Mosteiro de Santa María de Palazuelos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosteiro de Santa María de Palazuelos
Vista do mosteiro dende a estrada de acceso vindo de Cabezón, nun día con neve.
Datos xerais
PaísEspaña
AdvocaciónVirxe María
LocalizaciónCorcos del Valle provincia de Valladolid, Castela e León, España España
Coordenadas41°45′10″N 4°38′01″O / 41.75276667, -4.63371667Coordenadas: 41°45′10″N 4°38′01″O / 41.75276667, -4.63371667
CatalogaciónBen de Interese Cultural
3 de xuño de 1931
Culto
DioceseArquidiocese de Valladolid
Arquitectura
ConstruciónSéculo XI
Estiloarquitectura románica
IdentificadorRI-51-0000995
Páxina webhttp://www.santamariadepalazuelos.es/
editar datos en Wikidata ]

O mosteiro de Santa María de Palazuelos ou Nosa Señora de Palazuelos é un mosteiro cisterciense do primeiro terzo do século XIII, declarado Ben de Interese Cultural. Foi construído no val do río Pisuerga, moi preto da súa beira dereita, no que foi a vila de Palazuelos -hoxe despoboada-, entre os termos actuais de Corcos del Valle e Cabezón de Pisuerga (provincia de Valladolid).

A súa fundación debeuse a Afonso Téllez de Meneses, e ten unha dilatada historia que abrangue dende o seu primeiro asentamento ata a Desamortización do século XIX. Como tal construción cisterciense a obra está entre o románico e o gótico. Foi un monumento grandioso -chegando a ser «Cabeza do Císter en Castela»- do que quedan tan só as ruínas consolidadas do edificio da igrexa.

En 1998-1999, tras o último derrubamento de cubertas e un piar da nave sur -que arrastrou consigo a primitiva espadana-, a Xunta de Castela e León fíxose cargo das obras de reparación urxentes dentro do Plan de Emerxencias. Foron unhas obras importantes e de envergadura para evitar o derrube total, das que se fixo cargo a empresa Cabero Edificaciones, especializada en restauracións de monumentos históricos.

No ano 2012 grazas á iniciativa do concello de Cabezón de Pisuerga e á recentemente creada Asociación Amigos de Palazuelos (tamén de Cabezón) co apoio da Deputación de Valladolid, púxose en marcha un plan de desentullo, instalación eléctrica, limpeza, recompilación e numeración dos perpiaños esparexidos polo chan e todo o necesario para poñer o monumento a disposición do visitante e darlle unha vida evitando a súa caída nun novo letargo.[1]

O resto de edificios que compoñían o mosteiro, así como o mobiliario e obras de arte da igrexa, pasaron a ser parte do «Patrimonio desaparecido da provincia de Valladolid».

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

Vista da ábsida dende a nave central. A construción do novo mosteiro de Palazuelos adoptou a arquitectura do Císter.

O conxunto arquitectónico do mosteiro de Palazuelos xurdiu cando xa a orde do Císter dos monxes brancos estaba en plena puxanza, substituíndo os monxes negros de Cluny; algúns mosteiros beneditinos pasaron a ser cistercienses. O mosteiro de Palazuelos dende a anterior localización como mosteiro beneditino de San Andrés de Vallbení acatou tamén a reforma do Císter. A construción do novo mosteiro de Palazuelos adoptou a arquitectura do Císter, tan peculiar: un románico que chega á súa fin e recolle elementos novos do gótico, un románico de transición con características propias.

Reinaba Afonso VIII de Castela e as relacións co reino de León non foron moi amigables. Os mosteiros en xeral representaban para os reis unha ocupación do territorio favorable e este de Palazuelos estaba implicado na política fronteiriza de ámbolos dous reinos. Entre os señores relevantes do momento atopábase Afonso Téllez de Meneses, que pertencía a unha familia algúns de cuxos membros foron descendentes do conde Ansúrez, e outro, fundador á súa vez doutros grandes mosteiros cistercienses. Era costume dos reis conceder terras ou mesmo vilas a estes grandes señores en recompensa dalgunha fazaña importante, en especial fazañas de guerra. Foi así como Afonso Téllez de Meneses recibiu do rei Afonso VIII a vila de Palazuelos descrita nos documentos como «villam Palaciolis ad Pisorica ripas» (vila de Palazuelos nas beiras do Pisuerga), que á súa vez entregou ós monxes de Vallbení coa condición de que a comunidade se trasladase a ela e edificase un novo complexo monástico.

Historia e evolución[editar | editar a fonte]

O mosteiro pasou por diferentes etapas abranguendo un extenso período dende a súa orixe como cenobio beneditino do século XI no «val benigno» ata a súa definitiva estabilidade no lugar de Palazuelos, transformado xa en mosteiro cisterciense.

San Andrés de Valbení

As orixes do mosteiro atopábanse no primitivo cenobio beneditino coñecido co nome de San Andrés de Valbení, documentado dende 1063. Estaba situado na marxe esquerda do río Pisuerga, no «val benigno» a 3,5 km do municipio de San Martín de Valvení. Non foi vila nin poboado, foi un lugar coñecido precisamente con ese nome, "San Andrés de Valbení" e ó desaparecer anos máis tarde o mosteiro, a súa memoria perdurou como San Andrés ou granxa de San Andrés. No século XXI este mesmo lugar é unha granxa agrícola e no seu terreo aínda pode verse algún vestixio daquel mosteiro.

