Mascato do Cabo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Morus capensis»)
Mascato do Cabo

Colonia de mascato do Cabo en Birds Island, Lamberts Bay, Suráfrica
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Suliformes
Familia: Sulidae
Xénero: Morus
Especie: M. capensis
Nome binomial
Morus capensis
(Lichtenstein, 1823)
Área de distribución do mascato do Cabo
Área de distribución do mascato do Cabo

Área de distribución do mascato do Cabo
Ovo de Morus capensis

O mascato do Cabo (Morus capensis, antes Sula capensis) é unha ave mariña da familia dos mascatos, Sulidae.

Identifícanse doadamente polo seu gran tamaño, plumaxe negro e branco e unha distintiva coroa e parte posterior do pescozo amarelos. O peteiro amarelo claro é bicudo finamente aserrado preto da punta. O seu peteiro non ten orificios nasais externos, quizais debido á profundidade e a velocidade á que nada cando está mergullado para pescar xa que a auga se vería forzada a entrar cando se mergulla (dependendo da altitude, os mascatos bótanse en picado sobre a superficie da auga a velocidades entre 40 e 120 km/h).[2]

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Cando se olla en voo é doado de identificar polo seu corpo moibranco con cola negra e primarias e secundarias negras, e peteiro escuro. Visto máis de preto o máis salientable é a súa distintiva cabeza coa parte superior e caluga amarela, que gradualmente se vai facendo branca no pescozo. Os individuos xuvenís e inmaturos son marróns escuros con peteiro claro, e poden lembrar a primeira vista a un mascato marrón (Sula leucogaster) de cor escura. Os adultos miden entre 84 e 94 cm de lonxitude e teñen unha envergadura de ás entre 171 e 185 cm e un peso arredor de 2,6 kg.

Reprodución[editar | editar a fonte]

As parellas de mascato do Cabo poden permanecer xuntas durante varias tempadas. Realizan elaborados rituais de saúdo no niño, estirando os seus peteiros e pescozos cara ao ceo e chocando suavemente os seus peteiros.

Os mascatos do Cabo empezan a reproducirse en agosto e setembro. Normalmente a posta é un só ovo azulado, que axiña se lixa. Ambos os proxenitores participan activamente no proceso de incubación que dura de 42 a 46 días. Utilizan as membranas dos pés para incubar o ovo, xa que están ricamente irrigadas de vasos sanguíneos e rodean con elas o ovo.

A cría ao saír do ovo é negra, espida e cega, pesa só uns 70 g, pero en tres semanas a súa masa corporal é un terzo da dun adulto. Ás sete semanas o polo pesa máis que un adulto, e permanece así ata que empeza a emplumar aos 95 a 105 días de idade.

Especies similares[editar | editar a fonte]

O mascato do Cabo pode diferenciarse do mascato australiano Morus serrator pola súa cola totalmente negra, unha banda negra máis longa baixo a garganta (desde debaixo do peteiro) e máis cantidade de negro na cara, pero todas estas características son difíciles de identificar a non ser que se estea moi próximo. O mascato do Cabo é tamén moi similar ao mascato do norte Morus bassanus (antes Sula bassana), pero este último diferénciase por ter a cola e as ás case completamente brancas, con só as puntas negras. Tamén é similar ao mascato de pés azuis Sula nebouxii e mesmo antes estaba clasificado no xénero Sula.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Os mascatos do Cabo son poderosos voadores, que utilizan principalmente a técnica do voo batido-planado, que consome máis enerxía que o planeo dinámico utilizado polos albatros. Como todos os súlidos, comen peixes que capturan mergullándose en picado desde considerable altura e acadando grandes velocidades.

Status e distribución[editar | editar a fonte]

Área de distribución[editar | editar a fonte]

A área de reprodución do mascato do Cabo está restrinxida ao sur de África en tres illas da costa de Namibia e outras tres en Suráfrica. Normalmente aniñan en grandes e densas colonias sobre illas planas ou plataformas planas da illa Mercury namibia de acusadas pendentes. A poboación mundial da especie estimouse en 1996 en 340.000 individuos, un 12% deles en Namibia e un 88% en Suráfrica. A colonia máis grande ten 140.000 individuos e encóntrase na illa Malgas, Suráfrica. Algunhas aves víronse reproducíndose en illas da costa australiana, en compañía do Morus serrator local, aínda que a especie do Cabo só estaba neses casos representada por unhas poucas parellas.[3]

A área de distribución non reprodutora é moito máis ampla e esténdese pola costa desde as augas do golfo da Guinea en África occidental, a Mozambique en África oriental. A miúdo poden verse en mar aberto a máis de 100 km da costa, e hai algúns rexistros destas aves vistas a máis de 200 km da costa nos océanos Atlántico e Índico.

Tendencias da poboación[editar | editar a fonte]

O número de mascatos do Cabo nas illas namibias descendeu considerablemente entre 1956 e 2000 desde 114.600 a 18.200 parellas reprodutoras respectivamente, o que supón un descenso do 84% en menos de 50 anos. Isto contrasta coa tendencia nas illas de Suráfrica, onde as cifras multiplicáronse por 4,3 durante o mesmo período, desde 34.400 a 148.000 parellas reprodutoras. A IUCN considéraa unha especie en estado "Vulnerable".

Aves errantes[editar | editar a fonte]

Informouse en varias ocasións de aves errantes desta especie no Atlántico norte, pero actualmente crese que a súa identificación non está ben probada.[4] Crochet e Haas[5] examinaron o status da especie na rexión paleártica occidental. Recompilaron datos de varios avistamentos históricos que non foran aceptados polos comité de informes de aves, e analizaron o que ata o momento era o único informe que fora amplamente aceptado como auténtico, un individuo xuvenil recollido en mar aberto no Sáhara Occidental en 1966, e chegaron á conclusión que ocorrera un erro; os datos orixinais situaban esta ave no interior do Chad, e a suposta localización no mar aberto fronte ao Sáhara Occidental era o resultado dun intento de corrixir isto, situándoo nunha localización máis plausible. Unha (re)transposición da latitude e lonxitude orixinal tivo como resultado que a localización real era na costa de Namibia, o que cadra ben coa distribución invernal da especie. Como resultado recomendaron que o mascato do Cabo fose borrado da lista de aves que visitan o Paleártico occidental. Aínda así, esta ave figura na lista de aves de Galicia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International (2012). "Morus capensis". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 November 2013. 
  2. Beak Protects during Dives: Cape Gannet, AskNature
  3. Pizzey, Graham; Knight, Frank (2007). The Field Guide to the Birds of Australia. HarperCollins. pp. 102–03. 
  4. Paterson A.M. and N.J. Riddiford (1990). "Does the Cape Gannet Enter European Waters?" British Birds 83(12):519-526.
  5. Crochet, Pierre-André and Marcel Haas (2008). Western Palearctic list update: deletion of Cape Gannet Dutch Birding 30(2):103-4.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Crawford (1997). Cape Gannet. In: The Atlas of Southern African Birds Vol. 1: Non-passerines. Harrison, J. A. Allan, D. G., Underhill. L. G., Herremans, M., Tree, A.J., Parker, V. & Brown, C.J. (eds), pp. 28–29. BirdLife South Africa, Johannesburg.
  • du Toit, M. & Cooper, J. (2002). Cape Gannet. In: Proposal for inclusion of species in Annex 2 of the Agreement on the Conservation of African-Eurasian Migratory Waterbirds (AEWA, an agreement under UNEP/CMS). Avian Demography Unit, Cape Town.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]