26.
  43. McKinney 1999, pp. 13-14, 28.
  44. Hough 1972, p. 83.
  45. 45,0 45,1 Hough 1972, p. 88.
  46. Alexander 2003, p. 86.
  47. 47,0 47,1 Alexander 2003, p. 79.
  48. Bligh 1792, p. 27.
  49. Bligh 1792, p. 25.
  50. Alexander 2003, pp. 86-87.
  51. McKinney 1999, p. 31.
  52. Hough 1972, p. 87.
  53. Dening 1992, p. 22.
  54. Bligh 1792, p. 30.
  55. Alexander 2003, p. 90.
  56. Bligh 1792, p. 33.
  57. Hough 1972, pp. 95-96.
  58. 58,0 58,1 Alexander 2003, pp. 92-94.
  59. Dening 1992, p. 69.
  60. 60,0 60,1 Hough 1972, pp. 97-99.
  61. 61,0 61,1 Alexander 2003, pp. 97-98.
  62. 62,0 62,1 Dening 1992, p. 127.
  63. Hough 1972, pp. 100-101.
  64. Wahlroos 1989, pp. 297-298.
  65. Dening 1992, p. 71.
  66. Alexander 2003, pp. 101-103.
  67. Alexander 2003, pp. 103-104.
  68. McKinney 1999, p. 47.
  69. Alexander 2003, pp. 105-107.
  70. Hough 1972, p. 115.
  71. 71,0 71,1 71,2 Hough 1972, pp. 122-125.
  72. Alexander 2003, p. 112.
  73. Guttridge 2006, p. 26.
  74. Guttridge 2006, p. 24.
  75. Bligh 1792, p. 162.
  76. Bligh 1792, p. 102.
  77. Alexander 2003, pp. 115-120.
  78. 78,0 78,1 Alexander 2003, pp. 124-125.
  79. Hough 1972, p. 128.
  80. 80,0 80,1 Hough 1972, p. 133.
  81. Alexander 2003, p. 126.
  82. Hough 1972, pp. 312-313.
  83. Hough 1972, pp. 131-132.
  84. 84,0 84,1 Hough 1972, pp. 135-136.
  85. Alexander 2003, pp. 129-130.
  86. Hough 1972, pp. 138-139.
  87. Alexander 2003, pp. 132-133.
  88. 88,0 88,1 88,2 88,3 Guttridge 2006, pp. 27-29.
  89. Alexander 2003, p. 136.
  90. Hough 1972, p. 144.
  91. Hough 1972, pp. 13-14, 147.
  92. Hough 1972, pp. 14-16.
  93. Hough 1972, p. 148.
  94. Hough 1972, pp. 17-21.
  95. 95,0 95,1 95,2 95,3 95,4 95,5 Guttridge 2006, pp. 29-33.
  96. Alexander 2003, p. 140.
  97. Bligh 1792, p. 154.
  98. 98,0 98,1 Hough 1972, pp. 21-24.
  99. Hough 1972, p. 26.
  100. Hough 1972, pp. 149-151.
  101. Hough 1972, pp. 158-159.
  102. 102,0 102,1 Alexander 2003, pp. 140-141.
  103. Hough 1972, pp. 161-162.
  104. Bligh 1792, p. 165.
  105. Hough 1972, pp. 165-169.
  106. Bligh 1792, p. 176.
  107. Hough 1972, pp. 169-172.
  108. Alexander 2003, p. 148.
  109. Hough 1972, p. 175.
  110. Bligh 1792, p. 186.
  111. Guttridge 2006, pp. 33-35.
  112. Alexander 2003, p. 150.
  113. Hough 1972, p. 174.
  114. Stanley 2004, pp. 597-598.
  115. 115,0 115,1 Hough 1972, p. 189.