A primeira documentación data de 1063 pero crese que a súa fundación foi máis antiga aínda que non se pode polo momento precisar a data. Os documentos que dan fe da data de 1063 en adiante refírense a doazóns, case todas procedentes de cabaleiros e nobres e tamén a algunha adquisición por parte dos monxes. Cítase nestes documentos ó abade Bellico ou Bellido (en 1063), ó abade Xoán I (en 1095 e 1100) e ó abade Osmundo (en 1127).

Mosteiro de Valbuena dende onde se comezou o proceso de reforma cisterciense.

O principal responsable dos cambios e melloras do mosteiro durante os primeiros anos foi o rei Afonso VIII -rei entre 1158 e 1214-; en 1165 púxoo en mans do cabaleiro leonés Diego Martínez, como «mosteiro de Sanctus Andreas de Vallvení libre e inmune», para que se restaurase o vello mosteiro.[2] Diego Martínez á súa vez puxo o mosteiro ó coidado da abadía de Valbuena, como filiación, para que iniciase o proceso de reforma cisterciense; en xaneiro de 1166 o rei ratificou este feito. En 1175 terminou o proceso de afiliación e polo tanto, o sometemento ó mosteiro de Valbuena. Ese mesmo ano Afonso VIII declarouno como mosteiro cisterciense independente, ratificando todas ás súas posesións, ás antigas e as que posiblemente engadiría para reforzar os territorios seguindo unha política fronteiriza entre os dous reinos de Castela e León.

Doazóns e propiedades

Ás doazóns fóronse sucedendo anualmente, provenientes do rei, da nobreza e doutros propietarios. Outras veces foi o propio mosteiro o que adquiría bens ou facía permutas de terras co fin de telas todas xuntas. As terras estaban dedicadas á explotación agrícola. Cultivaban cereais, sobre todo trigo, cebada e centeo; viñas e hortalizas. Había tamén árbores frutais. Os montes e prados reservábanse para o pasto do gando. No río achegado tiñan dereito de pesca. Había tamén granxas. Todos estes traballos de campo recaían sobre os conversos (ou 'conversos familiares') -neste contexto é sinónimo de leigo-. Estes conversos vivían no mosteiro pero en zonas separadas dos monxes, con dormitorio e comedor á parte.[3] Incluso tiñan a súa propia porta para acceder á igrexa. Outro grupo de axuda foi o dos vasalos, que estaban obrigados a unha serie de prestacións establecidas. Dentro das posesións do mosteiro había casas nas vilas próximas.

Palazuelos

A vila de Palazuelos estaba situada na beira dereita do río Pisuerga, moi preto da ponte de Cabezón, é dicir na marxe contraria de San Andrés de Valbení. Está documentada dende 1095 como «villam Palaciolis ad Pisorica ripas». Hoxe é un despoboado no que só existen os restos do mosteiro e a súa igrexa.

Lápida que dá fe da consagración do altar maior da igrexa abacial, conservada no muro norte do tramo recto da ábsida.

Afonso VIII regalou esta vila en 1213 a Afonso Téllez de Meneses en agradecemento pola axuda prestada na batalla das Navas de Tolosa.[4] Ese mesmo ano e sempre contando coa autorización do rei, Téllez de Meneses entregou ó abade Domingo do mosteiro de San Andrés ás vilas de Palazuelos e Villavelasco. A vila de Palazuelos levaba unha condición: que os monxes de San Andrés debían trasladarse a ela e construír un novo mosteiro. Non se ten certeza documental do ano en que se efectuou o traslado, nin tampouco de cando cambiou a advocación pero se sabe que unha das doazóns reais efectuadas en 1216 se fai aínda ó mosteiro de San Andrés; porén nunha carta dirixida a Honorio III, en 1218, dise «Fratribus mosteiro Palaciolensis». Neses anos xa se estaba construíndo parte do conxunto monástico e en 1226 consagrouse o altar maior. Consérvase a lápida que dá fe do feito:

HOC ALTARE EST CONSTRUCTUM IN HONORE BEATE VIRGINIA MARIE SU ERA M CC LXIIII (este altar levantouse en honor de Santa María Virxe na era de 1264)

Unha vez consagrada a cabeceira, as obras continuaron cunha duración aproximada de dez anos. Nesta data da consagración xa se trasladaran a maioría dos monxes dende San Andrés e en 1254, cando era abade Egidio, toda a comunidade estaba xa en Palazuelos, quedando San Andrés unicamente como granxa ou priorado dependente, a cargo dun prior e do seu axudante.

Participación política e recompensas
Cortes de Valladolid. María de Molina presenta ó seu fillo Fernando IV.

O infante Sancho -futuro Sancho IV- convocou no ano 1282 a tódolos mosteiros cistercienses, cluniacenses e premonstratenses dos reinos de Castela e de León na cidade de Valladolid para tratar a grave crise e problemas de sucesión entre Sancho e os infantes da Seda; esta convocatoria tivo como tema principal a petición de apoio á súa causa. Palazuelos foi un dos mosteiros implicados e que con máis firmeza apoiou ó infante. En recompensa, sendo xa rei, concedeulle unha serie de privilexios, algúns por iniciativa da súa propia muller, María de Molina:

Por rogo da Raíña dona María miña muller porque a súa nai xace enterrada alí...

