Monte Pindo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°53′19″N 09°06′47″O / 42.88861, -9.11306 Modelo:Infobox Montaña O Monte Pindo é un macizo granítico de 627 metros de altura que se atopa no concello coruñés de Carnota.[1]

O Monte Pindo forma un espazo natural xunto coa praia de Carnota, o espazo natural Carnota - Monte Pindo, catalogado coma Lugar de Importancia Comunitaria e que se atopa incluído na Rede Natura 2000. O espazo ten unha superficie de 4 629 ha e abrangue os concellos de Carnota, Mazaricos, Cee e Dumbría, entre as rías de Corcubión e a de Muros e Noia.

Etimoloxía

Montes do Pindo.

O termo Pindo ten a súa orixe máis probable na lingua céltica: binn dubh (monte escuro, cumio escuro).[2]

Segundo os traballos de investigación do doutor en lingüística pola Universidade de Stanford, nos EUA: James J. Duran, Ph. D. (Séamas Ó Direáin), o licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela: Alberto Lago Villaverde e mais de Henrique Egea Lapina, licenciado en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela, o nome de Pindo proviría de dialectos do gaélico, lingua celta falada na zona antes da romanización da Gallaecia: binn (gaélico irlandés) ou beinn (gaélico escocés) (literalmente bico ou cumio) e dubh (adxectivo para describir algo escuro). Binn Dubh (pindub) equivalería logo a Pindo. Os romanos déronlle, porén, o nome de Celtici Supertamarci (que fai referencia á celtización da zona).

Os autores aportan ademais varios exemplos de montes fisicamente semellantes ao de Carnota e denominados exactamente dese xeito tanto en Irlanda (Monte Binn Dubh), coma en Escocia (Monte Beinn Dubh).[3]

Historia

A particular xeomorfoloxía do Monte Pindo, inzada de relevos en bolos de granito, inspirou gran cantidade de historias e lendas de deidades, esculturas, ou monstros e xigantes míticos, incluídas algunhas sobre o río Xallas, debido a fervenza do Ézaro por caer as súas augas directamente sobre a auga salgada do mar. Atopáronse nel numerosos restos arqueolóxicos, coma petróglifos, útiles de bronce e restos dunha suposta antiga ermida.

Castelo de San Xurxo.

No século X Sisnando (bispo de Iria Flavia) ordenou a construción do Castelo de San Xurxo nas beiras do monte coma protección ante os ataques dos piratas medievais. Diversas familias nobres de Galiza habitárono ata que o castelo foi destruído no ano 1467 nas Revoltas Irmandiñas.

Neste contorno atoparíanse outros dous castelos, pero deles non se conservan restos materiais determinantes nin documentación analizábel mais que unha inscrición en latín nunha pedra illada:

Reis, bispos, presbíteros, todos por poderes recibidos de Deus, excomungaron aquí este castelo

Esta inscrición fai referencia á excomuñón que no ano 1130 lanzou o arcebispo Xelmírez contra o Conde de Traba, por ter prisioneiro no seu castelo ao Arcediano de Trastámara.

Iniciativa de parque natural

No ano 2010 oficializouse unha iniciativa para declarar o Monte Pindo como Parque Natural, apadriñada polo colectivo ecoloxista ADEGA xunto cunha vintena de profesores universitarios, colectivos e investigadores. En respaldo a esta iniciativa constituíuse en outubro de 2010 a Asociación Monte Pindo Parque Natural.[3]

Granito alterado tralo incendio.

Incendio en 2013

O día 11 de setembro de 2013 declarouse un serio incendio forestal no Monte Pindo, cunhas condicións meteorolóxicas desfavorábeis de seca e vento. A madrugada do día 12 de setembro decretouse o nivel 1 de alerta, cando o lume xa calcinara unhas 1 000 hectáreas e chegara até o mar e ao Ézaro. Segundo a consellaría do Medio Rural o día 13 de setembro acadou as 2 000 hectáreas. O incendio tiña un único foco, na Cima da Arca, mais de grandes dimensións.[4] O 13 de setembro, a asociación Monte Pindo cualificou o lume de «atentado» e convocou unha protesta o 6 de outubro de 2013 en Compostela co obxectivo de declarar o monte parque natural.[5]

Xeoloxía e natureza

Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) no Monte Pindo.

O Monte Pindo componse principalmente de granito rosa cuxo cumio (chamado A Moa) acada os 627 metros de altura. Na súa contorna atópanse a praia de Carnota, a máis longa de Galiza e a fervenza do Xallas no Ézaro, único lugar de Europa onde un río cae en fervenza directamente sobre as augas do mar, aínda que reducida por mor do encoramento das augas do río Xallas en Dumbría.