  116. Hough 1972, p. 179.
  117. Alexander 2003, p. 151.
  118. Hough 1972, pp. 180-182.
  119. Bligh 1792, p. 200.
  120. Hough 1972, pp. 184-185.
  121. Guttridge 2006, p. 35.
  122. Hough 1972, pp. 186-187.
  123. Alexander 2003, p. 152.
  124. Bligh 1792, p. 227.
  125. Alexander 2003, p. 154.
  126. Bligh 1792, pp. 239-240.
  127. Hough 1972, p. 213.
  128. Bligh 1792, p. 257.
  129. Alexander 2003, pp. 163-164.
  130. Bligh 1792, p. 264.
  131. Hough 1972, p. 215.
  132. Alexander 2003, pp. 12-13.
  133. Guttridge 2006, p. 36.
  134. Hough 1972, pp. 192-195.
  135. Hough 1972, pp. 194-196.
  136. 136,0 136,1 Dening 1992, p. 90.
  137. Hough 1972, pp. 196-197.
  138. 138,0 138,1 Hough 1972, pp. 199-200.
  139. Alexander 2003, p. 14.
  140. Hough 1972, pp. 201-203.
  141. 141,0 141,1 Alexander 2003, p. 15.
  142. Alexander 2003, p. 250.
  143. Alexander 2003, pp. 368-369.
  144. Dening 1992, p. 84.
  145. Hough 1972, pp. 204-205.
  146. 146,0 146,1 Hough 1972, p. 229.
  147. Dening 1992, pp. 215-217.
  148. Hough 1972, pp. 220-221.
  149. Alexander 2003, pp. 10, 19, 29-30.
  150. Alexander 2003, p. 8.
  151. Tagart 1832, p. 83.
  152. Hough 1972, pp. 216-217.
  153. Alexander 2003, p. 173.
  154. Alexander 2003, p. 7.
  155. Alexander 2003, p. 11.
  156. Alexander 2003, p. 9.
  157. Dening 1992, pp. 238-239.
  158. Hough 1972, pp. 226-227.
  159. Alexander 2003, pp. 15-18.
  160. Hough 1972, pp. 227-229.
  161. Alexander 2003, pp. 22-26.
  162. Hough 1972, pp. 227-230.
  163. Alexander 2003, pp. 27, 30-31.
  164. Alexander 2003, pp. 32-35.
  165. Hough 1972, p. 218.
  166. Dening 1992, pp. 43-44.
  167. Hough 1972, p. 276.
  168. Alexander 2003, pp. 204-205.
  169. Alexander 2003, p. 272.
  170. Alexander 2003, pp. 240-245.
  171. Hough 1972, p. 281.
  172. Alexander 2003, p. 283.
  173. Dening 1992, p. 46.
  174. Alexander 2003, pp. 300-302.
  175. Dening 1992, p. 48.
  176. 176,0 176,1 Dening 1992, pp. 37-42.
  177. Alexander 2003, p. 302.
  178. 178,0 178,1 Hough 1972, p. 284.
  179. Alexander 2003, pp. 318, 379.
  180. Alexander 2003, pp. 340-341.
  181. 181,0 181,1 Hough 1972, p. 286.
  182. Hough 1972, p. 290.
  183. Alexander 2003, pp. 377-378.
  184. 184,0 184,1 184,2 184,3 Government of Pitcairn 2000.
  185. 185,0 185,1 Stanley 2004, pp. 288-296.
  186. 186,0 186,1 Alexander 2003, p. 369.
  187. Hough 1972, pp. 243, 246.
  188. Hough 1972, pp. 245-246.
  189. Hough 1972, pp. 254-259.
  190. Alexander 2003, pp. 371-372.
  191. Guttridge 2006, p. 86.
  192. Hough 1972, pp. 266-267.
  193. Alexander 2003, pp. 347-348.
  194. Alexander 2003, pp. 351-352.
  195. 195,0 195,1 Barrow 1831, pp. 285-289.
  196. 196,0 196,1 Alexander 2003, p. 355.
  197. Erskine 1999.
  198. Alexander 2003, pp. 343-344.
  199. 199,0 199,1 Alexander 2003, pp. 401-402.
  200. Barrow 1831, pp. 309-310.
  201. 201,0 201,1 Dening 1992, p. 344.
  202. 202,0 202,1 Dening 1992, p. 346.
  203. 203,0 203,1 Lewis 2003.
  204. Hough 1972, pp. 302-303.
  205. Minogue 1998.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]