Máis tarde, en 1298 e polo mesmo razoamento, a raíña María de Molina -sendo titora de seu fillo Fernando IV- outorgou novos privilexios; cando Fernando IV chegou á maioría de idade confirmou tódolos privilexios anteriores e mandou que os monxes encomendasen as súas oracións de cada ano e dunha maneira especial, ás almas da súa avoa materna, Maior Afonso de Meneses, neta do fundador, e doutros personaxes da súa liñaxe que estaban enterrados alí.

Século XIV

Durante os últimos anos do século XIII e ó longo do XIV comezou a decadencia do edificio. O mosteiro estivo sempre unido ós aconteceres políticos e este foi un período de crises do que non se librou. As loitas nobiliarias e os enfrontamentos durante os reinados de Fernando IV, a minoría de idade de Afonso XI, as intrigas dos infantes Pedro, Xoán e don Xoán Manuel repercutiron na vida cotiá dos monxes. Nese estado de cousas, os concellos de distintas terras reuníronse no mosteiro onde acordaron a titoría do futuro rei Afonso XI. En agosto de 1314 asináronse os acordos outorgando a rexencia a María de Molina, súa avoa.

Crise e decadencia

A relaxación dos costumes con incumprimento da regra monacal foi un fenómeno que se deu en tódalas ordes relixiosas neste período, por iso houbo tantas reformas. A comezos do século XV esta relaxación era xa un feito. Os mosteiros cistercienses entraran nunha decadencia moral e de malas prácticas, o que conduciu á preparación dunha nova reforma que se iniciou no ano 1425 no mosteiro toledano de Monte Sion. É unha época de desconcerto no referente á xestión e dirección dos mosteiros: o papa tomara a decisión de reservarse o dereito de nomear ós abades, converténdose este cargo en algo substancioso con grandes beneficios e nula responsabilidade; son os chamados «abades comendatarios» que non estaban obrigados a vivir no mosteiro, que apenas si se ocupaban del, deixándoo á deriva. O mosteiro de Palazuelos entrou nesta fase con graves conflitos pola destitución de seu abade electo e a imposición por parte de Paulo II doutro abade non desexado.

A estes motivos hai que sumar os disturbios e enfrontamentos políticos e de poder dos nobres contra o rei e, entre eles, as desfavorables condicións climáticas que foron causa das malas colleitas coas conseguintes fames. A mediados do século XV, o mosterio xa tiña transferido case todo o seu conxunto de propiedades; a súa explotación pasou no ano 1444 a mans de Pedro Acuña, Garda Maior do rei Xoán II de Castela e señor da vila de Dueñas (Palencia). Os monxes entregáronlle as vilas de Palazuelos e Villavelasco a cambio de 13.000 marabedís anuais, como xuro perpetuo; baixo o mesmo concepto e pola suma de 15.000 marabedís, o mosteiro entregoulle tamén todas ás doazóns que recibira do rei Afonso VIII en 1175. Os monxes reserváronse para o seu goberno ás 80 obradas inmediatas ó mosteiro que constituían a terra do couto redondo.[5]

Tras unha serie de loitas internas polo nomeamento de abades non pretendidos e tendo en conta a crise descrita, os monxes tomaron a decisión de incorporarse á Congregación de Castela, nos albores do século XVI. En 1551 se elixiu a abadía de Palazuelos como sede dos Xerais da Congregación e dous anos máis tarde decidiuse que os Capítulos Xerais se celebrarían neste mesmo mosteiro. A partir deste momento a razón de ser do mosteiro tomou un rumbo totalmente distinto pois se estableceu alí un Colexio para o estudo da Teoloxía.[6] A documentación desta etapa é rica en descricións sobre gastos de comida, horarios de clase, textos a utilizar, expedientes de disciplina etc. Edificaron algunhas dependencias no seu priorado de Valbení das que se conserva aínda unha casa construída en pedra, cos escudos do mosteiro labrados na fachada e unha inscrición que dá a data de 1696.

Ocupación francesa. Desamortización
Esclusa nº 40 da Canle de Castela, á chegada a Palazuelos. A empresa das Reais Canles de Castela pediu permiso para hospedar en renda ós seus obreiros nalgunhas dependencias do mosteiro.

A vida do mosteiro viuse interrompida coa invasión francesa. O cenobio atopábase nun lugar estratéxico, moi preto da ponte de Cabezón, onde tivo lugar a batalla. A ocupación das tropas francesas fíxo estragos tanto no edificio como nas obras de arte. Rematada a contenda o mosteiro recibiu unha serie de subvencións, necesarias para facer obras e reparacións nos edificios que quedaran maltreitos froito do enfrontamento. Pero os anos de supervivencia foron limitados e en 1832, co abade Cándamo, levouse a cabo o último capítulo.

O mosteiro de Palazuelos sufriu tamén ás consecuencias da Desamortización. En novembro de 1833 o Capitán xeneral de Castela a Vella emitiu unha orde na que daba permiso á empresa das Reais Canles de Castela para hospedar en renda ós seus obreiros nalgunhas dependencias do mosteiro.

