Monte Breamo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Monte Breamo é un monte situado no concello coruñés de Pontedeume. Os seus 305 metros fan del o punto máis alto do occidente do concello eumés.

Ermida de San Miguel vista desde a área recreativa

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Hai varias teorías sobre a orixe do nome. Para Ángel del Castillo deriva dun monte sagrado de nome Brigamo. Antonio Couceiro Freijomil afirma que o nome provén do mítico rei Brigo que edificou alí un castro. Finalmente Isidoro Millán González-Pardo non dubida en atribuirlle unha orixe celta, concretamente do vocábulo gaélico bri (monte). Basea a súa afirmación en que na documentación máis antiga existente úsase o termo Briamo alternándose co de Breemo[1]

Morfoloxía e hidroloxía[editar | editar a fonte]

É un monte senlleiro situado no corazón do Golfo Ártabro, dominando a entrada a el desde o mar. Aos seus pes esténdense as rías de Ares e de Betanzos. As vistas da costa son espectaculares, chegando a verse en días claros as illas Sisargas.

Ten numerosos mananciais que alimentan as fontes públicas das parroquias situadas na súa aba, que son as eumesas de Breamo, Pontedeume, Centroña, Boebre e Vilar; e a de Vilanova no concello de Miño.

Porén, debido á súa proximidade á costa, non ten longos cursos de auga, a excepción da vertente sur onde teñen unha certa entidade o Rego dos Muíños que desemboca na praia de Perbes, e o Regato de Dandel que verte no río Xarío.

Acción do home[editar | editar a fonte]

Desde tempos remotos o home deixou a súa pegada no monte Breamo. A referencia máis antiga é a da cidade ártabra de Ardóbriga nomeada polos conquistadores romanos. É situada por algúns historiadores no castro de Castrelo, na aba noroeste do monte.

No cume do monte está a ermida de San Miguel que é o que queda dun antigo mosteiro, edificado probabelmente sobre outro templo pagán anterior. Nos arredores da ermida hai unha área recreativa.

O cemiterio novo de Pontedeume foi construído a rentes da estrada que sobe ao monte.

Os lugares da parroquia de Breamo de O Barro, Cermuzo, As Pedridas e Vista Alegre aséntanse na aba do monte.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. En torno al real priorato de San Miguel de Breamo y su iglesia, artigo de Carlos de Castro Álvarez no nº 2 (1995) da revista Cátedra.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns extenas[editar | editar a fonte]