Monte de El Pardo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Monte do Pardo»)

Coordenadas: 40°33′03″N 3°46′27″O / 40.550786111111, -3.7742555555556

Aciñeiras no Pardo
O río Manzanares ao seu paso polo monte de El Pardo.

O monte de El Pardo é unha zona boscosa situada ao norte do municipio de Madrid, no que se atopa totalmente integrado, xunto co seu apéndice, o monte de Viñuelas. Supón máis da cuarta parte (o 26,4%) do termo municipal da capital.

Está considerado como o bosque mediterráneo máis importante da Comunidade de Madrid e un dos mellor conservados de Europa, tanto no que respecta á súa flora, con 120 especies catalogadas, como á súa fauna, con aproximadamente 200 especies vertebradas. Esténdese ao redor do curso medio do río Manzanares, ao longo de 16.000 hectáreas, e atópase integrado no Parque Rexional da Cunca Alta do Manzanares, onde recibe a máxima protección legal. En 1987, foi declarado zona de especial protección para as aves (ZEPA).

Malia iso, a súa xestión corresponde enteiramente ao Patrimonio Nacional, organismo estatal que regula as posesións que estiveron en mans da Coroa, que mantén unha política altamente proteccionista e restritiva en relación co bosque. A Lei de 16 de xuño de 1982, que define a actividade do Patrimonio Nacional, establece, no seu artigo cuarto, a súa integración na citada entidade.

A maior parte da súa área (aproximadamente 15.100 hectáreas, o 94,4% da superficie total) atópase cercada, mediante unha vala que percorre o seu perímetro, ao longo de 66 quilómetros. A visita a esta zona está totalmente prohibida. As 900 hectáreas restantes (o 5,6%), onde se localizan algunhas áreas urbanas como os barrios do Pardo e Mingorrubio e deportivas como o complexo de Somontes, posúen un valor ecolóxico inferior. Aquí si é posible o acceso, a través de diferentes senllas e camiños, habilitados a efectos recreativos.

Ademais da súa riqueza medioambiental, o monte de El Pardo reúne un rico patrimonio histórico-artístico, froito da súa estreita relación coa monarquía española, entre os que destaca o Palacio Real de El Pardo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]