...agás a sala e habitacións que ocupaba o Reverendísimo Pai Xeral da orde; a do R. P. Prior; a do P. Cura e outras dúas celas, ou pezas que serven de oficinas para os usos dos P. P. que ás habitan: un pombal de pombas mansas, ás cuadras onde se atopa o gando do mosteiro; o pallar, adega, curral traseiro onde se encerra o gando ovino, o lagar da cociña, cuarto inmediato onde comen os criados...

O 17 de decembro de 1836 publicárase no Boletín Oficial da provincia de Valladolid o inventario dos bens mobles e unha lista cualificada como «Obxectos de ciencias e artes que por Real Orde corresponde dispoñer ós señores xefes políticos». Un ano máis tarde o mesmo boletín informou do establecemento dunha fábrica de fariñas cuxo espazo arrendara por 3.400 reais Benito Losada, coronel retirado, veciño de Valladolid. Por outra parte e ó longo de 1837, ás terras próximas o mosteiro que constituían o «couto redondo» e que nunca tiñan enfaenado nin vendido foron divididas en parcelas e ofrecéronse á venda pública.

A igrexa subsistiu co seu uso parroquial pasando a depender do arcebispado.

O 22 de marzo de 1840 anunciouse o arrendamento de 3, 6 ou máis anos de 18 anacos de terra. O 12 de xuño dese mesmo ano arrendouse por dez anos a Benito Losada, que xa vivía nalgunha dependencia do edificio. Despois en 1843 saíu á venda pública e comprouno este mesmo arrendatario por 706.500 reais.

En 1881, Palazuelos era unha granxa pertencente a Demetrio Mateo, irmán do deputado Vicente Mateo -deputado dende 1877 a 1883-. A igrexa subsistiu con uso parroquial pasando a depender do arcebispado.

En 1931 declarouse a igrexa como Monumento Histórico. As seguintes datas van dando un informe de decadencia, abandono e derrube na época:

  • 1996, clausúranse as portas e fiestras para evitar o pillaxe e vandalismo.
  • 1997, o Concello de Cabezón solicita axuda.
  • 1998, derrúbase parte da bóveda e unha das dúas espadanas.
  • O 24 de abril de 1999 o xornal El Mundo dá testemuña do desastre axuntando fotos. O arcebispado informa que está disposto a ceder o mosteiro por falta de recursos económicos para a súa restauración. Mentres tanto o párroco de Cabezón achega á única axuda que pode: tapar ocos para que non entre ninguén no edificio. Neste ano o Concello de Cabezón faise cargo dalgunhas obras de mantemento.
  • En 1998-1999, tras o último derrube de cubertas e un piar da nave sur —que arrastrou consigo a primitiva espadana—, a Xunta de Castela e León fíxose cargo das obras de reparación urxentes dentro do Plan de Emerxencias da Xunta de Castela e León.
  • No 2007 escríbense cartas de protesta e denuncia ó director de El Norte de Castilla, pedindo que as autoridades se fagan responsables do monumento.

Finalmente entre os anos 2012 e 2013 conséguese rehabilitar e adecentar o mosteiro e presentalo como digno para visitas turísticas grazas á Asociación Amigos de Palazuelos, ó concello de Cabezón e ó seu alcalde.

O conxunto monástico. A igrexa[editar | editar a fonte]

Os edificios monásticos estendíanse ata case chegar á beira dereita do río Pisuerga. De todos eles non queda en pé nada máis que a igrexa, moi mutilada, e algúns vestixios do que alí houbo. A igrexa foi converténdose en ruína pouco a pouco, sobre todo durante a segunda metade do século XX pois ata entón e a partir da Desamortización serviu como parroquia e mantívose aberta ó culto tódolos días festivos, a pesar de que a vila de Palazuelos xa non existía como tal e o lugar transformárase nun despoboado, aparecendo nos documentos como «Granxa de Palazuelos». Mesmo en 1931 declarouse como un Monumento Histórico.

Restos do claustro conventual na súa zona nordeste. A porta do fondo daba á sancristía; a da esquerda era a porta de acceso dos monxes á igrexa.

As dependencias monacais estaban articuladas ó redor de dous claustros de distintos tamaños, documentados no século XVIII. O máis pequeno era chamado «conventual» e pertenceu ó primitivo mosteiro; o outro, máis grande, chamábase «do dormitorio» e foi construído na época do Colexio. O historiador Ortega Rubio e o tamén historiador Ramón Álvarez de la Braña alcanzaron a ver a principios do século XX parte destes claustros e algúns dos edificios situados ó redor. A desaparición e ruína total dos claustros tivo lugar ó longo dos dous últimos terzos do século XX.

Vénse polo lado de Mediodía sobre o chan que ocuparon dichos claustros, dispersos diversos anacos de arcos, fustes, capiteis e outros materiais procedentes dos mesmos. [...] Eran dous: o maior co seu patio cadrado, a súa galería, as súas celas, o refectorio e demais pertenzas, e o menor, si se quere máis importante, segundo a liturxia conventual, onde o abade tiña a súa cámara e no que tamén estaban instalados o salón capitular, o «scrinium», a biblioteca e o arquivo.
Planta da igrexa

O edificio da igrexa está construído en pedra. Por fóra é bastante sobrio e por dentro mostra en altura e esvelteza a arquitectura propia do Císter. A súa planta consta de tres naves e cinco tramos; o máis achegado ó presbiterio fai as funcións de cruceiro aínda que non está sinalado en planta.

