Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño
Iglesia de Santo Estevo de Ribas de Miño.jpg
Fachada principal da igrexa.
Datos xerais
Tipo Igrexa parroquial
Coordenadas 42°37′04″N 07°42′24″O / 42.61778, -7.70667Coordenadas: 42°37′04″N 07°42′24″O / 42.61778, -7.70667
Culto
Culto Católico
Diocese Lugo
Arquitectura
Construción Século X - século XIII
Estilo Románico
Pórtico.
Vista da ábsida.
Epifanía.
Frescos no muro norte.
Sartego co escudo de Monforte de Lemos.

A igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño é un templo relixioso de estilo románico situado na parroquia de Santo Estevo de Ribas de Miño, no concello do Saviñao. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1931.

Situación[editar | editar a fonte]

O templo está situado á beira do río Miño, pouco máis abaixo do encoro de Belesar, dentro da Ribeira Sacra. Dado o escarpado da zona, para salvar os niveis fíxose a ábsida escavando na rocha, mentres que a fachada se construíu sobre unha cripta.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira noticia fidedigna do mosteiro é bastante tardía, dado que non se dispón documentación anterior ao século XIII. O moesteiro de san Esteuvo de Riba de Mino está documentado no ano 1460 no Cartulario de Pombeiro.[1] Porén, Ángel del Castillo sinala que foi doado no 976 ao mosteiro de San Paio de Diomondi, así como que na primeira metade do século XII figuraba como propiedade da Igrexa de Lugo.[2][3] Hoxe non fican restos das antigas dependencias monásticas.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

O templo, duns 25 metros de lonxitude, ten unha sola nave, orientada cara ao leste, con muros de cachotaría de granito e cuberta a dúas augas.

Fachada principal[editar | editar a fonte]

Na fachada occidental ten unha porta central abucinada en arco de medio punto con catro arquivoltas, entre dous arcos de descarga en forma de portas cegas que harmonizan a fachada, con gardapós de puntas de diamante e xambas aboceladas. A arquivolta interior forma unha especie de primitivo Pórtico da Gloria santiagués con sete figuras sentadas radialmente sobre unha moldyra tórica: o personaxe central ten un disco solar, e outro deles leva un crecente lunar; hai dous músicos, un cunha e outro cunha arpa; outro leva unha redoma, e hai dous que non levan nada. A segunda ten dous baquetas con escocia rechea de cuñas. A terceira ten un dobre trenzado e a cuarta un baquetón anelado con talos e unha flor. A parte exterior do conxunto, apoiado en catro pares de columnas acodilladas con fustes marmóreos. Os capiteis teñen motivos vexetais e animais, con dragóns mordendo as súas colas e harpías.

O tímpano, que no seu día estivo seguramente decorado, é actualmente liso e sostense sobre dúas ménsulas rematadas en figuras agachadas, á esquerda un home e á dereita un monstro: posibelmente un santo e un demo. Tamén sobresaen os capiteis, destacando os correspondentes á arquivolta interior, cun complexo entrelazado de animais antropomórficos e volutas. Os restantes capiteis, tamén moi traballados, son aproximadamente corintias, a base de motivos florais.

A parte superior da fachada, por riba do tornachuvias, presenta un rosetón de vidro de varias cores e unha imaxe de Xesucristo no medio, cunha complicada trazaría calada dodecágona, enmarcada por unha serie de bólas aliñadas sobre unha moldura convexa abucinada. Flanquean o rosetón, nos extremos laterais da fachada, dúas esveltas troneiras que iluminar as escaleiras de caracol interiores aos muros, que se comunican entre si sobre o interior da portada; no seu día deberon dar acceso a ambas as torres ou espadanas.[4][5][6][7] Coroa o vértice da fachada unha sinxela cruz de pedra.

Presbiterio e ábsida[editar | editar a fonte]

Tralo presbiterio cuadrangular está a ábsida semicircular, que descansa sobre dous arcobotantes. Ten catro columnas e tres ventanais, coa cornixa formada por pequenos arcos sobre ménsulas. O presbiterio ten aos dous lados uns ollos orlados de pequenos arcos co tímpano perforado para deixar entrar a luz. No lado sur do presbiterio hai unha sancristía, á que se accede desde o interior por unha credencia reconvertida en porta.

O presbiterio ten bóveda de medio canón, e as fileiras teñen continuidade coas da ábsida, se ben á construción inicial lle foi engadida unha bóveda de crucería.