Malia o alto valor ecolóxico, o espazo carece de protección oficial algunha. O seu conxunto natural inclúe ao carballo anano (Quercus lusitanica), especie distribuída polo sur da Península Ibérica e o norte de Marrocos que ten no Pindo o seu único asentamento en territorio galego. A especie atópase catalogada como vulnerable no catálogo galego de especies ameazadas en Galicia, xa que se distribúe por un pequeno asentamento dun só quilómetro cadrado de superficie.[6] Esta especie, declarada en alto risco de extinción, coexiste con outros carballos coma os Quercus robur e Quercus pyrenaica, piñeiros coma o Pinus pinaster, Pinus radiata e Pinus sylvestris, e mais con loureiros (Laurus nobilis), acivros (Ilex aquifolium). Tamén contiña algunhas especies xa desaparecidas, coma o lirio de monte.[7]

Lirio de monte.

En xuño de 2013 deuse con varios exemplares de lirio de monte durante unhas xornadas de pesca organizadas pola Confraría de Pescadores da localidade. Ademais atoparonse exemplares de cabriña, un fento de escasa ocurrencia. A asociación Monte Pindo manifestou que o achado súmase á escolma de especies endémicas e raras que se atopan deste espazo, polo que deberíase enmarcar con algunha figura de protección.[8]

Accesos

Acceso desde O Pindo

A ruta máis salientábel é a subida tradicional que comeza na parte posterior da Igrexa de San Clemente na aldea do Pindo, situada no concello de Carnota, a medio camiño entre Muros e Cee. Desde alí, a través de sendeiros sinalizados, pódese acadar o cumio en aproximadamente dúas horas e media. Xa no principio hai un panel explicativo do ascenso. A subida comézase cruzando unha pequena ponte sobre un regato e continúase por un estreito camiño delimitado polos dous lados por ringleiras de pedras. Cara á metade da subida, aparecen as ruínas do antigo castelo de San Xurxo, na actualidade un monte de pedras amoreadas. A vexetación é máis escasa neste punto.

Ao chegar aos primeiros cumios o sendeiro toma dirección nordeste e logo norte, para acceder á plataforma pétrea pola parte leste. Ao chegar ao cumio tense unha panorámica da zona, co Cabo Fisterra, a ría de Corcubión, a desembocadura do río Xallas e grande parte do litoral galego aos pés, xunto cun conxunto de petróglifos.

Corredoira na subida Á Moa.

Acceso desde Quilmas

A ruta por este acceso comeza desde unha pista que sae da estrada xeral C-550, na zona máis ao sur do núcleo de Quilmas, e que vai dereita ao Chan das Lamas. Desde aí, débese bordear a chaira polo lado esquerdo. Ao chegar á propia aba do monte Pindo, pódese seguir pola pista situada ao lado esquerdo para chegar case ata o castelo de San Xurxo, ou ben tomar a ruta sinalizada para comezar o ascenso ao monte Pindo do xeito habitual.

Acceso desde O Fieiro

Contén menos barreiras físicas que os restantes accesos. A aldea do Fieiro atópase atravesando desde Dumbría o embalse do Ézaro e continuando pola pista asfaltada. Xa no lugar, tómase un desvío por unha pista de terra a man dereita da vía asfaltada, a partir da cal comeza a ascensión sinalizada con marcas de pintura e croios amontoados polos sendeiristas. Este acceso revélase como o máis axeitado para visitar directamente o monte Penafiel (formación granítica cun rechamante aspecto piramidal) ou a Cova da Xoana.

Outras alternativas

Referencias literarias

Restos do mítico castelo de San Xurxo, nas abas do Monte Pindo.
  • O Padre Sarmiento fixo unha ampla referencia a este monte, dicindo que o seu nome fora posto pola súa semellanza co Monte Pindo de Grecia. Recolle varias historias e lendas sobre el, como que a herba no Monte Pindo crece moito da noite á mañá; que existen nel infindas herbas medicinais, ou que aquí acudían as parellas estériles, coa intención de conseguir ter descendencia.
  • Uxío Carré Aldao afirmou a existencia de tres fortalezas aquí: a de San Xurxo, a de Canedo e a de Penafiel.
O PINDO
O pasado sen teito está nese lugar.
O temor non desterrado ó descoñecido.
Procuramo-la bóveda nun frío mencer
ou nun entardecer sanguiñolento,
ata ser soamente sombras.
[...]

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas

Outros artigos