Os brazos do cruceiro cóbrense con bóveda de canón apuntado; nos extremos ábrense fiestras de medio punto. O tramo central ten bóveda de crucería. Só estes dous últimos tramos e a cabeceira conservan o seu estilo románico-gótico da súa orixe; o resto ata os pés é produto dos diversos cambios arquitectónicos acontecidos a partir do século XVI, contando ademais con anteriores reparacións e modificacións feitas nos século XIII e XV, das que se ten noticia só a través das doazóns feitas para isto.

Vista das tres ábsidas, a central de maior tamaño que os laterais. Pode apreciarse a construción engadida chamada chirola que abraza a central e a antiga espadana que se alzaba sobre o cruceiro e que se derrubou en 1998.

A igrexa ten unha ábsida central e dúas laterais de menor tamaño. No exterior, a central está reforzado por cinco contrafortes que chegan ata a liña da cornixa e que a dividen en cinco panos; en cada un deles ábrese unha fiestra abucinada, con arcos de medio punto onde se desenvolven as arquivoltas e a chambrana que as envolve. As columnas respectivas teñen capiteis tallados con temas vexetais, agás en dúas fiestras: na fiestra orientada ó sur hai unha parella de sereas con corpo de ave, cun gorro medieval e soprando un corno e na outra cara a outras dúas aves con cabeza de dragón; noutra fiestra orientada ó norte, dous capiteis mostran unhas cabezas humanas entre follaxe. As ábsidas laterais son semicirculares e máis pequenas; no seu centro ábrese unha fiestra das mesmas particularidades que as da central. Os seus capiteis levan decoración vexetal. Ningunha das tres ábsidas ten adornos de ningún tipo, nin modillóns, nin impostas axadrezadas tan comúns no estilo románico.

Non interior, as cabeceiras son semicirculares e empalman cos seus respectivos tramos rectos, bastante longos. As absidiolas ou ábsidas laterais son a parte máis antiga do edificio; cóbrense con bóveda de forno que corresponde ó mais puro estilo románico. Os seus tramos rectos, porén, fixéronse con bóveda de crucería simple. A ábsida central ten unha bóveda gótica en cuxo centro destaca unha clave á que chegan as nervaduras do edificio. Estes nervios separan nos paramentos cada un dos panos nos que se abren fiestras de arco de medio punto enmarcadas por arquivoltas que se apoian en columnas; as súas molduras son as mesmas que as do exterior. Os tramos rectos están compostos por dous treitos e ás súas bóvedas cuadripartitas son de crucería simple. No primeiro tramo de ámbolos dous lados vense uns enormes escudos pintados. Pertencen o emperador Carlos I de España e fixéronse en memoria e homenaxe do seu paso por Cabezón e o mosteiro de Palazuelos, na súa viaxe cara a Yuste, a súa última morada antes da súa morte.

No segundo tramo que limita coa nave sur ábrese un gran van de arco apuntado interrompido por unha columna, que correspondería a un arcosolio funerario. A arquivolta apóiase nunhas pequenas columnas cuxos capiteis están decorados con temas propios dun enterramento: cabezas que se peitean os cabelos. Segundo as noticias do viaxeiro e historiador Antonio Ponz que escribiu a finais do século XVIII, alí había un sepulcro gótico coa figura dunha muller deitada.[7] No tramo do muro norte é onde se atopa a inscrición de consagración. Aínda se conservan fragmentos do pavimento que tivo no século XVI, de boa cerámica. Neste mesmo chan poden verse algunhas lápidas que corresponden ós abades mortos no mosteiro.

No lado do Evanxeo, no tramo que está pegado ó cruceiro, hai unha pequena porta que introduce a un husillo polo que se subía —e se sobe— ó tellado. Xunto a esta porta hai dous arcosolios de arco apuntado, baleiros.

No exterior e xunto ás ábsidas laterais hai dúas construcións de testeiro plano; a do muro norte ou lado do Evanxeo corresponde á capela funeraria de Santa Inés; a do muro sur ou lado da Epístola é a correspondente ó que foi sancristía nos últimos tempos e ten outra capela unida.

Capela de Santa Inés que sobresae no muro norte.

No exterior da capela de Santa Inés vese unha cornixa percorrida por canzorros lisos. Nos seus dous muros, oriental e occidental, ábrense unhas fiestras das mesmas características que as das ábsidas. Sobre os capiteis das columnas apóiase un cimacio que se prolonga á dereita e esquerda a modo de imposta.

A capela utilizouse para panteón de membros da familia Meneses. No tumbo[8] do mosteiro dise que alí se enterrou o fundador Afonso Téllez de Meneses, morto en 1230 e a súa segunda muller Teresa Sánchez de Castro. O epitafio copiado por Gonzalo Argote de Molina na igrexa do mosteiro rezaba o seguinte:

OBIIT ALPHONSUS TELLI/NOBILIS AMATOR TOTIUS BONITATIS/FACTOR ISTIUS MONASTERII/ERA MCCLXVIII
Interior da capela de Santa Inés.