Exterior[editar | editar a fonte]

Os muros laterais descargan sobre catro arcos que fan de contraforte, baixo ventanais articulados mediante arquivolta, chambrana e columniñas. No terceiro corpo do muro sur hai outra entrada lateral, baixo unha de estas arcadas, cunha arquivolta e tímpano liso.

Unha faixa lombarda percorre o beirado con adornos de cabezas humanas e animais.

O campanario-espadana está fóra do templo, xunto ao lado sur da ábsida.

Interior[editar | editar a fonte]

O interior da igrexa, posibelmente de finais do século XII, é moi semellante ao da veciña de San Paio de Diomondi. A nave está dividida en catro tramos mediante tres semicolumnas coroadas con capiteis, a xeito de ménsulas, sobre as que descansan os arcos apuntados que soportan as cubertas. Presenta un teitume a dúas augas de madeira que, como en Diomondi, apóiase sobre grandes arcos transversais oxivais de posíbel orixe posterior á fábrica principal da igrexa, claramente románica.

O grande arco triunfal é de medio punto, con lixeira tendencia á ferradura, apoiado tamén en semicolumnas acaroadas sobre capiteis rematados nunha moldura horizontal, a menor altura que a da nave, que percorre toda a ábsida. Esta está formada por un tramo de planta cadrada, definido polo arco triunfal e por outro arco faixón semellante, rematado por outro tramo de planta semicircular. A moldura horizontal repítese máis abaixo, e entre ambas enmarcan as tres xanelas da parte semicircular da ábsida, con arcos de medio punto sobre columnas acodilladas. As fiestras atópanse situadas en absidiolas de planta semicircular cubertas de pequenas bóvedas de cascarón, que se intersecan á súa vez coa bóveda de cascarón da ábsida e forman unha especie de bóveda oval.

O primeiro tramo da ábsida, en cuxas paredes se abren dous rosetóns, cóbrese por unha bóveda de canón semicircular con nervios diagonais con ocos, a xeito dunha bóveda por aresta, cun florón circular con debuxo radial na súa teórica clave. Na parede sur deste tramo, amais do rosetón, ábrese unha porta cun arco de medio punto, delicadamente ornamentado con rosetas semicirculares co interior cuadrilobulado e moldura exterior en espiga. O muro norte oposto ofrece, amais do correspondente rosetón, unha fornela analogamente ornamentada. Sobre o muro faixón do arco triunfal ábrese unha xanela con arco de medio punto e sinxela arquivolta sobre columnas acodilladas.

No lado norte do muro hai restos dun mural fresco con imaxes do nacemento de Cristo.

Na unión do presbiterio e a nave hai unha peza cadrada con decoración de taqueado, e sobre dela outra peza calada con deseño de lazo irlandés, similar ao da igrexa de San Miguel de Eiré. No presbiterio hai unha serie de lápidas funerarias, unha delas co escudo de Monforte de Lemos.

No lado norte da ábsida hai un grupo escultórico representado a Epifanía, con pezas de dúas procedencias diferentes. As pezas dos Reis Magos apareceron enterradas no chan do templo. Debeu de presidir o santuario unha primitiva talla policromada da Virxe sedente co Neno no colo, claramente románica, descuberta no adro a comezos do século XX; non está labrada para ser colocada como placa, senón como imaxe exenta. Baixo a cadeira na que se asenta hai unha cara monstruosa.

A pía bautismal está no lado norte xunto á entrada, e ten varias figuras xeométricas. No altar hai retablos con talles barrocos do s. XVII.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Freire Camaniel, José (1998). El Monacato gallego en la alta Edad Media (en castelán). Fundación de Pedro Barrié de la Maza. p. 862. 
  2. Castillo López, Ángel del (1987). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (en castelán). Editorial de los Bibliófilos Gallegos. p. 501. 
  3. Tamén sinala que en 1289 dona Urraca Fernández doa ao seu bispo, don Fernando Pérez, o dereito de Padroádego sobre a igrexa.
  4. Castillo López, Ángel del (1972). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (en castelán). Editorial de los Bibliófilos Gallegos. p. 504. 
  5. Ángel del Castillo fala dunha espadana de dous arcos situada no ángulo noroeste da igrexa e hoxe desaparecida.
  6. Sá Bravo, Hipólito de (1972). El Monacato en Galicia (en castelán). Librigal. p. 513. 
  7. Hipólito de Sá Bravo publica, amais, unha fotografía en que pode apreciarse a devandita espadana, hoxe desaparecida, situada na beira noroeste da fachada.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]