Tamén se menciona a Maior Afonso (nai de María de Molina e neta do fundador).[9] Outros personaxes ilustres tiveron os seus sarcófagos no presbiterio e nas naves da igrexa. Algúns subsistiron aínda que moi maltreitos a causa do tempo, das profanacións e do vandalismo. Son sepulcros góticos na súa maioría, de finais do século XIII e comezos do XIV, con escultura propia do medievo, elevados do chan e apoiados en animais que adoitan ser leóns. Teñen figuras xacentes sobre a tapa e escenas doentes e de enterro nos catro costados. Todos os que se atoparon na igrexa gardáronse neste recinto. Foron estudados e catalogados e aínda que se ten chegado a unha aproximación na súa identificación non hai ningunha certeza documental que os relacione con cada unha das personaxes relatadas. Jovellanos xa no seu tempo dicía que «a comunidade monástica non os identifica».[10] Nun deles pódese ler a inscrición «Cambris obit Allefonso Decimo» e crese que corresponde a Afonso infante de Molina morto en 1252 que foi fillo do rei Afonso IX. Outro sepulcro conserva a caixa moi deteriorada e unha estatua xacente sobre a lousa; leva unha inscrición: «Aquí xace Gonzal Ibáñez, fillo de Xoán Afonso... » é dicir, un neto do fundador e primo de Maior Afonso. Ademais hai bastantes fragmentos rotos que aínda non se puideron determinar.

Había tres que estaban en bo estado de conservación e que nos anos 60 do século XX se trasladaron ó museo diocesano da catedral de Valladolid. Un estaba contiguo ó muro da nave da Epístola; outro, apoiado na mesma parede, con figuras do Pantocrátor e Apostolado nun lateral e escenas do Enterro no outro; o terceiro ten labradas escenas do Enterro nos dous laterais.

Frontispicio de poñente

Foi construído con sobriedade. Articúlase con tres contrafortes que enmarcan as tres naves. Sobre a fiestra da nave sur foi engadido no século XVII un corpo máis alto en cuxo coroamento se alzou a segunda espadana. No centro se abriu na súa orixe a porta de acceso ó templo, de arco lixeiramente apuntado, moi simple, con molduras de media cana; foi cegada e inutilizada a finais do século XVI cando se abriu a porta do muro norte. Máis arriba pode verse un rosetón moi simple. Na parte correspondente ás dúas naves laterais ábrense sendas fiestras similares ás do resto do edificio.

Muro norte
Á esquerda a porta orixinal de saída ó cemiterio de monxes dende a igrexa. Á dereita a porta de Xoán de Nates.

Corresponde á nave norte ou nave do Evanxeo. Está articulado por catro contrafortes cuxa parte superior chega en talude ata a cornixa. Aquí atópase a porta que comunicaba a igrexa co cemiterio monacal. Está cegada pero aínda se pode ver unha arquivolta apuntada en cuxa clave hai labrada unha cabeza masculina e os restos dun tejaroz ou pequeno tellado que se apoia sobre seis canzorros de simple nacela. A continuación ábrese a portada barroca deseñada por Xoán de Nates que se abriu como único acceso ó interior a finais do século XVI.

Muro sur
Arcosolios cegados que estaban na parte norte do claustro, pegados ó muro sur da igrexa.

Era ó mesmo tempo o muro norte do claustro reglar, o máis antigo. Non se conserva a parede nin os arcos aínda que poden verse restos dalgún dos seus arranques. No que sería a esquina coa parte leste do claustro distínguese unha porta —tamén cegada— que daba á sancristía e facendo ángulo, outra porta con arcos moldurados de medio punto —cegada— que corresponde pola súa posición á porta de entrada dende o claustro á igrexa, que todo mosteiro tiña. Un pouco máis cara ó oeste, atópanse os vestixios de dous arcosolios, cos arcos apuntados e o oco cegado.

Espadanas
Espadana do século XVI.

A primitiva espadana alzábase no punto que hai entre a cabeceira e o cruceiro, cun arco de medio punto dividido por un groso parteluz1mainel que deixaba ó descuberto dous ocos para as campás e outro máis abaixo de menor tamaño rodeado de doelas; afundiuse xunto coa bóveda do cruceiro e non foi posible a súa recuperación. A segunda espadana atópase no frontispicio sobre unha construción engadida. Ten dous corpos: no inferior ábrense dous vans e no de arriba, que é máis pequeno, só un. É obra de finais do século XVI.

Mobiliario e outras obras de arte[editar | editar a fonte]

As dependencias monásticas do claustro regular estiveron debidamente amobladas. Tense noticia do cadeirado e mesas do refectorio (comedor) grazas á documentación conservada e estudada por Esteban García Chico:

Os dous obrigábanse a facer os asentos con seus respaldares, coas súas curvas e súas coroacións labradas de talla e entre coroación e coroación súa copa que fai remate entre curva e curva un panel labrado con seus floróns os que coubese en cada un, e cos seus balaústres, e mesas, tódalas que coubesen no refectorio, todo de madeira de nogueira.

Refírese ós dous entalladores contratados en 1569, naturais da cidade de Benavente en Zamora: Nicolás de Colonia e Xoán Grande.[11] Anos máis tarde encargaron tamén o cadeirado do coro; o documento de contratación está firmado polos escultores Esteban Jordan e Manuel Álvarez e o abade Atanasio Morante. O cadeirado está tamén en paradeiro descoñecido.

O mosteiro tivo un retablo maior de gran calidade artística executado polo escultor Esteban Jordan. O encargo fíxose en 1573, cando o artista estaba traballando na igrexa da Magdalena de Valladolid (retablo e sepulcro de Pedro da Gasca). Nas capitulacións das escrituras defínese con todo detalle como haberían de ser as figuras, os relevos, o dourado, o tamaño, o tipo de madeira etc. O documento firmouse entre «Esteban Jordan e o xeral reformador da orde de San Bernardo concerto e capitulación para facer o retablo de palaçuelos». A obra finalizouse en 1574, o mesmo ano en que o papa Gregorio X outorgou unha bula pola cal os sacerdotes que dixeran misa ante este altar sacaban unha alma do purgatorio. Non se coñece o paradeiro deste retablo. En 1783 Antonio Ponz veuno e describiuno, xunto con outros cinco altares, pero cando o viaxeiro historiador Ramón Álvarez da Braña visitou o mosteiro a comezos do século XX xa non existía e no seu lugar había uns lenzos de gran tamaño que tamén desapareceron. No Catálogo Monumental da Provincia de Valladolid elaborado polo profesor Jesús Urrea en 1970, descríbense con fotografías unha serie de esculturas e pinturas que nos anos 2000 xa non existen e que forman parte do «patrimonio desaparecido de Valladolid».

Cambios, obras e reparacións[editar | editar a fonte]

No ano 1285, Ruiz Gómez de Camargo fixo unha doazón ó mosteiro, sendo abade Álvaro. A doazón estaba destinada a obras e melloras necesarias e ademais á construción dunha capela que servise de enterramento a esta persoa. A súa segunda muller, Urraca Fernández, tamén quixo ser enterrada neste lugar. A noticia de tales obras coñécese a través deste documento de doazón. Polo mesmo modo sábese de máis obras e melloras e da construción doutra capela de enterramento a favor do doante Juan Veintemillas, no século XV.

O maior movemento de obras e reparacións deuse no século XVI, cando o mosteiro serviu como Colexio e foi necesario adaptar as estancias ás novas demandas. En 1569 o Colexio de Palazuelos recibiu unha subvención de 1.300 ducados como axuda para obras; a orde foi dada polo Capítulo Xeral e os ducados provían dos demais mosteiros. Fixéronse obras de ampliación e foi o momento da construción do segundo patio chamado «do dormitorio».

Bóvedas e coro alto ós pés de Xoán de Nates.

No último terzo do século XVI derrubáronse os tres últimos tramos das naves do templo. O historiador Esteban García Chico no seu traballo de investigación sacou á luz os documentos das condicións de escritura onde se di que os monxes do mosteiro acudiron ó mestre arquitecto Xoán de Nates para a restauración do desastre. O 8 de febreiro de 1585 deu as trazas e estableceu as condicións.[12] Nestes momentos este arquitecto estaba traballando no mosteiro das Huelgas Reales de Valladolid e no da Santa Espiña, así que tiña no seu haber unha boa experiencia. Tódalas obras de reparación están reflectidas no libro de fábrica da igrexa.

Os muros laterais mantivéranse en pé e non os tocou pero o resto foi derrubado e reformulado; levantou tres tramos cara ós pés substituíndo os primitivos piares octogonais por piares cadrados nos que se apoian arcos de medio punto; novas capelas entre piares, o coro alto ós pés coa súa escaleira de subida dende a nave; cerrou a porta de entrada de poñente (malamente e con perpiaños desiguais, bastos e sen labrar que aínda se conservan) e abriu unha no muro norte que é a que se usa para entrar á igrexa. Todo no máis puro estilo clasicista da época, sen tentar de copiar o estilo gótico cisterciense anterior. No transcurso destas obras, na fachada de poñente e sobre a nave sur engadiuse un corpo alto cuxo coroamento se rematou cunha segunda espadana.

Bóvedas da chirola; século XVI.

A «chirola» é unha modificación que se fixo no último terzo do século XVI, rodeando a ábsida cunha capela que se utilizaría como sancristía. Dende o exterior resulta un tanto estraña pois se cingue á ábsida central rompendo a súa harmonía natural. Dende o interior accédese por dúas portas enfrontadas abertas no presbiterio. Este espazo está pechado por bóvedas de crucería que se adornan con claves pendurantes. Os muros están decorados con pinturas murais manieristas, coa técnica de grisalla; as escenas son moi variadas, sempre sobre o tema da vida de Cristo. Algunhas destas grisallas están totalmente perdidas mentres que outras teñen un estado de conservación recuperable. Ata finais do século XX descoñecíase o autor especulándose sobre diversas posibilidades. Ó saír á luz ó longo dunha investigación o testamento do pintor italiano Antonio Stella, residente en Valladolid, puido establecerse a súa vinculación con este mosteiro e a autoría das pinturas murais. En diversas cláusulas do testamento o pintor fai alusión a «un traballo no mosteiro Bernardo de Palazuelos de Valladolid».[13]

Pero os libros de obras do mosteiro —documentación dende 1681 a 1832— demostran que tanto os claustros como a igrexa necesitaban constantes reparacións. Gran parte do claustro do dormitorio afundira así como houbo derrubamentos parciais nos teitos do outro claustro.

Obras e reparacións en 1998. Substitución do piar derrubado por unha estrutura firme.

Foi necesario retellar e reparar a portaría, a cela do pai Cillero, a cociña, a despensa, un cortizo do corredor, a cheminea da sala e a hospedería. Por estes documentos tense noticia de que existiran tales dependencias. Anos máis tarde veuse abaixo parte da fachada da igrexa e a casa onde vivía o prior estaba en estado ruinoso.

A última reparación importante foi a de 1998 descrita ó comezo do artigo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Cabezón mira orgulloso a Santa María de Palazuelos", artigo en El Norte de Castilla, 26 de outubro de 2013 (en castelán).
  2. «Libre e inmune» é un termo que provén do dereito romano relativo ás propiedades (terras, mosteiros, granxas etc.) que se entregaban ou doaban; o termo "libre" viña significar o que hoxe en día se chama libre de cargas (usufrutos, hipotecas etc.), e "inmune" significaba o que hoxe se chama libre de impostos ou, máis tecnicamente, exento de tributos, pois quedaba "inmune" fronte ó fisco.
  3. Os conversos en xeral foron de grande axuda para a explotación das granxas. Para eles foi unha solución acollerse o traballo do mosteiro pois carecían de terras e non tiñan ningún ingreso económico. Cfr: Álvarez Palenzuela, V. A. Mosteiros cistercienses en Castela, séculos XII e XIII.
  4. Francisco Antón Casaseca en «Mosteiros medievais da provincia de Valladolid» dentro do Boletín da Sociedade Española de Excursións, páx. 180.
  5. Chámase couto redondo ás terras unidas que están moi próximas á casa principal e forman un perímetro que pertence a un mesmo propietario, sendo neste caso o propietario a propia abadía.
  6. Entendendo como Colexio a unha institución universitaria ou antigo Colexio Maior como o foron en Valladolid o Colexio de San Gregorio e o Colexio de Santa Cruz.
  7. Antonio Ponz: Viage a España, 1788
  8. Libro dos mosteiros ou dos concellos, onde se anotaban datos de interese respecto da súa historia e da súa vida. Etimoloxía: Do grego antigo týmbos, "túmulo".
  9. Crese que o sepulcro de Maior Molina é o que non ten ningunha labra.
  10. Jovellanos G.M. 1956 pp 297 e 299. «Diarios» en Obras publicadas e inéditas de D. Gaspar Melchor de Jovellanos Col. BAE, 85. Madrid 1956, t. II, pp. 297-299.
  11. Cfr. Esteban García Chico: Novos documentos para o Estudo do Arte en Castela. Escultores do século XVI. Universidade de Valladolid, 1959, p. 31.
  12. Esteban García Chico: Documentos para o Estudo do Arte en Castela. T. I. Arquitectos. Valladolid 1940, pp. 69-72.
  13. María Antonia Fernández del Hoyo, vide Revista: Boletín do Seminario de Estudos de Arte e Arqueoloxía, editado por CSIC 1980 «Antonio Stella, pintor italiano» pp. 507-513 Arquivado 15 de outubro de 2014 en Wayback Machine..

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Antón, Francisco (2005). Monasterios medievales de la provincia de Valladolid. Valladolid: Maxtor, facsímile de edición de 1942. ISBN 84-9761-210-8. 
  • Ara Gil, Julia (2001). Real Academia de Bellas Artes de la Purísima Concepción, ed. «El monasterio de Santa María de Palazuelos: un frágil testimonio del pasado» do Boletín Real Academia de Belas Artes da Purísima Concepción nº 36. Valladolid. 
  • Martí y Monsó, José (1992). Ámbito. Edición facsímile, ed. Estudios histórico-artísticos relativos principalmente a Valladolid. Basados en la investigación de diversos archivos. Valladolid. ISBN 84-86770-74-2. 
  • Urrea Fernández, Jesús (2003). Diputación de Valladolid, ed. «Ex-monasterio de Nuestra Señora de Palazuelos» Catálogo monumental de la provincia de Valladolid. Antiguo partido judicial de Valoria la Buena. Valladolid. ISBN 84-500-8462-8. 
  • Senra Gabriel Y Galán, José Luis (2002). Edita a Fundación de Santa María a Real. Centro de Estudos do Románico, ed. «Enciclopedia del Románico en Castilla y León. Valladolid». Aguilar de Campoo. ISBN 84-89483-24-8. 
  • Martín González, Juan José (1968). Aries. Depósito legal B. 2864-1668, ed. «Provincia de Valladolid» de Guías artísticas de España. Barcelona. 
  • Herrero Marcos, Jesús (1997). Ars Magna. Diputación de Valladolid, ed. Arquitectura y simbolismo del Románico en Valladolid. Valladolid. ISBN 84-923230-0-0. 
  • Álvarez de la Braña, Ramón (1982). Grupo Pinciano. Edición facsímile, ed. «Crónica da excursión a Cabezón, Palazuelos y Aguilarejo» de Boletín da Sociedade Castellana de Excursións. Tomo I. Valladolid. ISBN 84-7231-753-6. 
  • Balado Pachón, Arturo (2013). "O Císter en Valladolid: Palazuelos e Folgas Reais". Patrimonio histórico de Castela e León 51: 7–10. ISSN 1578-5513. 
  • Escapa, Ernesto (2009). Edita Edical (coa autorización da Diputación de Valladolid Patronato Provincial de Turismo, ed. Terra de Horizontes. Valladolid. ISBN 978-84-92535-19-4. 
  • Torre Yubero, Araceli de la (2009). "Santa María de Palazuelos". Argaya revista de cultura. Editora Provincial. Deputación de Valladolid. Depósito Legal Va.523-1989 39: 55–56–57. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]